Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 14 de decembro de 2021 Páx. 60948

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

EXTRACTO da Orde do 30 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para o anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT975K).

BDNS (Identif.): 599045.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lle correspondan en materia de xestión de residuos, que cumpran os requisitos establecidos para cada unha das liñas subvencionables:

a) Liña 1. Proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia):

1º. Concellos que se atopan dentro da área de influencia (<50 quilómetros) dalgunhas das plantas autorizadas actualmente en Galicia para o tratamento de biorresiduos de competencia municipal e/ou das plantas de compostaxe/transferencia previstas no Plan Loxístico de Infraestruturas de Sogama.

2º. Concellos nos que non exista a recollida separada de biorresiduos previamente.

3º. Concellos que non recibiron axudas para a implantación da recollida separada de biorresiduos previamente, ou calquera outro tipo de colaboración económico-financeira con fondos públicos para implantar esta recollida separada.

4º. Concellos que, no caso de recibir axudas ou colaboración económico-financeira previamente para a implantación da recollida separada de biorresiduos, aínda teñen pendente a extensión deste servizo a toda a súa poboación e poden completar as axudas para as ditas implantacións.

5º. Quedan excluídas da posibilidade de financiamento as entidades locais que xa teñan implantada a recollida separada de biorresiduos en todo o seu territorio con destino a instalacións específicas de tratamento biolóxico.

b) Liña 2. Proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ):

1º. Concellos que non teñen implantada a compostaxe doméstica e/ou comunitaria no seu territorio, previamente.

2º. Concellos que non recibiron axudas para a implantación da compostaxe doméstica e/ou comunitaria, ou calquera outro tipo de colaboración económico-financeira con fondos públicos para implantar estes modelos de xestión.

3º. Concellos que, no caso de recibir axudas ou colaboración económico-financeira previamente para a implantación da compostaxe doméstica e/ou comunitaria, aínda teñen pendente a extensión deste servizo a toda a súa poboación e poden completar as axudas para as ditas implantacións.

4º. Concellos nos que é necesario complementar a implantación da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico, coa compostaxe in situ, naqueles ámbitos espaciais de actuación onde non se poida levar a cabo a primeira modalidade de recollida citada. De forma que neses ámbitos espaciais concretos a totalidade dos biorresiduos xerados teñen que ser xestionados mediante compostaxe doméstica, compostaxe comunitaria, ou ambas.

5º. Quedan excluídos da posibilidade de financiamento os proxectos de implantación de compostaxe doméstica en concellos cualificados de urbanos, segundo o índice de ruralidade establecido no PXRUG 2010-2022, e os proxectos de implantación de compostaxe comunitaria en concellos de menos de 3.000 habitantes, salvo que non se esgote o crédito coas solicitudes dos beneficiarios potenciais recollidos polos anteriores puntos desta liña 2.

Tendo en conta o anterior, as entidades locais poderán formular solicitudes de subvención ben de forma individual ou ben de forma agrupada con outras entidades locais que reúnan estes mesmos requisitos. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no tocante, en particular, á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles que terán, igualmente, a condición de beneficiarios, así como en relación co necesario nomeamento da entidade local, que actuará como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que, para poder conceder a subvención solicitada, todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para a execución de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, en concreto encamiñadas á mellora da xestión dos biorresiduos, ás entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia que teñan asumida a competencia de prestar os servizos de recollida ou de tratamento de residuos municipais (procedemento MT975K), ao tempo que se fai pública a súa convocatoria para os anos 2022 e 2023.

Son liñas subvencionables as seguintes:

a) Liña 1. Proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia).

b) Liña 2. Proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ).

Ao abeiro desta orde de axudas, serán subvencionables as actuacións que se citan a seguir para cada liña de axuda.

a) Liña 1. Proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia).

Os conceptos subvencionables dentro deste tipo de proxectos, así como os requisitos que deben cumprir estes, son os que se recollen na seguinte táboa:

Conceptos financiables

Requisitos

Caldeiros domésticos de biorresiduos

O caldeiro para a recollida separada de biorresiduos será de tipo aireado e de cor marrón, total ou parcialmente. Deberá incorporar, como mínimo, a identificación (cun adhesivo ou serigrafía) dos materiais que se poden depositar no seu interior. Inclúense tamén os caldeiros domésticos de achega na vía pública para a recollida separada porta a porta de biorresiduos na vía pública.

Bolsas compostables de uso doméstico

Bolsas compostables para a recollida separada da fracción orgánica que deberán cumprir coa norma UNE-EN 13432. Deberán incorporar, como mínimo, a identificación de que son bolsas compostables específicas para os residuos orgánicos.

Caldeiros comunitarios de biorresiduos

Caldeiros para as comunidades de propietarios. O caldeiro deberá incorporar, como mínimo, a identificación (cun adhesivo ou serigrafía) dos materiais que se poden depositar no seu interior, e deberán ser total ou parcialmente de cor marrón.

Sistemas de achega para o porta a porta

Colgadores e/ou compartimentos de caldeiros ou bolsas individuais ou comunitarios para a recollida porta a porta.

Sistemas de identificación de usuario e pesada

Sistemas de identificación de usuario e pesada de caldeiros e contedores e/ou de parede e os sistemas informáticos asociados necesarios (lectores, antenas, software). Non é subvencionable o mantemento, só a adquisición.

Contedores para a vía pública

Os contedores para a recollida separada de biorresiduos na vía pública deberán ser, parcial ou totalmente, de cor marrón ou incorporar unha identificación de cor marrón. A resistencia dos contedores será a equivalente ao peso do contedor cheo de materia orgánica e estes deberán permitir a incorporación de sistemas de identificación e pesado. O contedor incluirá unha impresión permanente dos materiais que poden ser depositados no seu interior.

Construción de áreas de achega e control de acceso

Construción de áreas de achega pechadas con contedores dentro destas e control de acceso de usuarios, incluíndo a tecnoloxía necesaria, mesmo para limitar a achega da fracción resto.

Sacas reutilizables para a recollida de restos vexetais

Sacas reutilizables para a recollida separada de restos vexetais. As sacas incluirán unha impresión permanente dos materiais que poden ser depositados no seu interior.

Biotrituradoras

Biotrituradoras transportables ou portátiles para a trituración in situ dos restos vexetais xerados nas podas, para facilitar o transporte destes residuos.

Caldeiros para biorresiduos de grandes xeradores (*)

Deberán ser, parcial ou totalmente, de cor marrón ou incorporar unha identificación de cor marrón. O caldeiro incluirá unha impresión permanente dos materiais que poden ser depositados no seu interior.

Bolsas e fundas compostables para biorresiduos de grandes xeradores (*)

Bolsas e fundas compostables para a recollida separada da fracción orgánica que deberán cumprir coa norma UNE-EN 13432. Deberán incorporar, como mínimo, a identificación de que son bolsas compostables específicas para os residuos orgánicos.

Camións para a recollida de biorresiduos, preferiblemente non compactadores

Limitado a entidades locais con poboación superior aos 5.000 habitantes, nas que se financiará a adquisición dun camión por proxecto nos concellos ata 60.000 habitantes, e de dous camións en concellos de máis de 60.000 habitantes. A axuda máxima para a adquisición dun camión será de 30.000 €, e terá que ser preferiblemente non compactador. O camión deberá levar serigrafiado nun lugar visible que é para a recollida separada de biorresiduos.

Campaña de información, difusión e sensibilización á poboación e seguimento do proxecto

As actuacións de formación, información, difusión do proxecto e sensibilización da poboación atendida no proxecto deberán incluír un plan de traballo e unha guía na que se detalle que biorresiduos son obxecto da recollida separada, así como a vixilancia e control.

Campaña de información, difusión e sensibilización aos grandes xeradores e seguimento do proxecto (*)

As actuacións de formación, información, difusión do proxecto e sensibilización dos grandes xeradores atendidos no proxecto deberán incluír un plan de traballo e unha guía na que se detalle que biorresiduos son obxecto da recollida separada, así como a vixilancia e o control.

Nas actuacións que comprendan diferentes fraccións, como campañas de comunicación, peche de contedores, por exemplo, só serán elixibles os custos correspondentes ás porcentaxes asociadas ás fraccións subvencionadas, o que se determinará considerando as porcentaxes da bolsa tipo considerada no PXRUG 2010-2022.

(*) Entenderanse por grandes xeradores de biorresiduos os restaurantes, maioristas, comedores, servizos de restauración colectiva e establecementos de consumo polo miúdo. A entidade solicitante só poderá solicitar financiamento para estes conceptos se xestiona os biorresiduos destes grandes xeradores de conformidade coas súas ordenanzas (conforme á Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados (artigo 12, punto 5c).

Non se considerarán conceptos subvencionables os custos do servizo de recollida selectiva, o tratamento dos residuos, así como tampouco os custos de mantemento nin os alugueres.

b) Liña 2. Proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ).

Conceptos financiables

Requisitos

Caldeiros domésticos de biorresiduos

O caldeiro para a recollida separada de biorresiduos será de tipo aireado e de cor marrón, total ou parcialmente. Deberá incorporar, como mínimo, a identificación (cun adhesivo ou serigrafía) dos materiais que se poden depositar no seu interior.

Composteiros domésticos

Composteiros para vivendas unifamiliares con xardín ou horto nos que se depositen e se composten os biorresiduos.

Construción de áreas de composteiros comunitarios

Construción de áreas de composteiros comunitarios, ou a parte proporcional de áreas compartidas coa achega doutras fraccións de recollida separada.

Composteiros comunitarios

Composteiros para zonas comunitarias nas que se depositen e se composten os biorresiduos.

Na contía máxima financiable para os composteiros comunitarios considérase incluído o importe dos aireadores, termómetros e tamizadoras.

Biotrituradoras

Biotrituradoras para a trituración de material estruturante.

Aireadores, termómetros e tamizadoras para a compostaxe doméstica

Aireadores e termómetros específicos para controlar o proceso de compostaxe e tamizadoras para a cribaxe do compost obtido.

Os aireadores, termómetros e tamizadoras da compostaxe comunitaria considéranse incluídos dentro da contía do concepto “Composteiros comunitarios”.

Actuacións de formación, difusión e seguimento do proxecto

As actuacións de formación, difusión e seguimento deberán incluír un plan de traballo, así como a vixilancia e o control. Entre estas actuacións incluirase unha guía para cada vivenda participante na que se detallen os biorresiduos que poden ser obxecto de compostaxe.

Carteis explicativos nas áreas de compostaxe comunitaria

Os carteis deberán incorporar, como mínimo, a identificación dos materiais que se poden compostar, así como unha explicación das accións para levar a cabo polos participantes (achega de material estruturante, proporción, etc) e un teléfono ou correo electrónico de contacto para a resolución de dúbidas dos participantes.

O período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de novembro de 2023, ambos incluídos, ben que condicionado ao exercicio orzamentario ao que se queira imputar e tendo en conta as datas límite para a súa xustificación segundo o sinalado neste mesmo artigo.

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será:

a) O 30 de novembro de 2022 para os proxectos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2022. Incluiranse neste orzamento as actuacións executadas entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de novembro de 2022, se é o caso.

b) O 30 de novembro de 2023 para os proxectos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2023.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 30 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva por anticipado de gasto para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT975K).

Cuarto. Contía

As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, segundo se indica a seguir:

a) Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.760.1 (código de proxecto 2022 00034) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 ata un máximo de seis millóns sete centos trinta e oito mil cento cincuenta e seis euros (6.738.156 €), procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, coa seguinte distribución:

1º. Importe para a liña 1: proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia): 4.278.162 €.

2º. Importe para a liña 2: proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ): 2.459.994 €.

b) Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.760.1 (código de proxecto 2022 00034), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023 ata un máximo de seis millóns sete centos trinta e oito mil cento cincuenta e seis euros (6.738.156 €), procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, coa seguinte distribución:

1º. Importe para a liña 1: proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia): 4.278.162 €.

2º. Importe para a liña 2: proxectos de separación e reciclado en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ): 2.459.994 €.

O crédito establecido nas liñas 1 e 2 da subvención poderá ser redistribuído dunha a outra se nalgunha delas as solicitudes beneficiarias non resultan suficientes para esgotar os fondos dispoñibles.

O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde de axudas non excederá o 90 % do custo total do proxecto. A porcentaxe restante, será asumida polo beneficiario/a e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2).

Con base no estudo pormenorizado da situación actual en Galicia respecto do cumprimento das obrigas establecidas en materia de xestión de residuos municipais pola normativa comunitaria, estableceuse unha ratio de investimento por habitante en función das necesidades detectadas neste estudo, así como das características das distintas entidades locais galegas. Polo tanto, a axuda económica que se conceda a cada entidade local de forma individual poderá acadar un límite máximo por concello segundo o indicado a continuación para cada liña subvencionable. Para as entidades locais supramunicipais e as agrupacións de entidades locais a axuda económica que se conceda poderá acadar un límite máximo que será a suma do financiamento máximo correspondente a cada concello da entidade local supramunicipal ou da agrupación de entidades locais solicitante, segundo o indicado a continuación para cada liña subvencionable.

a) Liña 1: proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada de biorresiduos destinados a instalacións específicas de tratamento biolóxico (compostaxe e/ou dixestión anaerobia): a contía máxima da axuda por concello establécese en función dos seguintes tramos, ata o esgotamento do crédito a que se refire o presente artigo:

1º. Concellos ata 5.000 habitantes: 5 €/habitante.

2º. Concellos ata 30.000 habitantes: 3 €/habitante + 30.000 € (dotación complementaria para o financiamento da adquisición dun camión non compactador destinado á recollida de biorresiduos a grandes xeradores).

3º. Concellos ata 60.000 habitantes: 2 €/habitante + 30.000 € (dotación complementaria para o financiamento da adquisición dun camión non compactador destinado á recollida de biorresiduos a grandes xeradores).

4º. Concellos de máis de 60.000 habitantes: 2 €/habitante + 60.000 € (dotación complementaria para o financiamento da adquisición de dous camións non compactadores destinados á recollida de biorresiduos a grandes xeradores).

No caso das entidades locais que percibiron axudas previas para este tipo de recollida separada, pero que aínda poden complementala, detraeráselle do importe da axuda máxima prevista o importe da subvención adxudicada en convocatorias previas. As convocatorias de axudas e/ou subvencións precedentes que se consideran para a detracción dos importes correspondentes, ás entidades locais beneficiarias, recóllense no anexo VII da orde.

b) Liña 2: proxectos de separación e reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria (compostaxe in situ), a contía máxima da axuda por concello estableceuse en función dos seguintes tramos, ata o esgotamento do crédito a que se refire o presente artigo:

1º. Concellos ata 5.000 habitantes: 4,5 €/habitante.

2º. Concellos ata 30.000 habitantes: 3 €/habitante.

3º. Concellos ata 60.000 habitantes: 2 €/habitante.

4º. Concellos de máis de 60.000 habitantes: 1 €/habitante.

No caso das entidades locais que percibiron axudas previas para este tipo de proxectos de compostaxe in situ, pero que aínda poden complementala, detraeráselle do importe da axuda máxima prevista o importe da subvención adxudicada en convocatorias previas. As convocatorias de axudas e/ou subvencións precedentes que se consideran para a detracción dos importes correspondentes, ás entidades locais beneficiarias, recóllense no anexo VII da orde.

As entidades locais que concorran ás dúas liñas subvencionables poderán distribuír a axuda económica total da forma que mellor se adapte ás súas necesidades, segundo o modelo de tratamento de biorresiduos asumido pola entidade local ou o grado de implantación de cada un deles no seu territorio.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será desde o 15 de decembro de 2021 ata o 31 de xaneiro de 2022, ambos incluídos.

Sexto. Outros datos

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda