Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Mércores, 15 de decembro de 2021 Páx. 61310

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, pola que se dá publicidade ao Manual de nova arquitectura pedagóxica e ao Manual de identidade corporativa para os centros docentes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, determina que é competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e a administración do ensino en toda a súa extensión, nos seus niveis e graos, nas súas modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que a desenvolvan.

A OCDE define os «espazos educativos» como «aqueles espazos físicos que aloxan diversas pedagoxías e programas de ensino e aprendizaxe, mesmo tecnoloxías actuais; un espazo que demostra rendemento e funcionamento óptimos e rendibles ao longo do tempo; que respecta e está en harmonía co ambiente, e que anima á participación social, proporcionando un ambiente san, cómodo, seguro, protexido e estimulante para os seus usuarios. No sentido máis estrito, considérase que unha contorna física de aprendizaxe é unha aula tradicional e, no sentido máis amplo, é unha combinación de sistemas educativos formais e informais en que se produce a aprendizaxe tanto dentro como fóra dos centros educativos.» (Manninen A. 2007, Helsinqui).

Dentro do marco definido polo Plan de nova arquitectura pedagóxica, co obxectivo de definir estratexias de deseño para os novos centros educativos tendo en conta a variedade de correntes educativas e os enfoques metodolóxicos que supoñen e, por outra parte, establecer as diferentes estratexias para adaptar os centros existentes ás novas necesidades tanto educativas como de benestar interno das persoas usuarias, redáctase o Manual de nova arquitectura pedagóxica, que se estrutura nun primeiro bloque de obra nova, un segundo bloque de rehabilitación e un terceiro de determinacións construtivas.

Por outra parte, a importancia da comunicación e a transcendencia da imaxe aconsellan renovar a imaxe dos centros docentes públicos dependentes da Consellería, aliñada coa imaxe corporativa da Administración da Comunidade Autónoma, aprobada polo Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia, achegando unha imaxe máis sinxela e dinámica e en procura dunha maior claridade, de xeito que a imaxe dos centros actúe como un elemento de cohesión moderno e homoxéneo, facilmente recoñecible para a cidadanía.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Dar publicidade ao Manual de nova arquitectura pedagóxica, no cal se establecen unha serie de criterios, programas e actuacións que definen a singularidade da tipoloxía educativa, co obxectivo de alcanzar centros educativos de maior calidade a nivel ambiental, educativo, de saúde e benestar, de inclusión, igualdade e accesibilidade, e sustentabilidade para as persoas usuarias.

O Manual de nova arquitectura pedagóxica será de obrigado cumprimento nos proxectos construtivos que definan as características dos centros públicos de nova creación, así como nas ampliacións dos centros. No resto de intervencións será de obrigado cumprimento sempre que as actuacións previstas sexan compatibles co espazo e características construtivas dos centros docentes públicos.

Segundo. Dar publicidade ao Manual de identidade corporativa dos centros educativos de Galicia, co cal se pretende normalizar os usos gráficos e crear unha imaxe homoxénea nos elementos de comunicación e sinalética para os centros educativos públicos dependentes da Xunta de Galicia.

O Manual de identidade corporativa dos centros educativos de Galicia será de obrigado cumprimento para todos os centros docentes públicos dependentes da Xunta de Galicia.

Para os efectos da progresiva adaptación ao Manual de identidade corporativa, os centros seguirán usando o material impreso existente no momento da publicación desta resolución.

Con independencia do establecido no parágrafo anterior, a imaxe corporativa institucional aplicarase sempre que se proceda á adquisición, reposición e reedición de todo elemento que deba exhibila.

Para facilitar a progresiva implantación da sinalética exterior e interior nos centros públicos, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade procederá a adaptala sempre que se execute calquera intervención física nestes.

Calquera modificación nos deseños previstos no Manual de identidade corporativa debe ser autorizada con carácter previo e expresamente pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Terceiro. Ambos os manuais poderán consultarse no Portal educativo da Xunta de Galicia no enderezo https://www.edu.xunta.gal

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2021

Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade