Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Xoves, 16 de decembro de 2021 Páx. 61691

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 2021, da Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, pola que se deixa sen efecto a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de avaliación colexiada, do posto de xefatura do Servizo de Pneumoloxía publicada no Diario Oficial de Galicia número 144, do 31 de xullo de 2019.

Por Resolución da Xerencia do 14 de maio de 2019 (DOG núm. 106, do 6 de xuño), resolveuse dispoñer o cesamento de Enrique Temes Montes como xefe de servizo de Pneumoloxía na Área Sanitaria Pontevedra e O Salnés, en aplicación do procedemento de reavaliación establecido na Orde do 6 de xullo de 2011, publicada por Resolución do 13 de xullo de 2011 (DOG núm. 144, do 28 de xullo), pola que se establecen as bases do procedemento para a reavaliación de determinadas xefaturas de persoal licenciado sanitario do Servizo Galego de Saúde, segundo o establecido na sección primeira do capítulo VI do Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG núm. 145, do 29 de xullo) de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e na Orde do 24 de maio de 2006 (DOG núm. 106, do 5 de xuño) pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das Institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

Segundo o disposto no artigo 4 da Orde do 6 de xullo de 2011 do procedemento de reavaliación, ... «O resultado da avaliación –confirmación ou remoción– será publicado no Diario Oficial de Galicia. No caso de remoción procederase á simultánea publicación dunha convocatoria para a provisión do posto de traballo».

En cumprimento do establecido, convocouse por Resolución do 8 de xullo de 2019, da Xerencia da Área Sanitaria Pontevedra e O Salnés (DOG nº 144, do 31 de xullo), a provisión, polo sistema de avaliación colexiada, do posto de xefatura de servizo de Pneumoloxía na Área Sanitaria Pontevedra e O Salnés.

Resolto o recurso contencioso-administrativo interposto por Enrique Temes Montes, contra a Resolución da Xerencia do 14 de maio de 2019, e a desestimación presunta do recurso de alzada do 14 de xuño de 2019, polos que se resolve o procedemento de reavaliación da xefatura de servizo de Pneumoloxía, convocado de conformidade coa Orde do 6 de xullo de 2011.

O fallo da Sentenza 149/2020 no procedemento abreviado 90/20 do Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo, confirmada pola Sentenza do 9 de xuño de 2021, recurso de apelación 465/2020, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pola que se resolve o recurso contencioso-administrativo interposto, ordena restablecer a Enrique Temes Montes, con efectos retroactivos ao instante do seu cesamento, no posto do que foi removido de xefe de servizo de Pneumoloxía na Área Sanitaria Pontevedra e O Salnés.

Como resultado do fallo da sentenza, decae o obxecto do procedemento de selección convocado por Resolución da Xerencia do 8 de xullo de 2019, de xefatura de servizo de Pneumoloxía na Área Sanitaria Pontevedra e O Salnés.

En virtude das competencias atribuídas polo Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 204, do 25 de outubro), o xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés

RESOLVE:

Único. Deixar sen efecto a convocatoria publicada no DOG núm. 144, do 31 de xullo de 2019, por Resolución da Xerencia, do 8 de xullo de 2019, para a provisión polo sistema de avaliación colexiada, do posto de Xefatura de Servizo de Pneumoloxía, como consecuencia da reposición por sentenza firme, de Enrique Temes Montes no posto convocado de xefe de servizo de Pneumoloxía na Área Sanitaria Pontevedra e O Salnés.

Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, segundo o establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Pontevedra, 1 de decembro de 2021

José Ramón Gómez Fernández
Xerente da Área Sanitaria Pontevedra e O Salnés