Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Xoves, 16 de decembro de 2021 Páx. 61689

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se amplía o prazo máximo para presentar solicitudes establecido pola Resolución do 23 de novembro de 2021 pola que se acorda a apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de servizos xerais (PSX), e do corpo de auxiliares de carácter técnico de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de xerocultor/a (subgrupo C2).

O nomeamento de persoal funcionario interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral figura regulado no Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

O artigo 6 do Decreto 37/2006 establece, no seu punto primeiro, que se poderán presentar novas solicitudes para incorporarse ás listas cando se publique a resolución de apertura do prazo de presentación de solicitudes por parte da dirección xeral competente en materia de función pública e no prazo establecido nela.

Mediante Resolución do 23 de novembro de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, acórdase a apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de servizos xerais (PSX) e do corpo de auxiliares de carácter técnico de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de xerocultor/a (subgrupo C2) (DOG núm. 229, do 29 de novembro).

O punto cuarto da devandita Resolución do 23 de novembro de 2021 dispón que o prazo para presentar instancias comeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, isto é, o 30 de novembro de 2021, e remata o 20 de decembro de 2021.

Debido a un erro no funcionamento da aplicación informática, producíronse incidencias técnicas que non lles permitiron presentar correctamente as solicitudes aos administrados. Estas incidencias aconteceron os días 30 de novembro e 1 de decembro de 2021, o que fai aconsellable ampliar o prazo de presentación de instancias tres días ao abeiro do disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

En consecuencia, tendo en conta o exposto, a Dirección Xeral da Función Pública

RESOLVE:

Primeiro. Ampliar o prazo para a presentación de solicitudes para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de servizos xerais (PSX), e do corpo de auxiliares de carácter técnico de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de xerocultor/a, establecido no punto cuarto da Resolución do 23 de novembro de 2021 (DOG núm. 229, do 29 de novembro).

O devandito prazo rematará o 23 de decembro de 2021.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública