Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Xoves, 16 de decembro de 2021 Páx. 61594

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 2 de decembro de 2021 pola que se regula a pesca da lamprea nas pesqueiras do río Ulla e se fixan o período e as condicións para presentar as solicitudes para o ano 2022 (código de procedemento MT823A).

O Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, atribúen a esta consellería, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos piscícolas.

O artigo 58 da Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia (DOG núm. 9, do 15 de xaneiro), indica que por medio da orde anual de pesca continental a consellería competente en materia de pesca continental establecerá para cada tempada as normas específicas de pesca das distintas especies pescables que habitan as augas continentais de Galicia, adoptará os réximes especiais que se coiden pertinentes en determinados tramos de auga e aprobará as modificacións e as revisións dos plans técnicos de xestión dos recursos piscícolas que sexan necesarias.

As normas específicas de pesca fixarán as épocas hábiles, os tamaños mínimos, as cotas de captura, os cebos e as modalidades de pesca para cada especie en todas as augas continentais da Comunidade Autónoma, sen prexuízo do disposto nas normas específicas para cada tramo de auga.

O artigo 7 da Orde do 21 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2021 (DOG núm. 23, do 4 de febreiro) establece que a pesca da lamprea se autoriza unicamente nos ríos Tea e Ulla. As autorizacións para a pesca da lamprea regúlanse mediante unha normativa específica que publica anualmente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O artigo 65 da Lei de pesca continental de Galicia establece que a pesca continental de carácter etnográfico gozará dunha especial protección administrativa polo seu especial interese socioeconómico e cultural. Sen prexuízo do establecido no artigo 65 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, a consellería competente en materia de pesca continental poderá permitir o emprego de determinadas técnicas tradicionais de pesca continental de carácter etnográfico que se achen en previsible risco de desaparecer e sobre determinadas especies piscícolas, co obxectivo último de garantir a súa transmisión, promoción e posta en valor. As condicións especiais que rexerán a práctica da pesca continental de carácter etnográfico, así como o título habilitante, as artes, os modelos e as técnicas necesarias para o seu desenvolvemento, determinaranse regulamentariamente.

Unicamente poderán ser obxecto da pesca continental de carácter etnográfico a lamprea e a anguía.

Esta orde ten por obxecto establecer a normativa específica para a pesca da lamprea (Petromyzon marinus) nun ámbito territorial e temporal determinado. A pesca da lamprea presenta aspectos específicos que quedan reflectidos na propia Lei de pesca continental de Galicia, que exceptúa esta especie, xunto coa anguía e a angula ou meixón, da prohibición de determinadas artes de pesca e da pesca nocturna. Esta circunstancia xustifica o establecemento dun réxime especial para a pesca destes seres vivos.

A lamprea é unha especie de peixe moi particular no que respecta ao seu aproveitamento, no cal se seguen utilizando procedementos e artes tradicionais que están prohibidos para o resto das especies.

O Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio) establece, no seu artigo 88, os obstáculos, instrumentos, artes e aparellos prohibidos nas augas continentais galegas, coa excepción dos utilizados na pesca de anguías, meixóns, lampreas e especies de esteiro.

Co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado da pesca da lamprea no río Ulla, establécese un réxime especial para o vindeiro ano 2022.

Por todo o anterior, e consonte o disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía, e no uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta norma é a regulación do aproveitamento específico da lamprea (Petromyzon marinus) nas augas do río Ulla durante o ano 2022.

Artigo 2. Solicitantes

Poderán presentar solicitudes as persoas físicas titulares de dereitos de uso das pesqueiras tradicionais situadas no río Ulla, detalladas no anexo I.

Artigo 3. Limitacións á pesca

1. A pesca da lamprea só se poderá practicar nas pesqueiras autorizadas e coas limitacións seguintes:

a) Nas pesqueiras de Areas e As Vellas deberán deixar libre a canle central do río e non poderán traballar na denominada «vea».

b) Deberán empregarse redes que non causen dano a outras especies piscícolas.

c) Serán devoltos ás augas ou entregados ao persoal da administración que o solicite todos aqueles exemplares de especies piscícolas que non sexan as lampreas capturadas nas pesqueiras.

d) En todo momento, deberán colaborar co persoal do Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, seguindo as súas instrucións.

2. Estas limitacións obrigan a todas as persoas autorizadas, sexan ou non titulares das pesqueiras.

Artigo 4. Período e horario hábil

1. O período hábil de pesca será:

a) Nas pesqueiras de Areas (Herbón), do 3 de xaneiro ao 26 de marzo.

b) No tramo comprendido desde a pesqueira das Vellas (Herbón) ata a pesqueira da Trapa (Herbón) ambas incluídas, do 31 de xaneiro ao 23 de abril.

c) No tramo comprendido desde as pesqueiras da Caseta e Furado (Carcacía) ata a pesqueira de Lampreeiro, lugar das Pesqueiras (Reis) todas incluídas, do 7 de febreiro ao 7 de maio.

O mesmo día que remate o período autorizado deberán retirarse as artes de pesca.

2. As redes só poderán estar colocadas desde as 20.00 horas ata as 8.00 horas.

Prohíbese a realización dos labores de pesca desde as 8.00 horas dos sábados ata as 20.00 dos luns, período en que deberán levantarse as redes das pesqueiras.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo II desta orde). Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude o documento que acredite o dereito de uso das pesqueiras.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recollidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 35 da Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, a competencia para a concesión das autorizacións reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

2. O prazo máximo para resolver será dun mes contado a partir da data de finalización de presentación de solicitudes.

3. O sentido do silencio será positivo.

4. A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución for expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Permisos

Toda persoa que traballe nas pesqueiras deberá estar en posesión da correspondente licenza de pesca e do permiso de 4ª categoría para cada día e para cada pesqueira, documentos que deberá levar consigo xunto co DNI/NIE, durante a práctica desta actividade.

Xunto cos permisos entregaráselles un libro ou folla de rexistro de capturas que deberá ser debidamente cuberto e estar sempre á disposición do persoal do Servizo de Patrimonio Natural.

Unha vez rematada a tempada, o libro ou folla de rexistro deberá ser enviado, no prazo de 15 días, ao Servizo de Patrimonio Natural, na avenida María Victoria Moreno, núm. 43, 2º, Pontevedra.

O cumprimento deste requisito será indispensable para optar a permisos da próxima temporada.

No caso de que faga uso da pesqueira unha persoa distinta de quen solicita a autorización, para a obtención dos citados permisos deberá acreditar no Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra a conformidade da persoa autorizada.

Artigo 12. Infraccións e sancións

As infraccións contra esta regulación serán sancionadas de acordo co establecido na Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia.

Polo uso indebido da pesqueira responderá a persoa titular. Se nun mesmo posto hai varias persoas titulares, responderán solidariamente.

Disposición adicional única. Delegación

Delégase na persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Pontevedra a competencia para a concesión da autorización regulada nesta orde.

Disposición transitoria única

Para os efectos do establecido no artigo 11 desta orde, de acordo co disposto na disposición transitoria segunda do Decreto 130/1997, do 14 de maio, e en tanto non se determinen os requisitos para a obtención da licenza da clase D, para o exercicio da pesca con aproveitamento nas pesqueiras do río Ulla, expedirase a correspondente licenza a das outras clases segundo corresponda, na cal se indicará a especie autorizada (lamprea) e se especificará a pesqueira en que se pode practicar esta pesca, de acordo coa lista establecida no anexo I desta orde.

Disposición derradeira primeira

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por proposta do Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do establecido nesta orde e adoptar as medidas excepcionais previstas no artigo 48 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file