Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 20 de decembro de 2021 Páx. 62353

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 168/2021, do 2 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable, senda na OU-105, treito A Ponte Sevilla (punto quilométrico 0+000-0+850), na OU-536, treito Rabaza (punto quilométrico 0+790-2+320) e na avenida de Ponferrada (punto quilométrico 0+000-1+140), de clave OU/16/271.06, no concello de Ourense.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 7 de maio de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 86) o Anuncio do 23 de abril de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción: Fomento da mobilidade sustentable. Senda na OU-105 treito A Ponte Sevilla (p.q. 0+000-0+850), na OU-536 treito Rabaza (p.q. 0+790-2+320) e na avenida de Ponferrada (p.q. 0+000-1+140), de clave OU/16/271.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras a análise dos informes, alegacións e certificados presentados, o 18 de novembro de 2021 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción: Fomento da mobilidade sustentable. Senda na OU-105 treito A Ponte Sevilla (p.q. 0+000-0+850), na OU-536 treito Rabaza (p.q. 0+790-2+320) e na avenida de Ponferrada (p.q. 0+000-1+140), de clave OU/16/271.06.

O obxecto do presente proxecto é a creación de diversos itinerarios peonís e ciclistas nas marxes das estradas OU-105 e OU-536, así como na avenida de Ponferrada, todas elas no concello de Ourense.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de decembro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción: Fomento da mobilidade sustentable. Senda na OU-105 treito A Ponte Sevilla (p.q. 0+000-0+850), na OU-536 treito Rabaza (p.q. 0+790-2+320) e na avenida de Ponferrada (p.q. 0+000-1+140), de clave OU/16/271.06.

Santiago de Compostela, dous de decembro dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade