Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 20 de decembro de 2021 Páx. 62351

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se amplía o prazo de xustificación previsto na Resolución do 6 de setembro de 2021, pola que se procede á segunda convocatoria do ano 2021 para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición de equipamentos deportivos (código de procedemento PR949A).

A Resolución do 6 de setembro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se procede á segunda convocatoria do ano 2021 para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición de equipamentos deportivos (código de procedemento PR949A), no artigo 15.1 regula a xustificación da subvención e establece que as entidades beneficiarias terán de prazo para executar o proxecto subvencionado e presentar a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 15 de decembro de 2021.

Ante as numerosas solicitudes de axudas presentadas que inciden directamente no tempo necesario para a instrución e tramitación do procedemento e co fin de garantir o cumprimento da finalidade das axudas, é preciso ampliar o prazo de execución e xustificación. Neste senso, a teor do disposto no artigo 14.1, o pagamento do 100 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, farase efectivo, por solicitude da entidade beneficiaria, segundo o anexo VI, unha vez realizada a notificación da subvención e logo da aceptación expresa desta. Tendo en conta que algunhas entidades solicitaron ese anticipo e co obxectivo de facilitar a xustificación da subvención concedida, cómpre ampliar o prazo de xustificación.

En virtude do exposto e de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, en virtude das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación do prazo de execución e xustificación

Amplíase o prazo de execución e xustificación do proxecto subvencionado previsto no artigo 15.1 da Resolución do 6 de setembro de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se procede á segunda convocatoria do ano 2021 para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a adquisición de equipamentos deportivos (código de procedemento PR949A), ata o 21 de decembro de 2021.

Disposición derradeira única. Efectos

Esta resolución terá efectos desde o día da súa sinatura, sen prexuízo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2021

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte