Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 20 de decembro de 2021 Páx. 62567

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2021 pola que se convocan probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional de mestre/a, especialidade educación infantil, grupo II, pola quenda de promoción interna, vacante no cadro de persoal laboral.

O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como nos estatutos desta universidade, e co fin de atender as necesidades de persoal de administración e servizos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en execución do previsto no anexo IV, oferta de promoción interna independente, da Resolución do 24 de setembro de 2020 (DOG do 5 de outubro) pola que se aproba a oferta de emprego público para o ano 2020, resolve convocar probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional de mestre/a, especialidade educación infantil, grupo II, vacante no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a USC derivados desta convocatoria se realizarán exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo unha praza vacante na categoría profesional de mestre/a, especialidade educación infantil, grupo II, do Convenio colectivo para o persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), pola quenda de promoción interna.

1.2. Esta convocatoria non xerará praza vacante na categoría da cal proceda a persoa que supere o proceso selectivo.

1.3. O sistema de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións, axustaranse ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.4. A adxudicación da praza á persoa aspirante que supere o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.

1.5. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

1.6. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; o Convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008) e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para seren admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes, e mantelos ata o momento de formalización do contrato, os seguintes requisitos:

a) Posuír a condición de persoal laboral fixo, categoría de técnico/a especialista escola infantil, e estar prestando servizos con carácter definitivo ou en adscrición provisional na USC.

b) Ter unha antigüidade efectiva de, polo menos, seis meses como persoal laboral fixo na categoría a que pertenzan o último día do prazo de presentación de solicitudes.

c) Estar en posesión do título de mestre/a, especialidade en educación infantil, ou equivalente. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.

d) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara, ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo, que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría a que se pretende incorporar.

e) Carecer de antecedentes por delitos sexuais.

f) Non estar separado/a de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública.

g) Non estar sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do Convenio colectivo para persoal laboral da USC.

h) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no número 3.8 desta convocatoria para as persoas con discapacidade e para os membros de familias numerosas.

3. Solicitudes.

3.1. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3.2. As persoas que desexen participar nestas probas selectivas deberán formalizar a súa solicitude, así como aboar a taxa correspondente, unicamente por medios electrónicos. Para iso empregarase exclusivamente o formulario electrónico habilitado ao respecto que figura no Catálogo de procedementos da sede electrónica da USC https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalLaboral.htm, empregando como medio de identificación electrónica as credencias corporativas da USC.

3.3. A solicitude presentarase xunto coa da seguinte documentación:

– Fotocopia do certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

– Título de mestre/a, especialidade educación infantil.

As/os aspirantes que teñan ou tivesen expediente administrativo como PAS na USC estarán exentos/as de xustificar documentalmente as condicións e os requisitos xa probados para obteren a súa anterior contratación ou nomeamento, e deberán presentar unicamente a documentación requirida para este procedemento que non se encontre debidamente acreditada no seu expediente persoal.

3.4. A Xerencia expedirá e engadirá de oficio á solicitude presentada pola persoa aspirante un certificado acreditativo dos servizos prestados, no cal consten a categoría e os períodos en que se prestaron, así como os cursos de formación e cualificación profesional que consten no expediente.

3.5. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.6. En calquera momento, a Universidade poderá requirir das persoas aspirantes os orixinais ou as copias auténticas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.7. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar, no formulario de inscrición do proceso selectivo, a adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios, para o cal reflectirán con claridade as necesidades que ten o/a candidato/a de adaptacións específicas e o seu motivo.

3.8. Os dereitos de exame serán de 36,36 €. Para realizar o seu ingreso, empregarase un dos seguintes medios accesibles desde o formulario de inscrición.

• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.

• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación que se deberá imprimir, unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo; non será preciso comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.

3.8.1. De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

• As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe da taxa:

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

3.8.2. As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:

• Persoas con discapacidade: certificado do grao de discapacidade.

• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

3.8.3. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes, e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.8.4. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o cal terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

3.9. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica, polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición, é imprescindible que indique na epígrafe «Medios de aviso de notificación» do formulario o teléfono e o enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia en sede electrónica, para o acceso á cal se empregarán os medios de identificación que se indican na base 3.2.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución en que declare aprobada a lista provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o lugar no cal está exposta ao público a lista completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivaron a exclusión e o prazo para reparalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar os defectos que motivaron a exclusión.

Para emendar a exclusión ou omisión, cubrirase o formulario de emendas do Catálogo de procedementos na seguinte ligazón https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalLaboral.htm, para o cal o/a aspirante deberá empregar o medio de identificación e sinatura que se indica no número 3.2 desta convocatoria.

4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión e xustifiquen o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.4. Na resolución que aprobe a lista definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicaranse o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderase interpor contra ela recurso, perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición, perante o reitor, no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.5. O feito de figurar na lista de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que se terán que acreditar no seu momento, de acordo co previsto na base 8 desta convocatoria.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas selectivas terá a categoría primeira de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo, aprobado en Consello de Goberno do 29 de decembro de 2020.

5.2. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5.3. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.4. Os membros do tribunal deberanse abster de intervir e notificaranllo ao reitor da Universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

A presidenta solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.5. Antes do inicio das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola cal se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituír os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.4.

5.6. Logo da convocatoria da presidenta, constituirase o tribunal de acordo co previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015, coa asistencia, tanto presencial como a distancia, da maioría absoluta dos seus membros titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.7. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a asistencia presencial ou a distancia do/da presidente/a e do/da secretario/a e da metade, polo menos, dos seus membros.

5.8. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.9. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, que se limitarán a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Os ditos asesores deberán posuír titulación de igual ou superior nivel que a exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación, con carácter temporal, doutros/as funcionarios/as para colaboraren no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.10. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes ás cales se refire o número 3.7 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.

5.11. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.12. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura da praza convocada, de se producir a renuncia da persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou cando non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación a persoa proposta, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra Y, de conformidade co establecido na Resolución do 29 de xaneiro de 2021 da Consellería de Facenda e Administración Pública.

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en único chamamento e serán excluídas da oposición as que non comparezan, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios, derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderano pór en coñecemento do tribunal achegando á comunicación o correspondente informe médico oficial.

A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal, baseándose na información recibida, acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. Os sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuaranse nos locais onde se realizase a proba anterior, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao comezo deste, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas, se se trata dun novo.

6.4. Para os efectos do cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.5. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se ten coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos por esta convocatoria, deberá propor a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.

Contra esta exclusión poderase interpor recurso, perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.

7. Lista de persoas aspirantes aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública, no lugar ou lugares da súa realización, no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html, e naqueloutros que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes que acadaron o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da realización de cada exercicio, para presentaren reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

7.3. Así mesmo, as/os aspirantes disporán de sete días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentaren reclamacións ás cualificacións.

7.4. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.5. Á publicación anterior xuntaráselle a relación de persoas aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada unha delas, fosen seleccionadas, na cal constarán a cualificación final obtida en cada unha das fases, oposición e concurso, e a proposta provisional da persoa seleccionada segundo o previsto no anexo I.

No caso de se produciren empates na puntuación total das persoas aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios: maior puntuación na fase de oposición, maior puntuación na fase de coñecementos específicos, maior puntuación no terceiro exercicio, maior idade e a orde alfabética establecida na base 6.1.

7.6. Contra esta publicación as/os aspirantes poderán presentar reclamación, ante o tribunal, no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do Rexistro de Entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm, para o cal o/a aspirante deberá empregar os medios de identificación e sinatura que se indicaron no número 3.2.

7.7. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará a proposta de contratación a favor da persoa aspirante seleccionada, tendo en conta o previsto no número 5.12 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web http://www.usc.es/gl/servizos/plan_pas/convocatorias.html

8. Presentación de documentación.

8.1. No prazo de vinte (20) días naturais, contados a partir do día seguinte a aquel en que se faga pública a proposta de contratación, a persoa aspirante que figure nela deberá presentar, na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros da USC, a documentación que acredite a posesión dos requisitos que figuran na base 2 desta convocatoria para proceder á contratación como persoal laboral fixo, agás que xa conste no expediente persoal do/da traballador/a.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar os documentos expresados na base anterior, poderase acreditar que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen, dentro do prazo fixado e salvo caso de forza maior, non presente a documentación ou do seu exame se deduza que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Adxudicación do posto de traballo.

9.1. A adxudicación da praza obxecto de promoción á persoa que supere o proceso selectivo comporta a amortización da praza da categoría de orixe.

10. Contratación como persoal laboral fixo.

10.1. Concluído o proceso selectivo, a persoa aspirante que o superase será contratada como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

11. Listas de espera.

11.1. Elaborarase unha lista de espera coas persoas aspirantes que obteñan, como mínimo, unha puntuación de 12,5 puntos no segundo exercicio da fase de oposición. Para estes efectos, e co fin de determinar a opción, as persoas aspirantes indicarán o/os campus de preferencia na epígrafe correspondente da solicitude.

12. Norma derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, perante o órgano que a ditou. Neste caso, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo dito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro do artigo 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación da praza: mestre/a, especialidade educación infantil

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a seguir se indican:

I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a seguir se indican, agás a exención prevista na descrición do primeiro.

Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o segundo, que será obrigatorio e non eliminatorio.

As persoas aspirantes deberanse presentar para a realización de cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal. Así mesmo, deberanse presentar provistas do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

Primeiro exercicio. Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que achegasen documentalmente xunto coa solicitude ou que teñan acreditado no expediente o certificado Celga 4 ou o certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que lles facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberase basear na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.

A duración máxima desta proba será de noventa minutos.

Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.

As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo e, a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.

A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.

Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.

Segundo exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cento vinte (120) preguntas tipo test, máis cinco (5) de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao programa que se relaciona no anexo II.

O tempo para a súa realización será de 125 minutos e a súa valoración de 0 a 25 puntos.

Terceiro exercicio. Consistirá na realización dun exercicio de carácter práctico ou teórico-práctico, proposto polo tribunal e relacionado co contido do programa, no cal os/as aspirantes deberán demostrar as capacidades para o desempeño das funcións correspondentes.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 90 minutos.

A puntuación deste exercicio será de 0 a 35 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 15 puntos.

Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobados e publicados os criterios de avaliación e corrección.

As preguntas adicionais de reserva substituirán, se for o caso, as anuladas pola súa orde.

II. Fase de concurso: máximo 40 puntos.

Experiencia: máximo 35 puntos.

• Na mesma categoría incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase a 0,40 puntos/mes. Non se valorará o tempo traballado en categoría superior por atribución temporal de funcións.

• Noutras categorías de persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase a 0,10 puntos/mes.

• Na mesma categoría noutras administracións públicas: valorarase a 0,10 puntos/mes, ata un máximo de 10 puntos.

Formación. Valoraranse cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións da praza convocada, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:

Cursos de formación relacionados coa praza:

• Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.

• Cursos de asistencia recibidos: 0,01 puntos/hora.

Cursos de formación de lingua galega:

• Celga 5: 0,75 puntos.

• Outros cursos de galego impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con aptitude: 0,02 puntos/hora.

• Outros cursos de galego con asistencia: 0,01 puntos/hora.

Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. O Celga valorarase a partir do nivel superior ao exixido nesta convocatoria para o acceso.

Nos cursos en que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.

Para a valoración da experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listas de espera, as dúbidas que xurdan resolveraas unha comisión composta por dúas persoas en representación da Xerencia e dúas en representación do Comité intercentros. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listas e poderalles solicitar información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.

ANEXO II

Denominación da praza: mestre/a, especialidade educación infantil

Programa

1. Características xerais do/da neno/a de 0 a 6. Desenvolvemento biolóxico. Desenvolvemento motriz: leis universais. Desenvolvemento da linguaxe. Desenvolvemento cognitivo. Desenvolvemento afectivo/social. Principais factores que interveñen no seu desenvolvemento.

2. O desenvolvemento infantil no primeiro ano de vida. O papel dos adultos: a familia, o mestre e a escola. Relación entre a familia e a escola.

3. O desenvolvemento afectivo no/na neno/a de 0 a 6. A construción da identidade: o eu. A vinculación da afectividade ao desenvolvemento social do individuo. Pautas para unha correcta intervención educativa.

4. O desenvolvemento cognitivo no/na neno/a de 0 a 6. Precursores. Enfoques teóricos. O coñecemento da realidade.

5. O desenvolvemento psicomotor no/na neno/a de 0 a 6. Definición. Autores. Esquema corporal. Estruturación espazo-temporal. Factores que interveñen no desenvolvemento psicomotor.

6. A psicomotricidade no currículo da educación infantil. A psicomotricidade nas distintas áreas. As orientacións metodolóxicas. A intervención educativa. Actividades e sesións de psicomotricidade.

7. O desenvolvemento da linguaxe. O ensino e a aprendizaxe da lingua na educación infantil. A comunicación non verbal. Técnicas e recursos para desenvolver a comprensión e a expresión oral. A intervención educativa nas linguas de contacto.

8. O/a neno/a descobre os demais. O proceso de descubrimento, de vinculación e aceptación. A escola como contexto de socialización. O papel do centro en situación de risco social. Principais conflitos da vida en grupo.

9. O desenvolvemento lóxico-matemático. Principios básicos da aprendizaxe matemática. Recursos. Actividades adecuadas á etapa de educación infantil con contidos lóxico-matemáticos.

10. A educación musical na educación infantil. Concepto. Etapas. Área de linguaxes: comunicación e representación. Son e silencio. Actividades.

11. A canción infantil. Criterios para a súa selección. Diferentes interpretacións. Recursos didácticos. O folclore popular.

12. O xogo. Tipos de xogo ao longo do desenvolvemento evolutivo (Piaget). O xogo no período sensomotor. O xogo simbólico. O xogo dramático.

13. A expresión corporal: características e elementos que axudan ao seu desenvolvemento. Etapas: a expresión corporal como linguaxe representativa. Obxectivos. Contidos. Criterios de avaliación.

14. A expresión plástica: características. Evolución da expresión plástica: diferentes etapas. Obxectivos. Contidos. Materiais. Estratexias metodolóxicas. Actividades.

15. A literatura infantil. Definición. Clasificación segundo diferentes temáticas. Técnicas de animación á lectura. A biblioteca da aula.

16. O conto. Definición. Clasificación. Criterios de selección, utilización e narración dos contos. Actividades a partir dos contos.

17. Educación para a saúde. Concepto: o sistema educativo español. Actitudes e hábitos referidos ao descanso e á hixiene.

18. Principais enfermidades infantís: concepto. Clasificacións: enfermidades infecciosas. Enfermidades do aparello respiratorio e dixestivas. Alerxias. Criterios de intervención.

19. Accidentes infantís. Tipo de accidentes. Prevención. Criterios de intervención educativa.

20. Educación moral e para a paz. Obxectivos xerais. Contidos educativos: áreas. Proxecto educativo do centro. A programación da aula. A avaliación.

21. A educación sexual: a igualdade de sexos. Obxectivos xerais. Contidos: áreas. O proxecto de centro. A programación da aula. A avaliación.

22. A educación ambiental. Obxectivos xerais. Contidos: áreas. O proxecto de centro. A programación da aula. A avaliación.

23. A influencia da imaxe no/na neno/a. Tipos de imaxes. O cine e a televisión. Criterios de selección e utilización das novas tecnoloxías.

24. A alimentación. A dieta equilibrada. A roda dos alimentos e a planificación dos menús. Trastornos máis frecuentes relacionados coa alimentación. As horas de comer como momentos educativos.

25. O currículo da educación infantil. Definición. Características. Obxectivos e niveis de concreción curricular.

26. Os elementos do currículo na educación infantil. Obxectivos. Contidos. Orientación metodolóxica. Actividades e avaliación.

27. A programación no primeiro ciclo de educación infantil. Características. Obxectivos. Contidos. Metodoloxía. Criterios de avaliación.

28. A observación e a exploración do mundo físico, natural e social no/na neno/a de 0 a 6. Concepto e principios. A exploración e a experimentación no currículo. Perspectiva evolutiva. Formación de conceptos fundamentais: permanencia dos obxectos, espazo e tempo.

29. A organización do espazo na educación infantil. A organización do espazo como recurso educativo. O mobiliario escolar e a disposición na aula. A organización das actividades: os obradoiros. Os espazos exteriores.

30. A organización do tempo na educación infantil. O tempo e a organización da xornada: criterios para a súa distribución. Ritmos e rutinas cotiás. Modelos de distribución.

31. Os materiais na educación infantil: clasificación, selección, utilización e avaliación.

32. A metodoloxía na educación infantil. O enfoque globalizado. A aprendizaxe significativa. Rutinas e actividades.

33. A avaliación na educación infantil. Momentos da avaliación. Técnicas máis empregadas para a recollida de datos. Instrumentos para a recollida e a análise dos datos.

34. A familia como primeiro axente de socialización. O apego. Distintos tipos de familias. Expectativas familiares respecto á educación infantil. Período de adaptación ao centro. Relacións entre a familia e o equipo docente.

35. A función do/da mestre/a na educación infantil. Funcións que debe desenvolver o profesorado. A intencionalidade educativa. Relacións interactivas entre o neno e o educador. O mestre na súa relación co equipo e coas familias.

36. Achegas educativas das principais correntes pedagóxicas e psicolóxicas á educación. Achegas pedagóxicas: Rousseau, Pestalozzi e Froebel. Achegas psicolóxicas: Paulov, Watson, Skinner e Freud.

37. Teorías e implicacións educativas. Teorías construtivistas do proceso de ensino/aprendizaxe: Piaget, Ausubel, Vigotsky. Principios didácticos que favorecen o proceso de ensino/aprendizaxe.

38. A Escola Nova: primeiros modelos científicos de educación. Principios pedagóxicos, características e técnicas para a aprendizaxe. Montessori, Decroly, irmás Agazzi, Freinet, Claparede, etc.

39. A infancia e a súa atención educativa. Evolución. Modalidades de atención á infancia en España.

Nota. As referencias normativas deste programa pódense ver afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame e, nese caso, débense entender referidas á lexislación en vigor.

ANEXO III

Denominación da praza: mestre/a, especialidade educación infantil

Tribunal titular:

Presidenta:

– Luz González Vázquez, persoal laboral fixo do grupo II da USC.

Vogais:

– Marta Neira Rodríguez, profesora contratada doutora da USC.

– Juan Oreiro Formoso, persoal laboral fixo do grupo II da USC.

– Esther Castelao Balboa, funcionaria de carreira do corpo de mestres da Xunta de Galicia.

Secretario:

– Alejandro Manuel Nieto Lareo, persoal laboral fixo do grupo II da USC, que actuará con voz e voto.

Tribunal suplente:

Presidenta:

– Carol Jean Gillanders, profesora contratada doutora da USC.

Vogais:

– Martín Leranoz Iglesias, profesor titular de escola universitaria da USC.

– Martín Cacheiro Martínez, persoal laboral fixo do grupo I da USC.

– Dolores del Pilar Pato Gándaras, funcionaria de carreira do corpo de mestres da Xunta de Galicia.

Secretario:

– José Rodríguez Dopazo, funcionario de carreira da escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade bibliotecas da USC, que actuará con voz e voto.