Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 21 de decembro de 2021 Páx. 63121

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2021, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, convocado pola Orde do 7 de xaneiro de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 21, do 31 de xaneiro), pola que se dá publicidade a diversos acordos.

Nas sesións que tiveron lugar os días 18 de novembro e 3, 9 e 10 de decembro de 2021, o tribunal nomeado pola Resolución do 21 de setembro de 2020 (DOG núm. 195, do 25 de setembro), modificada pola Resolución do 13 de outubro de 2020 (DOG núm. 212, do 21 de outubro), encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, e de conformidade co disposto nas bases da convocatoria, adoptou os seguintes acordos:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, anular, con base nas alegacións presentadas, a pregunta número 30 do segundo exercicio deste proceso selectivo, que pasa a ser substituída pola pregunta de reserva número 44.

Segundo. Desestimar na súa totalidade as restantes reclamacións e alegacións presentadas.

Terceiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, superaron o segundo exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de quince (15) puntos. Para estes efectos, de conformidade coas bases da convocatoria, por Resolución deste tribunal, do 5 de outubro de 2021, pola que se dá publicidade aos parámetros para a cualificación do segundo exercicio, estableceuse que superarán o segundo exercicio as persoas aspirantes presentadas que obteñan un mínimo de vinte (20) respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes. As preguntas non contestadas non penalizarán nin recibirán puntuación.

Asignarase a valoración de 15 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 15 e os 30 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Feita a corrección, acadaron a puntuación mínima de 15 puntos 219 aspirantes.

Cuarto. Realizar os trámites oportunos para publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que se presentaron ao primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Xunta de Galicia, subgrupo A2, no portal web corporativo da Xunta de Galicia (funcionpublica.xunta.gal).

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da orde da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Segundo a base II.1.1.3 da convocatoria, están exentas de realizar o terceiro exercicio, de coñecemento de galego, as persoas aspirantes que acrediten, dentro do prazo sinalado, que están en posesión do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Sétimo. Visto o escrito do Servizo de Selección da Dirección Xeral de Función Pública do 5 de agosto de 2021 onde se comunica que todas as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio acreditaron, de acordo co establecido nas bases da convocatoria, estar en posesión do Celga 4 ou equivalente, debidamente homologado.

En consecuencia, decláranse todas as persoas aspirantes que superaron o segundo exercicio exentas de realizar o terceiro exercicio do proceso selectivo.

Oitavo. De conformidade coa base III.13 da orde da convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021

Víctor Manuel Tubío Villar
Presidente do tribunal