Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 22 de decembro de 2021 Páx. 63506

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan a Red Eléctrica de España, S.A.U. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da infraestrutura de transporte secundario de enerxía eléctrica relativa á ampliación da subestación Eirís no parque de 220 kV con dúas novas posicións de saída de liña á subestación de Abegondo, no concello da Coruña (expediente IN407A 2019/147-1).

Feitos:

1. O 11.7.2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Red Eléctrica de España, S.A.U. (REE) a autorización administrativa e se aprobou o proxecto de execución da instalación de transporte secundario de enerxía eléctrica sita no termo municipal da Coruña denominada subestación Eirís: reforma para 220/15 kV (expediente IN407A 2008/74-1), coas seguintes características técnicas:

– Nivel de tensión nominal 220 kV (tensión máis elevada para o material Um = 245 kV), intensidade de curtocircuíto de curta duración 50 kA, de tecnoloxía GIS, con módulos prefabricados baixo envolvente metálica (celas blindadas) con illamento en SF6 dispostos en interior de edificio construído para o efecto, pertencente á rede de transporte secundario de enerxía eléctrica.

– Configuración: dobre barra (JBP-1 e JBP-2) con acoplamento.

– Posición 4: posición de liña LAT 220 kV Mesón do Vento (MDV).

– Posición 5: posición de liña LAT 220 kV Puerto (PUR).

– Posición 6: posición de acoplamento transversal de barras (ACP).

– Posición 7: posición de transformador TRP-2, de 60/30/20 MVA de potencia e relación de transformación 220/15 kV.

– Posición 8: posición de transformador TRP-1, de 60/30/20 MVA de potencia e relación de transformación 220/15 kV.

Nota: os transformadores son propiedade de UFD Distribución Electricidad, S.A.

– Unha cela de medida de tensión en barras con seccionadores de posta a terra.

O 30.12.2013, a Xefatura Territorial da Coruña (en adiante, xefatura territorial) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, actualmente Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, emitiu a autorización de explotación da dita instalación.

2. O 12.8.2019, REE presentou ante a xefatura territorial a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da infraestrutura de transporte secundario de enerxía eléctrica correspondente á ampliación da subestación Eirís no parque de 220 kV con dúas novas posicións de liña á subestación de Abegondo, á que se lle asignou o número de expediente IN407A 2019/147-1.

Esta solicitude acompañouse da seguinte documentación, de conformidade coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica:

– Proxecto de execución denominado ampliación da subestación Eirís 220 kV, asinado polo enxeñeiro industrial Luis Cabezón López (colexiado nº 12.864 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio, con nº 201902578, data do 25.7.2019 e no cal figura un orzamento de 2.234.148 euros.

– Declaración responsable do técnico proxectista, consonte o establecido no anexo XIX do Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CD do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior (DOG núm. 65, do 1 de abril).

– Declaración responsable do técnico proxectista, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

– Separatas técnicas do proxecto de execución para as entidades afectadas (Concello da Coruña e UFD Distribución Electricidad, S.A.).

Segundo se desprende do proxecto de execución, as características máis significativas desta infraestrutura eléctrica son as seguintes:

– Obxecto: conformar, a través da conexión da dita subestación 220 kV Eirís coa subestación 400/220 kV Abegondo (expediente IN407A 2018/214-1) mediante a LAT 220 kV DC Abegondo-Eirís (expediente IN407A 2018/216-1), unha actuación de apoio á distribución de enerxía eléctrica para garantir a subministración á cidade da Coruña e provincia, coa conseguinte incorporación ao mallado da rede de transporte.

– Construción e equipamento das posicións P7 e P8, localizadas en interior de edificio de formigón existente montado para o efecto (tecnoloxía GIS) ocupando un espazo xa previsto no proxecto subestación Eirís: reforma para 220/15 kV (expediente IN407A 2008/74-1), mediante a instalación de dous módulos prefabricados baixo envolvente metálica (celas blindadas) con illamento en SF6, para a entrada/saída da LAT 220 kV DC Abegondo-Eirís. As especificacións máis salientables da aparamenta que se vai instalar nestas novas posicións, son:

• Interruptor automático: tensión máis elevada para o material Um = 245 kV / intensidade nominal/límite térmica (corte): 3.150/50 kA.

• Seccionador de barras: de tipo rotativo de tres columnas e mando tripolar manual/ intensidade nominal: 50 kA.

• Seccionador de illamento (de posición): intensidade nominal/límite térmica (corte): 3.150/50 kA.

• Seccionador de posta a terra rápida/de mantemento: 50/50 kA.

• Transformadores de intensidade e indutivos de tensión, de características conforme ao Real decreto 1110/2007, do 24 de agosto, polo que se aproba o Regulamento unificado de puntos de medida do sistema eléctrico.

• Equipos convencionais (pararraios-autoválvulas): tensión nominal: 198 kV / tensión de operación > 152 kV / intensidade nominal de descarga: 10 kA.

• Incorporación ao mallado de rede de terras superiores e inferiores e aos sistemas de control, protección, telecomunicacións e servizos auxiliares da subestación.

• Bastidor de relés.

– Ampliación da rede existente de canles de tránsito entrada/saída na subestación dos condutores eléctricos (galerías).

– Localización das instalacións: subestación 220 kV Eirís, avenida de Monelos. A Coruña. Termo municipal da Coruña.

3. O 23.8.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, por petición da xefatura territorial, solicitou informe á Dirección General de Política Energética y Minas del Ministerio para la Transición Ecológica, quen emitiu informe favorable o 26.9.2019 para os efectos previstos nos artigos 35.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, e 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, con respecto á referida infraestrutura eléctrica ampliación da subestación Eirís no parque de 220 kV con dúas novas posicións de liña á subestación de Abegondo.

4. O 12.5.2020, a xefatura territorial ditou acordo polo que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción da referida infraestrutura eléctrica ampliación da subestación Eirís no parque de 220 kV con dúas novas posicións de liña á subestación de Abegondo, que se publicou no DOG núm. 116, do 15 de xuño de 2020, e no BOP núm. 71, do 22 de maio.

Non consta no expediente que durante o trámite de información pública fosen presentadas alegacións en contra do outorgamento das devanditas autorizacións.

5. O 29.6.2019, a xefatura territorial, de conformidade cos artigos 127 e 146 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitou informe ás seguintes entidades, con bens ou dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica ampliación da subestación Eirís no parque de 220 kV con dúas novas posicións de liña á subestación de Abegondo: Concello da Coruña e UDF Distribución Electricidad, S.A.

UFD Distribución Electricidad, S.A. presentou escrito no cal se fixaba o condicionado técnico, do que se deu traslado a REE, quen presentou a súa conformidade ao respecto.

O Concello da Coruña non contestou á petición de informe, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización da instalación, conforme o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

6. O 19.10.2020, a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente IN407A 2019/147-1, deu traslado do mesmo á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (antes Dirección Xeral de Enerxía e Minas) para os efectos de ditar a correspondente resolución de autorización. A xefatura territorial incorporou ao expediente os seguintes documentos:

– Informe dos servizos técnicos da xefatura territorial, do 14.10.2020, en que se indica que a solicitude de autorización administrativa de construción da referida instalación eléctrica cumpre cos requisitos legais.

– Proposta de resolución da xefatura territorial, de data 15.10.2020, de outorgamento de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a referida instalación eléctrica.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establece a estrutura orgánica desta consellería (DOG nº 18, do 25 de xaneiro de 2018); no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 190, do 18 de setembro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 1047/2013, do 27 de decembro, polo que se establece a metodoloxía para o cálculo da retribución da actividade de transporte de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm 54, do 19 de marzo).

3. Informe favorable emitido o 23.8.2019 pola Dirección General de Política Energética y Minas del Ministerio para la Transición Ecológica, con respecto á referida infraestrutura eléctrica ampliación da subestación Eirís no parque de 220 kV con dúas novas posicións de liña á subestación de Abegondo, para os efectos previstos no artigo 35.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, e no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

4. Informe emitido o 14.10.2020 polos servizos técnicos da xefatura territorial, no que se conclúe que a solicitude de autorización administrativa de construción da referida instalación eléctrica (expediente IN407A 2019/147-1) cumpre cos requisitos legais, e faise constar con respecto á instalación proxectada o seguinte:

– Que cumpre coas exixencias regulamentarias recollidas no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

– Que non se atopa entre os supostos previstos nos anexos I e II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, para os que se exixe o sometemento a unha avaliación ambiental ordinaria ou simplificada.

5. Proposta de resolución da xefatura territorial, de data 15.10.2020, de outorgamento de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a referida instalación eléctrica (expediente IN407A 2019/147-1).

De acordo co que antecede e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

1. Outorgar a Red Eléctrica de España, S.A.U. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da infraestrutura de transporte secundario de enerxía eléctrica relativa á ampliación da subestación Eirís no parque de 220 kV con dúas novas posicións de saída de liña á subestación de Abegondo, no termo municipal da Coruña (expediente IN407A 2019/147-1).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado ampliación da subestación Eirís 220 kV, asinado polo enxeñeiro industrial Luis Cabezón López (colexiado nº 12.864 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio, con nº 201902578, data do 25.7.2019, e no cal figura un orzamento de 2.234.148 euros.

2. REE asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

Deberanse cumprir, en todo momento, as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio de 2014, polo que se aproban o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas as instalacións, REE deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, acompañada da seguinte documentación:

– Certificado do director da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houbese, así como das regulamentacións e normas que sexan de aplicación na montaxe e posta a punto.

– A indicada no punto 3 da ITC-RAT 22, do Real decreto 337/2014, do 9 de maio de 2014, e, en particular, as declaracións de conformidade relativas ao material ou equipo e certificacións ou homologacións, se procede segundo se establece na ITC-RAT 03, ou xustificación da non necesidade.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura de transporte secundario de enerxía eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa REE procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto estas autorizacións por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

7. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais