Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 23 de decembro de 2021 Páx. 63563

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

DECRETO 170/2021, do 2 de decembro, polo que se declara ben de interese cultural o microscopio naturalista de Antony Van Leeuwenhoek.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución, e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No seu exercicio aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, (en diante, LPCG), e no seu artigo 106.1, sobre os bens que integran o patrimonio científico e técnico, establece que integran o patrimonio científico e técnico de Galicia os bens e coleccións, de valor relevante, que as ciencias empregaron para xerar e transmitir o saber, incluídos os instrumentos e aparellos científicos, as coleccións de animais e vexetais, minerais, figuras plásticas para o estudo anatómico humano ou animal, modelos planetarios, cristalográficos e outros, que se rexerán polo disposto nesta lei para os bens mobles.

O procedemento para o recoñecemento do seu valor cultural iniciouse o 19 de setembro de 2019, cando a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, recibiu a petición da Dirección Xeral de Bellas Artes do Ministerio de Cultura e Deporte para iniciar o procedemento da declaración de ben de interese cultural do microscopio naturalista, creado a finais do século XVII, por Antony Van Leeuwenhoek, un holandés considerado o pai da microbioloxía e parasitoloxía que foi un dos primeiros en observar os microorganismos, para o que utilizaba microscopios de deseño propio. Este instrumento é unha peza emblemática e excepcional da microscopia e permitiu ao seu creador sentar as bases das bacterioloxía e protozooloxía.

Á vista desta solicitude, o Servizo de Inventario da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, emitiu un informe no que xustificaba a pertinencia da incoación do procedemento de declaración como ben de interese cultural deste microscopio e, segundo o establecido no artigo 18.2 da LPCG, solicitou o parecer dos órganos asesores mencionados no artigo 7 do citado precepto legal.

Con toda a información publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 111, do 14 de xuño), a Resolución do 2 de xuño de 2021, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural o microscopio naturalista de Antony Van Leeuwenhoek.

A resposta dos órganos asesores, a Real Academia Galega de Belas Artes, a Facultade de Óptica e Optometría da Universidade de Santiago de Compostela, o Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela e o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e Innovación, foron favorables á declaración.

A información técnica elaborada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e o ditame dos órganos asesores xustifican o carácter sobranceiro deste microscopio ao tratarse dunha peza singular, non só polo seu interese entre o patrimonio científico senón polo seu valor histórico e cultural e museolóxico, ademais de posibilitar o progreso de moitas disciplinas científicas, ao facilitar a identificación das estruturas básicas da materia.

Na tramitación do expediente, por tanto, cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coas disposicións vixentes.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de decembro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Primeiro. Declarar ben de interese cultural, o microscopio naturalista de Antony Van Leeuwenhoek como ben moble, conforme o descrito no anexo I deste decreto.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicarlla ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración xeral do Estado.

Terceiro. Este decreto publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Este decreto notificarase ás persoas interesadas.

Quinto. Recursos

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de decembro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: microscopio naturalista de Antony Van Leeuwenhoek.

2. Descrición xeral:

• Ben: instrumentos científicos.

• Título: microscopio naturalista.

• Datación: Holanda, Ca. 1690.

• Autor: Antony Van Leeuwenhoek.

• Tipo: ben moble.

• Localización: Vigo. O ben pertence a unha colección particular.

3. Datos históricos e descritivos.

Antonio Van Leeuwenhoek naceu en Delft, Holanda, o 24 de outubro de 1632, no seo dunha próspera familia de clase media de artesáns, comerciantes e funcionarios públicos na denominada Idade de Ouro holandesa, período de gran actividade comercial que proveu un gran desenvolvemento das artes e das ciencias. Naquela cidade traballou vendendo seda, la, algodón... aos burgueses acomodados da cidade. Cómpre ter en conta que os comerciantes de panos tiñan como costume usar unha lupa de poucos aumentos para contar os fíos dos tecidos e, así, comprobar a súa calidade. En 1668 realizou unha viaxe a Londres que lle resultou moi proveitosa, xa que adquiriu o libro Micrographia de Robert Hooke. A partir desta publicación aprendeu a técnica de construción de microscopios simples, e comezou a producir os seus propios dispositivos perfeccionando os existentes mediante unhas lentes diminutas de gran calidade fabricadas en vidro, cristal de roca ou diamante, que puía a man e fixaba entre dúas pequenas placas de metal perforadas. Consideraba que as lentes simples biconvexas, moi pequenas, dotadas dunha gran curvatura, de curta distancia focal, eran preferibles aos microscopios compostos empregados nese momento. A clave do seu éxito residiu na iluminación de campo escuro, é dicir, nunha iluminación lateral dos obxectos que facía resaltar os contrastes contra un fondo escuro.

A esta destreza sumoulle as súas grandes calidades de observación, paciencia e minuciosidade, necesarias no estudo das ciencias naturais, ámbito que lle ocupou o resto da súa vida co recoñecemento da comunidade científica.

A área principal do seu traballo foi a investigación microscópica de estruturas orgánicas e inorgánicas. Recoñeceu a verdadeira natureza dos microorganismos, concluíndo que os espécimes en movemento que observaba a través do seu microscopio eran pequenos animais. É considerado o pai da microbioloxía e parasitoloxía actual.

Os microscopios orixinariamente fabricados por Leeuwenhoek, inspirados nos métodos de construción establecidos por Robert Hooke, son extremadamente raros, e en termos de interese e importancia ocupan un lugar relevante na historia da ciencia.

Na actualidade recoñeceuse a existencia de 9 exemplares dos máis de 500 que se cre que chegou a construír. A maioría posúen unha lente e foron fabricados en latón ou prata, capaces de aumentos de 60x e 266x.

O instrumento obxecto deste decreto foi descuberto en decembro de 2014 na dragaxe dos lodos dunha canle da cidade de Delft, cidade onde Leeuwenhoek viviu toda a súa vida. Adquirido polo seu actual propietario, por medio dunha plataforma dixital, a un vendedor de antigüidades que o ofrecía como parte dun lote de «instrumentos de pintura». Cómpre comentar que o concello desa cidade limpara as canles fluviais en 1981 e o lodo rescatado utilizouse na ampliación dun espazo público. Desde entón algúns afeccionados rastrexaban esa zona buscando diferentes obxectos de época. Unha desas persoas atopou un lote de diversas pezas que eran as que se vendían. Tras pechar a poxa, o vendedor acordou remitir os obxectos ao comprador que, unha vez o tivo no seu poder, iniciou o proceso de autenticación no prestixioso laboratorio de Cavendish, pertencente ao departamento de Física da Universidade de Cambridge. O resultado de tal proceso foi que o microscopio era, basicamente, similar aos que se conservaban.

Este microscopio consta de dúas placas de metal no medio das cales atópase a lente, ademais dos correspondentes parafusos de axuste para a mostra. Posúe unhas dimensións de 39 x 19 mm e un aspecto moi similar a simple vista ao que, actualmente, se atopa no museo Boerhaave de Leiden, o único dos nove orixinais que ten buratos na base no parafuso. Un aspecto importante que chamaba a atención ao observar, por primeira vez a lente era a importante abrasión que presentaba a súa superficie; a reconstrución dos perfís da lente con base na superficie pulida que sobreviviu, permite recrear a aparencia orixinal da lente.

A lente deste microscopio, fabricado con vidro puído de alta calidade, presenta un poder de magnificación de 180x, converténdoo no terceiro de maior calidade, tras os conservados no University Museum de Utrecht (266x) e o Planetarium Zuylenburgh de Oud-Zuilen (248x).

4. Valoración cultural.

É innegable que a invención do microscopio, combinación de polo menos dúas lentes para conseguir un aumento considerable do obxecto visualizado, foi un grande avance para a ciencia, ao posibilitar o progreso de moitas disciplinas científicas, por exemplo, bioloxía, medicina, química... ao facilitar a identificación das estruturas básicas da materia.

Este exemplar é o único microscopio orixinal de Leeuwenhoek que se coñece en España, sendo o irmán xemelgo do existente no museo Boerhaave de Leiden, ben que ten un aumento maior e, como aquel, presenta unha característica única: tres buratos no parafuso. O resto dos microscopios localízanse fundamentalmente no país de orixe do naturalista de Delft, cuxas investigacións se consideran a orixe da microbioloxía e outorgarlle ao seu creador unha gran consideración na evolución da microscopia e o desenvolvemento do microscopio.

5. Réxime de protección e salvagarda.

A declaración como ben de interese cultural do microscopio naturalista de Antony Van Leeuwenhoek, determinará a aplicación do réxime de protección, para os bens mobles declarados ben de interese cultural, previsto nos títulos II e III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) e complementariamente co que se establece na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE) en materia de exportación e espolio.

Este réxime supón a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección. Este réxime implica:

• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar terán que ser autorizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o seu uso quedase subordinado a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola citada consellería.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens, están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a permitirlle o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas. Este acceso poderá ser substituído para o caso de investigación polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e que non poderá superar os dous meses cada cinco anos.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens, deberán permitir a visita pública nas condicións establecidas na normativa vixente, que poderá ser substituída polo depósito para a súa exposición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos.

• Transmisión: toda pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute deberalle ser notificada á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, con indicación do prezo e das condicións nas que se propoña realizar, podendo a Administración exercer os dereitos de tenteo ou retracto nas condicións legais establecidas.

• Expropiación: o incumprimento das obrigas de conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente.

• Traslado: calquera traslado deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural con indicación da orixe e destino, carácter temporal ou definitivo e condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento, agás nos casos de exportación.

• Exportación: a súa exportación queda sometida ao disposto nos artigos 5 e 6 da LPHE xa que se trata dunha competencia da Administración xeral do Estado.