Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 23 de decembro de 2021 Páx. 63561

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 3 de febreiro de 2021, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias e as de reforzo COVID-19 a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR905A).

O 17 de febreiro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 3 de febreiro de 2021, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias e as de reforzo COVID-19 a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR905A).

No artigo 2 precísase que se destinará para o financiamento destas axudas un crédito de dous millóns douscentos mil euros (2.200.000 €) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, e sinálase que este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.

Tendo en conta que o crédito inicialmente destinado a esta convocatoria resulta insuficiente debido ao gran volume de solicitudes presentadas, cómpre, mediante esta resolución, ampliar a dotación orzamentaria para a concesión das mencionadas axudas.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 109/2021, do 15 de xullo, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e na demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación da dotación orzamentaria

1. Ampliar a dotación orzamentaria prevista na Resolución do 3 de febreiro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias e as de reforzo COVID-19 a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, na contía de 300.000,00 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.2. A totalidade dese importe irá destinado á liña 2 de axudas de reforzo COVID-19 (código de proxecto 2021 00002).

2. Esta ampliación orzamentaria non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na resolución de convocatoria nin o resto dos seus artigos.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2021

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración