Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 24 de decembro de 2021 Páx. 63759

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se modifica a Resolución do 17 de decembro de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo (código de procedemento SI434A).

De conformidade co Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, correspóndelle impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, dispón no seu artigo 39.1 que «a Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, garantirá a existencia dunha prestación económica de carácter periódico dirixida ás mulleres vítimas de violencia de xénero. A prestación terá en conta a situación socioeconómica das mulleres e irá dirixida a posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor, ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación e mais a tentar axudalas a romper coa situación de violencia». E no punto 2 do mesmo artigo establece que «a Xunta de Galicia regulará esta prestación a través dunhas bases reguladoras, que serán aprobadas mediante orde ou resolución pola persoa titular do departamento competente en materia de igualdade. Estas bases reguladoras garantirán en todo caso un prazo de solicitude aberto durante todo o ano e establecerán como potenciais beneficiarias as vítimas de formas de violencia de xénero sinaladas nas alíneas a) Violencia física, b) Violencia psicolóxica, e f) Trata de mulleres e nenas, do artigo 3».

No Diario Oficial de Galicia do 2 de xaneiro de 2019 publicouse a Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo.

O 27 de decembro de 2017, todas as comunidades autónomas subscribiron o Pacto de Estado en materia de violencia de xénero, aprobado tanto no Congreso dos Deputados como no Senado, un documento final que consta de 10 eixes e un total de 292 medidas competencia tanto da Administración xeral do Estado, como das comunidades autónomas e das entidades locais. A medida 139 do Pacto do Estado contra a violencia de xénero acordou «facer extensivos os apoios psicosociais e dereitos laborais, as prestacións da Seguridade Social, así como os dereitos económicos recollidos na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, a quen padecese violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa».

Coa finalidade de dar cumprimento a esta medida, o 28 de xullo de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei 14/2021, do 20 de xullo, pola que se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, mediante a cal se lle engadiu ao artigo 1.2 un novo parágrafo, incluíndo dentro do concepto de violencia de xénero a violencia vicaria, entendida esta como o homicidio, asasinato ou calquera outra forma de violencia exercida sobre as fillas ou fillos da muller, así como sobre calquera outra persoa estreitamente unida a ela, coa finalidade de causarlle maior dano psicolóxico, por parte de quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen mantivo con ela unha relación análoga de afectividade mesmo sen convivencia. Tamén se modificou o artigo 3, no cal se recoñece a violencia vicaria como unha forma de violencia de xénero para os efectos desta lei, e déuselle unha nova redacción á alínea b) do artigo 5, para establecer que a situación de violencia de xénero poderá acreditarse mediante sentenza condenatoria na orde penal por homicidio ou asasinato das fillas ou fillos da muller, así como de calquera outra persoa estreitamente unida a ela, por quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen mantivo con ela unha relación análoga de afectividade mesmo sen convivencia ou calquera outro documento que acredite a violencia vicaria, así como as demais sentenzas de calquera orde xurisdicional que declaren que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas nesta lei.

Ademais, na disposición adicional única da Lei 14/2021, do 20 de xullo, establécese que o recoñecemento de vítima de violencia de xénero por violencia vicaria terá efectos retroactivos, polo que se recoñecerán os dereitos que regula esta lei a situacións ocorridas con anterioridade á aprobación da modificación desta.

Por todo o disposto, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo

Modifícase o punto 1 do artigo 5 da Resolución do 17 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, modificada pola Lei 12/2016, do 22 de xullo, nos seguintes termos:

Un. O punto 1 do artigo 5 queda redactado como segue:

«Serán requisitos necesarios para poder ser beneficiaria:

a) Ser muller, maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor, ou no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación. Estas condicións acreditaranse con algún dos documentos establecidos no artigo 7.2.a) desta resolución.

Para os efectos desta axuda, tamén terán a consideración de vítimas de violencia de xénero as mulleres que padeceran violencia vicaria ou violencia “por interpósita persoa”, con resultado de morte.

b) Ter cesado a convivencia co agresor, ou coa persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación, no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

O intervalo temporal establecido no parágrafo anterior non será de aplicación no caso de violencia vicaria ou violencia “por interpósita persoa”.

Nos casos de falecemento do agresor, o intervalo temporal será igualmente de doce (12) meses, tanto para o feito en si do propio falecemento como da ruptura da convivencia.

c) Que o documento acreditativo da situación de violencia de xénero fose adoptado ou emitido no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

O intervalo temporal establecido no parágrafo anterior non será de aplicación no caso de violencia vicaria ou violencia “por interpósita persoa”.

d) No caso de acreditar a situación de violencia de xénero cunha orde de protección ou medida cautelar, esta deberá estar vixente na data de presentación da solicitude e manterse na data da resolución desta axuda.

e) Estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, cando así o exixa a lexislación vixente, ter permiso de residencia. No caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual, será suficiente acreditar que posúen autorización de residencia por circunstancias excepcionais.

f) Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou seren estes de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación, e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias».

Disposición derradeira

Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2021

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade