Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 28 de decembro de 2021 Páx. 64265

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2021, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso na escala de auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, subgrupo C2, nas especialidades de emisorista/vixilante fixo/a, bombeiro forestal-condutor de motobomba e bombeiro forestal, do corpo de auxiliares de carácter técnico da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, convocado pola Orde do 28 de febreiro de 2019 (Diario Oficial de Galicia número 44, do 4 de marzo), pola que se dá publicidade de diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o día 13 de decembro de 2021, o tribunal nomeado pola Resolución do 20 de xullo de 2021 (DOG núm. 145, do 30 de xullo), modificada pola Resolución do 8 de setembro de 2021 (DOG núm. 176, do 13 de setembro), acordou, de conformidade co disposto na convocatoria, adoptar os seguintes acordos:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, en relación coas alegacións presentadas ao primeiro exercicio da especialidade de emisorista/vixilante fixo/a:

Quenda de promoción interna:

– Anular a pregunta 29, que pasa a ser substituída pola pregunta de reserva número 61.

Quenda de acceso libre:

– Anular a pregunta 49, que pasa a ser substituída pola pregunta de reserva número 83.

Segundo. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, en relación coas alegacións presentadas ao primeiro exercicio da especialidade de bombeiro forestal-condutor de motobomba:

Quenda de promoción interna:

– Anular a pregunta 19, que pasa a ser substituída pola pregunta de reserva número 61.

Quenda de acceso libre:

– Cambiar a resposta considerada como correcta da pregunta 20, que pasa de C) a B).

– Anular a pregunta 39, que pasa a ser substituída pola pregunta de reserva número 83.

Terceiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, en relación coas alegacións presentadas ao primeiro exercicio da especialidade de bombeiro forestal:

Quenda de promoción interna:

– Anular a pregunta 20, que pasa a ser substituída pola pregunta de reserva número 61.

– Anular a pregunta 23, que pasa a ser substituída pola pregunta de reserva número 62.

– Anular a pregunta 45, que pasa a ser substituída pola pregunta de reserva número 63.

Quenda de acceso libre:

– Anular a pregunta 19, que pasa a ser substituída pola pregunta de reserva número 81.

– Anular a pregunta 40, que pasa a ser substituída pola pregunta de reserva número 83.

– Anular a pregunta 43, que pasa a ser substituída pola pregunta de reserva número 84.

– Anular a pregunta 65, que pasa a ser substituída pola pregunta de reserva número 85.

Cuarto. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de trinta (30) puntos. Para estes efectos, de conformidade coas bases da convocatoria, mediante o Acordo deste tribunal, do 18 de novembro de 2021, polo que se dá publicidade aos criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio, estableceuse que superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes que obteñan un mínimo de trinta e seis (36) respostas correctas na quenda de acceso libre e un mínimo de vinte e sete (27) respostas correctas na quenda de promoción interna, unha vez feitos os descontos previstos. As preguntas non contestadas non penalizarán nin recibirán puntuación.

Asignarase a valoración de 30 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 30 e os 60 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Quinto. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que se presentaron ao primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso na escala de auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, subgrupo C2, nas especialidades de emisorista/vixilante fixo/a, bombeiro forestal-condutor de motobomba e bombeiro forestal, do corpo de auxiliares de carácter técnico da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 182, do 25 de setembro), no portal web da Xunta de Galicia (funcionpublica.xunta.gal).

Sexto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da orde da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de 10 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. De conformidade co disposto na base II.1.1.3, as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio e que non figuren na lista publicada pola Dirección Xeral da Función Pública no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal de persoas aspirantes que teñen acreditada a posesión do Celga requirido en calquera procedemento competencia da dita dirección xeral, disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentaren a documentación xustificativa de estar en posesión do Celga 3 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Oitavo. De acordo co establecido na base II.1.1.2 da convocatoria, para as especialidades de bombeiro forestal-condutor motobomba e bombeiro forestal, con carácter previo á realización do segundo exercicio, as persoas aspirantes deberán achegar á Dirección Xeral da Función Pública, no prazo máximo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, un certificado médico oficial ou informe sobre o seu estado de saúde, asinado por un médico colexiado en exercicio, en que se faga constar:

«Que non presenta enfermidade ou discapacidade que impida o correcto desenvolvemento dunha proba de esforzo físico».

O dito certificado deberá ter unha antigüidade máxima de 3 meses respecto da data de realización da proba. Non serán tidos en conta aqueles certificados que non indiquen o sinalado anteriormente.

Noveno. De conformidade coa base III.13 da orde da convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2021

Ángel Romero Baleirón
Presidente do tribunal