Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Mércores, 29 de decembro de 2021 Páx. 64715

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2021 sobre ampliación do prazo establecido no artigo 7 da Resolución do 2 de xuño de 2021, pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao programa estatal de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias (Diario Oficial de Galicia número 112, do 15 de xuño de 2021).

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, na reunión da Conferencia Sectorial do 9 de decembro de 2021, acorda a tramitación dunha modificación do Real decreto 149/2021, do 9 de marzo, polo que se regula o programa de axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias, co obxecto de ampliar a vixencia do programa que inicialmente remata o 31 de decembro de 2021.

De acordo co disposto no artigo 7.2 da convocatoria das axudas, o prazo de presentación de solicitudes comezará o 22 de xuño de 2021 ás 9.00 horas e rematará o 31 de decembro de 2021, data de finalización da vixencia do programa establecida no artigo 4 do Real decreto 149/2021.

Con carácter xeral o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), indica que a Administración poderá acordar a ampliación dos prazos establecidos de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

O Inega pretende prorrogar esta convocatoria de axudas para non prexudicar as empresas galegas con respecto ás empresas do resto do Estado, que poderán seguir beneficiándose desta convocatoria de axudas. Ao tratarse dunha convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva, a ampliación do prazo de solicitudes non causa prexuízo a terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 7.2 da convocatoria de axudas para a presentación de solicitudes, ampliándose o período de presentación de solicitudes, como máximo, á data de finalización da vixencia do programa de axudas que se establece no artigo 4 do Real decreto 149/2021, do 9 de marzo.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 de la LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021

Paula María Uría Traba
Directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia