Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 3 de xaneiro de 2022 Páx. 70

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 17 de decembro de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Rural Emprende) (código de procedemento IG501A).

BDNS (Identif.): 602313.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

a) Os titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda.

Para estes efectos, considerarase que forman parte da unidade familiar dunha explotación os familiares da persoa titular ata o terceiro grao de consanguinidade ou afinidade que estean empadroados no domicilio familiar vinculado á explotación.

b) Os autónomos e as microempresas e pequenas empresas de nova creación (dentro dos 12 meses anteriores á solicitude da axuda). Non se considera que existe nova creación nos supostos de cambio de natureza xurídica (de autónomo a sociedade mercantil unipersoal, por exemplo) e se os socios que representen a maioría do capital social viñesen desenvolvendo a mesma actividade por conta propia desde antes dos 12 meses anteriores á data da solicitude de axuda.

Segundo a definición que resulta do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, ten a consideración de pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

De ser o caso, a cualificación de pequena empresa tomará en consideración os datos das empresas asociadas e vinculadas para o cálculo de efectivos e importes financeiros, nos termos previstos no artigo 3 do citado anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto a creación de emprego nas zonas rurais mediante axudas á primeira implantación de actividades económicas non agrarias viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sustentabilidade do medio rural e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 17 de decembro de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Rural Emprende) (código de procedemento IG501A).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 06.A1.741A.7704, por un importe de 1.200.000 € con cargo ao exercicio 2022 e por un importe de 800.000 € con cargo ao exercicio 2023.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 45 días hábiles contados desde o día seguinte á publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2021

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica