Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 4 de xaneiro de 2022 Páx. 228

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

CORRECCIÓN DE ERROS. Resolución do 21 de decembro de 2021 pola que se convoca o proceso selectivo de estabilización para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de xestión de sistemas de informática.

Advertidos erros na resolución antes citada, publicada no Diario Oficial de Galicia número 244, do 22 de decembro de 2021, cómpre facer a seguinte corrección:

Nas páxinas 63412 e 63413, respecto da base II.1.1.3., Terceiro exercicio, onde di:

«Constará de dúas probas:

Primeira proba: consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

Segunda proba: consistirá na tradución dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización do exercicio será de sesenta (60) minutos.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderá ao tribunal determinar o coñecemento da lingua galega de acordo ao nivel do Celga requirido no proceso selectivo.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten que posuían o día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG), o Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Xunto coa resolución anterior, a Dirección Xeral da Función Pública publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe de persoas aspirantes na que figurarán aquelas que, por ter acreditado a posesión do Celga requirido, en calquera procedemento cuxa competencia corresponda a esta dirección xeral, non teñen que presentar a documentación xustificativa da exención.

A exención da proba e de coñecemento da lingua galega deberá acreditarse no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións do primeiro exercicio.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto en cada unha das probas.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles».

Debe dicir:

«Terceiro exercicio, constará de dúas probas:

– Primeira: consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de trinta (30) preguntas tipo test sobre un texto técnico en inglés, con catro (4) respostas alternativas das cales só unha delas será a correcta, máis tres (3) preguntas de reserva.

Estarán exentas de realizar a primeira proba deste exercicio as persoas aspirantes que acrediten que, dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo, posuían un nivel de coñecemento da lingua inglesa correspondente a un nivel B2, ou superior, dentro do Marco común europeo de referencia. As titulacións equivalentes figuran como anexo IV a esta convocatoria.

A duración máxima da proba será de cincuenta (50) minutos.

Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar o resultado de apto na proba.

– Segunda, que constará de dúas probas:

Primeira proba: consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

Segunda proba: consistirá na tradución dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización do exercicio será de sesenta (60) minutos.

Corresponderá ao tribunal determinar o coñecemento da lingua galega de acordo co nivel do Celga requirido no proceso selectivo. Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten que posuían o día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Xunto coa resolución anterior, a Dirección Xeral da Función Pública publicará, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, unha listaxe de persoas aspirantes en que figurarán aquelas que, por teren acreditado a posesión do Celga requirido, en calquera procedemento cuxa competencia corresponda a esta dirección xeral, non teñen que presentar a documentación xustificativa da exención.

A exención da proba de inglés e de coñecemento da lingua galega deberá acreditarse no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións do primeiro exercicio.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto en cada unha das probas.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) días hábiles desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles».