En cumprimento do disposto no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, polo que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de novembro de 2021 polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e se declaran a utilidade pública, en concreto, e a compatibilidade co aproveitamento forestal sobre os terreos de varias comunidades de montes veciñais en man común, da LAT 66 kV de evacuación do parque eólico Acibal, no termo municipal de Moraña (Pontevedra) e promovida por Norvento, S.L.U. (expediente IN408A 2018/01), que se recolle como anexo desta resolución.
Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais
ANEXO
Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de novembro de 2021 polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e se declaran a utilidade pública, en concreto, e a compatibilidade co aproveitamento forestal sobre os terreos de varias comunidades de montes veciñais en man común, da LAT 66 kV de evacuación do parque eólico Acibal, no termo municipal de Moraña (Pontevedra) e promovida por Norvento, S.L.U. (expediente IN408A 2018/01)
Feitos:
1. O 17.1.2018 a empresa Norvento, S.L.U. (en diante, promotor) presentou ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, e en diante, DXPERN) a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, da infraestrutura eléctrica denominada LAT 66 kV de evacuación do parque eólico Acibal, acompañada da seguinte documentación:
• Proxecto de execución da referida infraestrutura eléctrica, asinado o 17.1.2018 polo enxeñeiro industrial Pablo María Fernández Castro, colexiado nº 985-201 do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI.
• Declaración responsable do técnico proxectista, conforme os modelos establecidos para o efecto no anexo I da Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, sobre os criterios aplicables para exixir o visado colexial en materia de industria e enerxía, e no anexo XIX do Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior.
• Separatas técnicas para as entidades afectadas pola infraestrutura eléctrica proxectada: Augas de Galicia, Deputación Provincial de Pontevedra, Concello de Moraña, UFD Distribución Electricidad, S.A. e Telefónica de España, S.A.
• Documento ambiental da infraestrutura eléctrica proxectada para a petición de inicio da avaliación de impacto ambiental simplificada.
• Xustificante de pagamento da taxa correspondente ao procedemento de autorización de liñas eléctricas (código 32.18.00).
• Documento de declaración de utilidade pública (datado en outubro de 2017), coa relación de bens e dereitos afectados (RBDA).
Segundo consta no proxecto de execución, a referida infraestrutura eléctrica terá por obxecto a evacuación da enerxía eléctrica producida no parque eólico Acibal (12 MW), promovido por Norvento, S.L.U., e consistirá nunha liña eléctrica de 66 kV, en simple circuíto e con condutor LA-180 simplex, cunha lonxitude de 4.399 m, con orixe na subestación do PE Acibal e final no apoio nº 43 da LAT 66 kV SET Pico Tourián-SET Tibo, transcorrendo na súa totalidade polo termo municipal de Moraña (Pontevedra).
2. O 26.1.2018 a DXPERN, en cumprimento do disposto no artigo 45.3 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, trasladou ao órgano ambiental (actualmente Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático) a solicitude de inicio de avaliación ambiental simplificada.
O 22.2.2018 o órgano ambiental informou á DXPERN que o proxecto debería ser obxecto de avaliación ambiental simplificada e que se tiña iniciado o período de consultas previsto no artigo 46 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, o que se lle trasladou ao promotor coa mesma data.
3. O 9.3.2018 a DXPERN remitiu á Xefatura Territorial de Pontevedra desta consellería (en diante, xefatura territorial) o expediente da LAT 66 kV de evacuación do PE Acibal, para os efectos de continuar coa tramitación do expediente prevista nos puntos 7 a 13 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
4. O 3.10.2018 o órgano ambiental ditou resolución pola que se formulou o informe de impacto ambiental da referida infraestrutura eléctrica, que fixo pública mediante Anuncio do 3 de outubro de 2020, no DOG núm. 221, do 20 de novembro de 2018.
5. O 29.6.2020 a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, da referida infraestrutura eléctrica, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 19 de agosto de 2020 e no xornal Faro de Vigo do 19 de agosto, e tamén estivo exposto no taboleiro de anuncios do Concello de Moraña. Simultaneamente, practicou as notificacións individuais da solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, aos titulares dos predios afectados que figuran na RBDA publicada, con enderezo coñecido. Así mesmo, para aqueles afectados para os que non se puido practicar a notificación, ditou un anuncio, con data do 20.10.2020, para os efectos da súa notificación, que se publicou no DOG do 3 de novembro de 2020 e no taboleiro de edictos único do BOE do 6 de novembro.
Durante o período de información pública presentáronse varios escritos de alegacións en relación coa declaración de utilidade pública, dos que a xefatura territorial deu traslado ao promotor para que presentase a súa contestación ao respecto. A continuación relaciónanse as persoas alegantes, recollendo un resumo do contido dos seus escritos de alegacións:
a) Mónica Monteagudo Gamallo, a respecto das parcelas que figuran na RBDA publicada cos números 91, 140 e 197 e a nome de José Manuel Gamallo Garraría, fai constar que recibiu no seu domicilio unha notificación dirixida a esta persoa, que recepcionou debido a que o nome coincidía cun familiar que residía antigamente nese enderezo, pero que revisado o documento comprobou que as parcelas relacionadas non son da súa titularidade. Consultou ao Concello de Moraña, quen o informou que existía outra persoa co mesmo nome e apelidos, residente noutra parroquia e que figura no catastro como titular, facilitando o seu enderezo.
b) María del Carmen Suárez Piñeiro, a respecto da parcela que figura na RBDA publicada co nº 200 e a nome de herdeiros de Angélica Piñeiro Castro, fai constar que é da súa titularidade por herdanza da súa nai, indicando que é de natureza rústica e está dedicada á sementa de millo e pataca, para abastecer as necesidades anuais familiares deses produtos, e constando como uso permitido a construción destinada á almacenaxe de apeiros de labranza anexo á explotación agrícola. Manifesta a súa desconformidade coa ocupación debido a que a propiedade quedaría inservible para calquera uso e solicita que se deixe sen efecto ou subsidiariamente se proceda á expropiación total da parcela.
c) Verísimo Sayáns Folgar, a respecto da parcela que figura na RBDA publicada co nº 200 e a nome de herdeiros de Angélica Piñeiro Castro, fai constar que a titularidade é incorrecta e que se atopa en trámites de corrección/modificación na Sede do Catastro ao seu favor, solicitando que, mentres non se finalice o trámite de modificación catastral, se teña en conta o erro existente para posteriores notificacións.
d) Agustina Pereira Pena, a respecto a parcela que figura na RBDA publicada co nº 204 e a nome de herdeiros de Leonisa Pena Pardo, solicita a emenda da titularidade ao seu favor, para o que achega acordo de alteración de titularidade da Xerencia Territorial do Catastro de Pontevedra.
e) Miguel Ángel Redondo Remiseiro, a respecto da parcela que figura na RBDA publicada co nº 30 e a nome de José Redondo Fariña, solicita a emenda da titularidade ao seu favor, para o que achega documentación xustificativa.
f) José Manuel Redondo Remiseiro, a respecto das parcelas que figuran na RBDA publicada cos números 111, 116, 118 e 121 e a nome de José Redondo Fariña, solicita a emenda da titularidade ao seu favor, para o que achega documentación xustificativa.
g) Silvia María Fariña Calvo, a respecto da parcela que figura na RBDA publicada co nº 162 e a nome de María Benavides Camiño, fai constar que adquiriu esta parcela mediante permuta, con carácter privativo, solicitando a emenda da titularidade ao seu favor e a remisión das futuras correspondencias ao enderezo sinalado no encabezamento do seu escrito.
h) Manuel Fariña Fariña (con enderezo en Valladolid), a respecto das parcelas que figuran na RBDA publicada cos números 110, 123 e 250 e a nome dunha persoa co mesmo nome (con enderezo en Moraña), reclama a súa titularidade e solicita o cambio de enderezo para os efectos de notificacións.
i) María Antonia Ruibal Monteagudo, a respecto da parcela nº 258 que figura na RBDA publicada a nome de Esther Monteagudo, reclama a súa titularidade por herdanza e solicita a actualización dos datos do enderezo para as futuras notificacións.
j) Lourdes Garraría Sayáns, a respecto das parcelas que figuran na RBDA publicada cos números 153 e 205 e a nome de Nélida Novas García, reclama a súa titularidade a favor de María Isabel Calvo Novas por herdanza, achegando documentación xustificativa.
k) José Antonio Garraría Lores, a respecto das parcelas que figuran na RBDA publicada cos números 14 e 51 e a nome de herdeiros de Elena Lores Barreiro, fai constar que estas parcelas pertencen a María Cruz Garraría Lores e a Tomás Garraría Lores, respectivamente, segundo consta en escrituras para o efecto na notaría de José Mª Graíño Ordóñez en Caldas de Reis, e facilitando os seus enderezos.
6. A xefatura territorial trasladou as separatas técnicas, para os efectos de obter os seus informes ao respecto, ás seguintes entidades afectadas pola referida infraestrutura eléctrica e na data indicada: o 8.7.2020 ao Concello de Moraña e o 22.7.2020 a Augas de Galicia, á Deputación Provincial de Pontevedra, a UFD Distribución de Electricidad, S.A. e a Telefónica de España, S.A.
As entidades Augas de Galicia, Deputación Provincial de Pontevedra, UFD Distribución de Electricidad, S.A. e Telefónica de España, S.A.U. emitiron informes nos que se recollen os seus condicionados técnicos, cos cales a promotora manifestou a súa conformidade.
O Concello de Moraña non contestou a petición de informe, nin a súa reiteración, entendéndose a súa conformidade coa autorización da referida infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.
7. O 2.11.2020 a xefatura territorial, para os efectos de determinar a posible concorrencia da referida infraestrutura eléctrica con outras utilidades públicas, solicitou informe ao seu Servizo de Enerxía e Minas é á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, co seguinte resultado:
• O 11.11.2020 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial certificou que non constan dereitos mineiros vixentes afectados pola referida infraestrutura eléctrica, segundo os datos consultados no Censo Catastral Mineiro de Galicia.
• O 11.12.2020 a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal emitiu informe sobre aproveitamentos de masas forestais afectadas pola referida infraestrutura eléctrica, concluíndo que esta afecta os esbozos das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Moraña seguintes: Batán e Castro (clasificación de 1979), Rebón de Arriba (clasificación de 1982) e Rebón (clasificación de 1982). Así mesmo, indica que o esbozo dos montes da CMVMC de Calvo e Redondio forma parte dun expediente en tramitación, segundo o cal se vería afectado o monte de Redondio clasificado á CMVMC de Calvo e Redondio e o monte Acibal clasificado á CMVMC de Calvo.
8. O 29.1.2021 a Xefatura Territorial iniciou o procedemento de declaración de compatibilidade ou prevalencia de utilidades públicas, previsto no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, coa apertura do trámite de audiencia, outorgándolles aos titulares dos aproveitamentos forestais afectados (CMVMC de Batán e Castro, Rebón de Arriba, Rebón, Calvo e Calvo e Redondio) un prazo de 15 días para alegar e presentar os documentos e xustificacións que considerasen oportunos, sen que ningún deles presentase contestación ao respecto.
A Xefatura Territorial remitiu á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, con data do 26.2.2021, o expediente correspondente, para os efectos da emisión do informe sobre a compatibilidade ou incompatibilidade da referida infraestrutura eléctrica cos aproveitamentos forestais afectados.
A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal emitiu, con data do 25.5.2021, informe favorable a respecto da compatibilidade da LAT 66 kV de evacuación do PE Acibal co aproveitamento forestal sobre os terreos das CMVMC de Batán e Castro, Rebón de Arriba, Rebón e Calvo e Redondio no concello de Moraña.
9. O 17.6.2021 o promotor presentou un novo documento de declaración de utilidade pública (datado en xuño de 2021), coa relación definitiva de bens e dereitos afectados (RBDA), logo de incluír novos datos relativos á titularidade das parcelas, en atención ás alegacións recibidas durante o trámite de información pública.
10. O 17.6.2021 o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Acibal e as súas infraestruturas de evacuación, ao abeiro do establecido nos artigos 42 e 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresarias en Galicia.
Tras esta declaración, e en aplicación do disposto no artigo 44.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, e no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o 29.7.2021 a DXPERN ditou resolución pola que se declarou a tramitación de urxencia do procedemento administrativo correspondente á autorización da LAT 66 kV de evacuación do PE Acibal (expediente IN408A 2018/01), o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.
11. O 22.6.2021 a xefatura territorial, logo de rematada a instrución do expediente IN408A 2018/01, deu traslado do mesmo á DXPERN para os efectos de ditar a correspondente resolución de autorización e declaración de utilidade pública. No expediente consta informe dos servizos técnicos da xefatura territorial de data 21.6.2021 no que se conclúe que no expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites legais e regulamentarios establecidos para o efecto.
12. O 20.10.2021 a DXPERN emitiu informe sobre a tramitación realizada, indicando que procede facer a proposta ao Consello da Xunta de Galicia para o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción e de declaración de utilidade pública, en concreto, e de compatibilidade co aproveitamento forestal sobre os terreos de varias CMVMC, da LAT 66 kV de evacuación do parque eólico Acibal, no temo municipal de Moraña (Pontevedra) e promovida por Norvento, S.L.U. (expediente IN408A 2018/01).
Consideracións legais e técnicas:
1. A lexislación de aplicación ao presente expediente é a seguinte:
• Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o fondo de compensación ambiental.
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
• Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
• Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento de implantación de iniciativas empresarias en Galicia.
• Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, polo que se establecen medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
• Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental (DOG núm. 32, do 17 de febreiro de 1997).
• Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
• Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm. 54, do 19 de marzo de 2014).
2. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 45.6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo único do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro de 2017).
3. Á vista dos escritos de alegacións presentados durante o trámite de información pública, da contestación do promotor a estas alegacións e do resto da documentación que consta no expediente, cómpre manifestar o seguinte:
• En canto ao escrito de alegacións presentado por Mónica Monteagudo Gamallo, advertindo dun erro na titularidade e enderezo de tres parcelas que figuran na RBDA publicada (nº 91, 140 e 197), indicar o seguinte: tomouse razón e procedeuse á corrección do titular e enderezo das parcelas referidas.
• En canto aos escritos de alegacións presentados por María del Carmen Suárez Piñeiro, opoñéndose á ocupación dunha parcela que figura na RBDA publicada (nº 200) e solicitando subsidiariamente a súa expropiación total, indicar o seguinte: a pretensión de expropiación total non se considera, por ser demasiado xenérica e non acreditarse documentalmente que a afectación proposta altera as condicións da súa explotación. En todo caso, a valoración económica da afección proposta tramitarase na fase de determinación do prezo xusto, dentro do procedemento expropiatorio, na que se determinará a indemnización que corresponda e na que o afectado poderá presentar a súa folla de aprecio na que concretará o valor que considera lle corresponde polos prexuízos que se lle ocasionen, co fin de que o Xurado de Expropiación de Galicia poda determinar o prezo xusto.
• En canto aos escritos de alegacións, solicitando cambios de titularidade de parcelas que figuran na RBDA publicada, indicar o seguinte: tomouse razón destas comunicacións para os efectos de considerar aos alegantes como interesados no procedemento; non obstante, a documentación xustificativa achegada, por resultar fotocopia ou incompleta, non permite comprobar a titularidade efectiva. En consecuencia, será durante o levantamento de actas previas á ocupación (unha vez iniciado o procedemento expropiatorio), acto ao que serán oportunamente convocados os afectados, o momento no que se poderá demostrar a titularidade das parcelas, achegando a documentación acreditativa precisa (orixinal e completa).
4. Informe da Xefatura Territorial, con data do 21.6.2021, no que se conclúe que no expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites legais e regulamentarios establecidos para o efecto.
5. Informe da DXPERN, con data do 20.10.2021, no que se indica que procede facer a proposta ao Consello da Xunta de Galicia para o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción e de declaración de utilidade pública, en concreto, e de compatibilidade co aproveitamento forestal sobre os terreos de varias CMVMC (Batán e Castro, Rebón de Arriba, Rebón, Calvo e Calvo e Redondio no concello de Moraña), da LAT 66 kV de evacuación do parque eólico Acibal, no temo municipal de Moraña (Pontevedra) e promovida por Norvento, S.L.U. (expediente IN408A 2018/01).
De conformidade con todo o que antecede, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte acordo:
1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura eléctrica denominada LAT 66 kV de evacuación do parque eólico Acibal, situada no termo municipal de Moraña (Pontevedra) e promovida por Norvento, S.L.U.
2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica, asinado o 17.1.2018 polo enxeñeiro industrial Pablo María Fernández Castro, colexiado nº 985-201 do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI, e no que figura un orzamento total de 573.632,77 €.
3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada infraestrutura eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
4. Declarar a compatibilidade da citada infraestrutura eléctrica co aproveitamento forestal sobre os terreos das comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Batán e Castro, Rebón de Arriba, Rebón, Calvo e Calvo e Redondio no concello de Moraña.
Este acordo axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. En cumprimento do disposto no informe de impacto ambiental da referida infraestrutura eléctrica e de conformidade co disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, fíxase en 10.045 € a contía do aval (dos cales 4.305 € corresponden á fase de obras e 5.740 € á fase de desmantelamento e abandono das instalacións), que deberá constituír o promotor para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do seu custo de restauración.
O promotor deberá depositar este aval, con carácter previo ao inicio das obras, na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e devolverase cando desaparezan as causas que motivaron a súa constitución, de conformidade co disposto no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro.
2. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado LAT 66 kV de evacuación do parque eólico Acibal, asinado o 17.1.2018 polo enxeñeiro industrial Pablo María Fernández Castro, colexiado nº 985-201 do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI, e no que figura un orzamento total de 573.632,77 €.
3. O promotor asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que, en todo momento, se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.
En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.
4. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPERN; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.
5. Con carácter previo ao inicio das obras e á posta en marcha da referida infraestrutura eléctrica, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución, así como das condicións que sexan de aplicación das que figuran no seu informe de impacto ambiental.
6. Para dar cumprimento ao establecido no artigo 48.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, relativo ao contido da autorización do proxecto, resúmese a seguinte información contida no informe de impacto ambiental (IIA):
– Conclusión sobre os efectos significativos do proxecto no ambiente: punto 3.3 do IIA.
– Condicións ambientais establecidas e medidas previstas para prever, corrixir ou compensar os efectos adversos significativos no ambiente: puntos do 4.1 ao 4.7 do IIA.
– Descrición das características do proxecto: punto 1.1 do IIA.
– Medidas de seguimento e órgano encargado deste: punto 4.8 do IIA.
7. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.
8. O promotor disporá dun prazo de 3 anos, contado a partir do presente acordo, para solicitar a autorización de explotación da referida infraestrutura eléctrica, de conformidade co establecido no artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
A solicitude de autorización de explotación deberá acompañarse dun certificado de final de obra, subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a infraestrutura eléctrica se realizou conforme as especificacións contidas neste acordo e no proxecto de execución autorizado, así como nas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, e deberá presentarse ante a xefatura territorial, que será a encargada de emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas, de conformidade co disposto no artigo 35 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
9. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos neste acordo ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
10. Este acordo adóptase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
11. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
12. Recóllese como anexo a este acordo a RBDA definitiva que se empregará no procedemento expropiatorio e que figura no documento de utilidade pública presentado polo promotor o 17.6.2021.
Contra este acordo, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.