Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 10 de xaneiro de 2022 Páx. 640

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, pola que se declara de interese galego a Fundación Social Vento Atlántico e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Social Vento Atlántico, unha vez vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 8 de xullo de 2021, Emilio Mayo Moreno, na súa condición de presidente do padroado da Fundación Social Vento Atlántico, formulou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Social Vento Atlántico foi constituída por Emilio José Mayo Sobrino en escritura pública outorgada en Cambados (Pontevedra) o 25 de marzo de 2021, ante a notaria María Elena Loira Pastoriza, co número 350 do seu protocolo, emendada por outra outorgada na mesma localidade e ante a mesma notaria o 22 de outubro de 2021, co número 1.414 do seu protocolo.

Terceiro. En virtude do disposto no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto o desenvolvemento de accións encamiñadas a potenciar a prevención, a defensa e o desenvolvemento dos dereitos das persoas que, sexa por razóns de idade, ou de enfermidade física ou psíquica, ou por calquera tipo de discapacidade, están necesitadas de especial protección, promovendo a súa integración social e laboral, mellora da súa calidade de vida, prestación de axuda e colaboración, tanto individual como colectivos, orientado polos principios de integración social, normalización e integración laboral.

Cuarto. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das persoas fundadoras e a súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (Diario Oficial de Galicia número 242, do 19 de decembro).

Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, obxecto e actividades, o domicilio e ámbito de actuación, as regras para a aplicación dos recursos aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do padroado, as regras para a designación e substitución dos seus membros, as causas de cesamento, as súas atribucións e a forma de deliberar e de adoptar acordos.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por Emilio Mayo Moreno como presidente, Emilio José Mayo Sobrino como secretario e Sofía García-Ramos Fojón e María Luisa Sobrino Montero como vogais.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, na xuntanza do día 22 de novembro de 2021, elevoulle ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese social da Fundación Social Vento Atlántico consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 47 da antedita lei, no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Política Social.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, do 30 de novembro de 2021, clasificouse como de interese social a Fundación Social Vento Atlántico, e adscribiuse á Consellería de Política Social para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Social Vento Atlántico, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e logo do informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social, da Fundación Social Vento Atlántico, polo que

RESOLVO:

Primeiro. Declarar fundación de interese galego a Fundación Social Vento Atlántico.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Social Vento Atlántico no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Política Social.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Política Social, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2021

María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social