Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 14 de xaneiro de 2022 Páx. 1602

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2021, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación do Acordo de adhesión temporal ao convenio colectivo das fundacións sanitarias en canto non se acorde un convenio colectivo propio para o persoal da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

Visto o texto do Acordo de adhesión temporal ao convenio colectivo das fundacións sanitarias en canto non se acorde un convenio colectivo propio para o persoal da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que se subscribiu con data do 14 de outubro de 2021 entre a representación da Fundación, Función Pública e os representantes dos traballadores e traballadoras, pertencentes aos sindicatos UGT e CC.OO., e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Dirección Xeral de Relacións Laborais,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021

Elena Mancha Montero de Espinosa
Directora xeral de Relacións Laborais

ANEXO

Acta da segunda sesión da Comisión Negociadora do convenio colectivo para o persoal da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica na cal se acordou a adhesión temporal ao convenio colectivo das fundacións sanitarias en canto non se acorde un convenio colectivo propio para o persoal da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica

Reunidos:

En representación de función pública:

Victor Gallego Vincent, subdirector xeral de Réxime Xurídico e Relacións Laborais, Dirección Xeral de Función Pública.

Fernando Domínguez Puente, director técnico da FPGMX.

En representación da fundación:

Rosario Royo Martel, directora de RRHH, Galaria.

Antonio Andreu Vázquez, responsable de Relacións Laborais e Prevención, Galaria.

Torres Español, técnico de calidade da FPGMX.

En representación dos traballadores:

Victoria Eugenia Pardo Fraga, representante legal dos traballadores da FPGMX-CC.OO.

Pilar Caamaño Vara, representante legal dos traballadores da FPGMX-UGT.

Ana Riveiro Currais, CC.OO.

Emilia Lamas Seoane, CC.OO.

Javier González Castro, CC.OO.

Javier Martínez Fente, UGT.

David Modesto Macía Arce, UGT.

Orde do día:

1. Lectura e aprobación da acta da sesión do 16 de setembro de 2021.

Asínase a acta, remitida por correo electrónico con anterioridade aos membros da comisión negociadora.

2. Pronunciamento dos representantes legais dos traballadores á proposta presentada pola Fundación.

Ao tratar este segundo punto da Orde do día, ambas as partes alcanzan os acordos que despois se relacionarán e, con carácter previo:

Manifestan:

I. Que se recoñecen capacidade e lexitimación suficiente, de acordo co establecido no artigo 87 do Estatuto dos traballadores.

II. Que, no momento da sinatura da presente acta, as partes aquí representadas non teñen constancia da afectación de ningún convenio colectivo.

Acordan:

Primeiro. As partes acordan unha adhesión temporal ao convenio colectivo das fundacións sanitarias en canto non se acorde un convenio colectivo propio nos termos propostos neste documento. A vixencia da dita adhesión, salvo acordo previo das partes en sentido contrario, decaerá o 1 de xuño de 2023 sen que se prorrogue automaticamente a súa vixencia.

Así mesmo, e coa aprobación previa do Padroado da Fundación, darase traslado e copia do presente escrito á autoridade laboral competente para que teña constancia del e proceda o seu rexistro.

Segundo. A estrutura salarial é a xa proposta pola empresa e estudada polas partes e anexarase a este documento.

Terceiro. A xornada de traballo, permisos licenzas e vacacións serán os establecidos na normativa do Sergas. A xornada semanal será de 37,5 horas.

Cuarto. Na primeira quincena do mes de xaneiro de 2022 as partes retomarán, se procede, as negociacións dun convenio propio para a Fundación.

Quinto. Os efectos das cláusulas segunda e a terceira iniciaranse o primeiro día do mes seguinte á sinatura da acta onde se recollan estes acordos.

Sexto. A adhesión e os efectos establecidos neste instrumento só se establecen para o persoal que realiza funcións asistenciais e administrativas na fundación.

3. Rogos e preguntas.

En proba de conformidade das partes cos acordos adoptados, asinan esta acta, e finalizan a sesión ás 14.30 horas do 14 de outubro de 2021.