Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 18 de xaneiro de 2022 Páx. 2267

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Resolución do 23 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI427A).

BDNS (Identif.): 605968.

De conformidade co previsto no artigo 17.3.b) e no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas na convocatoria as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que teñan domicilio social ou delegación en Galicia e que estean inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), sempre que cumpran os demais requisitos e condicións establecidos nas bases reguladoras.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación en que se encontran as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, coa finalidade de que poidan acadar unha maior autonomía e independencia de cara a mellorar a súa situación persoal, social e laboral, mediante o apoio a programas de recursos integrais de atención personalizada e especializada que respondan a un dos seguintes tipos:

a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade.

b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou a varios colectivos nos cales concorra a dita situación.

Son subvencionables os gastos e as actuacións realizadas entre o 1 de outubro de 2021 e o 31 de agosto de 2022.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 23 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI427A).

Cuarto. Importe

A contía máxima da axuda é de 40.000 €. Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total dun millón catrocentos mil euros (1.400.000,00 €).

Estas axudas están financiadas con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade