Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 18 de xaneiro de 2022 Páx. 2216

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI427A).

O Estatuto de autonomía, no seu artigo 4, determina que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos cales se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

En desenvolvemento destas competencias aprobáronse dúas leis galegas en materia de igualdade, a Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, hoxe recollidas no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. No seu artigo 1 recóllese como un dos principios de actuación o fomento da comprensión da maternidade como unha función social e establece que a protección da maternidade é unha necesidade social que os poderes públicos galegos asumen e recoñecen politicamente, e xa que a maternidade é un ben insubstituíble, todas as cargas e coidados que supón –a gravidez, o parto, a crianza, a socialización dos fillos e fillas– deben recibir axuda directa das institucións públicas galegas, co fin de non constituíren discriminación gravosa para as mulleres.

Así mesmo, no artigo 40 do actual texto refundido establécese que a Xunta de Galicia adoptará, dentro das súas competencias, as medidas conducentes a favorecer, en condicións de igualdade entre mulleres e homes, a inserción social das mulleres en situación de especial vulnerabilidade, especialmente cando estean a cargo de familias monoparentais, todo iso no ámbito do compromiso básico da Comunidade Autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade, definindo os mecanismos para fomentar o protagonismo das mulleres como parte activa do desenvolvemento da nosa sociedade.

A promoción da igualdade entre mulleres e homes constitúe tamén un obxectivo básico e prioritario das políticas autonómicas, que ten o seu reflexo nas ditas normas, na planificación estratéxica, así como na sucesiva elaboración de plans no eido da igualdade, nos cales, entre outros, se recollen obxectivos e actuacións específicas para dar resposta ás necesidades das mulleres en situación de especial vulnerabilidade, impulsar a participación destas mulleres e tomar en consideración as súas necesidades específicas, co fin de avanzar na construción dunha sociedade máis próspera, plural e cohesiva, na cal a igualdade entre mulleres e homes sexa cada vez máis unha realidade efectiva en todos os espazos da vida pública e privada de Galicia.

Neste sentido, no VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, vixente ata que remate o proceso de elaboración do VIII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2021-2027, dentro das áreas estratéxicas para a igualdade prevese a participación das entidades de iniciativa social no seu desenvolvemento, en particular no obxectivo específico 5.2. Potenciar os recursos de atención e apoio para garantir unha asistencia integral ás mulleres embarazadas ao longo de todo o ciclo da maternidade adaptada ás súas características, e recolle como medida concreta a consolidación da Rede de apoio á muller embarazada. Acorde con iso, nesta actuación prevese unha liña de axuda específica para programas de recursos dirixidos a mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade. Así mesmo, no obxectivo 5.4. Promover a especialización e diversificación dos recursos públicos para facilitar unha resposta de calidade ás necesidades das mulleres, en especial das que se encontran en situación de maior dificultade, recolle como medida singular a promoción de programas e recursos especializados a través das entidades de iniciativa social, dirixidos ás mulleres en situación de dificultade para atender as necesidades específicas derivadas da súa situación, ao cal tamén responde un dos programas previstos nesta convocatoria.

Segundo dispón o Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, modificado polo Decreto 111/2021, do 22 de xullo, a Secretaría Xeral da Igualdade ten atribuídas, entre outras funcións, a de impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero; a de incorporar o principio de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia, en cumprimento do principio de transversalidade, así como a de promover programas e normas dirixidos a promover o exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos, e a establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Polo anterior, e con base nas ditas competencias, a Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario colaborar e cooperar no desenvolvemento de actuacións das entidades de iniciativa social que polos seus fins ou actividades contribúan á consecución dos obxectivos previstos e, en cumprimento do establecido na Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e se regula unha rede de apoio á muller embarazada, considera tamén necesario desenvolver programas específicos de apoio á protección da organización familiar, prestando especial atención ás mulleres novas embarazadas, en situación de risco de exclusión derivada da súa situación socioeconómica, formativa ou cultural, co fin de que estas poidan adquirir os medios e os recursos que lles permitan participar en pé de igualdade na sociedade e conciliar o dereito á maternidade coa educación e a familia e facer fronte así a unha dobre discriminación: unha, a que radica no feito de ser muller, e outra, o embarazo, que reduce aínda máis as posibilidades de se integrar no mercado de traballo.

As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro), e no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Esta convocatoria tramítase como expediente anticipado de gasto ao abeiro do disposto no artigo 1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 209, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 201, do 29 de outubro), ao existir crédito adecuado e suficiente para este fin no Proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 18 de outubro de 2021.

Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, e autorizada por acordo do Consello da Xunta de Galicia a concesión de anticipos de ata o 90 % da subvención concedida, sen constitución de garantías, no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e a convocatoria no ano 2022 das axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro rexistradas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), para o desenvolvemento de programas de recursos integrais de atención especializada dirixidos específica e exclusivamente a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, segundo o establecido na disposición adicional única desta resolución.

Estes programas teñen como finalidade fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación en que se encontran as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e laboral, polo que deberán incluír unha atención personalizada e especializada de cara á integración social e laboral das participantes, e responder a un dos seguintes tipos:

a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade.

b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou a varios colectivos nos cales concorra a dita situación, segundo a relación que figura na disposición adicional única desta resolución.

2. Cada entidade só poderá solicitar subvención para o desenvolvemento dun dos programas previstos no número 1 deste artigo.

Así mesmo, non serán subvencionables ao abeiro desta resolución os programas de atención integral dirixidos en exclusiva a persoas en situación de explotación sexual e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, por contaren cunha convocatoria de axudas específica.

3. A denominación e o código de procedemento correspondente a estas axudas é o seguinte: SI427A Subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade.

4. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co sinalado no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total dun millón catrocentos mil euros (1.400.000 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.313B.481.2, código de proxecto 2021 00062.

2. Estas axudas están financiadas con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

4. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Compatibilidade con outras axudas e ingresos xerados

1. Nestas axudas é posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo das accións subvencionadas.

2. Se a actuación subvencionada xera ingresos como consecuencia de achegas das participantes, taxas de inscrición, matrículas ou equivalentes, o seu importe será deducido do gasto subvencionable no momento da concesión da axuda, en atención aos declarados na solicitude de subvención. No caso de que os ingresos obtidos non se fixesen constar na solicitude ou sexan superiores aos declarados nela, a dedución farase ou reaxustarase no momento do pagamento final.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran os requisitos, condicións e obrigas previstas nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións; en particular os seguintes:

a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS).

b) Ter domicilio social ou delegación en Galicia.

c) Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.

2. Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as comunidades de bens, as sociedades civís, as entidades que se rexan polas disposicións relativas ao contrato de sociedade, as cooperativas, as mutualidades, así como as unións temporais de empresas e as agrupacións de interese económico.

3. Todos os requisitos e condicións exixidos se deberán cumprir na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Accións subvencionables

1. Serán subvencionables, sempre que se cumpran os requisitos e as condicións establecidos nesta resolución, as actuacións relacionadas no número 3 deste artigo, no marco dalgún dos seguintes programas:

a) Programa de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes en situación de especial vulnerabilidade, con fillas ou fillos menores de tres anos.

O programa, para que poida ser obxecto de subvención, debe incluír unha atención integral e especializada a mulleres xestantes e lactantes en situación de especial vulnerabilidade a través de accións dirixidas a promover o seu desenvolvemento persoal, familiar e laboral e a súa autonomía económica e afectiva, co fin de evitar que unha situación desexable se poida converter nun factor de exclusión.

Neste sentido, debe conter algunha das actuacións previstas no número 3 deste artigo, entre elas, de información sobre recursos integrais específicos para elas e as súas fillas e fillos; de acompañamento social e de apoio psicolóxico para a superación de cargas emocionais provocadas pola dita situación; de adquisición de competencias e habilidades persoais e sociais, e para a mellora da empregabilidade, así como servizos ou medidas de apoio na busca ou para o mantemento do emprego.

b) Programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou a varios colectivos en que concorra a dita situación, segundo a relación que figura na disposición adicional única desta resolución.

O programa debe incluír unha atención personalizada recollida en proxectos de integración individuais en que se plasmen intervencións específicas a través de unha ou de varias das actuacións previstas no número 3 deste artigo. O programa debe ter en conta o diferencial feminino e o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, como elemento básico da atención especializada que deben recibir as mulleres en situación de vulnerabilidade pertencentes ao colectivo ou colectivos a que se dirixe, co obxecto de mellorar as súas expectativas persoais, sociais e laborais de cara á súa integración en termos de igualdade. Tanto as actuacións como a cartelaría e documentación que dea soporte ás actuacións subvencionables incorporarán unha linguaxe inclusiva.

2. Os programas, para poderen ser obxecto de subvención, deben estar dirixidos en exclusiva a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, ben a mulleres pertencentes a un colectivo específico para a súa atención especializada e personalizada, ben a mulleres pertencentes a varios colectivos, preferentemente con características similares respecto das súas necesidades sociais de intervención, así como responder no seu contido e metodoloxía a un enfoque de atención integral e de xénero, de forma que dea resposta ás singularidades e dificultades que atopan as mulleres pertencentes ao colectivo que atende.

3. As actuacións desenvolvidas no correspondente programa deberanse encadrar nalgún dos seguintes tipos:

a) Servizos de orientación e información sobre recursos singularizados, de atención, orientación e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos que lles faciliten ás persoas usuarias o seu proceso de integración social.

b) Servizo de atención psicolóxica.

c) Servizo de asesoramento xurídico.

d) Servizo de mediación intercultural e/ou familiar.

e) Actividades para a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias para a mellora da empregabilidade.

f) Servizos ou medidas de orientación laboral e de acompañamento na busca de emprego, incluído o emprego por conta propia e o emprendemento, así como a prospección do mercado de traballo, a intermediación e a titorización laboral e profesional.

Para estes efectos, a atención personalizada a través destes servizos comprenderá tanto as actuacións presenciais e/ou por medios electrónicos coa persoa participante, de forma individual ou grupal, como aqueloutras actuacións que sexan necesarias, que non requiran a presenza da persoa, para dar resposta ás exixencias e singularidades do seu plan personalizado de integración, co obxectivo de incidir na mellora da súa situación persoal, social e laboral, e que consistan no acompañamento, seguimento e derivación activa a outros servizos no marco da coordinación, colaboración e cooperación con administracións públicas, profesionais ou con outras institucións, públicas ou privadas, dos diferentes ámbitos, tales como servizos sociais comunitarios, centros de información á muller (CIM), sanidade, vivenda, educación, formación e emprego.

Non serán obxecto de subvención as actividades de mero lecer, recreo, lúdicas ou culturais.

4. O período de referencia para o desenvolvemento do programa e para a imputación dos gastos subvencionables será o comprendido entre o 1 de outubro de 2021 e ata o 31 de agosto de 2022, ambos os dous incluídos.

5. Serán gastos subvencionables os derivados da realización do programa obxecto de subvención, referidos a custos directos de persoal e custos indirectos relacionados, segundo os termos establecidos no artigo 6 desta resolución.

Para a determinación do gasto subvencionable e do importe da subvención teranse en conta os custos directos de persoal dos/das profesionais que leven a cabo actuacións de atención ás usuarias, máis un 20 % para o financiamento doutros custos indirectos vinculados ao desenvolvemento do programa subvencionado. Estes gastos indirectos non requirirán unha xustificación adicional.

No caso de que a xornada de traballo das/dos profesionais non estea dedicada na súa totalidade ao programa, para a determinación do gasto subvencionable e do importe da subvención terase en conta a parte do gasto correspondente á execución do programa segundo a porcentaxe da súa xornada de traballo dedicada a este.

Só serán imputables os custos directos do persoal adscrito ao programa dedicado á atención a mulleres en situación de especial vulnerabilidade realizada polos/as seguintes profesionais: traballadoras/es sociais, psicólogas/os, asesoras/es xurídicas/os, educadoras/es e graduadas/os sociais, formadoras/es, terapeutas, orientadoras/es ou técnicas/os en integración social e/ou laboral, economistas, traballadoras/es familiares, mediadoras/es, intérpretes, monitoras/es e coidadoras/es.

6. En todo caso, a contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta convocatoria é de 40.000 euros.

7. Non poderán ser beneficiarias desta subvención as entidades que non acaden unha puntuación mínima de 45 puntos segundo os criterios establecidos no artigo 13 desta resolución.

8. Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable as porcentaxes de intensidade de axuda que se indican a continuación, en función da puntuación obtida na valoración realizada unha vez aplicados os criterios establecidos no artigo 13 desta resolución:

– Entre 95 e 100 puntos: 100 % do gasto subvencionable.

– Entre 85 e inferior a 95 puntos: 90 % do gasto subvencionable.

– Entre 75 e inferior a 85 puntos: 80 % do gasto subvencionable.

– Entre 65 e inferior a 75 puntos: 70 % do gasto subvencionable.

– Entre 55 e inferior a 65 puntos: 60 % do gasto subvencionable.

– Entre 45 e inferior a 55 puntos: 50 % do gasto subvencionable.

No suposto de esgotar o crédito dispoñible, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no caso de se producir algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente presentados ou de se producir un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución.

Así mesmo, no caso de quedar crédito libre despois de adxudicar a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, e sempre que non exista lista de espera, este repartirase entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de baremación, co límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada.

Artigo 6. Gastos subvencionables

Serán gastos subvencionables os derivados da realización das actuacións previstas no artigo 5 desta resolución no marco dun programa de recursos integrais, correspondentes ás seguintes categorías e conceptos:

1. Gastos directos de persoal: terán esta consideración os que estean directamente relacionados coa actuación subvencionada e que, polo tanto, se refiran de forma inequívoca e constatable a ela.

Serán subvencionables as retribucións salariais dos/das profesionais que pertenzan ao persoal propio da entidade dedicados/as á atención a mulleres en situación de vulnerabilidade, incluídas as pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social por conta da entidade beneficiaria, correspondentes ao período de execución do programa. A identificación da actuación que se subvenciona deberá constar no contrato de traballo ou nunha asignación previa de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación como no caso de dedicación parcial, garantindo sempre a súa xustificación documental.

No caso de contratación mercantil ou externa, os honorarios ou retribucións salariais correspondentes á execución do programa dos/das profesionais contratados/as co dito fin, logo da asignación de funcións vinculadas ás actuacións, segundo o previsto no artigo 5.3 desta resolución. Deberá quedar suficiente xustificación documental da actuación que se subvenciona e do tempo de dedicación á dita actuación.

Así mesmo, serán subvencionables os gastos correspondentes ás actividades propias do programa que con motivo da crise do coronavirus se realicen en modalidades de carácter non presencial, así como os gastos de persoal necesarios para a adaptación das actividades a esta modalidade non presencial, sempre que en ambos os dous casos se garanta unha pista de auditoría suficiente mediante probas de que o gasto e a actividade se realizaron.

A execución parcial das actuacións poderase concertar con persoas vinculadas coa entidade nos termos establecidos no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia. Neste caso, a entidade deberá solicitar a autorización do órgano concedente para poder levar a cabo esta contratación, indicando os motivos que a xustifican e se se realiza de acordo coas condicións normais do mercado. En todo caso, só será subvencionable, como máximo, o 10 % do importe da actividade subvencionada, sumando o gasto de todos os subcontratos.

2. Gastos indirectos: gastos correntes que non se corresponden en exclusiva coa operación subvencionada por ter carácter estrutural e que resulten necesarios para o seu desenvolvemento: gastos indirectos de persoal (coordinación e tarefas auxiliares); gastos en bens consumibles e en material funxible; gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, limpeza e seguridade).

3. Para os efectos destas axudas, non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido, non susceptible de recuperación ou compensación.

Así mesmo, non terán a consideración de subvencionables aqueloutros gastos que non respondan ás categorías e conceptos expresamente recollidos neste artigo.

4. Non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Malia o anterior, non se considerarán gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación ou programa subvencionado, tales como a contratación de persoal, alugueiro de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministración relacionados con eles, sempre que non sexan achegados pola mesma persoa física ou xurídica.

Artigo 7. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II: certificación da/do secretaria/o da entidade sobre o acordo de solicitar a subvención e sobre a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

b) Anexo III: memoria descritiva do programa para o cal se solicita a axuda, debidamente asinada pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante. Na memoria deberán constar a identificación do programa; o colectivo ou colectivos de mulleres en situación de vulnerabilidade a que vai dirixido; de ser o caso, procedemento de selección; período de realización; localización territorial; tipo de establecemento; xustificación e descrición do programa; obxectivos e necesidades sociais que se pretenden cubrir; descrición e relación das actuacións que inclúe o programa; posto e perfil dos/das profesionais que van participar directamente na execución do programa; medios materiais; sistema de avaliación e de seguimento das usuarias; obxectivos e resultados esperados, en particular os directamente vinculados á mellora das expectativas persoais e na busca de emprego ou da situación laboral das mulleres participantes.

c) Anexo IV: ficha individualizada da/do profesional que desenvolva ou vaia desenvolver servizos, actuacións ou actividades no programa, en que figure o tipo de vinculación coa entidade, o período de dedicación ao programa, a porcentaxe da súa xornada de traballo dedicada ao programa, o orzamento, así como a asignación das funcións e tarefas encomendadas durante o período subvencionable, asinada pola persoa responsable da entidade e polo/pola profesional.

Achegarase unha ficha individualizada por cada un/unha dos/das profesionais que desenvolvan ou vaian desenvolver o programa e deberanse numerar co mesmo ordinal con que figure na epígrafe da memoria referente á relación e perfil dos/das profesionais que van participar directamente na execución do programa.

d) Documentación acreditativa da representación que exerce a persoa que asina a solicitude para actuar en nome da entidade cando se atribúa a persoa distinta á designada no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

e) Cando se trate dunha entidade de segundo nivel (federación, confederación...), certificación da/do secretaria/o, conformada pola persoa que asine a solicitude, acreditativa das asociacións e federacións integradas, en que especifiquen, respecto de cada unha delas, a denominación e o NIF.

f) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude ou para maior detalle na descrición do programa, mediante a presentación dunha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida no anexo III e cuxa extensión non poderá exceder os 6 folios.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8 bis. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa que actúa en representación da entidade solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 11. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Así mesmo, tamén se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación aclaratoria e complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 12. Instrución do procedemento e Comisión de Valoración

1. A instrución do procedemento previsto nesta resolución correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á Comisión de Valoración.

2. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as solicitudes serán examinadas por unha Comisión de Valoración coa seguinte composición:

– Presidencia: o/a subdirector/a xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en quen delegue.

– Secretario/a: exercerá a Secretaría da Comisión un/unha dos/das vogais da Comisión.

– Vogalías: o/a xefe/a do Servizo de Fomento e Promoción da Igualdade, o/a xefe/a do Servizo de Programación, Cooperación Institucional e Planificación, o/a xefe/a do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas e o/a xefe/a do Servizo de Apoio Técnico-Administrativo.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión de Valoración, será substituída pola persoa funcionaria designada pola persoa que exerza a presidencia da Comisión.

3. A Comisión de Valoración poderalles requirir ás entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional aclaratoria que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Unha vez avaliadas as solicitudes seguindo os criterios e as pautas de baremación establecidos no artigo 13 e no artigo 5.8 desta convocatoria, a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, e proporá a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta de concesión anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en lista de espera por orde de puntuación para seren atendidas no caso de se producir algunha renuncia ou algún incremento do crédito inicialmente dispoñible. Para estes efectos, o órgano instrutor poderá formular sucesivas propostas de resolución con anterioridade á fin do prazo de xustificación das axudas.

5. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, para o caso de que concorran solicitudes similares e confluentes de entidades integradas noutras de segundo nivel, unicamente poderá obter subvención unha delas, para o cal a Comisión de Valoración proporá a adxudicación da que obteña maior puntuación e a denegación das outras.

Artigo 13. Criterios de valoración

1. A Comisión valorará as solicitudes consonte os seguintes criterios:

A) Pola especialización respecto do colectivo de mulleres a que vai dirixido o programa, ata 10 puntos, segundo o seguinte: a) programa dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade que pertenzan a un único colectivo específico: 10 puntos; b) programa dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade que pertenzan a varios colectivos con características similares: 6 puntos.

B) Temporización do funcionamento do programa dentro do período subvencionable, ata 15 puntos, segundo o seguinte:

B.1) Programa de desenvolvemento ininterrompido durante máis de 10 meses: 15 puntos.

B.2) Programa de desenvolvemento ininterrompido durante máis de 8 e ata 10 meses: 13 puntos.

B.3) Programa de desenvolvemento ininterrompido durante máis de 6 e ata 8 meses: 10 puntos.

B.4) Programa de desenvolvemento ininterrompido durante máis de 4 e ata 6 meses: 7 puntos.

B.5) Programa de duración igual ou inferior a catro meses: ata 4 puntos, 1 punto por cada mes completo de realización ininterrompida.

Para estes efectos, só se terá en conta o período en que exista unha adscrición de persoal ao programa.

C) Polo lugar de desenvolvemento do proxecto ou pola súa localización, ata 15 puntos, segundo o seguinte:

C.1) Programa desenvolvido en establecementos pechados (centros ou pisos de acollida, centros penitenciarios, hospitais, centros de recuperación): 15 puntos.

C.2) Programa desenvolvido en concellos cualificados como zonas pouco poboadas (ZPP), zonas intermedias (ZIP) e zonas densamente poboadas (ZDP), segundo os estudos ou datos publicados polo IGE, ata 15 puntos, segundo o seguinte: a) Programa desenvolvido en concellos ZPP: 15 puntos; b) Programa desenvolvido en concellos ZIP: 10 puntos; c) Programa desenvolvido en concellos ZDP: 5 puntos.

No caso de que o programa se desenvolva en varios concellos e a súa cualificación sexa distinta segundo os datos publicados polo IGE, para os efectos da aplicación deste criterio terase en conta a cualificación da maioría dos concellos en que se desenvolve o programa.

D) Polo interese, calidade, necesidade e polo seu contido e carácter integral, ata 36 puntos, segundo o seguinte:

D.1) Descrición precisa do programa, da súa xustificación e coherencia coas necesidades sociais que se pretenden cubrir: 3 puntos.

D.2) Adecuación do tempo de dedicación e do perfil dos e das profesionais adscritos/as en relación co contido do programa: 3 puntos.

D.3) Polo carácter integral do programa presentado, con respecto ás actuacións establecidas no artigo 5.3 desta convocatoria: ata 30 puntos, segundo o seguinte: a) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en cada unha das seis epígrafes recollidas no artigo 5.3: 30 puntos; b) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en cinco das epígrafes recollidas no artigo 5.3: 25 puntos; c) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en catro das epígrafes recollidas no artigo 5.3: 20 puntos; d) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en tres das epígrafes recollidas no artigo 5.3: 15 puntos; e) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación en dúas das epígrafes recollidas no artigo 5.3: 10 puntos; f) polo desenvolvemento, como mínimo, dunha actuación nunha das epígrafes recollidas no artigo 5.3: 5 puntos.

Para estes efectos, só se terán en conta as actuacións levadas a cabo polo persoal adscrito ao programa e que conte coa titulación académica correspondente para levar a cabo o dito servizo.

E) Polo número de usuarias en situación de especial vulnerabilidade atendidas e que superen o número mínimo exixido, segundo a xustificación da subvención concedida ao abeiro da convocatoria do ano 2020 (Resolución do 13 de decembro de 2019, publicada no DOG núm. 22, do 3 de febreiro de 2020), ata 24 puntos, de acordo co seguinte: a) ata o 10 %: 4 puntos; máis dun 10 % e ata o 20 %: 6 puntos; máis dun 20 % e ata o 40 %: 8 puntos; máis dun 40 % e ata o 60 %: 12 puntos; máis dun 60 % e ata o 80 %: 16 puntos; máis dun 80 % e ata o 100 %: 20 puntos; e máis dun 100 %: 24 puntos.

2. No caso de empate na puntuación, para o caso de que algunha delas poida quedar en lista de espera, para o desempate terá preferencia, en primeiro lugar, a solicitude que obtivese maior puntuación no criterio D) do número 1 anterior; en segundo lugar, pola obtida no criterio A) e, se persiste o empate, pola obtida no criterio E). De seguir o empate, pola data e hora de presentación da solicitude.

Artigo 14. Resolución e notificación

1. De conformidade co previsto na disposición adicional primeira do Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, por proposta do órgano instrutor e despois da fiscalización pola Intervención delegada, a resolución destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

2. O prazo para resolver e notificar ás entidades interesadas será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificaranse a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

Así mesmo, na resolución de concesión estableceranse as condicións da axuda a que quedan sometidas as entidades beneficiarias derivadas da aceptación da subvención, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que se deban obter con ela, o plan financeiro e o prazo de execución.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar, no prazo de dez (10) días, a súa aceptación e comprometerse a executar o programa ou actuación subvencionada no prazo e nas condicións establecidas na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

5. As notificacións de resolucións e actos administrativos distintos aos previstos no número 3 deste artigo e no artigo 11.1 desta resolución efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e segundo o seguinte:

a) De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

b) De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

c) As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

d) Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

1. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro desta resolución porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 16. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para a concesión destas axudas, nos supostos en que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos en que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e aos requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 17. Prazo e xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa da realización do programa de recursos integrais subvencionado con data límite do 12 de setembro de 2022.

2. Dentro do prazo sinalado no número 1.1 deste artigo, deberase presentar a seguinte documentación xustificativa:

a) Anexo V: solicitude de pagamento da axuda debidamente cuberta e asinada pola persoa que exerce a representación da entidade.

b) Anexo VI: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación, de todas as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións e, de ser o caso, dos ingresos percibidos por achegas das mulleres participantes.

c) Anexo VII: declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

d) Anexo VIII: certificación de gasto realizado; documento expedido pola Secretaría da entidade, acreditativa do gasto realizado no desenvolvemento do programa subvencionado, que inclúe a relación de xustificantes de gasto, clasificada e ordenada, na cal consten os importes que se imputan ao programa, incluída a data de pagamento.

Os gastos directos de persoal subvencionables (nóminas, facturas...), xerados entre o 1 de outubro de 2021 e o 31 de agosto de 2022, deberán estar efectivamente pagados na data de finalización do prazo de xustificación da subvención, o 12 de setembro de 2022.

As entidades beneficiarias que teñan que incluír un elevado número de xustificantes poden optar por presentar este certificado no formulario oficial publicado nesta resolución ou ben nun formulario elaborado por elas adaptado ao volume de documentos. Neste caso, teñen que respectar exactamente o modelo sen excluír ningún dos datos exixidos nel; en caso contrario, será rexeitado.

e) Anexo IX: memoria xustificativa do programa subvencionado, con descrición detallada das actuacións desenvolvidas, dos resultados obtidos, con indicación do número de persoas participantes segundo os indicadores recollidos no modelo, así como a publicidade e divulgación que se realizou. A memoria deberá estar asinada pola persoa representante da entidade.

A memoria irá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados, carteis, folletos, material didáctico, fotografías e outros documentos, onde deberán figurar a imaxe corporativa da Consellería de Emprego e Igualdade - Secretaría Xeral da Igualdade, para os efectos de acreditar a realización da actividade e o cumprimento das obrigas de publicidade e información recollidas no artigo 19 desta resolución.

f) Para xustificar o custo real dos gastos directos de persoal terá que se presenta copia dos seguintes documentos:

– Copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao programa. Para o caso de persoal externo, copia do contrato mercantil en que deberán figurar a actuación que se subvenciona e o tempo de dedicación á dita actuación.

– Informe de vida laboral do/dos código/s de cotización da entidade no/nos cal/cales estea incluído o persoal adscrito ao programa correspondente ao período subvencionable.

– Nóminas e recibos de liquidación de cotizacións, así como os modelos TC-2 e documentos bancarios que acrediten o seu pagamento.

– De ser o caso, facturas (ou documentos de valor probatorio equivalente) dos servizos de persoal externo, xunto cos xustificantes bancarios que acrediten o seu pagamento.

– Modelo 190 de resumo anual, retención de ingresos á conta do IRPF (modelo 111) correspondentes ao período durante o cal se desenvolveu a medida ou actividade subvencionada, e xustificantes bancarios do ingreso do modelo 111 do IRPF.

Malia o anterior, cando formen parte da conta xustificativa documentos de gastos que comporten ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considérase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación. As entidades beneficiarias quedan obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación nos dez días seguintes ao do remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, a dita presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

De acordo co artigo 42.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando quede xustificado o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola entidade beneficiaria.

g) Relación numerada das mulleres en situación de especial vulnerabilidade atendidas no período subvencionable, asinada pola persoa responsable do programa. Esta relación terá que se presenta no modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

h) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para un mellor detalle na xustificación da realización do programa, mediante a presentación dunha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida no anexo IX e cuxa extensión non poderá exceder os 6 folios.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido para o efecto comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación for incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non o facer, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 18. Pagamento da subvención

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actividade subvencionada.

2. Realizarase un primeiro pagamento do 90 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da resolución de concesión. As entidades beneficiarias quedan exoneradas da obriga de constituír garantías.

O 10 % restante, ou a parte que corresponda, librarase logo da xustificación por parte das entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

3. Procederá a minoración do importe da subvención concedida ou, de ser o caso, a perda do dereito ao seu cobramento, nos termos e nos casos previstos no artigo 21 desta resolución e nos demais supostos previstos na normativa de aplicación relacionada no artigo 23 desta convocatoria.

Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación; en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e xustificar a realización do programa, actuacións e actividades que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e dos prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.

2. Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control. Así mesmo, conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

3. Dar cumprimento á obriga de dar adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Así, en todo tipo de publicidade e información relativos á actuación e ás actividades subvencionadas terá que constar a condición de subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade.

Nos lugares de realización da actuación informarase do financiamento público da actuación a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispor dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida por parte da Secretaría Xeral da Igualdade.

Na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade está dispoñible un modelo coas características do cartel, emblemas e contido de obrigada inclusión.

4. Informar as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Emprego e Igualdade-Secretaría Xeral da Igualdade). Os emblemas deberán figurar, como mínimo, en todo o material e nos documentos que se utilicen ou entreguen ás usuarias ou participantes.

5. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

6. Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Igualdade, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e outros órganos de control competentes no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

7. Someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar a Secretaría Xeral da Igualdade, así como a calquera outra actuación de control que poidan realizar os órganos competentes, tanto autonómicos como estatais, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 20. Responsabilidade

A organización e materialización das accións obxecto de subvención serán responsabilidade exclusiva da entidade beneficiaria. A actuación da Secretaría Xeral da Igualdade quedará limitada ao seu outorgamento e a garantir o cumprimento da normativa en materia de axudas públicas.

Artigo 21. Reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

3. Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida no caso de incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

4. De ser o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando o orzamento dos gastos de persoal elixible executado e xustificado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, tido en conta para a concesión da axuda.

5. Procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entres públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

6. Procederá a minoración do 2 % sobre a contía total da axuda concedida nos seguintes supostos: cando a temporización do programa sexa inferior ao tramo tido en conta na valoración da solicitude, segundo o previsto no artigo 13.1.B), ou cando o número de actuacións desenvolvidas sexa inferior ao tido en conta na valoración da solicitude, segundo o previsto no artigo 13.1.D.3.

7. Así mesmo, procederá a minoración dun 2 % sobre a contía total da axuda percibida no caso de incumprimento dalgunha das obrigas recollidas no artigo 19, números 2, 3 e 4.

8. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 22. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 24. Información ás entidades interesadas

Sobre o procedemento administrativo correspondente a esta convocatoria poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de Igualdade das delegacións territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade http://igualdade.xunta.gal, do teléfono 981 54 53 69, no enderezo electrónico promocion.igualdade@xunta.gal ou presencialmente.

Disposición adicional única. Mulleres en situación de especial vulnerabilidade

1. Para os efectos desta convocatoria, terán a consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade aquelas nas cales concorra algunha das seguintes circunstancias:

– Vítimas de violencia de xénero ou de violencia doméstica.

– Vítimas de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas.

– Inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas.

– Pertencentes a unha minoría étnica.

– Dependentes do consumo de substancias tóxicas ou en procesos de rehabilitación.

– Perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións similares.

– Reclusas ou exreclusas.

– Procedentes de institucións de protección ou reeducación de menores.

– Transexuais ou con conflitos de identidade de sexo.

– Persoas con discapacidade ou enfermidade mental.

– Con responsabilidades familiares non compartidas.

– Procedentes de núcleos familiares con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM.

– Embarazadas ou lactantes sen apoio familiar ou sen recursos.

– Sen fogar ou que habitan nunha infravivenda, ou afectadas por un proceso de desafiuzamento.

– Maiores ou viúvas.

– Sen titulación ou con baixa cualificación.

– Desempregadas menores de 30 anos ou maiores de 45 anos.

– Inactivas ou desempregadas de longa duración.

– Con residencia en concellos rurais de zonas pouco poboadas de baixa densidade (ZPP), segundo os estudos ou datos publicados polo IGE e que se poden consultar na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

– Calquera outra situación non prevista expresamente que implique factores de risco ou vulnerabilidade no ámbito familiar, social ou laboral, sempre que sexa ponderada e aceptada polos servizos sociais do concello en que se desenvolva o programa.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral da Igualdade poderá ditar as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file