Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 19 de xaneiro de 2022 Páx. 2565

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI461A).

En novembro de 2016, o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou, por unanimidade, unha Proposición non de lei pola que se instaba o Goberno a promover a subscrición dun Pacto de Estado en materia de violencia de xénero polo Goberno da Nación, as comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía e a Federación Española de Municipios e Provincias, que siga impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a muller como unha verdadeira política de Estado. Así, no seo da Comisión de Igualdade do Congreso, creouse unha subcomisión que tivo como obxectivo elaborar un informe en que se identificasen e analizasen os problemas que impiden avanzar na erradicación das diferentes formas de violencia de xénero, e no cal se incluísen un conxunto de propostas de actuación, entre elas as principais reformas que deben acometerse para dar cumprimento efectivo a ese fin, así como ás recomendacións dos organismos internacionais.

Pola súa banda, a Comisión de Igualdade do Senado decidiu, o 21 de decembro de 2016, a creación dunha ponencia que estudase e avaliase, en materia de violencia de xénero, os aspectos de prevención, protección e reparación das vítimas, analizase a estratexia para acadar e implementar un Pacto de Estado contra a violencia de xénero e examinase a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero. O 13 de setembro de 2017, o Pleno do Senado aprobou, por unanimidade, o Informe da Ponencia de estudo para a elaboración de estratexias contra a violencia de xénero.

O 27 de decembro de 2017, todas as comunidades autónomas ratificaron de común acordo o documento final do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que no seu eixe 3 recolle de xeito específico medidas para «o perfeccionamento da asistencia, axuda e protección ás vítimas», e entre elas a elaboración de propostas para mellorar o apoio social, educativo, de formación e inserción laboral das mulleres que sofren violencia de xénero.

Son as comunidades autónomas as que asumen as competencias da asistencia social integral das mulleres vítimas de violencia de xénero e dos seus fillos e fillas e están, polo tanto, chamadas a xogar un papel clave na prevención, atención e reparación do dano.

A competencia en materia de igualdade correspóndelle á Consellería de Emprego e Igualdade, segundo o disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

Considerando que a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral, a presente resolución supón un paso máis na mellora da súa inserción laboral, articulando axudas económicas ás entidades locais para fomentar a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero e que a curto prazo non poden acadar un posto de traballo no mercado laboral ordinario.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante, Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista normalmente no orzamento crédito axeitado e suficiente. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións tramitadas nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados a Federación Galega de Municipios e Provincias e o Consello Galego de Relacións Laborais, e obtidos os informes da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación por parte das entidades locais galegas, de mulleres que sofren violencia de xénero, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.

O código do procedemento correspondente a estas axudas é o SI461A.

2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, e reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.

4. As subvencións recollidas na presente resolución concederanse cando a contratación se produza con posterioridade á súa publicación.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de 1.424.016 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 11.02.313D.460.1 (código do proxecto 2018 00112).

A dita partida orzamentaria finánciase con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. O incremento de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, se for o caso, destinarase á concesión daqueloutras solicitudes que por insuficiencia de crédito non chegaron a obter subvención.

4. Segundo o establecido no artigo 5 da Orde do 11 de febreiro de 1998, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións tramitadas nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Contía da subvención

1. A contía da subvención que se concederá ás entidades locais beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para sufragar durante o período de contratación, ata un máximo de 12 mensualidades, as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo convenio colectivo ou normativa laboral aplicable vixente no momento de formular a solicitude e acorde coa súa categoría profesional.

2. O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

3. Para os efectos desta subvención, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

4. O número máximo de contratacións que se subvencionará por cada entidade solicitante establécese segundo a poboación do ámbito territorial da entidade, de acordo co seguinte:

a) Ata 5.000 habitantes: 1 contratación.

b) Entre 5.001 e ata 20.000 habitantes: ata un máximo de 2 contratacións.

c) Entre 20.001 e ata 50.000 habitantes: ata un máximo de 4 contratacións.

d) Máis de 50.000 habitantes: ata un máximo de 6 contratacións.

Para estes efectos, teranse en conta as cifras oficiais de poboación na data 1 de xaneiro de 2021.

5. O importe das subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da acción que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 4. Compatibilidade das axudas

As subvencións para as actuacións recollidas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda pública, ou incentivo á contratación, para a mesma actuación ou actividade.

Artigo 5. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta resolución os concellos galegos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal.

2. Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e condicións establecidos nesta resolución e na normativa xeral de subvencións.

3. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As entidades locais que resulten beneficiarias non poderán contratar novamente as mulleres que xa se contratasen con cargo as axudas concedidas ao abeiro das resolucións da Secretaría Xeral da Igualdade do 14 de decembro de 2020, do 1 de xuño de 2020, do 16 de maio de 2019 e do 6 de setembro de 2019, nas cales se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero.

5. Para poder ser beneficiaria destas axudas, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, a entidade deberá ter cumprido o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2020 ao Consello de Contas de Galicia.

6. Os concellos agrupados ou asociados terán en todo caso a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos indicados nos puntos anteriores, así como as condicións, as obrigas e os compromisos establecidos nesta resolución, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os concellos integrantes da agrupación ou asociación nomearán unha persoa como representante única, que actuará como coordinadora e interlocutora ante a Secretaría Xeral da Igualdade e que será quen solicite, reciba e xustifique a subvención no nome da agrupación ou asociación.

7. Cada concello só poderá participar nunha solicitude, individual ou conxunta con outros concellos. A inclusión dun concello nunha solicitude conxunta exclúe a posibilidade de presentar unha solicitude individual e de participar con outros concellos noutra solicitude.

No caso de producirse solicitudes simultáneas, individuais e conxuntas, daráselle validez á solicitude conxunta. Nos supostos non previstos, o órgano instrutor porao de manifesto á entidade para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.

8. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse en data na que remate o prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do previsto no punto 4 deste artigo.

Artigo 6. Persoas destinatarias finais

1. As persoas destinatarias finais das subvencións reguladas nesta resolución serán as mulleres que sofren violencia de xénero, incluídas as mulleres vítimas que padeceran violencia vicaria e mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, inscritas como demandantes de emprego ou como mellora de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.

2. Para os efectos desta resolución, entenderase por mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia todas aquelas que acrediten a situación de violencia a través de calquera das formas previstas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e que cesasen a relación de convivencia ou dominación co agresor, mediante algún dos documentos seguintes:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a secretario/a xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia de xénero ou documento xudicial que declare que a muller é vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

3º. Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación, respectivamente.

4º. Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, e a data en que se produciu o cesamento da convivencia ou da situación de dominación respectivamente.

5º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia e/ou de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

6º. Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

7º. Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida ou asinada no prazo dos 24 meses anteriores á data de presentación da correspondente oferta por parte da entidade contratante na oficina de emprego ou na data de contratación.

Artigo 7. Requisitos da contratación

1. As contratacións polas cales se conceda a subvención deberán ser para a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social, competencia das entidades locais e cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas a que se encomende a súa execución.

b) Que a duración dos contratos sexa como mínimo de 4 meses.

c) Que a contratación sexa para xornada de traballo a tempo completo ou a tempo parcial non inferior ao 50 por 100.

d) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo dos gastos non subvencionables ao abeiro desta resolución, se for o caso.

e) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesional das mulleres contratadas.

f) Que a entidade local designe unha persoa de apoio para a traballadora ou traballadoras contratada/s que actúe como profesional de referencia no tempo que dure a contratación das ditas traballadoras e que poderá contar, pola súa vez, con apoio de persoal técnico da Secretaría Xeral da Igualdade con formación en xénero.

2. Con independencia da duración do contrato, o período subvencionable será como máximo de 12 meses.

3. A data límite para a formalización dos contratos será o 1 de setembro de 2022.

Artigo 8. Selección das traballadoras

1. Para a selección das candidatas, as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución poderán contactar coa oficina de emprego asignada para a presentación da correspondente oferta, e solicitarán a relación de candidatas segundo os requisitos de perfil profesional que determine a entidade local e tendo en conta que todas as candidatas deben posuír a condición de vítimas da violencia de xénero ou de mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual. Poderán presentarse ofertas nominativas sempre que se cumpran os requisitos fixados nesta resolución.

2. Para a selección de candidatas, as entidades beneficiarias das subvencións poderán establecer liñas de colaboración cos centros de información á muller, os centros da Rede Galega de Acollemento, o Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren violencia de xénero, os servizos sociais e calquera outro servizo público que traballe no eido da violencia de xénero, para os efectos de propoñer participantes para a súa contratación, sempre e cando estas reúnan os requisitos recollidos no artigo 6.

3. Para os efectos de facilitar a selección de candidatas, a Secretaría Xeral da Igualdade e o Servizo Público de Emprego de Galicia elaborarán unha instrución conxunta que se fará pública na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

4. A entidade local non poderá realizar a contratación sen ter remitido antes a selección das candidatas á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, no anexo que figura na instrución antes mencionada, para a comprobación dos requisitos destas, e a notificación posterior á entidade local de que a selección é correcta.

Se a entidade local non comunica a selección da/das candidata/s á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero e realiza a contratación directamente, minorarase a subvención concedida polo tempo que medie desde a realización do contrato e ata que a dita subdirección xeral notifique que as candidatas seleccionadas cumpren os requisitos desta resolución.

5. Todas as entidades indicadas no parágrafo anterior deberán dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto ao disposto no Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa concordante.

Artigo 9. Contratación das traballadoras

1. Efectuada a selección das traballadoras na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación, utilizando a modalidade de contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social.

2. En todo caso, no contrato de traballo subscrito deberá constar con claridade a prestación dos servizos que se contratan.

3. A entidade beneficiaria asume a súa condición de empregadora respecto ás traballadoras contratadas e o compromiso de cumprir a normativa laboral en materia de contratación.

Así mesmo, deberalles facilitar ás traballadoras os elementos persoais e materiais necesarios para levar a cabo o seu traballo e achegar a súa propia dirección e xestión para a articulación da colaboración conservando a estrutura de mando sobre o seu persoal, e será responsable das tarefas técnicas que desenvolvan.

A concesión e o uso destas axudas non suporán, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

4. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

Artigo 10. Substitución de traballadoras

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais por causas que se prevexa que sexan de longa duración, superior a 30 días, a substitución só será posible logo de autorización expresa da Secretaría Xeral da Igualdade por solicitude fundamentada da entidade contratante.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos nesta resolución e deberá ser notificada á Secretaria Xeral da Igualdade nun prazo máximo de 15 días desde a correspondente contratación, indicando a causa da baixa. Na notificación, a entidade beneficiaria deberá achegar os seguintes documentos:

a) Parte de baixa na Seguridade Social da persoa substituída.

b) Parte de alta na Seguridade Social e do contrato de traballo da persoa substituta.

c) Documento de información da subvención á traballadora, debidamente asinado, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

4. Tanto no caso de extinción, como de substitución por suspensión do contrato, a selección da persoa substituta deberá levarse a cabo de acordo co disposto no artigo 8 desta resolución.

5. De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo sexa inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, procederase á redución ou reintegro da subvención concedida polo importe correspondente. En ningún caso se poderá producir un incremento da subvención concedida e a entidade beneficiaria deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións comporten, de ser o caso.

Artigo 11. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

De acordo co disposto no artigo 29 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o prazo de presentación de solicitudes de subvención establecido nas correspondentes convocatorias en ningún caso será inferior a un mes.

Artigo 12. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), conforme o anexo I desta resolución, debidamente cuberto e asinado pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

3. Será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información.

Artigo 13. Documentación complementaria necesaria para tramitar o procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II: certificación ou documento equivalente emitido pola persoa que exerza as funcións da secretaría da entidade local en que consten os seguintes aspectos:

1º. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

2º. A adopción do acordo de solicitar a subvención.

3º. A disposición de orzamento para financiar a acción obxecto da subvención solicitada, na parte non subvencionable, de ser o caso.

4º. As retribucións salariais brutas das traballadoras que se van contratar.

b) Anexo III (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos): certificación do secretario ou secretaria do concello representante, en que se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados ou asociados, as cuestións que se recollen no dito anexo.

c) Copia do convenio de colaboración (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos).

d) Documentación acreditativa da remisión das contas xerais do exercicio 2020 ao Consello de Contas.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de xeito motivado o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.

b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario de inicio, e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Emenda das solicitudes

1. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite a correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 17. Publicación na BDNS

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberase transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.

Artigo 18. Instrución

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas.

3. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.

Artigo 19. Resolución

1. A resolución dos expedientes das subvencións reguladas na presente resolución, correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade que, logo da fiscalización da proposta do órgano instrutor pola intervención delegada, resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada.

2. O prazo de resolución e notificación será de 3 meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución pola que se conceda a subvención indicará as contratacións subvencionables e determinará a súa duración, así como a contía da subvención que se vai outorgar, que deberán ser xustificados na forma sinalada no artigo 23 desta resolución.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a súa aceptación, comprometéndose a executar a actuación subvencionada no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado entenderase tacitamente aceptada.

5. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

6. Será causa de denegación da concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado para estes efectos na partida orzamentaria fixada no artigo 2 desta resolución.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Réxime de recursos

1. A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 22. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa de aplicación.

Artigo 23. Xustificación e pagamento

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A contía da subvención concedida aboaráselles ás entidades beneficiarias nun pagamento único polo importe que lles corresponda, logo de presentar a documentación xustificativa que se relaciona no número 3 deste artigo, unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida. No caso de que o número de contratacións sexa superior a un, entenderase cumprido o obxecto para o cal foi concedida a subvención unha vez realizada a última das contratacións.

3. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación dentro do prazo de 15 días hábiles desde o cumprimento do obxecto para o cal foi concedida, é dicir, a contratación e, en todo caso, con data límite do 30 de setembro de 2022:

a) Anexo IV: solicitude de pagamento.

b) Anexo V: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións; e declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Anexo VI: certificado do/da secretario/a da entidade local beneficiaria que incluirá unha táboa coas retribucións salariais brutas da/s traballadora/s contratada/s ao abeiro desta resolución, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mais as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

d) Contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.

e) Partes de alta na Seguridade Social.

f) Documentos de información da subvención ás traballadoras, debidamente asinados, (segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade).

4. Transcorridos os prazos indicados sen que as entidades beneficiarias presenten a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriralla para que a presenten nun prazo improrrogable de dez (10) días.

5. A falta de presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 24. Seguimento

1. Sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na presente norma, co fin de efectuar un seguimento adecuado das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución, as entidades beneficiarias deberán remitirlle á Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes desde a finalización da última mensualidade subvencionada, a seguinte documentación:

a) Memoria final, asinada polo órgano competente da entidade, que recolla o perfil das traballadoras contratadas ao abeiro desta subvención, así como a práctica profesional adquirida e a perspectiva de inserción laboral, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

b) Certificado de fin de actuación asinado pola Secretaria/o da entidade, segundo o modelo que consta na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

c) Nóminas aboadas ás persoas traballadoras e xustificante de pagamento expedido pola entidade bancaria.

d) Boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e relación nominal de persoas traballadoras ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios que acrediten o seu pagamento. Esta documentación deberá ser presentada no prazo de 15 días desde o seu pagamento.

e) Modelo 111 e xustificantes do seu pagamento correspondentes ao período en que se levou a cabo a contratación. Esta documentación deberá ser presentada no prazo de 15 días desde o seu pagamento.

Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

a) Realizar a actuación que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo perante o órgano concedente, dentro do período e dos prazos establecidos, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nesta resolución e na de concesión.

b) Manter a duración temporal de cada contratación establecida na resolución de concesión.

c) Aboarlles ás persoas contratadas, con carácter mensual e mediante transferencia bancaria, os salarios que lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais de Seguridade Social totais, de ser o caso.

d) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar a Secretaria Xeral da Igualdade e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.

e) Comunicarlle á secretaria xeral da Igualdade, nun prazo de 5 días, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras contratadas, co obxecto de que poida valorarse se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

f) Comunicarlle á secretaria xeral da Igualdade a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

g) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos nesta resolución e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Utilizar os documentos de información da subvención ás traballadoras, no modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

i) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

j) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, en virtude da mostra seleccionada estatisticamente e/ou segundo criterios baseados no risco, poida realizar o persoal técnico da Secretaría Xeral da Igualdade.

k) Para os efectos de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos pola Secretaria Xeral da Igualdade, a entidade beneficiaria deberá someterse ao cumprimento do disposto no artigo seguinte.

Artigo 26. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas e condicións contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro total da subvención percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer o beneficiario, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas ou subvencións que financien as actuacións subvencionadas.

3. Procederá o reintegro do 10 % da subvención percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade.

4. Procederá o reintegro do 100 % da subvención percibida no caso de incumprimento da obriga de presentación da documentación exixida no artigo 23 e, así mesmo, procederá o reintegro proporcional no caso de que a documentación presentada ao abeiro do dito artigo non xustifique a totalidade da subvención percibida.

5. Procederá o reintegro do 100 % da subvención percibida, no caso de incumprimento da obriga de satisfacer mensualmente, mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial.

6. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

7. As obrigas de reintegro establecidas neste artigo enténdense sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

8. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que lle será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

Artigo 28. Publicación dos actos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas, con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario ao que se imputen, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades das subvencións.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 29. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI461A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de Igualdade das delegacións territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/portada, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, https://igualdade.xunta.gal, nos teléfonos 981 95 72 68 e 981 54 53 61 ou no enderezo electrónico: vx.igualdade@xunta.gal

Artigo 30. Remisión normativa

En todo o non previsto nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional única. Esgotamento de crédito

Unha vez esgotado o crédito, o órgano xestor deberá publicar o esgotamento da partida orzamentaria e a inadmisión de posteriores solicitudes.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

A Secretaría Xeral da Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file