Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 20 de xaneiro de 2022 Páx. 3421

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

EXTRACTO da Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario no ano 2022, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento SA803A).

BDNS (Identif.): 605950.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Para seren beneficiarias das axudas publicadas nesta orde, as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser unha entidade privada sen ánimo de lucro que teña explicitamente entre os seus fins estatutarios a realización de actividades de apoio e axuda ao colectivo a que se dirixen os programas de atención sociosanitaria para os que se solicita subvención: dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral, linfedema, epilepsia e enfermidades neurodexenerativas.

Para estes efectos, considerarase enfermidade rara aquela que ten unha prevalencia menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes na nosa comunidade autónoma, de acordo cos informes que elabora periodicamente Orphanet.

b) Estar legalmente constituídas, polo menos con dous anos de anterioridade con respecto á data de publicación desta convocatoria, coa excepción das federacións recentemente constituídas que estean integradas maioritariamente por asociacións cunha antigüidade que sexa superior aos dous anos. Así mesmo, deberán estar inscritas no rexistro administrativo correspondente.

c) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia; entendendo como tal a existencia de local/locais e o domicilio social nela, e comprometerse, así mesmo, a desenvolver as actividades subvencionadas dentro do seu territorio.

d) Ter un horario mínimo de atención ao público de vinte (20) horas semanais, destinadas a dar información e prestar axuda dun xeito prioritario aos colectivos afectados.

e) Dispoñer de estrutura técnica e capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos no programa presentado, así como experiencia operativa na súa posta en funcionamento.

No desenvolvemento do programa participará o persoal técnico e o persoal cualificado necesario, entendéndose como tal aquel que dispón da cualificación profesional adecuada para a realización do programa. A dirección e coordinación terá que levala a cabo persoal técnico coa titulación universitaria adecuada para o desenvolvemento das actividades previstas, o cal será o seu responsable.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Todos os requisitos deberán acreditarse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario no ano 2022, ao longo do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2022 e o 31 de outubro de 2022. Os ditos programas están destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas ao dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral, linfedema, epilepsia e enfermidades neurodexenerativas.

A súa finalidade é aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración das persoas que compoñen os ditos colectivos.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario no ano 2022, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento SA803A).

Cuarto. Contía

Para o financiamento destas axudas está previsto un crédito de douscentos cincuenta mil euros (250.000 €) con cargo á aplicación 5001.413A.481.33 e código de proxecto 201400028, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022. Esta orde foi tramitada como expediente anticipado de gasto, quedando as resolucións no momento da súa concesión condicionadas á existencia de crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria sinalada.

Do dito importe, setenta e un mil euros (71.000 euros) corresponden á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF destinado á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario e o resto a fondos propios libres.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O dito prazo deberá computarse de conformidade co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Sexto. Outros datos

Para poder ser beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao formulario normalizado que, a título exclusivamente informativo, figura como anexo da orde e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código SA803A.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade