Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 25 de xaneiro de 2022 Páx. 4213

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social

DECRETO 4/2022, do 13 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 43/2019, do 11 de abril, polo que se crea e se regula o Observatorio Galego da Familia e da Infancia.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, prevé no seu artigo 4.1.b) a creación do Observatorio Galego da Familia e da Infancia como órgano colexiado de carácter asesor e de apoio, análise, investigación, estudo e proposta de actuacións en materia de familia e infancia, adscrito á consellería competente en materia de familia. O artigo 4.2 da dita lei determina que, mediante regulamento, se establecerá a súa composición e funcións.

Ao abeiro do establecido na dita norma e tras a súa aprobación, o día 29 de abril de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 43/2019, do 11 de abril, polo que se crea e se regula o Observatorio Galego da Familia e da Infancia. De conformidade coa antedita lei, o artigo 2 do Decreto 43/2019, do 11 de abril, configura o observatorio como un órgano colexiado de carácter asesor e de apoio, análise, investigación, estudo e proposta de actuacións en materia de familia e de infancia, adscrito á consellería competente en materia de familia.

O artigo 6 do dito decreto regula a composición do dito órgano colexiado, no cal están representados os órganos dependentes da Presidencia e das distintas consellerías da Xunta de Galicia, a entidade do sector público autonómico competente en materia de estatística, a Delegación do Goberno en Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), as universidades galegas, a Fiscalía da Comunidade Autónoma, as organizacións empresariais e sindicais máis representativas, así como a Plataforma de Organizacións da Infancia de Galicia.

O Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF), axencia da Organización de Nacións Unidas que apoia aos gobernos e asociedade civil para aplicar a Convención das Nacións Unidas sobre os dereitos do neno e outras normas internacionais, colabora coas administracións co fin de facer efectivos, entre outros, os obxectivos da Axenda 2030.

Como organismo internacional dedícase principalmente aos nenos, contribuíndo de xeito eficaz á loita contra a pobreza mediante labores de promoción e o establecemento de alianzas orientadas á supervivencia, o desenvolvemento e a protección da infancia.

Un dos seus obxectivos é garantir o fiel cumprimento dos dereitos da infancia, proporcionándolles a todos os nenos do mundo alimentos, vestimenta, atencións médicas, vacinas, así como tentando satisfacer as súas necesidades.

A súa presencia en todo o mundo e o labor que desempeña na promoción da protección dos dereitos da infancia fan considerar a súa participación como necesaria na composición do observatorio, co fin de achegar a súa experiencia e coñecemento da realidade da infancia.

Con base no exposto, considérase necesario realizar unha modificación da letra d) do artigo 6 do Decreto 43/2019, do 11 de abril, para ampliar a súa composición coa presenza de UNICEF a través da Fundación UNICEF-Comité Español, entidade que se constitúe na súa representante en España para o cumprimento da súa misión, organización e obxectivos no noso país, sen prexuízo das relacións directas que puidese ter coas autoridades, administracións públicas e institucións, de conformidade co Acordo marco vixente co Reino de España, axustando así mesmo a redacción da división a unha linguaxe en harmonía co principio de igualdade de sexos.

De acordo co que establece o artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, esta modificación axústase ao cumprimento dos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia.

Consonte o disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, esta disposición foi sometida ao trámite de audiencia e conta con todos os informes correspondentes.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Política Social, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de xaneiro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 43/2019, do 11 de abril, polo que se crea e se regula o Observatorio Galego da Familia e da Infancia

A letra d) do número 1 do artigo 6 do Decreto 43/2019, do 11 de abril, polo que se crea e se regula o Observatorio Galego da Familia e da Infancia, queda redactada como segue:

«d) Vogais:

1º. Unha persoa que desempeñe un posto co rango mínimo de xefatura de servizo, designada en representación dos órganos dependentes da Presidencia, e unha persoa representante por cada unha das consellerías da Xunta de Galicia.

2º. Unha persoa en representación da entidade do sector público autonómico competente en materia de estatística.

3º. Unha persoa en representación da Delegación do Goberno en Galicia.

4º. Unha persoa en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

5º. Unha persoa en representación de cada unha das tres universidades galegas.

6º. Unha persoa representante da Fiscalía da Comunidade Autónoma de Galicia, proposta polo/a fiscal superior de Galicia.

7º. Un número de persoas equivalente ao de representantes sindicais en representación da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

8º. Unha persoa en representación de cada unha das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas de Galicia, así como das presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas que non teñan a condición de máis representativas.

9º. Unha persoa representante da Plataforma de Organizacións da Infancia de Galicia.

10º. Unha persoa en representación da Fundación UNICEF-Comité Español».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xaneiro de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social