Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 25 de xaneiro de 2022 Páx. 4298

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 12 de xaneiro de 2022 de aprobación definitiva da modificación puntual número 8 do Plan xeral de ordenación municipal de Carballo, para a recualificación parcial do SX-EL 0520 como aparcadoiro.

O Concello de Carballo remite a modificación do Plan xeral de ordenación municipal arriba referida para os efectos do artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e do artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación subscrita polo arquitecto municipal Alfredo Garrote Pazos e vista a proposta literal da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Carballo conta cun plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio o 4.2.2016.

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o 10.11.2020 informe no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, con observacións.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico o 4.12.2020 (DOG do 22 de decembro), e resolveu non sometela a avaliación ambiental estratéxica ordinaria, cunha determinación do Instituto de Estudos do Territorio (12.4.2018) en relación coa creación dunha pantalla vexetal.

4. Constan informes técnico e xurídico municipais do 9.2.2021, favorables á aprobación inicial da modificación.

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación en sesión do 22.2.2021. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Ideal Gallego do 25.2.2021 e Diario Oficial de Galicia do 22.3.2021) e non foron presentadas alegacións, segundo o certificado do 9.7.2021, incluído para o efecto no expediente.

6. No que afecta os informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU emitiu informe sobre o resultado do trámite o 30.6.2021:

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 12.3.2021, no cal se indica a non necesidade de someter a modificación ao informe da Comisión Galega de Protección Civil, sen prexuízo dos plans de protección civil.

• Instituto de Estudos do Territorio: informes do 31.5.2021, sen obxeccións, e do 10.12.2021, relativo á adaptación do documento ás directrices da paisaxe.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 4.6.2021, favorable.

• Servizo de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria: informe do 5.4.2021, de non haber planificación sectorial ou protección no ámbito mineiro que poida interferir na actuación proposta.

• Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia: informe do 21.5.2021, de non afectar as competencias deste organismo de bacía.

• Servizo de Residuos da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático: informe do 30.3.2021, con diversas indicacións.

b) Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Laracha, Cerceda, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Tordoia. Recibíronse respostas dos concellos de Malpica de Bergantiños e Tordoia, ambas as dúas sen obxeccións.

7. En materia de informes sectoriais non autonómicos, no expediente consta:

a) Subdirección Xeral de Planificación, Rede Transeuropea de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana: escrito do 9.3.2021 de non presentar afeccións a infraestruturas do ministerio.

b) Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia: 2.6.2021, de non afección de bens estatais e lembra a necesidade de solicitar os informes estatais preceptivos.

c) Subdirección Xeral de Patrimonio do Ministerio de Defensa: 19.6.2021, favorable.

d) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital: informe do 15.3.2021, favorable.

e) Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico: informe do 13.7.2021, con observacións.

8. Consta informe municipal do arquitecto e do técnico xurídico de urbanismo do 13.7.2021, en que se propón a aprobación provisional da modificación.

9. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello en Pleno o 26.7.2021.

10. O Concello solicitou a aprobación definitiva mediante escrito do 1.9.2021. O Servizo de Urbanismo requiriu a emenda de deficiencias o 1.10.2021.

11. A modificación foi aprobada provisionalmente de novo polo Concello Pleno do 25.10.2021.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. O ámbito da modificación está constituído por uns terreos de titularidade municipal na rúa Bronce do polígono empresarial de Bértoa, a carón do campo de fútbol municipal das Eiroas, de 4.684 m2 e incluídos na parcela catastral 5571917NH2857S0001QL.

2. O plan xeral clasifica o ámbito como solo urbano consolidado e cualifícao como espazo libre e zona verde co código SX-EL0520, de 44.812 m2 de superficie total, de carácter público e existente (folla CA-06 do plano de ordenación e xestión do solo urbano de Carballo, a escala 1/2000).

3. A modificación ten por obxecto a recualificación dos terreos descritos a sistema local viario de carácter público (punto B.4 da memoria do proxecto aprobado provisionalmente). Na descrición das características da ordenación da parcela inclúese unha pantalla vexetal que rodea o aparcadoiro. As características detalladas da ordenación reflíctense tamén no documento de normativa urbanística incorporado ao proxecto aprobado provisionalmente.

4. A modificación fundaméntase, como razón de interese público, na necesidade de resolver un problema de mobilidade no parque empresarial de Bértoa pola falta de aparcadoiro de vehículos pesados por causa dos usos predominantes no polígono (sectores do transporte e da construción, cunha ocupación do 100 % das parcelas).

III. Análise e consideracións.

1. Razóns de interese público da actuación: a resolución de problemas para aparcar no parque empresarial pode ter acollida como razón de interese público para fundamentar a modificación do planeamento (artigo 83.1 da LSG). O proxecto inclúe a análise da mobilidade entre os seus documentos, dando así cumprimento ao indicado no punto III.2 do informe da DXOTU do 10.11.2020.

2. O uso é o de aparcadoiro pertencente ao sistema local viario de carácter público.

3. O proxecto inclúe as solicitudes da comunidade de propietarios do polígono como anexo, de forma adecuada ao sinalado no artigo 23 das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia aprobadas pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 10.10.2019, en canto á protección de datos de carácter persoal, así como a ficha de vixencia de planeamento corrixida.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 8 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Carballo.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda