Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 25 de xaneiro de 2022 Páx. 4460

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

EXTRACTO da Resolución do 29 de decembro de 2021 para a concesión directa, mediante resolución das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023 (código de procedemento MR701E).

BDNS (Identif.): 606612.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index)

Primeiro. Entidades beneficiarias

Todos os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

– Ter remitidas ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente estean obrigados antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude da axuda.

– Estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública de Galicia.

Non poderán ter a condición de beneficiarios os concellos que estean incursos nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Regular o procedemento de concesión das axudas tramitadas ao abeiro do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023.

Para os efectos deste plan, terán a consideración de parcelas agrícolas:

– Todas aquelas parcelas en que máis do 50 % da súa superficie estea clasificada no Sixpac como de uso agrícola, entendendo como tales: terras de cultivo (terras arables, horta e invernadoiros), cultivos permanentes (viñedos, froiteiras, oliveiras…) e pasteiros (excluídos pastos arbustivos e arboredos).

– Parcelas nas que se localice unha instalación agrogandeira.

– Parcelas incluídas na solicitude de axuda para os pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (SIXC) do ano 2021.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 29 de decembro de 2021 para a concesión directa, mediante resolución, das axudas correspondentes ao Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023 (código de procedemento MR701E).

Cuarto. Contía

A dotación máxima para financiar estas axudas ascende a 17.994.606 € que se financiarán con cargo á partida orzamentaria 14-A1-712A-760.0 (código de proxecto 2016-00008) dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, coa seguinte distribución por fondos e anualidades:

2022: 4.300.716 €.

2023: 13.693.890 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da Resolución do 29 de decembro de 2021, pola que se aproba o Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Sexto. Outros datos

A concesión de axudas tramitarase en réxime de concesión directa, ao abeiro do artigo 19.4.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 36.1.c) e 40 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

A axuda financiará o 100 % dos gastos subvencionables. A porcentaxe de axuda calcularase sobre o importe dos gastos subvencionables ata o límite do importe asignado a cada concello.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural