Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 26 de xaneiro de 2022 Páx. 4791

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2022 (código de procedemento TR331A).

BDNS (Identif.): 606812.

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

a) As entidades locais, coa excepción das entidades de ámbito territorial provincial, ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha das anteriores, cuxa titularidade corresponda integramente a ela, sempre que por si soas ou asociadas entre concellos limítrofes teñan unha media de paro rexistrado no ano 2021 superior a 350 persoas ou formen parte dunha agrupación que comprenda, cando menos, tres concellos limítrofes galegos (ou dous no caso de que un deles proceda da fusión de concellos).

Neste caso, un mesmo concello non poderá presentar solicitude por si só e en agrupación a través de convenio de colaboración.

b) As confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia, e as fundacións delas dependentes con experiencia na realización de accións de orientación laboral.

c) As seguintes entidades sen ánimo de lucro que realicen accións de orientación laboral de acordo co previsto nestas bases reguladoras:

– Entidades especializadas en atención a persoas con discapacidade.

– Entidades que teñan por obxecto a atención a un colectivo específico de persoas en determinadas situacións de exclusión social (por razóns étnicas, adiccións, exreclusos, etc.).

– Entidades non incluídas nos 2 puntos anteriores que teñan entre as súas finalidades a atención a colectivos de persoas en risco de exclusión social ou situación de vulnerabilidade.

Todas estas entidades deberán xustificar e cuantificar a súa atención a un número significativo de persoas na dita situación.

Para os efectos desta orde, entenderase como entidade sen ánimo de lucro aquela entidade en que concorra a forma xurídica de asociación segundo a clasificación establecida pola Administración tributaria en relación co número de identificación fiscal.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por finalidade o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións ás entidades que presten servizos de orientación laboral para o emprego e asistencia para o autoemprego, articulados en itinerarios personalizados para o emprego e dirixidos a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación de persoal técnico de orientación laboral para o exercicio 2022, no ámbito da colaboración da Consellería de Emprego e Igualdade coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na mellora da empregabilidade e ocupabilidade das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (código de procedemento TR331A).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 23 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de orientación laboral no exercicio 2022 (código de procedemento TR331A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse 2.700.000 euros a entidades locais e 4.150.000 euros a entidades sen ánimo de lucro, o que supón un total de 6.850.000 euros.

Quinto. Contía

26.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses.

29.000 euros por cada persoa técnica de orientación laboral contratada a tempo completo durante un período de 12 meses, no caso das entidades sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades fundacionais e se dediquen prioritaria e habitualmente á realización de actividades de atención a persoas con discapacidade.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2021

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade