Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 27 de xaneiro de 2022 Páx. 5149

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2022, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento PE155A).

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo e Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello, establece no título III, capítulo II, que o desenvolvemento local participativo (DLP) se levará a cabo a través de estratexias de desenvolvemento local integradas, multisectoriais e baseadas en zonas.

O Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, establece nos artigos 58 a 64 o desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras e acuícolas.

Para a posta en marcha do desenvolvemento sustentable das zonas de pesca na Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería do Mar seleccionou oito grupos de acción local do sector pesqueiro (en diante, GALP) e aprobou as súas estratexias de desenvolvemento local participativo (en diante, EDLP) para o período de programación do FEMP 2014-2020. As estratexias responden a un proceso participativo nas comunidades locais en que se realizou un diagnóstico das zonas, se analizaron as súas necesidades e se definiu un plan de acción baseado en obxectivos estratéxicos que teñen encadre nos obxectivos do artigo 63 do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e un plan financeiro.

Os oito grupos asinaron convenios de colaboración coa Consellería do Mar para o desenvolvemento das EDLP entre os anos 2016 a 2020. Tendo en conta o nivel de execución do programa de axudas das estratexias, o período foi estendido ata o 31 de decembro de 2022 mediante addendas aos convenios, asinadas o 21 de decembro de 2020.

A implementación das estratexias desenvolveuse dende o ano 2016, inicialmente ao abeiro da Orde do 24 de maio de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020.

Esta orde foi substituída pola Orde do 21 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas para os grupos de acción local do sector pesqueiro, para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2019. As solicitudes de axudas para proxectos podían presentarse ao longo de todo período do programa operativo do fondo, tendo como límite o 1 de marzo de 2021.

Entre os anos 2016 e 2020 aprobáronse e desenvolvéronse 487 proxectos cunha axuda pública de preto de 30 millóns de euros que supoñían unha execución orzamentaria media do 76 % do programa de axudas, oscilando entre o 58 % e o 87 % en función dos grupos. Estes proxectos catalizaron preto de 40 millóns de euros de investimento privado, o que implica un investimento total de máis de 70 millóns de euros. Os proxectos van dirixidos a dar resposta aos desafíos concretos do desenvolvemento económico e social das comunidades pesqueiras locais abordando a maior parte dos retos identificados, e confirman a capacidade do programa para favorecer o investimento privado nelas.

Os GALP están levando a cabo o seu labor con diferente grao de execución no desenvolvemento sustentable das zonas de pesca. En canto aos obxectivos estratéxicos, destacan os relacionados co aumento do valor engadido dos produtos pesqueiros e co apoio á diversificación, que permiten abordar os retos da política pesqueira común e do crecemento azul, e que teñen unha execución superior ao resto dos obxectivos que atenden as EDLP.

Coas convocatorias do ano 2021, realizadas ao abeiro da Orde do 4 de xaneiro de 2021 pola que se fixa o crédito para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro, para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2021, e da Orde do 3 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2021, continúa progresándose na implementación das estratexias, que xa está moi avanzada, pero non acada o 100 % de execución do orzamento do programa.

Por outra banda, a medida 4.1.2., Aplicación das estratexias de desenvolvemento local participativo, foi incluída como medida tractora no Plan de acción do FEMP en España, para mellorar a execución do fondo.

Á vista do exposto, resulta necesario ditar unha nova orde de axudas para proxectos naqueles GALP que teñen orzamento dispoñible nos obxectivos estratéxicos do plan financeiro do programa de axudas da EDLP. A xestión das axudas mantense en colaboración co GALP de cada zona, que actúa como entidade colaboradora no seu respectivo ámbito territorial, nas condicións e coas obrigas asumidas nos convenios asinados con esta consellería e nas que derivan da presente orde.

Por outra banda, o artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 33, do 19 de febreiro), sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e abondo no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

O artigo 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Por todo o exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Normas xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (en diante, EDLP), aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (en diante, GALP).

2. Así mesmo, convócanse axudas no exercicio orzamentario do ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva. O procedemento que regula a presente orde correspóndese co código PE155A.

Artigo 2. Réxime xurídico

Para o outorgamento e concesión das axudas reguladas nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas, sen prexuízo das demais normas aplicables na materia:

a) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

b) Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio.

c) Regulamento delegado (UE) nº 288/2015 da Comisión, do 17 de decembro de 2014, polo que se complementa o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no que respecta ao período de tempo e ás datas en relación coa inadmisibilidade das solicitudes.

d) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, de aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

e) Programa operativo para España do FEMP, aprobado por decisión de execución da Comisión do 13.11.2015 C (2015) 8118 final e modificado polas decisións de execución da Comisión do 13.12.2019, 15.9.2020 e 20.8.2021.

f) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

g) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

h) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

k) Os convenios de colaboración asinados entre a Consellería do Mar e os grupos de acción local do sector pesqueiro.

Artigo 3. Dotación orzamentaria

1. O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2022 alcanza o importe de un millón setenta e dous mil euros (1.072.000 €), repartidos nas seguintes partidas orzamentarias:

Partida orzamentaria

Ano 2022

15.03.723C.770.0

1.000.000 €

15.03.723C.780.0

72.000 €

Totais

1.072.000 €

Para o ano 2022, nas partidas orzamentarias sinaladas, código de proxecto 2016 00294, existe crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia o día 18 de outubro de 2021.

2. O crédito da convocatoria distribuirase entre os GALP que non executasen completamente o orzamento dos obxectivos estratéxicos do seu plan financeiro. O crédito distribuirase na mesma proporción feita para a repartición inicial de fondos vinculados ás seleccións dos grupos, ben que se incrementará na parte proporcional cando os GALP xa teñan executado o programa de axudas da súa EDLP. As axudas propostas por cada GALP asignaranse de conformidade co establecido no artigo 23, e no caso de que existan sobrantes no orzamento dalgún grupo, pero sexan insuficientes para atender unha solicitude completa do promotor, acumularanse e reasignaranse as dotacións sobrantes entre os grupos que teñan solicitudes co mesmo criterio inicial establecido para atender a lista de reserva regulada no artigo 25.7.

3. Os importes consignados en cada convocatoria poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto, respectando sempre o disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

4. As axudas estarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

5. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 85 % con fondos FEMP e do 15 % por parte da comunidade autónoma.

6. Poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual de acordo co artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 4. Proxectos subvencionables

1. No marco deste réxime de axudas, os proxectos e actuacións subvencionables deberán acadar algún dos obxectivos indicados a continuación:

a) Aumento do valor, creación de emprego, atracción da mocidade e promoción da innovación en todas as fases da cadea de subministración dos produtos da pesca e da acuicultura.

b) Apoio á diversificación dentro ou fóra do sector da pesca comercial, á aprendizaxe permanente e á creación de emprego nas zonas pesqueiras e acuícolas.

c) Impulso e aproveitamento do patrimonio ambiental das zonas pesqueiras e acuícolas, incluídas as operacións de mitigación do cambio climático.

d) Fomento do benestar social e do patrimonio cultural das zonas pesqueiras e acuícolas, incluído o patrimonio cultural pesqueiro, acuícola e marítimo.

e) Reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e da gobernanza dos recursos pesqueiros e actividades marítimas locais.

2. As axudas poderán incluír medidas previstas nos capítulos I, II e IV do título V do Regulamento (UE) nº 508/2014, excepto os artigos 66 e 67, só no caso de que se xustifique claramente a súa xestión a escala local. Cando se conceda axuda para operacións correspondentes a estas medidas, respectaranse as escalas de contribución e o réxime de axudas establecido para as medidas en cuestión.

3. Os proxectos serán subvencionables en función da dispoñibilidade de orzamento nos obxectivos estratéxicos do plan financeiro da estratexia de desenvolvemento local participativo de cada GALP. De forma excepcional, co fin de posibilitar a máxima execución dos fondos, poderán admitirse as compensacións entre obxectivos estratéxicos ata un máximo do 15 % do importe global do obxectivo fixado no plan financeiro da estratexia.

Artigo 5. Proxectos

1. Os proxectos que se presenten poderán ser para investimentos produtivos ou para investimentos non produtivos.

2. Defínense como investimento produtivo as actividades que supoñen a realización dunha actividade económica, tendentes á produción de bens ou servizos e que supoñan a creación e/ou mantemento de emprego.

Naqueles supostos de proxectos para investimentos produtivos que se amparen no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis ( DO L 352, do 24 de decembro), exixirase a creación, como mínimo, dun posto de traballo a tempo completo (1 UTA).

3. Defínense como investimento non produtivo as actividades que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica e/ou non estean afectas a unha actividade económica. Así mesmo, terán este carácter os proxectos de interese público que, incluso constituíndo unha actividade económica ou estando afectados a unha actividade económica, non incidan sobre o réxime de competencia no territorio de que se trate.

4. Con carácter xeral, os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Contribuír aos obxectivos da estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobada para a zona pesqueira onde se vaian desenvolver.

b) Estar localizados no ámbito territorial elixible de cada GALP.

c) Ser viables técnica e economicamente.

d) Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

Artigo 6. Causas de inadmisibilidade de solicitudes

1. Non poderán optar a unha axuda do FEMP as persoas nas cales concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Os operadores que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, durante todo o período de tempo previsto en aplicación deste.

b) As persoas sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) As persoas sancionadas coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

2. Só se poderá optar a unha axuda do FEMP, ao abeiro da EDLP dun GALP, cando exista orzamento dispoñible no obxectivo estratéxico do plan financeiro da estratexia.

Artigo 7. Persoas e entidades beneficiarias de proxectos de investimento produtivo

Poderán ser beneficiarias dos proxectos de investimento produtivo as persoas físicas ou xurídicas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar empadroadas ou ter o seu domicilio social e fiscal nalgún concello do ámbito territorial.

b) Desenvolver o proxecto no mesmo ámbito territorial.

c) Cando a beneficiaria sexa unha sociedade de capital, o proxecto deberá adecuarse ao obxecto social que se recolla nos seus estatutos.

d) No caso de municipios densamente poboados en que a EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e os seus familiares), poderán ser beneficiarias:

1º. As persoas xurídicas do sector pesqueiro con domicilio social e fiscal no municipio e en cuxo obxecto social figuren actividades propias do sector pesqueiro.

No caso de que a persoa xurídica desenvolva actividades noutros sectores, deberá acreditar, no momento da solicitude, que a maior parte da súa facturación provén do sector pesqueiro.

2º. As persoas físicas integrantes do sector pesqueiro e os seus familiares. Enténdese por familiares do sector pesqueiro aquelas persoas en cuxa unidade familiar figure algunha persoa física, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, viva ou falecida no ano inmediato anterior á data da solicitude, que sexa ou fose un/unha pescador/a, mariscador/a, acuicultor/a ou persoa traballadora en activo relacionada coa actividade pesqueira ou que traballase nese sector de forma manifesta.

3º. As entidades públicas locais cuxos proxectos están dirixidos á poboación integrante do sector pesqueiro ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.

e) As beneficiarias dos proxectos produtivos limitaranse á categoría de peme, excepto as entidades públicas de carácter local, segundo a definición do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

f) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

Artigo 8. Entidades beneficiarias de proxectos de investimento non produtivo

1. Poderán ser beneficiarias dos proxectos de investimento non produtivo:

a) Confrarías de pescadores e as súas federacións.

b) Asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións.

c) Entidades sen ánimo de lucro integradas só por confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro.

d) Entidades públicas locais.

e) Asociacións declaradas de utilidade pública.

f) Entidades sen ánimo de lucro que teñan, entre os seus obxectivos, algún dos seguintes:

1º. Fomentar as actividades náuticas.

2º. Promocionar os produtos pesqueiros do territorio.

3º. Fomentar o medio mariño e costeiro.

4º. Promover o patrimonio cultural marítimo pesqueiro.

2. Unicamente serán admisibles para a tramitación da axuda aqueles proxectos directamente relacionados coas actividades principais, que figuren no obxecto social das asociacións e entidades mencionadas no punto anterior.

3. Nos municipios densamente poboados en que a EDLP non computa a totalidade da poboación, poderán ser beneficiarias as entidades indicadas nas letras a), b), c) e d) do punto 1, cuxos proxectos estean dirixidos á poboación integrante do sector pesqueiro e aos seus familiares, ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.

4. Ademais, as entidades cumprirán os seguintes requisitos:

a) Ter o seu domicilio social e fiscal no ámbito territorial.

b) Desenvolver o proxecto no mesmo ámbito territorial.

Artigo 9. Beneficiarias conxuntas

1. As entidades sinaladas nos artigos 7 e 8 poderán concorrer de maneira individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades. Neste último caso, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, co cal se efectuarán as actuacións, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir os deberes que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

2. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todas as beneficiarias integradas nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar, ou solidariamente, cando non for posible determinar o alcance dos deberes correspondentes a cada unha delas.

3. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorran os prazos de prescrición previstos nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Cooperación

1. Para os efectos desta orde, enténdense como proxectos de cooperación os que formulen promotores do territorio dun GALP xunto con promotores dos territorios doutros GALP galegos.

2. A presentación dos proxectos de cooperación deberá realizarse en cada grupo coa indicación dos participantes doutras zonas, e a súa aprobación estará condicionada a que se aproben os respectivos proxectos en cada grupo respecto á súa implicación no proxecto de cooperación. Poderán concorrer do mesmo xeito que o indicado no artigo 9 e cos mesmos requisitos.

3. Non será de aplicación para os proxectos de cooperación a exixencia do requisito establecido nos artigos 7.b) e 8.4.b).

Artigo 11. Deberes dos beneficiarios

1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e o pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa que lles sexa de aplicación.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, co cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria ou demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a súa comprobación documental e material.

b) O beneficiario manterá os investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos durante un período mínimo de 5 anos desde o último pagamento efectuado pola Consellería do Mar, ou de 3 anos no caso de mantemento de investimentos ou postos de traballo creados por pemes.

No caso de seren bens inventariables inscritibles nun rexistro público, deberá mantelos durante 5 anos.

Unicamente computarán como de nova creación os que se creen con posterioridade á solicitude da axuda.

c) Xustificar ante o GALP o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención, conforme o establecido nesta orde.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou o GALP, de ser o caso, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

e) Comunicarlle ao órgano concedente e ao GALP a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Comunicarlle á Consellería do Mar e ao GALP calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foi concedida a axuda de que se trate.

g) Manter un sistema de contabilidade separado, ou ben asignar un código contable adecuado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, así como dispoñer dos rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario, en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

h) Independentemente do sistema establecido para a xustificación da subvención, deberán manterse á disposición da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo os documentos xustificativos relativos aos gastos subvencionados ata 2 anos despois da presentación da conta ante a Comisión Europea, en que estean incluídos os gastos da operación.

Os documentos conservaranse ou ben en forma de orixinais ou de copias de orixinais, ou ben en soporte de datos comunmente aceptados, en especial versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes unicamente en versión electrónica.

i) Dar a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do investimento realizado con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), nos seguintes termos:

– O beneficiario deberá recoñecer que a operación recibiu o apoio dos fondos, adoptando en todas as medidas de información e comunicación:

1º. O emblema da Unión, de conformidade coas características técnicas establecidas no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 e no Regulamento de execución (UE) nº 763/2014.

2º. Unha referencia ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que apoia a operación.

3º. O logotipo da Xunta de Galicia.

– Durante a realización da operación, o beneficiario informará o público do apoio obtido dos fondos:

1º. Facendo unha breve descrición da operación no sitio da internet, no caso que dispoña dun, de maneira proporcionada ao nivel de apoio prestado, incluíndo os obxectivos e destacando o apoio financeiro da Unión. A descrición deberá permanecer durante a execución do proxecto e, cando menos, ata a data do pagamento final da axuda.

2º. Colocando un cartel con información sobre o proxecto (tamaño mínimo A3), en que se mencionará o apoio financeiro da UE, nun lugar facilmente visible para o público, como a entrada dun edificio.

3º. O beneficiario colocará unha placa permanente ou cartel de tamaño significativo, en lugar ben visible para o público, no prazo de 3 meses despois da finalización dun proxecto que reúna as seguintes características:

– Que o financiamento público total para o proxecto sexa superior a 500.000 €.

– Que o proxecto consista na compra dun obxecto físico ou no financiamento dunha infraestrutura ou en traballos de construción.

A placa ou cartel permanente deberá indicar o nome do proxecto, o seu obxectivo principal, o emblema e unha referencia á UE e a referencia ao FEMP, que ocuparán polo menos o 25 % do cartel. Tamén se incluirá unha referencia ao logotipo da Consellería do Mar. Se o investimento consiste na adquisición de maquinaria ou elementos móbiles, a publicidade levarase a cabo mediante a colocación dun adhesivo perdurable. No caso de estudos, publicacións e outros materiais gráficos, a publicidade levarase a cabo mediante a inclusión dos logotipos e do lema descritos na portada.

j) No caso de proxectos conxuntos, os beneficiarios deberán ratificar ante a Consellería do Mar o acordo de colaboración para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

k) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 10.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final ao beneficiario. Deste xeito, no caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, e de conformidade co artigo 135 do Regulamento nº 966/2012, poderase proceder á recuperación da axuda aboada indebidamente.

Artigo 12. Gastos subvencionables

1. As accións e os proxectos previstos ao abeiro desta orde débense corresponder con accións subvencionables, segundo o disposto no Regulamento (UE) nº 508/2014 e a súa normativa de aplicación e desenvolvemento.

2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos polo perceptor dunha subvención e que se axustan aos seguintes requisitos xerais:

a) Que se contraesen ao longo da duración da acción coa excepción dos custos relativos a informes finais e certificados de auditoría.

b) Que fosen pagados pola persoa beneficiaria con anterioridade á finalización do prazo de xustificación, e respondan de maneira indubidable á natureza da operación subvencionada.

c) Que se consignasen no orzamento estimado total do proxecto.

d) Que sexan imprescindibles e necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención, sen os cales esta non se podería levar a cabo.

e) Que sexan identificables e verificables, en particular que consten na contabilidade do beneficiario e se inscribisen de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais do beneficiario en materia de gastos.

f) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

g) Que sexan razoables e xustificados e cumpran co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e relación custo/eficacia.

3. Os investimentos para os cales se solicita a axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude da axuda, nin antes da realización da acta de comprobación previa ou acta de non inicio (ANI).

Exceptúase a exixencia da acta de comprobación previa nos casos de investimentos materiais que consistan na adquisición de produtos ou bens mobles, e nos de investimentos inmateriais. Nestes casos terase como data de inicio a da factura correspondente.

4. En relación cos investimentos en establecementos turísticos e hostaleiros, rexerá o acordo de colaboración entre a Consellería do Mar e a Axencia Turismo de Galicia.

5. Investimentos en centros sociais, así como o seu acondicionamento e equipamento. A contía máxima de axuda por cada proxecto que supoña un investimento en creación, reforma ou ampliación dun local social non poderá exceder os 50.000 euros por proxecto.

6. Unicamente os beneficiarios de proxectos de investimento non produtivo poderán subcontratar totalmente a execución destes, de acordo co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Naqueles proxectos en que se precise execución de edificación, a contía máxima para calcular a intensidade da axuda será a que figure no proxecto técnico, anteproxecto valorado ou documento que corresponda.

Artigo 13. Gastos non subvencionables

Para os efectos do disposto nesta orde e nas diferentes EDLP, os seguintes gastos non serán subvencionables:

a) O IVE, excepto cando non sexa recuperable e sexa custeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios que non teñan a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13, número 1, parágrafo primeiro, da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

b) Os xuros debedores e outros gastos financeiros.

c) A adquisición de terreos non edificados e terreos edificados.

d) As recargas e sancións administrativas e penais, así como os gastos dos procedementos xudiciais.

e) A vivenda.

f) O custo dos elementos de transporte que non estean directamente relacionados coa operación.

g) Non será subvencionable a adquisición de vehículos no sector do transporte. Para estes efectos, entenderase que operan no sector do transporte as empresas que realizan operacións de transporte por conta allea.

h) As compras de materiais e equipamentos usados.

i) Os gastos de reparacións, conservación, funcionamento e mantemento dos bens e equipamentos. Os gastos orixinados por unha mera reposición dos anteriores, salvo que a nova adquisición corresponda a investimentos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento.

j) Os gastos de constitución e primeiro establecemento dunha sociedade.

k) As obras non vinculadas co proxecto de investimento en vivendas, comedores, obras de embelecemento, equipos de recreo e similares.

l) A urbanización que non estea relacionada coa actividade do proxecto que se pretende financiar.

m) As contribucións en especie.

n) A transferencia da propiedade dunha empresa.

ñ) A adquisición de elementos e todo tipo de bens pagados en efectivo.

o) Exclúense os investimentos promovidos por entidades locais que se refiran a infraestruturas asociadas a servizos de prestación obrigatoria ou servizos esenciais declarados de reserva a favor das entidades locais, nos termos previstos nos artigos 26 e 86.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e no artigo 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

p) A repoboación directa, a menos que estea expresamente prevista como medida de conservación por un acto xurídico da Unión, no caso de repoboación experimental.

q) Os custos indirectos.

r) Os gastos de funcionamento.

s) Nos proxectos que se amparen no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis (DO L 352, do 24 de decembro), os gastos en material funxible como os bens e aveños que compoñen o enxoval.

t) No caso de gastos de persoal directamente relacionados coa operación, os importes correspondentes a axudas de custo por viaxe, aloxamento e manutención, directamente relacionados co proxecto, superiores aos previstos para o persoal con destino na Administración autonómica de Galicia establecidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia e nas súas normas de desenvolvemento.

u) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 14. Contía das axudas para investimentos produtivos

1. O grao de financiamento dos proxectos para investimentos produtivos ao abeiro da correspondente EDLP, para operacións que leven a cabo en virtude do título V, capítulo III, do Regulamento (EU) nº 508/2014, será o seguinte:

a) A porcentaxe de axuda máxima para proxectos de investimento produtivo ascenderá ao 50 % do gasto subvencionable total da operación.

b) No caso de operacións vinculadas á pesca costeira artesanal, a axuda pode incrementarse ata o 80 %. Entenderanse vinculadas á pesca costeira artesanal aquelas operacións desenvolvidas por aquelas persoas físicas ou xurídicas que leven a cabo directamente actividades de pesca costeira artesanal e aquelas operacións levadas a cabo por entidades asociativas do sector pesqueiro que desenvolvan proxectos dirixidos soamente ao sector da pesca costeira artesanal.

c) No caso de confrarías de pescadores e asociacións profesionais do sector pesqueiro ou asociacións integradas polas entidades mencionadas, a porcentaxe máxima de axuda para os proxectos produtivos non superará o 80 % dos custos dos gastos subvencionables do proxecto, cando a operación responda aos seguintes criterios: interese colectivo, beneficiario colectivo e acceso público aos seus resultados.

d) Nos proxectos produtivos que se amparen no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis (DO L 352, do 24 de decembro), aplicaranse as porcentaxes anteriores e limitaranse a un máximo de 200.000 € por promotor durante un período de tres exercicios fiscais.

2. No caso de proxectos para investimentos produtivos para medidas incluídas nos capítulos I, II e IV do título V do Regulamento (UE) nº 508/2014, aplicarase o disposto no artigo 4.2.

3. En todos os casos, teranse en conta os límites que, de ser o caso, se establezan nas respectivas EDLP, no caso de seren inferiores aos establecidos.

Artigo 15. Contía das axudas para investimentos non produtivos

1. O grao de financiamento dos proxectos presentados para investimentos non produtivos ao abeiro da correspondente EDLP, para operacións que leven a cabo en virtude do título V, capítulo III, do Regulamento (EU) nº 508/2014, será o seguinte:

a) A porcentaxe de axuda máxima para proxectos de investimento non produtivo ascenderá ao 50 % do gasto subvencionable total da operación. O importe máximo de axuda para este tipo de proxectos será de 200.000 € por beneficiario (ou conxunto de beneficiarios) e convocatoria.

b) A porcentaxe máxima de axuda para os proxectos de investimento non produtivo poderá ascender ao 100 % dos custos dos gastos subvencionables do proxecto cando a operación responda aos seguintes criterios: interese colectivo, beneficiario colectivo e acceso público aos seus resultados.

c) Nos proxectos que deban ampararse no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis (DO L 352, do 24 de decembro), aplicaranse as porcentaxes anteriores e alcanzarán como máximo os 200.000 € por promotor durante un período de tres exercicios fiscais.

2. No caso de proxectos para investimentos non produtivos para medidas incluídas nos capítulos I, II e IV do título V do Regulamento (UE) nº 508/2014, aplicarase o disposto no artigo 4.2.

3. En todos os casos, teranse en conta os límites que, de ser o caso, se establezan nas respectivas EDLP, no caso de seren inferiores aos establecidos.

Artigo 16. Compatibilidade das axudas

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que o mesmo gasto ou investimento non teña financiamento parcial ou total procedente doutro fondo europeo estrutural e de investimento (EIE) ou instrumento financeiro comunitario, nin polo mesmo fondo conforme un programa ou medida diferente e, ademais, que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

2. No caso de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

3. Os beneficiarios deberán comunicarlle, por escrito, á entidade colaboradora a obtención de calquera outra axuda e deberán achegar, de ser o caso, a resolución de concesión.

Artigo 17. Criterios de selección

1. Estas axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, para o que os proxectos presentados se valorarán de acordo cos criterios establecidos nas estratexias de desenvolvemento local participativo aprobadas, que deberán aplicar os GALP, de maneira que se obteña unha orde de prelación entre as solicitudes.

2. Na selección terase en conta a contribución do proxecto aos obxectivos previstos na EDLP e aos obxectivos e resultados específicos da prioridade pertinente.

3. Os criterios de selección considerarán os principios xerais relativos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e non discriminación, e ao desenvolvemento sustentable.

4. Os criterios deben permitir avaliar a capacidade administrativa, financeira e operativa dos beneficiarios para cumprir coas condicións da axuda, para o que se determinará que o proxecto sexa técnica, económica e financeiramente viable.

5. Os criterios de selección dos proxectos están incluídos nas respectivas EDLP e poden consultarse na páxina web http://mar.xunta.gal

CAPÍTULO II

Procedemento de concesión das axudas

Artigo 18. Prazo de presentación de solicitudes e prazo de resolución

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de catro (4) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e dentro do exercicio orzamentario 2022. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución en que se terán en conta as solicitudes que formen parte da lista de reserva a que se refire o artigo 25.7 desta orde.

Artigo 19. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes irán dirixidas ao grupo de acción local do sector pesqueiro (GALP) e axustaranse ao formulario normalizado que figura como anexo I.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria, persoas traballadoras autónomas no caso de trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas no caso dos trámites e as actuacións que realicen por razón da súa condición de empregado público.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación na sede electrónica da Xunta de Galicia poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. As solicitudes virán asinadas, de ser o caso, polo representante legal da entidade solicitante; se son formuladas por varias entidades conxuntamente, deberán vir asinadas polo representante legal da entidade que exerza a representación de todas elas.

5. A presentación da solicitude de axuda comporta a autorización aos órganos instrutor e concedente para a consulta automática dos datos correspondentes ás certificacións de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, ou fronte á Seguridade Social ou de ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que a persoa se opoña á súa consulta ou non preste o consentimento expreso.

6. Formará parte de cada solicitude unha declaración responsable en que se farán constar os seguintes datos:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que as persoas non se atopan en ningún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, é dicir, que:

1º. Non cometeron infracción grave de acordo co artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) nº 1224/2009.

2º. Non estiveron involucradas na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) da Unión, recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non cometeron infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non cometeron ningún dos delitos establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE, no caso de presentar unha solicitude de axuda ao abeiro do título V, capítulo II, do Regulamento (UE) nº 508/2014.

5º. Non cometeron fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

c) Non foron sancionadas coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

e) A condición de peme.

f) A condición de poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Incluirase a información sobre outras axudas de minimis cubertas polo Regulamento (UE) 1407/2013 ou por outros regulamentos de minimis, recibidas durante o exercicio fiscal correspondente e sobre os dous exercicios fiscais anteriores, de ser o caso.

7. A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores por calquera medio ou rexistro dispoñible.

Artigo 20. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, xunto cun índice, e ordenada segundo se indica:

a) Se a persoa solicitante é unha persoa xurídica:

i. Certificación do órgano competente, na cal se especifique o acordo polo que se lle concede autorización para formular a solicitude ao asinante dela. De actuar en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

ii. Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo.

iii. Copia da escritura de constitución ou dos estatutos da entidade debidamente inscritos no rexistro correspondente, ou ben nota simple do Rexistro Mercantil en que figuren, como mínimo, os datos xerais da entidade (denominación, domicilio, NIF, obxecto social, código CNAE) e os relativos á súa representación social. A actividade en que consista o proxecto presentado para a solicitude de axuda deberá estar incluída no obxecto social da persoa xurídica solicitante con anterioridade á data da solicitude.

Quedan exoneradas do cumprimento deste requisito as confrarías de pescadores e as súas federacións, por estar xa a devandita documentación en poder da Consellería do Mar.

b) Proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberá conter, polo menos:

1º. Memoria e orzamento que conteña unha descrición do proxecto conforme os modelos que figuran na páxina web http://mar.xunta.gal

No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de maneira expresa e describirase cada unha delas independentemente.

Os proxectos incluirán a información relativa aos indicadores previstos nos regulamentos (UE) nº 1242/2014 e (UE) nº 1243/2014, segundo a medida do FEMP en que se encadre o proxecto.

2º. Plan económico en que se indique que parte corresponde a recursos propios da entidade solicitante e cal a axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera Administración estatal, autonómica, local ou institucional, así como a forma de financiamento da actividade ata a recepción da axuda.

Cubriranse nos modelos que figuran na páxina web http://mar.xunta.gal

No orzamento detallado de cada unha das accións propostas, o IVE deberá vir separado e achegarase coa documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.). O orzamento deberá estruturarse en conceptos detallados e coincidentes cos orzamentos e facturas pro forma, así como coas facturas que se presenten na fase de xustificación das axudas.

3º. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no artigo 118.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

As entidades públicas locais poderán documentar a elección da oferta máis vantaxosa xunto coa solicitude de pagamento, achegando unha certificación das propostas ou ofertas recibidas para a contratación de que se trate, xunto coa resolución ou o acordo de adxudicación definitiva.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude de subvención, ou coa xustificación, de ser o caso, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse a elección expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. As ofertas presentadas deben coincidir en conceptos para facilitar a comparación entre elas.

c) Acreditación do IVE soportado non recuperable polo promotor, de ser o caso.

Naqueles casos en que exista un recoñecemento administrativo previo do dereito ás exencións previstas no artigo 20.Un, 6º e 12º da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido, remitirase esa resolución administrativa ou calquera outra certificación ou documento da AEAT no que figure esa exención.

No caso de entidades públicas de carácter local deberá achegarse un certificado do secretario do concello ou do órgano competente da entidade local de que se trate conforme a cal o IVE soportado non é recuperable e a entidade ten a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13, número 1, parágrafo primeiro, da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

d) Proxecto técnico de execución valorado, se é necesario.

Nos supostos de operacións que inclúan un acto de edificación ou calquera outra actuación das sometidas a licenza urbanística municipal, deberá presentarse proxecto técnico completo e valorado redactado por un técnico competente.

Nos supostos de operacións que inclúan actos de edificación, intervencións en edificios existentes ou uso do solo e subsolo sometidos ao réxime de comunicación previa para o seu control municipal, deberá presentarse unha descrición técnica das características do acto de que se trate ou, de ser o caso, proxecto técnico legalmente exixible, de conformidade co establecido no artigo 361.1.b) do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; en ambos os casos, con medición desagregada por partidas e prezos unitarios destas.

e) No caso de que o proxecto o requira, o promotor deberá acreditar a capacidade legal do uso e desfrute ou propiedade dos bens relacionados co proxecto. A acreditación deberá realizarse mediante escritura pública de compravenda ou cesión, certificado de titularidade do rexistro da propiedade, contrato de aluguer por un período mínimo de 10 anos (do que se achegará tamén o xustificante do deposito da fianza segundo a Lei 29/1994, de arrendamentos urbanos, e o Decreto 42/2011, do 3 de marzo, polo que se establece o procedemento para o depósito das fianzas dos arrendamentos relativos a predios urbanos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia), mediante documento acreditativo de expropiación administrativa ou dunha concesión administrativa prorrogable ata un período mínimo de 10 anos desde a data da solicitude da axuda.

f) Para acreditar a condición de familiar, para os efectos previstos no artigo 7.d), deberase presentar a seguinte documentación:

1º. Libros de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar e/ou documentación acreditativa do parentesco.

2º. Documentación que acredite a condición de pescador/a, mariscador/a, acuicultor/a ou traballador/a de o sector pesqueiro, dun membro da unidade familiar.

g) De tratarse dun proxecto de investimento produtivo, tamén terá que presentar a declaración censual de alta no censo de empresarios, profesionais e retedores (modelos 036/037), ou certificación da exención, de ser o caso, do imposto sobre actividades económicas (IAE).

h) Documentación acreditativa da condición de pequena e mediana empresa (peme). Para a determinación desta condición terase en conta o número de persoas ocupadas no último exercicio (incluídos, de ser o caso, o propietario, administrador ou familiares que traballen na empresa e legalmente incluídos no réxime de autónomos) e volume de negocios (impostos incluídos). Todas as persoas solicitantes de axuda deberán cubrir o anexo II A) e cada unha das persoas que se relacionen no punto B3 do anexo II A) deberán cubrir, ademais, o anexo II B.

No suposto de sociedades de capital, estes datos calcularanse da seguinte forma:

– Se a empresa non participa nin está participada en máis dun 25 % por outras empresas, os datos serán os da propia empresa.

– Se a empresa participa e/ou está participada en máis dun 25 % por outras empresas, os datos serán os das contas consolidadas do grupo empresarial ás cales se sumarán, se é o caso:

• Os datos das empresas en que participa e/ou está participada en máis dun 50 % e non incluídas nas contas consolidadas.

• A parte proporcional (á participación) dos datos das empresas en que participa e/ou están participadas nun 25-50 % e non incluídas nas contas consolidadas.

Se a empresa é de nova constitución, os datos que se consideren serán os provisionais.

En todo caso, se a empresa participa e/ou está participada en máis dun 25 % por outras empresas, debe indicarse expresamente as empresas en que participa e/ou está participada, así como as porcentaxes de participación e os datos de facturación, balance e número de empregados desas empresas. Deberá xuntarse, ademais, a copia das contas desas empresas presentadas no Rexistro Mercantil correspondentes ao último ano.

i) No caso dos proxectos en que se prevexa a creación de emprego, achegarase informe da Seguridade Social de traballadores en alta na data da solicitude.

j) Calquera outra documentación que sexa necesaria ou adecuada para a correcta valoración do proxecto presentado.

2. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das letras a), c), f), g), h) e i) do punto anterior de cada un dos solicitantes.

Ademais, engadirase:

a) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

b) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

c) Declaración responsable de cada unha das persoas, de acordo co anexo III.

d) Anexo V. Pluralidade de persoas solicitantes.

3. No caso de proxectos de cooperación con promotores doutros grupos, sinalarase expresamente na solicitude e deberá presentarse o proxecto de cooperación coa indicación dos cooperantes e grupos a que pertencen, así como os compromisos que adquire cada un deles.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, así como no rexistro do GALP correspondente.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 21. Documentación mínima

Sen prexuízo do disposto no número 2 do artigo 20, a presentación da seguinte documentación da recollida nos artigos 19 e 20 considerarase mínimo imprescindible para a admisión a trámite das solicitudes:

a) Anexo I de solicitude da axuda.

b) Memoria e orzamento conforme o modelo exixido.

c) Plan económico conforme o modelo exixido.

A non presentación desta documentación dará lugar a unha resolución de inadmisión da solicitude da axuda.

Artigo 22. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da/das persoa/s solicitante/s e/ou do/dos representante/s legal/is, de ser o caso.

b) NIF da persoa xurídica ou entidade solicitante.

c) Certificado de residencia con data da última variación no padrón da persoa solicitante.

d) Domicilio fiscal da persoa xurídica solicitante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigacións tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigacións tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

h) Concesións doutras subvencións e axudas.

i) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j) Concesións pola regra de minimis.

k) Imposto de actividades económicas.

l) Informe de vida laboral.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente (anexos I e V) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención destes datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 23. Fase de instrución

1. Os GALP, como entidades colaboradoras da Administración da Comunidade Autónoma, son os órganos encargados da instrución das solicitudes.

Unha vez recibidas as solicitudes, serán revisadas polo equipo técnico dos GALP para verificar o cumprimento dos requisitos establecidos nesta orde, a constancia e a exactitude de toda a documentación requirida en cada caso, así como a certeza dos datos, informacións e documentos achegados polo promotor. Isto non se aplicará cando non exista orzamento dispoñible no obxectivo estratéxico do plan financeiro da EDLP do GALP, caso en que o instrutor realizará proposta de inadmisión á xunta directiva do grupo.

2. Se a solicitude non reúne todos os requisitos das bases reguladoras e o GALP dispón de orzamento no obxectivo estratéxico no plan financeiro, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende as deficiencias, remita cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para a resolución do expediente, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, coa indicación de que, se non o fixer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.

Non se aplicará o disposto no parágrafo anterior cando as solicitudes non veñan acompañadas da documentación mínima imprescindible exixida no artigo 22.

3. Os proxectos turísticos que impliquen un incremento da oferta de aloxamento deberán contar co informe do órgano competente en materia de turismo.

Os GALP, como instrutores do procedemento, deberán solicitar informe ao organismo competente en materia de turismo.

4. O instrutor deberá realizar unha comprobación in situ de que os proxectos e as actividades para os cales se solicitou a axuda non se iniciaron e redactará a acta de non inicio, no caso de investimentos materiais, no prazo de 20 días desde a presentación da solicitude, xunto coa documentación mínima imprescindible.

5. O instrutor deberá emitir un informe de subvencionabilidade que conterá os seguintes aspectos:

a) Xustificación de en que medida o proxecto contribúe aos obxectivos da EDLP, utilizando para iso a ferramenta proporcionada pola Consellería do Mar, así como ao cumprimento dalgúns dos obxectivos previstos no artigo 4.1.

b) Indicación da contribución do proxecto ao DAFO, obxectivo e indicadores de resultados específicos previstos no programa operativo para a prioridade cuarta da UE.

c) Xustificación da contribución aos obxectivos específicos doutras prioridades do FEMP e indicadores de resultado, se for o caso.

d) Valoración da medida en que se cumpren os requisitos do artigo 5.4.b), c) e d).

e) Indicación de que o solicitante cumpre os requisitos para poder ser beneficiario, conforme os artigos 6, 7 e 8.

f) Indicación de se os gastos son subvencionables, conforme os artigos 12, 13, 14 e 15.

g) Xustificación de non superación dos importes máximos que prevé a EDLP para o obxectivo estratéxico concreto en que se encadra o proxecto.

6. Se o proxecto non cumpre os criterios de subvencionabilidade sinalados no punto anterior, non poderá ser seleccionado.

7. No caso de proxectos de construción con orzamento final de execución superior a 200.000 €, o GALP deberá solicitar unha valoración previa por un perito independente.

No caso de proxectos tecnolóxicos ou informáticos con custo superior a 10.000 €, será precisa unha valoración económica dun perito independente.

8. Finalizados os traballos anteriores, o equipo técnico do GALP avaliará e baremará os proxectos, atendendo aos criterios de selección establecidos na súa EDLP, e elevará á xunta directiva as propostas de resolución provisional de concesión de axuda.

9. A baremación dos proxectos xustificará a aplicación obxectiva dos criterios de selección, de tal forma que a puntuación de cada solicitante estea motivada e poida ser obxecto de comprobación inequívoca.

10. No caso de empate na puntuación, tras aplicar os criterios de selección e de non ter en conta a EDLP criterios de desempate, daráselles prioridade aos proxectos que máis contribúan á consecución dos obxectivos da estratexia e, de manterse o empate, aos que máis contribúan aos indicadores de resultados da prioridade 4 pola seguinte orde: creación de emprego, negocios creados (alta CNAE), emprego mantido, número de proxectos promovidos por mulleres ou xente nova (menores de 40 anos), número de proxectos de diversificación das actividades económicas na zona, número de mulleres que participaron en actividades de formación.

11. A proposta técnica que se eleve á xunta directiva do grupo conterá, como mínimo:

a) Relación das solicitudes que se propón desestimar porque non cumpren as condicións para seren beneficiarios ou conteñen propostas que non contribúen aos obxectivos do FEMP, do programa operativo ou da EDLP, xunto coa motivación que fundamenta a proposta de desestimación.

b) Relación dos proxectos para os que se propón a concesión de subvencións, indicando para cada un deles a puntuación obtida, a identidade da persoa solicitante, o importe do investimento, o importe subvencionable, a porcentaxe de axuda proposta, o prazo de execución e a contía da subvención proposta.

12. Sen prexuízo do sinalado no número 2, en calquera momento do procedemento, o servizo xestor poderá requirir á persoa ou entidade solicitante a remisión daqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 24. Fase de selección e propostas

1. A Xunta Directiva dos GALP seleccionará os proxectos que considere prioritarios para a execución da súa EDLP, de conformidade cos criterios establecidos nela e realizará a proposta de resolución definitiva, que elevará á Consellería do Mar no prazo máximo dun mes dende a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. A Xunta Directiva poderá:

a) Propoñer a non concesión ou minoración da axuda cando o custo de adquisición proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado. Para estes efectos, poderá requirir a achega da valoración dos investimentos solicitados, efectuada mediante un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

b) Limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto no relativo ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

c) Establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado, no caso de presentarse varios proxectos para accións substancialmente idénticas.

d) Naqueles supostos en que a Xunta Directiva se aparte da proposta técnica, deberá xustificalo en función dos criterios establecidos no artigo anterior.

3. A proposta de resolución provisional recollerá a advertencia expresa de que non crea ningún dereito a favor do solicitante proposto e outorgará un prazo de alegacións contra ela de 5 días hábiles contado desde a data da súa publicación no taboleiro de anuncios e na web http://mar.xunta.gal. No caso de que a data de publicación nestes dous espazos non coincida, prevalecerá a data de publicación no taboleiro de anuncios do GALP. O GALP expedirá un certificado de exposición ao público da proposta de resolución no seu taboleiro de anuncios con referencia expresa á data da publicación.

4. Unha vez contestadas as alegacións, o GALP formulará a proposta de resolución definitiva e publicaraa nos espazos sinalados no punto anterior, xunto coa avaliación e baremación efectuadas.

5. O GALP incluirá a documentación escaneada na aplicación que ten á súa disposición, proporcionada pola Consellería do Mar, con anterioridade á elevación da proposta de resolución definitiva a esta.

6. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do GALP para que a Xunta Directiva formule a proposta de resolución de non admisión ou denegación, na cal se indicarán as causas que a motivan.

Artigo 25. Fase de concesión

1. A Consellería do Mar, á vista da proposta de resolución definitiva de cada GALP, e despois de realización dun control das actuacións das fases anteriores, ditará as resolucións de concesión das axudas.

No caso de proxectos de cooperación, a concesión estará condicionada á aprobación dos proxectos en cada grupo.

2. Poderase limitar a contía dos gastos elixibles que se consideren que non están xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración económica. Cando o custo dos gastos subvencionables proposto polo solicitante sexa superior ao valor de mercado, poderá propoñerse a non concesión ou a minoración da contía da axuda proposta.

3. No caso en que se constaten erros ou defectos de legalidade na proposta de resolución dos GALP, o servizo competente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro poderá devolver o expediente á entidade colaboradora para os efectos de adecuar a proposta de resolución á legalidade vixente ou, de ser o caso, co fin de axilizar a tramitación e corrixir os erros ou defectos observados.

4. As axudas que se concedan en cada GALP deberán asignarse en función da puntuación obtida e intensidade da axuda que figuren na proposta definitiva do GALP, sen prexuízo das minoracións resultantes do control de actuacións das fases anteriores.

No caso de que exista sobrante na dotación orzamentaria asignada ao grupo, pero resulte insuficiente para atender as solicitudes de forma completa, establecerase a lista de reserva prevista no número 7 deste artigo.

O crédito orzamentario sobrante dos GALP poderá reasignarse en función do criterio inicial establecido no artigo 3.3 desta orde. O orzamento resultante atenderá á lista de reserva creada para cada GALP.

A consideración de fases independentes nos proxectos recollerase na resolución de concesión, logo de solicitude do promotor, sempre que esta estea motivada e fose proposta polo GALP.

5. A resolución destas axudas corresponde á persoa titular da Consellería do Mar.

6. No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución de concesión da axuda, as persoas interesadas deberán comunicar a súa aceptación ou o rexeitamento da axuda nas condicións expresadas nela. Transcorrido o devandito prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda, segundo o disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

A aceptación da axuda implica a aceptación da súa inclusión como persoa beneficiaria na lista de operacións publicada, de conformidade co artigo 119, número 2, do devandito Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao FEMP.

7. Establecerase unha lista de reserva con aqueles proxectos incluídos na proposta de resolución definitiva dos GALP que non poidan recibir axuda por falta de crédito, que será utilizada de non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais.

Artigo 26. Modificación da resolución e posibilidade de prórrogas

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, como a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, incumprimento dos prazos de realización das obras, modificacións que afecten o proxecto, variación do orzamento aprobado, ou calquera outro dato que afecte un aspecto substancial da resolución de concesión, poderá dar lugar á súa modificación ou á súa revogación.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia do interesado, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade ou modificación proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención ou a non selección do proxecto na concesión inicial.

d) Que a modificación non supoña un incremento do importe subvencionado ou da porcentaxe de axuda.

As modificacións deberán ser comunicadas polo beneficiario ata un mes antes de finalizar o prazo de execución, por escrito, con anterioridade á súa realización e con antelación suficiente ao correspondente GALP, que efectuará as comprobacións que considere pertinentes deixando constancia nunha acta, elevando proposta de modificación da resolución á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que decidirá sobre a súa procedencia ou non.

Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha minoración do importe subvencionable superior ao 50 % do inicialmente aprobado.

Cando sexa preciso, o GALP requirirá ao interesado a presentación de novas facturas pro forma para valorar as modificacións previstas.

3. No caso de axudas para financiar investimentos ou gastos de distinta natureza, a execución deberá axustarse á distribución dos conceptos do investimento acordado na resolución de concesión.

Con todo, sen necesidade de instar o procedemento de modificación da subvención e sempre que exista causa xustificada e non se altere o obxecto e finalidade da axuda, na xustificación das partidas poderán ser admitidas compensacións dos importes duns conceptos cos doutros, ata un 15 % do investimento.

No caso de que exista un cambio de provedor por causas sobrevidas, o devandito cambio deberá ser comunicado polo promotor expoñendo, de forma razoada, as causas e consecuencias deste.

4. No caso de que o beneficiario considere que non pode finalizar o proxecto ou cumprir os compromisos dentro do prazo sinalado na resolución de concesión da axuda poderá, ata un mes antes de finalizar o prazo de execución, solicitar prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir o devandito prazo, e presentando unha memoria onde se especifique o grao de realización da actividade subvencionada e o novo cronograma de actuacións.

Para o cómputo do prazo de execución terase por data de inicio da execución a de levantamento da acta de non inicio ou a data de solicitude cando esta acta non fose necesaria.

A entidade colaboradora elevará proposta de resolución á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada. No caso de que sexa aprobada, non poderá exceder a metade do tempo inicialmente concedido.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

5. Cando por algún dos motivos recollidos neste artigo, os cambios no expediente supoñan unha variación da distribución por anualidades fixada na resolución inicial, a modificación quedará supeditada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias nas anualidades correspondentes.

CAPÍTULO III

Xestión e xustificación das axudas

Artigo 27. Xustificación

1. O beneficiario deberá acreditar a realización do proxecto, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinaron a concesión da axuda.

2. Para iso, logo de execución do proxecto no prazo sinalado na resolución de concesión da axuda, o beneficiario presentará no rexistro do GALP, ata a data sinalada na resolución de concesión de axuda, como máis tarde o 30 de setembro, a seguinte documentación:

a) Escrito en que solicite o pagamento da axuda.

b) Memoria xustificativa da realización do proxecto, con especial referencia aos obxectivos conseguidos. No caso de pagamento final, proporcionarase información sobre os indicadores de resultados previstos nos regulamentos de execución (UE) números 1242/2014 e 1243/2014.

c) Declaración responsable de axudas recibidas e solicitadas para o mesmo proxecto, segundo o anexo IV.

d) Declaración responsable de que se manteñen ata este momento os requisitos para ser beneficiario.

e) Relación de facturas en que se indiquen número de factura, nome da empresa emisora e NIF, importe total con desagregación do IVE, data de emisión e data de pagamento.

f) Facturas orixinais dos gastos realizados, xunto cos xustificantes bancarios do pagamento das devanditas facturas.

g) Certificacións acreditativas de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, naqueles supostos en que se denegue expresamente a autorización para a súa consulta no procedemento de tramitación da axuda ou se opoña á consulta.

h) Os permisos, inscricións e/ou licenzas requiridas para o tipo de actividade de que se trate deberán presentarse, como moi tarde, xunto coa última solicitude de pagamento.

i) No caso dunha actuación que requira proxecto técnico, o promotor deberá achegar coa primeira xustificación unha copia do resumo do orzamento aceptado por capítulos e da memoria deste. Neste suposto presentaranse certificacións de obra asinadas por un técnico competente, que deberán coincidir cos conceptos dos capítulos do proxecto técnico que figura no expediente.

j) Na xustificación da adquisición de maquinaria e equipamento deberase achegar unha relación dos equipamentos subvencionados na cal consten marca, modelo e número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación. A factura correspondente deberá identificar estes datos.

k) Na xustificación da realización de estudos, proxectos técnicos, planos e documentos similares, o promotor entregará un exemplar en soporte informático adecuado para posibilitar a súa difusión. Tamén se deben achegar copias se hai edición de libros, folletos, guías, etc. Se a subvención se concede para seminarios ou actividades semellantes, entregarase unha copia dos temas tratados, as conclusións, os materiais empregados, un informe final sobre o desenvolvemento da actividade e evidencias de participación dos asistentes na actividade realizada (sinaturas, fotografías, notas de prensa...). A documentación acreditará, así mesmo, o cumprimento das obrigacións de publicidade.

l) No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá achegarse, coa última solicitude de pagamento, a documentación acreditativa da presentación da solicitude de inscrición da afectación do ben á subvención no rexistro correspondente.

O beneficiario, unha vez recibido o último pagamento da axuda, presentará a certificación da inscrición rexistral da afectación do ben á subvención no prazo máximo de tres meses.

m) De ser o caso, relación do persoal contratado para o proxecto e documentación acreditativa (contratos de traballo e documentos de cotización á Seguridade Social) do cumprimento dos compromisos de creación de emprego recollidos no proxecto.

n) No caso de que o beneficiario teña a condición de poder adxudicador, nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, achegará a documentación relacionada co proceso de contratación.

3. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

4. O GALP recibirá a documentación xustificativa da execución dos proxectos seleccionados e comprobará que está completa, estampando nas facturas, salvo nas electrónicas, o selo do GALP.

5. Con anterioridade ao pagamento parcial ou final, o persoal do GALP realizará unha verificación material in situ do investimento realizado en que asegurará a existencia real dos bens obxecto de comprobación, o seu axuste ao proxecto ou memoria valorada, a súa utilidade e funcionamento, a súa coincidencia coa xustificación documental, que o beneficiario cumpre coas normas de publicidade establecidas para o FEMP, que leva un sistema de contabilidade separado ou ben utiliza un código contable axeitado e cantas comprobacións sexan necesarias en función dos investimentos ou gastos subvencionados.

A acta da verificación material redactarase no prazo máximo de 10 días desde a data límite de xustificación do proxecto.

O persoal do GALP, unha vez verificados os investimentos e os gastos e comprobada a veracidade dos indicadores de resultados (en caso de pagamento final), o cumprimento dos compromisos de emprego, así como dos requisitos de publicidade, emitirá unha proposta de certificación, que servirá de base para a proposta de pagamento do GALP, á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

6. O GALP remitirá á Consellería do Mar as solicitudes de pagamento dos beneficiarios coa documentación acreditativa do investimento e pagamentos realizados, xunto cos informes pertinentes.

7. Cada certificación presentada polo GALP á Consellería do Mar deberá ir acompañada dun informe de auditoría que certifique os seguintes datos:

a) Que as subministracións de bens, as prestacións de servizos e, en xeral, a actividade subvencionada cuxo custo se certifica foron efectivamente realizadas dentro do prazo establecido.

b) Que os gastos declarados en cada certificación son subvencionables, están soportados con facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente e están pagados dentro do prazo de elixibilidade.

c) No caso de poderes adxudicadores, revisarase a contratación pública e certificarase que cumpre os requisitos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

Este informe emitirase no prazo máximo dun mes contado desde a presentación da conta xustificativa. Os GALP emitirán a proposta de pagamento no prazo máximo de dous meses desde a xustificación da axuda.

8. No caso en que se constaten erros ou defectos de legalidade na proposta de pagamento dos GALP, o servizo competente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro devolverá o expediente á entidade colaboradora para os efectos de adecuar a proposta de pagamento á legalidade vixente ou, de ser o caso, corrixir os erros ou os defectos observados.

9. O GALP conservará e custodiará a documentación xustificativa das operacións certificadas e garantirá que esta sexa posta á disposición dos órganos de control que a soliciten.

10. O GALP incorporará toda a documentación escaneada na aplicación que pon á súa disposición a Consellería do Mar.

Artigo 28. Pagamento, pagamentos parciais e anticipos

1. A Consellería do Mar efectuará o pagamento das axudas unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención e a elixibilidade do gasto. O importe da axuda aboarase mediante transferencia bancaria ao beneficiario e na contía que corresponda segundo os proxectos executados.

No caso de que o investimento sexa xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto e que non supoña unha realización deficiente deste. Estes datos deberán ser certificados polos GALP.

2. Poderán realizarse xustificacións parciais a medida que se vaian executando as accións subvencionadas. Os pagamentos parciais non poderán superar o 80 % da axuda e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada. Os pagamentos están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados neste artigo.

Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

3. Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención para a anualidade, naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados neste artigo.

4. Garantías:

a) Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos parciais, nos seguintes supostos:

1º. Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.

2º. Pagamentos parciais cando a contía da subvención exceda os 18.000 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

b) A garantía constituirase mediante presentación de aval solidario de entidade de crédito, que deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou que se anticipen, de conformidade co disposto no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepto nos casos previstos no artigo 65.4 dese decreto. O aval será depositado na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia.

As garantías serán liberadas despois de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

5. O importe conxunto dos pagamentos parciais e anticipados que, de ser o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da subvención concedida, nin superar a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

6. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á realización do obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado a reintegrar a axuda nos termos previstos nos artigos 37 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Verificación posterior ao pagamento da axuda

Durante todo o período de vixencia das condicións derivadas da concesión da axuda, a Consellería do Mar ou o GALP poderán, en calquera momento, comprobar o desenvolvemento dos compromisos adquiridos e o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a axuda, así como a aplicación desta a fins distintos daqueles para os que foi outorgada, para o cal requirirán canta documentación consideren oportuna e efectuarán as visitas ás instalacións obxecto da subvención que se xulguen necesarias.

A negativa, obstrución, escusa ou resistencia a este labor de seguimento e comprobación da aplicación da axuda aos fins previstos poderá dar lugar ao comezo de actuacións de reintegro total ou parcial da axuda, así como ás sancións que resulten pertinentes de conformidade co establecido na presente orde.

Artigo 30. Recursos

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta xurisdición no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 31. Reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento e/ou procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda concedida e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos sinalados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe que se debe reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación de posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Procederá a declaración de perda do dereito a cobrar a totalidade ou parte da subvención concedida e, se for o caso, o reintegro das cantidades indebidas cobradas, cando a persoa beneficiaria modifique a actividade que se vaia desenvolver declarada na solicitude e na memoria do proxecto, sen contar coa aprobación previa establecida no artigo 26.2 desta orde.

b) Procederá o reintegro total da axuda concedida no caso de incumprir a obrigación indicada no artigo 11.2.e) da presente orde, relativa a comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que sexan incompatibles.

c) O incumprimento da obrigación establecida no artigo 11.2.e) desta orde, relativa a comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que fosen compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento, de acordo co artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou unha codificación contable adecuada, segundo o establecido no artigo 11.2.g) desta orde, dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

e) O incumprimento das obrigacións en materia de publicidade, establecidas no artigo 11.2.i) da presente orde, dará lugar a un reintegro do 2 % da axuda concedida.

2. Para o citado procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 32. Infraccións e sancións

As actuacións dos beneficiarios en relacións coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 33. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de inicio. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 34. Publicidade

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido nos artigos 15 da Lei de subvencións de Galicia e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 35. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 36. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 37. Loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os devanditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo devandito Servizo no enderezo web, http://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado Servizo, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Disposición adicional primeira. Actuacións dos GALP

– As referencias á Administración pública na normativa de subvencións que se fagan na regulación daqueles actos e trámites administrativos que se atopan dentro das fases de instrución, selección e propostas de resolución das solicitudes de axuda, así como en calquera outra intervención que lle corresponda aos GALP de conformidade co establecido na presente orde, entenderanse feitas ao órgano correspondente destes, como entidade colaboradora na xestión das axudas reguladas na presente orde.

– Os GALP, como entidades colaboradoras da Consellería do Mar na xestión das axudas derivadas desta orde, asistirán os interesados no uso de medios electrónicos nas súas relacións con esta consellería, e deberán poñer á súa disposición os medios persoais e técnicos necesarios para o acceso á sede electrónica. Cada GALP deberá establecer e facer públicos os días e o horario de atención ao público en que prestará asistencia aos interesados para a presentación electrónica das solicitudes de axuda e demais documentación dirixida á Consellería do Mar.

Disposición adicional segunda. Publicidade de actos e trámites

As publicacións efectuadas en cumprimento do establecido nesta orde respectarán, en todo caso, os límites ao dereito de acceso á información pública previstos na normativa básica, así como os derivados da normativa en materia de protección de datos persoais.

Cando a información conteña datos especialmente protexidos, a súa publicidade só se levará a cabo despois da súa disociación.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar cantas instrucións e resolucións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2021

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file