Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 27 de xaneiro de 2022 Páx. 5095

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

DECRETO 5/2022, do 20 de xaneiro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2022.

O artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establece que as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poidan ser cubertas cos efectivos de persoal existentes serán obxecto de oferta de emprego público.

O artigo 12.un da Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, prevé que durante o ano 2022 só se poderá proceder no sector público delimitado no artigo 11, e no marco do disposto ao respecto na lexislación básica estatal, á incorporación de novo persoal con suxeición aos límites e requisitos establecidos na normativa básica que se estableza ao respecto, e en particular no referente á taxa de reposición de efectivos respectando, en todo caso, as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo dos correspondentes orzamentos de gastos.

O artigo 20.un.1 da Lei 22/2021, do 28 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2022, establece que a incorporación de persoal de novo ingreso cunha relación indefinida no sector público, con excepción dos órganos recollidos no punto un.e) do artigo anterior, se regulará polos criterios subliñados neste artigo e suxeitarase a unha taxa de reposición de efectivos do 120 por cento dos sectores prioritarios.

No punto 3.A) do mesmo artigo 19 a lei considera sectores prioritarios para os efectos da taxa de reposición as administracións públicas con competencias educativas para o desenvolvemento da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en relación coa determinación do número de prazas para o acceso aos corpos de funcionarios docentes.

Non obstante, dado o baixo rateo de temporalidade no persoal docente desta Comunidade Autónoma e a obriga de aprobar con anterioridade ao 1 de xuño de 2022 as ofertas de emprego recollidas no artigo 2 e nas disposicións adicionais sexta e oitava da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, resulta aconsellable limitar a oferta de emprego ao 100 por 100 da taxa de reposición.

Polo anterior, tendo en conta a planificación educativa e a taxa de reposición a que se fixo referencia no parágrafo anterior, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia, e de conformidade co establecido no artigo 13.2.g) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de xaneiro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público dos corpos docentes

Apróbase a oferta de emprego público correspondente aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público relativa á taxa de reposición

O número de prazas que se convocan nesta oferta de emprego público relativas á taxa de reposición é de 927.

Artigo 3. Cuantificación da oferta de emprego público relativa á taxa de reposición distribuída por corpos

Corpo de mestres: 298.

Corpo de profesores de ensino secundario: 577.

Corpo subgrupo A2 que teña as competencias para impartir módulos profesionais da formación profesional: 27.

Corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas: 25.

Artigo 4. Prazas de promoción interna

Ademais das prazas de reposición de efectivos a que se fai referencia nos artigos 2 e 3 deste decreto, ofertaranse as seguintes prazas de promoción interna:

Acceso ao corpo de inspectores de educación: 10.

Acceso ao corpo de profesores de ensino secundario: 87.

Artigo 5. Reserva para persoas con discapacidade

Do total de prazas ofertadas para ingreso e acceso reservarase unha cota do 7 % do conxunto delas para seren cubertas por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %. A distribución da dita reserva por especialidades efectuarase na convocatoria das probas selectivas. No suposto de que algunha persoa aspirante con discapacidade que se presentase pola quenda de reserva superase a proba e non obtivese praza na citada quenda, sendo a súa puntuación superior á obtida por outro persoal aspirante do sistema de ingreso ou de acceso, será incluído ou incluído pola súa orde de puntuación no sistema que proceda.

Artigo 6. Admisión de persoas con discapacidade

1. Nas probas selectivas para o acceso ás prazas ofertadas serán admitidas as persoas con discapacidade en igualdade de condicións cos demais aspirantes.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións físicas ou psíquicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. Nas probas selectivas estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións de tempo e medios para a súa realización. Nas convocatorias indicarase claramente esta posibilidade, así como que o persoal interesado deberá formular a petición concreta na correspondente solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración competente.

Artigo 7. Acumulación das prazas

1. As prazas que, se é o caso, queden vacantes da quenda de discapacidade polo sistema de ingreso libre acumularanse ás convocadas no dito sistema, na correspondente especialidade.

2. As prazas que, se é o caso, queden vacantes da quenda de discapacidade polo sistema de acceso acumularanse ás prazas convocadas polo dito sistema, cando sexa o caso, na correspondente especialidade.

3. As prazas que, se é o caso, quedan vacantes dos sistemas de acceso non se acumularán ás prazas do sistema de ingreso libre.

Artigo 8. Acumulación das prazas coa oferta de emprego aprobada polo Decreto 84/2021, do 12 de maio

As prazas correspondentes a esta oferta de emprego acumularanse coas correspondentes á oferta de emprego aprobada polo Decreto 84/2021, do 12 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Artigo 9. Non superación do número máximo de prazas convocadas

Os tribunais non poderán declarar que superou as fases de oposición e concurso un número superior ao de prazas que lle sexan asignadas. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, se for o caso, a través da estimación de recursos, non poderá declarar que superou as fases de oposición e concurso polo sistema de ingreso libre un número superior ao conxunto de prazas convocadas relativas á taxa de reposición.

Artigo 10. Presentación electrónica das solicitudes

As solicitudes de participación nos procedementos selectivos presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional única. Adquisición doutra especialidade

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade poderá, ademais, convocar o procedemento para que os funcionarios docentes de carreira que dependan directamente dela poidan acadar unha nova especialidade dentro do corpo a que pertencen.

Disposición derradeira primeira. Autorización de desenvolvemento

Facúltase a conselleira de Cultura, Educación e Universidade para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade