Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 28 de xaneiro de 2022 Páx. 5600

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 2022, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, pola que se aproba o formulario normalizado para a presentación na sede electrónica de denuncias en materia de integridade institucional (código de procedemento PR006A).

O Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia, aprobado o 10 de decembro de 2021 polo Consello da Xunta, preveu a habilitación dunha canle específica de denuncias en materia de integridade institucional, mediante a cal calquera persoa poida facilitar información de que teña coñecemento sobre actuacións ou condutas contrarias á integridade institucional no ámbito do sector público autonómico, con plenas garantías de indemnidade da persoa denunciante, que non poderá sufrir, nin durante nin despois da investigación ningún tipo de medida que implique calquera forma de prexuízo ou discriminación, en cumprimento das previsións da Directiva (UE) nº 2019/1937 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2019, relativa á protección das persoas que informen sobre infraccións do dereito da Unión.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que as persoas físicas poderán elixir se se comunican coa Administración a través de medios electrónicos ou non, salvo que estean obrigadas, e as persoas xurídicas son suxeitos si obrigados a usaren os ditos medios electrónicos para a súa relación coa Administración.

Visto o marco xurídico descrito, a presentación dunha denuncia no eido da integridade institucional pode levarse a cabo a través de medios electrónicos.

Para facilitar a presentación electrónica de denuncias en materia de integridade institucional cómpre elaborar o formulario normalizado que se vaia empregar. O formulario estará accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia e mais terá unha ligazón desde o propio Portal de transparencia e goberno aberto.

Na súa virtude, e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar o formulario normalizado para a presentación na sede electrónica de denuncias en materia de integridade institucional.

Para iso habilítase un formulario na Guía de procedementos e servizos dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, co seguinte código:

– PR006A. Denuncia en materia de integridade institucional

Segundo. Forma e lugar de presentación

As denuncias presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria, as persoas traballadoras autónomas, o estudantado universitario, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa denuncia presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da denuncia aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das denuncias poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as denuncias presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Terceiro. Documentación complementaria

1. Xunto co anexo I, as persoas denunciantes poderán achegar a documentación que consideren oportuna ou na cal fundamenten a denuncia.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da denuncia. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da denuncia deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Cuarto. Tratamento de datos persoais e seguridade da información

Os datos recollidos no formulario normalizado serán tratados, na súa condición de responsable do tratamento pola Consellería de Facenda e Administración Pública coa finalidade de tramitar o procedemento, verificar os datos e documentos que a persoa interesada achegue na súa solicitude para comprobar a exactitude destes, levar a cabo as actuacións administrativas que deriven e informar sobre o estado de tramitación. Así mesmo, os datos persoais incluiranse na Carpeta cidadá de cada persoa interesada para facilitar o acceso á información, tanto persoal como de carácter administrativo. A lexitimación para o tratamento baséase no cumprimento dunha obriga legal con base na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Directiva (UE) nº 2019/1937 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2019, relativa á protección das persoas que informen sobre infraccións do dereito da Unión, na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa recollida na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Os datos persoais da persoa denunciante non serán comunicados a terceiros agás consentimento expreso da persoa denunciante, salvo cando a dita revelación constitúa unha obriga necesaria e proporcionada imposta polo dereito da Unión Europea ou polo dereito nacional no contexto dunha investigación levada a cabo polas autoridades competentes ou no marco dun proceso xudicial. En particular, será lícito o seu acceso por outras persoas, ou mesmo a súa comunicación a terceiros, cando resulte necesario para a adopción de medidas disciplinarias ou para a tramitación dos procedementos xudiciais que, se é o caso, procedan. Entre outros, poderán ser comunicados cando sexa preciso para a realización dunha investigación aos seguintes organismos:

O Ministerio Fiscal no exercicio das súas competencias.

Os xuíces e tribunais no exercicio das súas competencias.

O Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas competencias.

O Servizo Nacional de Coordinación Antifraude no exercicio das súas competencias.

A Oficina Europea de Loita contra a Fraude no exercicio das súas competencias.

As persoas interesadas poderán solicitar ante o responsable o acceso, rectificación, limitación, portabilidade e supresión dos seus datos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común segundo se recolle en https://www.xunta.gal/exercicio-de-dereitos. O exercicio de dereitos por parte das persoas interesadas non implicará a revelación da identidade da persoa denunciante. Pódese obter máis información e contacto co/coa delegado/a de protección de datos en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. O acceso aos datos persoais da persoa denunciante consignados neste formulario limitarase exclusivamente ao persoal pertencente á unidade encargada de tramitar o procedemento.

Os datos conservaranse unicamente durante o tempo necesario para a investigación dos feitos relatados. Os datos serán suprimidos do sistema de denuncias transcorrido o prazo previsto na normativa de protección de datos persoais, sen prexuízo de que os datos poderán seguir sendo tratados polo órgano competente para a tramitación das denuncias. As denuncias ás cales non se lles dese curso constarán soamente de forma anonimizada.

Quinto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de inicio. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sexto. Trámites administrativos posteriores á presentación da denuncia

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sétimo. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do servizo regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. Eficacia

Esta resolución será eficaz o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2022

Jesús Oitavén Barcala
Director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa

missing image file
missing image file