Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 2 de febreiro de 2022 Páx. 6991

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 5 de xaneiro do 2022 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria do ano 2022 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento PE209H).

BDNS (Identif.): 608163.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar, as asociacións de profesionais do sector e as demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por profesionais do sector, sempre que sexan entidades titulares de plans marisqueiros en réxime de coxestión e teñan a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria do ano 2022 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan á mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños (código de procedemento PE209H).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 5 de xaneiro do 2022 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria do ano 2022 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan a unha mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento PE209H).

Cuarto. Contía

O importe máximo das subvencións que se concedan en 2022 será de trescentos mil euros (300.000 €) nunha única anualidade 2022.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes de axudas poderán ser presentadas no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

2. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución en que que se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 19.2 desta orde.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2022

Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar