Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 2 de febreiro de 2022 Páx. 6948

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 12 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR341R).

BDNS (Identif.): 608303.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

Estas bases establecen os criterios e requisitos para a concesión de axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que contraten unha persoa traballadora, ben sexa no caso de finalizado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, ou ben en calquera momento en que o precisen para apoiar o coidado de menores e/ou maiores e dependentes, e segundo o disposto nesta orde.

As axudas irán dirixidas á contratación dunha persoa traballadora para apoiar a persoa autónoma no seu negocio, nos casos de maternidade ou paternidade unha vez finalizado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento (bono autónomo concilia I).

Tamén se dirixen as axudas á contratación dunha persoa traballadora para apoiar a persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e dependentes (graos I, II e III) ao seu cargo, independentemente de que existiran ou non situacións de maternidade ou paternidade ou asimiladas (bono autónomo concilia II).

Igualmente se apoiarán os gastos dos servizos de coidado de menores e/ou maiores e dependentes (graos I, II e III) ao seu cargo, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2021 ao 30 de setembro de 2022 (bono autónomo para o servizo do coidado de menores e bono autónomo para o servizo do coidado de persoas maiores ou dependentes).

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das axudas á conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341R).

Mediante as axudas reguladas nesta orde permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación para a contratación dunha persoa durante un período máximo dun ano, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade e consolidación do seu proxecto empresarial, contribuído a mitigar os graves prexuízos que nos traballadores e traballadoras autónomas provocou o brote da COVID-19 en Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 12 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR341R).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse un millón de euros (1.000.000 €).

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables presentaranse desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2022.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2022

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade