Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 2 de febreiro de 2022 Páx. 6950

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 25 de xaneiro de 2022 pola que se amplía o prazo de finalización das accións formativas recollidas na Orde do 17 de decembro de 2019 pola que se procede á segunda convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas para os exercicios 2020-2021 (código de procedemento TR301P) e á primeira convocatoria dos incentivos á contratación vinculados (código de procedemento TR349X) para o exercicio 2020.

A Orde do 13 de agosto de 2019 (DOG núm. 169, do 6 de setembro) estableceu as bases reguladoras para o período 2019-2021 e procedeu a realizar a primeira convocatoria de axudas para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas para os exercicios 2019-2020, e estaba prevista a realización de novas convocatorias para as anualidades 2020-2021.

A Orde do 17 de decembro de 2019 (DOG núm. 243, do 23 de decembro), pola que se procede á segunda convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas para os exercicios 2020-2021 (código de procedemento TR301P) e á primeira convocatoria dos incentivos á contratación vinculados (código de procedemento TR349X) para o exercicio 2020, establece nos puntos 2 e 3 do artigo 6, relativo á data de inicio e fin das accións formativas e aos prazos de xustificación, o seguinte:

«2. O remate das accións formativas terá como data límite o 20 de novembro de 2021.

3. A xustificación final dos gastos subvencionables deberase realizar dentro do prazo dun mes desde o remate de cada curso.

Os prazos para a xustificación dos gastos axustaranse, en calquera caso, aos seguintes límites:

a) Para os gastos subvencionables das accións formativas xerados ata o 20 de novembro de 2020, a data límite para presentar a xustificación dos cursos será o 20 de decembro de 2020.

b) Nas accións formativas realizadas na anualidade de 2020, os gastos subvencionables xerados despois do 20 de novembro e antes do 31 de decembro de 2020, deberase realizar unha xustificación con data límite do 31 de xaneiro de 2021.

c) Nas accións formativas realizadas na anualidade de 2021, os gastos subvencionables deberán ser xustificados antes da data do 20 de decembro de 2021».

A entrada en vigor do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da epidemia da COVID-19, a situación excepcional creada pola pandemia e as sucesivas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e o Goberno de España requiriron a adopción de medidas dirixidas a facer fronte á situación sanitaria e laboral que, ademais, permitisen o desenvolvemento das accións formativas minimizando o impacto negativo da situación e facilitando, así mesmo, a recuperación dos sectores económicos afectados no marco dun escenario incerto.

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo (BOE núm. 67, do 14 de marzo), polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, incorpora no seu texto a suspensión dos prazos administrativos e o seu restablecemento cando perda vixencia o estado de alarma.

O artigo 54 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo (BOE núm. 91, do 1 de abril), polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19, permite a modificación dos prazos de execución da actividade subvencionada, así como da súa xustificación e comprobación, baixo determinadas pautas relacionadas coa imposibilidade de realizar as ditas actividades durante a vixencia do estado de alarma, e da insuficiencia de prazo para a súa realización, xustificación ou comprobación.

Nos procedementos de concesión de subvencións, as ordes e resolucións de convocatoria e concesión de subvencións e axudas públicas previstas no artigo 22.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que fosen outorgadas no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020 poderán ser modificadas para ampliar os prazos de execución da actividade subvencionada e, de ser o caso, de xustificación e comprobación da dita execución, aínda non se prevese nas correspondentes bases reguladoras.

Para estes efectos, o órgano competente deberá xustificar unicamente a imposibilidade de realizar a actividade subvencionada durante a vixencia do estado de alarma, así como a insuficiencia do prazo que reste tras a súa finalización para a realización da actividade subvencionada ou a súa xustificación ou comprobación.

Á vista da situación excepcional creada pola pandemia, e con base nas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e o Goberno de España, publicouse no DOG núm. 93, do 14 de maio, a Orde do 8 de maio de 2020 pola que se modifican parcialmente determinados prazos das bases reguladoras e ordes de convocatoria de subvencións no ámbito da formación profesional para o emprego, como consecuencia da situación creada pola evolución da epidemia da COVID-19.

A ampliación de prazos estaba xustificada na obrigada suspensión de accións formativas, o que comportaba, tendo en conta o volume de cursos e o alumnado afectado, a necesidade de flexibilizar prazos e dar publicidade das modificacións para os efectos de garantir a seguridade xurídica e económica das entidades beneficiarias.

A introdución destas medidas permitiu unha reprogramación das accións formativas co obxecto de que as entidades encargadas de impartilas non se viran na obriga de renunciar a elas, co conseguinte prexuízo que isto suporía para as persoas traballadoras participantes e para as propias entidades beneficiarias.

Neste senso, a Orde do 8 de maio de 2020, no seu artigo 1.1, dispón o seguinte:

«Durante o prazo de vixencia do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, amplíanse, pola súa duración e das correspondentes prórrogas, os prazos de comezo das accións formativas, resolución e notificación en todos os procedementos vinculados ás seguintes ordes de bases reguladoras e de convocatoria:

a) Procedemento TR301P, regulado pola Orde do 17 de decembro de 2019 pola que se procede á segunda convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas para os exercicios 2020-2021 (código de procedemento TR301P) e á primeira convocatoria dos incentivos á contratación vinculados (código de procedemento TR349X) para o exercicio 2020, en particular, os artigos 6 e 14».

Como resultado da aplicación desta disposición, os prazos de execución e de xustificación dos gastos das accións formativas da segunda convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación reguladas pola Orde do 17 de decembro de 2019 ampliáronse en 99 días, tempo de vixencia do estado de alarma, en relación coa data final inicialmente prevista para xustificar as accións formativas executadas en 2021.

Consecuentemente con todo o anterior, con vistas a favorecer a mellor e a maior execución das accións formativas e o seu impacto no emprego ao tratarse de actividades con compromiso de contratación, e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación dos prazos de finalización e de xustificación das accións formativas

1. Modifícase o contido dos números 2 e 3 do artigo 6 da Orde do 17 de decembro de 2019, que queda redactado do seguinte xeito:

«2. O remate das accións formativas terá como data límite o 30 de xuño de 2022.

3. A xustificación final dos gastos subvencionables deberase realizar dentro do prazo dun mes desde o remate de cada curso.

Os prazos para a xustificación dos gastos axustaranse, en calquera caso, aos seguintes límites:

a) Para os gastos subvencionables das accións formativas xerados ata o 20 de novembro de 2020, a data límite para presentar a xustificación dos cursos será o 20 de decembro de 2020.

b) Para as accións formativas realizadas na anualidade de 2020, respecto dos gastos subvencionables xerados despois do 20 de novembro e antes do 31 de decembro de 2020, deberase realizar unha xustificación con data límite do 31 de xaneiro de 2021.

c) Para as accións formativas realizadas na anualidade de 2021 deberase realizar unha xustificación con data límite do 31 de marzo de 2022.

d) Para as accións formativas realizadas na anualidade de 2022, os gastos subvencionables deberán ser xustificados antes da data do 30 de xullo de 2022».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade