Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 3 de febreiro de 2022 Páx. 7335

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías/especialidades de persoal licenciado sanitario de atención hospitalaria.

O vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria do Sistema público de saúde de Galicia, publicado pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 11 de decembro de 2018 (Diario Oficial de Galicia número 240, do 18 de decembro), regula na súa base 2.1 a elaboración de listas de aspirantes para a formalización de nomeamentos temporais, indicando que se actualizarán con carácter periódico.

Na base 4 do referido pacto indícase que na selección temporal do persoal estatutario licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria se aplicarán con carácter xeral as normas establecidas no vixente pacto sobre a selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 123, do 30 de xuño de 2016), indicando como data de referencia para a elaboración das sucesivas listas o 30 de xuño de cada ano.

A Orde da Consellería de Sanidade do 22 de abril de 2021 (Diario Oficial de Galicia número 96, do 25 de maio), pola que se aproba e publica o acordo sobre un réxime transitorio para a aplicación das listas de aspirantes a nomeamentos temporais de persoal estatutario licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria, establece no seu punto primeiro que, logo da publicación das primeiras listas definitivas destas categorías/especialidades, efectuada pola Resolución do 10 de agosto de 2021 (Diario Oficial de Galicia número 168, do 1 de setembro), se iniciará un novo proceso de xeración que, ademais da actualización de méritos das inscricións admitidas no anterior proceso, incluirá as novas solicitudes presentadas ata o 30 de xuño de 2021.

En cumprimento do acordado nesta última disposición, logo de finalizado o prazo indicado na base 4.a) do pacto de selección temporal e de conformidade co previsto na norma I.5.1 e a base novena da Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 12 de setembro de 2013 (Diario Oficial de Galicia número 181, do 23 de setembro), pola que se regulan as bases do procedemento de actualización periódica das listas de selección temporal, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a relación provisional de solicitantes admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de actualización periódica das listas de selección temporal elaboradas ao abeiro do Pacto do 11 de decembro de 2018 nas diversas categorías/especialidades de persoal licenciado sanitario de atención hospitalaria do Sistema público de saúde de Galicia.

Segundo. As listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as coa asignación aos primeiros da puntuación e a orde de prelación provisionais acadadas atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/pola solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. Contra a resolución provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación, as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

As persoas que, presentando debidamente solicitude de inscrición, non consten como admitidas nin excluídas, disporán do mesmo prazo para formular a súa reclamación.

A aceptación ou rexeitamento das reclamacións presentadas entenderanse implícitos na resolución desta dirección, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren con carácter definitivo os/as admitidos/as e excluídos/as e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitivas acadadas polas persoas aspirantes.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2022

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos