Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 3 de febreiro de 2022 Páx. 7140

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

EXTRACTO da Resolución do 4 de xaneiro de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2022/23 nunha universidade galega (código de procedemento PR911A).

BDNS (Identif.): 608215.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar estas axudas os/as cidadáns/ás galegos/as residentes no estranxeiro cunha titulación universitaria de grao, licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a, diplomado/a, arquitecto/a técnico/a ou enxeñeiro/a técnico/a.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior, co fin de cursar determinados estudos de máster que se inicien no curso 2022/23 nunha universidade galega, condicionada aos límites de financiamento.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 4 de xaneiro de 2022, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras e se procede á convocatoria de duascentas cincuenta (250) bolsas de excelencia para a mocidade do exterior (BEME), co fin de cursar estudos de máster que se inicien no curso 2022/23 nunha universidade galega (código de procedemento PR911A).

Cuarto. Importe

1. Esta convocatoria terá carácter plurianual e para a concesión destas subvencións destinaranse un total de 2.150.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.3 –bolsas excelencia mocidade exterior– dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2022 e 2023, por importe de 1.250.000 € para a anualidade 2022 e 900.000 € para a anualidade 2023. A concesión destas subvencións quedará condicionada aos ditos límites orzamentarios.

2. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na dita aplicación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 29 de abril de 2022, ás 23.59 horas (hora peninsular española).

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2022

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración