Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 8 de febreiro de 2022 Páx. 9481

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convocan exames extraordinarios teóricos para a obtención das titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento PE616D).

A Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, do 8 de xaneiro de 2009, pola que se establecen as condicións e se regulan os requisitos para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 11, do 1 de xaneiro) establece que a Dirección Xeral poderá convocar con carácter anual, nos seus centros de ensino, as probas de carácter extraordinario para obter os títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, polo que se regulan as titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer (BOE núm. 247, do 11 de outubro), regula os títulos náuticos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas, as atribucións, requisitos e o procedemento para a súa obtención.

O Real decreto 238/2019, do 5 de abril, establece habilitacións anexas ás titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer e actualiza as medidas de seguridade na utilización de motos náuticas.

Coa entrada en vigor da Lei 39/2015, a tramitación electrónica non pode ser unha forma especial de xestión dos procedementos senón que debe constituír a actuación habitual das administracións. As persoas xurídicas están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo. Por tanto, todas as disposicións que regulen procedementos administrativos por instancia de parte, as bases reguladoras e as convocatorias de subvencións, así como o establecemento de servizos aos cidadáns e ao persoal empregado público no ámbito da Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia deberán prever a presentación electrónica, ben na sede electrónica da Xunta de Galicia ben en aplicacións propias de presentación electrónica que terán que ser accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia.

Esta dirección xeral, no uso das facultades que lle confire o Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 58, do 26 de marzo), resolve convocar os exames extraordinarios teóricos para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer de patrón/patroa para navegación básica, patrón/patroa de embarcacións de lecer, patrón/patroa de iate, e capitán/capitá de iate, conforme as seguintes normas:

1. Obxecto.

O obxecto desta resolución é establecer as condicións que teñen que cumprir as escolas de navegación de lecer da Comunidade Autónoma de Galicia para poderen presentar o seu alumnado ás probas extraordinarias teóricas, así como fixar as datas e os lugares de realización das citadas probas para obter os títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

Para a presentación de solicitudes deberán empregarse os modelos normalizados correspondentes ao código do procedemento administrativo PE616D, que están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. Normas xerais.

a) Os exames teóricos realizaranos os tribunais que se constitúan de conformidade co establecido no artigo 3 da Orde do 28 de novembro de 2007 pola que se regula a composición dos tribunais para a obtención de titulacións marítimo-pesqueiras e náutico deportivas (DOG núm. 243, do 18 de decembro).

Para que poida realizarse a convocatoria extraordinaria nun centro de ensino será necesario reunir un mínimo de 15 persoas inscritas para as titulacións de patrón/patroa de embarcacións de lecer e patrón/patroa para navegación básica, e 10 para patrón/patroa de iate e capitán/capitá de iate. Se o centro de ensino non acada o número mínimo requirido non poderá realizar o exame. Neste caso, os/as alumnos/as deberán realizar o exame no lugar indicado pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. No caso de non poder realizarse unha convocatoria de exame, as persoas matriculadas terán que solicitar a devolución da taxa e non poderán utilizala para a seguinte convocatoria.

Dada a situación sanitaria actual debido á COVID-19 e no caso de que nun ou en varios dos centros de ensino exista un número elevado de persoas inscritas para algunha das probas convocadas, poderase realizar o exame en varias quendas. Neste caso, comunicarase ás persoas interesadas, unha vez publicada a lista definitiva de admitidos/as no portal web de formación da Consellería do Mar, http://mar.xunta.gal/gl/o-mar/investigacion-e-formacion/formacion/informacion-do-alumnado, e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino, as quendas en que se realizarán as probas.

b) O alumnado das escolas de navegación de lecer que se presenten ao exame teórico complementario de patrón/patroa de embarcacións de lecer debe estar en posesión da tarxeta de patrón/patroa para navegación básica ou do certificado de exame expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia. Os/as alumnos/as que presenten o certificado de exame soamente terán dereito a examinarse nas dúas seguintes convocatorias consecutivas ordinarias. Para este efecto, no caso de matricularse nas convocatorias extraordinarias, estas serán computadas como ordinarias. Estas persoas soamente terán que examinarse das unidades teóricas 7, 8, 9, 10 e 11 e disporán dun tempo máximo de 45 minutos para realizar o exame.

c) Ao alumnado das escolas de navegación de lecer que se presente ao exame para obter o título de patrón/patroa de embarcacións de lecer e non consiga superar a proba, pero si o faga de acordo coas exixencias de patrón/patroa para navegación básica, recoñeceráselle o dito aprobado, ben para as seguintes convocatorias nesta Administración ben para a expedición do título de patrón/patroa para navegación básica. Conservarán o aprobado durante un período máximo de dúas convocatorias ordinarias consecutivas en que esta Administración realice os exames de patrón/patroa de embarcacións de lecer. Para este efecto, no caso de matricularse nas convocatorias extraordinarias, estas serán computadas como ordinarias.

d) Ao alumnado das escolas de navegación de lecer que se presente ao exame de capitán/capitá de iate ou patrón/patroa de iate e superen algún dos módulos que conforman o exame teórico, de acordo co regulado no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, conservaráselle o aprobado destes nas dúas seguintes convocatorias ordinarias consecutivas que convoque esta Administración. Para este efecto, no caso de matricularse nas convocatorias extraordinarias, estas serán computadas como ordinarias.

3. Idade mínima.

Para obter as titulacións de patrón/patroa de embarcacións de lecer, patrón/patroa de iate e capitán/capitá de iate, as persoas interesadas deberán ter cumpridos os 18 anos de idade no momento de realizaren as probas para a obtención destes títulos.

O título de patrón/patroa para navegación básica poden obtelo os/as menores de idade que teñan cumpridos os 16 anos no momento de realización das probas, sempre que acrediten, mediante a presentación por escrito do consentimento dos seus pais, nais ou titores/as legais e superen os requisitos teóricos e prácticos exixidos no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro.

4. Solicitudes das escolas de navegación de lecer.

As escolas de navegación de lecer presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das escolas de navegación de lecer presenta a solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As escolas de navegación de lecer homologadas para poderen presentar o seu alumnado aos exames teóricos achegarán a seguinte documentación dentro do período de matrícula:

a) Solicitude dirixida ao centro oficial de ensino pesqueiro onde queiran realizar o exame. O modelo de solicitude é o que figura no anexo I desta resolución. Deberán achegar unha solicitude por cada persoa que presenten á convocatoria (procedemento PE616D).

Unha vez finalizado o prazo de matrícula de cada convocatoria que aparece indicado no anexo III, farase pública a listaxe provisional das persoas admitidas e excluídas no portal web de formación da Consellería do Mar, http://mar.xunta.gal/gl/o-mar/investigacion-e-formacion/formacion/informacion-do-alumnado, e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino marítimo pesqueiro, dando un prazo de 10 días hábiles para que as escolas de navegación de lecer poidan emendar as deficiencias dos alumnos/as excluídos, de acordo co disposto no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común e das administracións públicas.

5. Documentación complementaria necesaria para presentarse aos exames teóricos.

5.1. A documentación complementaria que deben presentar as escolas de navegación de lecer xunto co anexo I é a seguinte:

Escolas de lecer deberán achegar coa solicitude e co Anexo I a seguinte documentación:

a) Anexo II. Modelo de solicitude do alumnado da escola de navegación de lecer.

b) Xustificante de aboamento das taxas. O pagamento da taxa debe realizarse dentro do período de matrícula. No caso de que as persoas interesadas non realicen o pagamentoo da taxa antes da data do fin da matrícula, non poderán presentarse aos exames. O código da taxa é o seguinte: 30.21.01.

Segundo o establecido na Lei 6/2003 do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (BOE núm. 12, do 14 de xaneiro de 2004) e a Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 (DOG núm. 251, do 31 de decembro de 2021), as taxas polos dereitos de exame das distintas titulacións de lecer son as seguintes:

b.1. Exames teóricos:

– Patrón/patroa para navegación básica: 31,92 €.

– Patrón/patroa de embarcacións de lecer: 41,09 €.

– Patrón/patroa de iate: 57,57 €.

– Capitán/capitá de iate: 69,85 €.

Se desexa tramitar a taxa por vía telemática, deberá introducir os datos da taxa e efectuar o pagamento. Para isto dispón das modalidades de pagamentoo telemático (cargo en conta ou tarxeta) e pago presencial (mediante un impreso para presentar na entidade bancaria). Unha vez realizado o ingreso, obterá o xustificante correspondente.

Se desexa tramitar a taxa de xeito presencial, poderá obter un modelo en branco para cubrir ou ben introducir os datos da taxa e a aplicación proporcionaralle o modelo xa cuberto.

O enderezo web é o seguinte: https://ovt.atriga.gal/#!/detalle_servizo/?Pago+de+taxas+e+prezos/11609730/4126995/11609860/l/item-dark-blue

c) Consentimento dos pais, nais ou titores/as legais para os menores de idade que teñan feitos os 16 anos no momento de realización das probas para obter o título de patrón/patroa para navegación básica.

d) Copia do título de patrón/patroa para navegación básica, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para poder presentarse ao exame teórico específico para a obtención do título de patrón/patroa de embarcacións de lecer e complementario do xa superado para obter o título de patrón/patroa para navegación básica. Deberán achegar copia do título antes de finalizar o prazo de matrícula.

e) Copia do título de patrón/patroa de embarcacións de lecer, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para as persoas que se presenten ao exame de patrón/patroa de iate. Deberán achegar copia do título antes de finalizar o prazo de matrícula.

f) Copia do título de patrón/patroa de iate, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para as persoas que se presenten ao exame de capitán/capitá de iate. Deberán achegar copia do título antes de finalizar o prazo de matrícula.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5.2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das escolas de navegación de lecer presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As escolas de navegación de lecer responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5.3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. Comprobación de datos.

6.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á consulta:

• DNI ou NIE do alumnado ou do representante.

• NIF da entidade solicitante ou representante.

• Título de patrón/patroa para navegación básica se foi expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

• Título de patrón/patroa de embarcacións de lecer se foi expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

• Título de patrón/patroa de iate se foi expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

• Certificado de exame de patrón/patroa para navegación básica se foi expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

• Certificado de exame de patrón/patroa de embarcacións de lecer se foi expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

• Certificado de exame de patrón/patroa de iate se foi expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

• Certificado de exame de capitán/capitá de iate se foi expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

6.2. No caso de que as escolas de navegación de lecer ou o seu alumnado se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I ou II e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

6.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as escolas de navegación de lecer deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia

8. Notificacións para actos de trámite individualizados que poidan xurdir no procedemento.

8.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8.2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

8.3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

8.4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8.5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. Datas e lugares de exame.

As datas dos exames teóricos, así como os lugares onde se realizarán, aparecen indicados no anexo III.

As persoas que non se presenten aos exames non terán dereito á devolución das taxas. Unicamente se prevé a posibilidade da devolución da taxa nos casos en que a ausencia sexa debido a unha enfermidade grave, circunstancia esta que deberá ser debidamente xustificada por un facultativo médico e notificada no prazo dos tres días seguintes ao exame.

10. Tribunais.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes aos exames nas distintas titulacións, nomeará os tribunais para a realización das probas e indicará as horas dos exames, así como calquera outra información, no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar.

11. Desenvolvemento das probas.

Rematados os exames teóricos, o/a secretario/a do tribunal publicará no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar unha copia do exame e a folla coas respostas correctas, co fin de que os/as interesados/as poidan comprobar o resultado do seu exercicio.

Unha vez corrixidos os exames teóricos, o tribunal fará públicas no taboleiro de anuncios do centro de ensino as listas provisionais das cualificacións, así como no portal web de formación da Consellería do Mar.

As persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días hábiles desde a publicación no portal web de formación da Consellería do Mar para formularen reclamacións ante o tribunal contra as cualificacións provisionais.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o/a presidente/a do tribunal ditará unha resolución coa lista das persoas que superaron as probas teóricas. Esta resolución será publicada no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar. Non obstante, para os actos de trámite individualizados que poidan xurdir no procedemento, aplicarase o disposto no punto 12.

12. Requisitos para a obtención dos títulos.

Para obter o título de lecer correspondente, ademais de superar estas probas os/as interesados/as deberán reunir os requisitos establecidos no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, polo que se regulan as titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer.

13. Temarios de exame.

Os temarios oficiais de exame para as titulacións de capitán/capitá de iate, patrón/patroa de iate, patrón/patroa de embarcacións de lecer e patrón/patroa para navegación básica son os recollidos no anexo II do Real decreto 875/2014, do 10 de outubro.

De conformidade co establecido no anexo II do Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, a normativa IALA en que se basearán os exames para a obtención do título de patrón/patroa para a navegación básica e de patrón/patroa de embarcación de lecer será o Sistema de balizamento marítimo (IALA-MBS 2010). Na páxina web de Portos do Estado poderase descargar a documentación: http://www.puertos.es/Documents/balizamiento_maritimo_0.pdf

14. Criterios de corrección.

Os criterios de corrección dos exames de cada titulación de lecer aparecen indicados no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, e no Real decreto 238/2019, do 5 de abril, polo que se establecen habilitacións anexas ás titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer e se actualizan as medidas de seguridade na utilización de motos náuticas.

15. Recursos.

Contra as resolucións do/da presidente/a do tribunal os/as interesados/as poderán interpor recurso de alzada perante a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da listaxe das notas definitivas no portal web de formación da Consellería do Mar.

Contra a resolución desta convocatoria poderán os/as interesados/as interpor recurso de alzada perante a conselleira do Mar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2022

Susana Rodríguez Carballo
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

ANEXO III

Convocatoria de marzo de 2022

Matrícula: do 14 de febreiro ata o 25 de febreiro, ambos inclusive.

Titulacións

Exame teórico

Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos

Patrón/Patroa para Navegación Básica

21 de marzo

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléf. 886 11 08 25/886 11 08 26

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

R/19 de Febreiro, 30-34, 15405 Ferrol. Teléf. 881 93 82 12/881 93 82 13

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

R/ dos Estudantes, 7, 15960 Ribeira. Teléf. 881 86 63 17/881 86 63 24

Patrón/Patroa de Embarcacións de Lecer

22 de marzo

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/Patroa de Iate

23 de marzo

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Capitán/Capitá de Iate

24 de marzo

As persoas interesadas terán que dirixir as solicitudes ao Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

O exame realizarase na Escola Galega de Administración Pública (EGAP): rúa de Madrid, 2-4, As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela

Convocatoria de xullo de 2022

Matrícula: do 30 de maio ao 10 de xuño, ambos inclusive.

Titulacións

Exame teórico

Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos

Patrón/Patroa para Navegación Básica

4 de xullo

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléf. 886 11 08 25/886 11 08 26

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

R/19 de Febreiro, 30-34, 15405 Ferrol. Teléf. 881 93 82 12/881 93 82 13

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

R/ dos Estudantes, 7, 15960 Ribeira. Teléf. 881 86 63 17/881 86 63 24

Patrón/Patroa de Embarcacións de Lecer

5 de xullo

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/Patroa de Iate

6 de xullo

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Convocatoria de novembro-decembro de 2022

Matrícula: do 2 de novembro ao 15 de novembro, ambos inclusive.

Titulacións

Exame teórico

Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos

Patrón/Patroa para Navegación Básica

28 de novembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléf. 886 11 08 25/886 11 08 26

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

R/19 de Febreiro, 30-34, 15405 Ferrol. Teléf. 881 93 82 12/881 93 82 13

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

R/ dos Estudantes, 7, 15960 Ribeira. Teléf. 881 86 63 17/881 86 63 24

Patrón/Patroa de Embarcacións de Lecer

29 de novembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/Patroa de Iate

30 de novembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Capitán/Capitá de Iate

1 de decembro

As persoas interesadas terán que dirixir as solicitudes o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

O exame realizarase na Escola Galega de Administración Pública (EGAP):

Rúa de Madrid, 2-4, As Fontiñas 15707 Santiago de Compostela

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file