Con data do 28 de decembro de 2021, a Presidencia de Portos de Galicia, ao abeiro das competencias conferidas polo artigo 12.3.j) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, emite resolución que decreta nesa mesma data a caducidade da concesión administrativa con destino á construción de muro e recheo para ampliación de industria no porto de Vilaxoán, titularidade da empresa Ameixa de Carril, S.L.
A resolución do expediente foi rexeitada no sistema Notifica.gal, a pesar o cal se intentou a notificación postal no domicilio do administrador único da empresa que consta no expediente, onde tampouco foi posible a notificación, polo que de conformidade co disposto nos artigos 44 e 46 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se notifica mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado.
Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no BOE.
A resolución en que se declara a caducidade emítese polo incumprimento das condicións 8ª e 11ª do título da concesión, o que, por aplicación da condición 12ª, é causa imperativa de caducidade da concesión por falta de pagamento das taxas debidas pola concesión e pola existencia dunha cesión da instalación non autorizada.
A declaración de caducidade implica, con efectos inmediatos, a extinción anticipada do título e a perda das garantías constituídas, así como a reversión a esta Administración, gratuítas e libres de cargas, das obras e instalacións obxecto da concesión nos termos que se recollen no título da concesión.
Por aplicación do establecido no artigo 91.7 da Lei 6/2017, Portos de Galicia non asumirá ningún tipo de obriga laboral ou económica da persoa titular da concesión, vinculada ou non á actividade obxecto do título extinguido.
Os servizos técnicos competentes de Portos de Galicia realizarán as actuacións precisas que requira a extinción anticipada da concesión administrativa e a formalización da acta de reversión ao dominio público portuario, nun prazo máximo de tres (3) meses contados desde a notificación da resolución ao interesado, agás causa xustificada aceptada por Portos de Galicia.
Antes da data que se sinale para o levantamento da acta de reversión, e de acordo co previsto no artigo 91.1 da Lei 6/2017, se non o fixese con anterioridade, o interesado deberá retirar fóra do espazo portuario todos os materiais, equipamentos ou elementos que sexan da súa propiedade e que non revertan gratuitamente a Portos de Galicia, sen que as instalacións experimenten ningún quebrantamento. En caso de incumprimento, a dita retirada efectuaríaa Portos de Galicia de maneira subsidiaria e por conta dos interesados.
De cara ao seu exame, o expediente encóntrase nas dependencias dos servizos centrais de Portos de Galicia en Área Central; praza de Europa, 5-A, 6º, Santiago de Compostela.
A resolución de caducidade, que esgota a vía administrativa, pode ser obxecto de recurso contencioso-administrativo que deberá ser interposto nun prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao, da notificación que se efectuase ao interesado máis arriba sinalado, ou noutro caso a contar dende a publicación desta cédula, perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela que corresponda, e tamén pode ser obxecto de recurso potestativo de reposición que se interporá, ante a Presidencia de Portos de Galicia, no prazo dun mes contado desde a mesma data.
Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2022
Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia