Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 9 de febreiro de 2022 Páx. 10218

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 2021 pola que se dá publicidade da encomenda á empresa pública Galaria, S.A., como medio propio personificado, para a organización dun sistema de cribado masivo mediante probas PCR (nasofarínxea e saliva) para a detección de pacientes asintomáticos da COVID-19.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáselle publicidade á Resolución do Servizo Galego de Saúde, do 17 de decembro de 2021, pola que se lle encomenda á empresa pública Galaria, S.A., como medio propio personificado, a organización dun sistema de cribado masivo mediante probas PCR (nasofarínxea e saliva) para a detección de pacientes asintomáticos da COVID-19.

Actividades que vai realizar a empresa pública Galaria, S.A.:

– Cribado masivo sobre a poboación maior de 15 anos con tarxeta sanitaria e teléfono móbil asociado para enviar sms coa hora da citación, a localización das probas e o tipo de proba que se vai realizar dependendo dos tramos de idade:

a) Aos maiores de 15 anos e ata os 70 anos realizaráselles unha PCR de saliva.

b) Aos maiores de 70 anos realizaráselles unha PCR nasofarínxea.

– Para o traballo de campo, e dependendo do tamaño da poboación obxecto da proba, formalizaranse diferentes grupos de traballo co obxecto de atender o maior número de persoas obxectivo (con tendencia ao 100 %) no menor número de días e baixo a premisa da capacidade do lugar onde se vaian realizar as probas.

A sociedade Galaria, no desenvolvemento da actividade encomendada, seguirá as directrices e instrucións da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, aos que lles corresponden os poderes de verificación e control da encomenda.

Natureza e alcance da xestión encomendada: a encomenda ten natureza de encarga a medio propio, de acordo co disposto no artigo 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. A sociedade Galaria ten a consideración de medio propio personificado respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico para a execución de actividades que lle sexan encargadas por esta ou polos seus organismos e entidades de natureza pública dentro das materias que constitúen o seu obxecto social.

Prazo de vixencia: ata que se normalice a situación derivada da pandemia e sempre que a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade considere a necesidade de realizar estes controis. En último termo, o período máximo desta encomenda será ata finais de 2021.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2021

Julio García Comesaña
Presidente do Servizo Galego de Saúde