Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 11 de febreiro de 2022 Páx. 10599

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 25 de xaneiro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento IN308D).

A aplicación efectiva do principio de desenvolvemento sustentable no ámbito da minaría non só supón un obxectivo primordial para a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación senón o marco no que, de conformidade coa Axenda 2030 e cos obxectivos da Unión Europea e a lexislación comunitaria, han de desenvolverse as políticas públicas para o sector da minaría.

O Goberno de Galicia cre nunha minaría segura e sustentable, capaz de crear máis valores e máis emprego para a nosa comunidade, partindo da defensa do estrito cumprimento da legalidade vixente. E así o veñen reforzar as modificacións lexislativas aprobadas nos últimos anos, sempre na busca da excelencia ambiental e na promoción do desenvolvemento sustentable deste sector.

Neste contexto, faise necesario camiñar cara á sustentabilidade do sector mineiro galego, fomentando o desenvolvemento de accións que vaian orientadas a mellorar as prácticas do sector nos ámbitos ambientais e laborais.

As axudas que se regulan e convocan a través desta orde van dirixidas ás empresas que desenvolven a súa actividade no sector da minaría, no que se inclúe especificamente o subsector das augas minerais, termais, e de manancial, e as actividades directamente relacionadas co dito sector, como é a da elaboración de rocha ornamental, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Estes incentivos teñen por finalidade fomentar unha minaría sustentable nas dimensións económica, social e ambiental que compoñen a sociabilidade, a través de cinco liñas de actuación. A liña 1 (sostibilidade ambiental) vai dirixida a investimentos destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico da zona afectada pola actividade mineira, en especial mediante a redución das emisións de po e ruído por riba dos límites establecidos nas normas da Unión Europea aplicables en materia de protección ambiental, ou ben a aumentar o nivel de protección ambiental derivado das súas actividades en ausencia de normas da Unión. A liña 2 (sustentabilidade social) vai dirixida a investimentos destinados a mellorar as condicións laborais por riba dos requisitos normativos, especialmente a redución da exposición ao po e ao ruído das persoas traballadoras nos seus postos de traballo nas explotacións mineiras. A liña 3 (sustentabilidade social) vai dirixida a investimentos destinados a mellorar as condicións laborais por riba dos requisitos normativos, especificamente a redución da exposición ao po das persoas traballadoras nos seus postos de traballo nos centros de traballo de elaboración de rocha ornamental. A liña 4 (sustentabilidade ambiental) vai dirixida a investimentos destinados á adquisición de equipamentos de eficiencia enerxética nas empresas que se dediquen ao envasado das augas minerais naturais, así como para empresas de explotación de balnearios. E a liña 5 (sustentabilidade económica, social e ambiental) vai dirixida a investimentos destinados aos procesos de implantación e certificación das normas UNE 22480: 2019 «Sistema de xestión mineira sustentable. Requisitos» e UNE 22470. 2019 «Sistema de xestión mineiro-mineralúrxica-metalúrxica sustentable. Indicadores», as cales acreditan a implantación dun Sistema de xestión mineira sustentable nas empresas do sector mineiro.

As axudas recollidas nesta orde regúlanse tendo en conta as limitacións exixidas polo dereito da Unión Europea, ao obxecto de aplicar a exención da obrigación da notificación previa á Comisión. Neste sentido, o réxime das axudas para investimentos destinados a actuacións que se encadren na liña 1 e liña 4 será o réxime de axudas para a protección do ambiente do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ou Regulamento xeral de exención por categorías. En canto ao réxime das axudas aos investimentos destinados a actuacións que se encadren na liña 2, liña 3 e liña 5 será o do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Bases reguladoras e convocatoria

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases que se inclúen no anexo I, polas que se rexerá a concesión de subvencións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para fomentar e incentivar a sustentabilidade, nas súas dimensións económica, social e ambiental, no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde, convócanse estas axudas para o ano 2022.

3. O código asignado a este procedemento administrativo é IN308D, mediante o cal facilitarase a identificación e acceso para a tramitación destas axudas ás persoas interesadas na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Crédito orzamentario

1. A Orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da antedita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

3. Con esta finalidade, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 está consignado crédito por importe total de 2.400.000,00 € na aplicación orzamentaria 06.02.734-A.770.00 (axudas sustentabilidade de recursos naturais) para atender as subvencións que se outorguen para as actuacións obxecto desta convocatoria. A procedencia dos fondos é propia.

4. Poderase ampliar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado de:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

5. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

6. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

7. En todo caso, a concesión de axudas queda condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Solicitudes

1. Para solicitar estas axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 9 das bases reguladoras.

2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras destas axudas.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, comenzará o décimo quinto día hábil posterior a aquel en que se publique esta orde no DOG e concluirá no mes de vencemento o día ordinal anterior ao día en que comezou o prazo. Se no mes de vencemento non houber día equivalente ao anterior a aquel en que comenza o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a 5 meses desde que remata o prazo para a súa presentación.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante á comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

A cesión de datos de carácter persoal que, en virtude do establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado non requirirá o consentimento do afectado.

Artigo 8. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN308D, poderase obter información adicional na Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da vicepresidencia segunda e consellería: http://ceei.xunta.gal

b) Os teléfonos da dita dirección xeral: 981 95 70 92, 981 95 70 90 ou 981 54 55 88.

c) https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2022

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía,
Empresa e Innovación

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de subvencións a empresas privadas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas bases regulan a concesión das axudas que teñen por obxecto fomentar e incentivar a sustentabilidade, nas súas dimensións económica, social e ambiental, no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo tramitaranse por orde de entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia da solicitude e ata o esgotamento do crédito.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non se considera necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover actuacións sobre a prevención de riscos e a seguridade dos traballadores, sobre a protección ambiental, mellora da eficiencia enerxética, e así como que as empresas mineiras conten cun sistema de xestión mineira sustentable. Débese ter presente que a extrema importancia da prevención de riscos laborais e a seguridade e saúde dos traballadores, así como a mellora ambiental, a mellora da eficiencia enerxética, e a sustentabilidade, fai que todas as actuacións que se promovan neste sentido revertan en interese público.

Artigo 2. Réxime de aplicación

As axudas reguladas por estas bases estarán sometidas a dous réximes diferentes:

a) O réxime das axudas que correspondan a actuacións que se encadren na liña 1 e liña 4 será o réxime de axudas para a protección do ambiente do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado ou regulamento xeral de exención por categorías.

En canto ás axudas da liña 1, refírense ás que aparecen definidas dentro da sección 7 do capítulo III, como axudas ao investimento que permitan ás empresas ir alén das normas da Unión en materia de protección ambiental ou incrementar o nivel de protección ambiental en ausencia de normas da Unión (artigo 36).

E en canto ás axudas da liña 4, refírense ás que aparecen definidas dentro da sección 7 do capítulo III, como axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética (artigo 38).

b) O réxime das axudas que correspondan a actuacións que se encadren na liña 2, liña 3 e liña 5 será o réxime de minimis, conforme o Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro de 2013, polo que a contía das axudas acollidas a este réxime non poderá superar a cantidade de 200.000 euros por persoa beneficiaria nun período de tres exercicios fiscais, e non poderá ser acumulable a outros réximes de minimis, salvo que polo seu importe non superen ese límite.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións:

a) As empresas privadas que, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, realicen actividades reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento das ditas actividades ou, cando proceda, coa conformidade do órgano administrativo correspondente, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración (liña 1, liña 2 e liña 5).

b) As empresas privadas con centros de traballo de elaboración de rocha ornamental localizados na Comunidade Autónoma de Galicia.

En calquera caso, para os efectos desta orde, considéranse actividades de elaboración de rocha ornamental aquelas actividades incluídas na sección C e, en concreto, na clase 23.70 do CNAE (liña 3).

c) As empresas privadas que teñan algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia dedicado ao envasado das augas minerais naturais e a explotación de balnearios e que conten co título de carácter administrativo que resulte preceptivo para o desenvolvemento das actividades de conformidade coa da Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, todo o cal poderá ser comprobado de oficio pola Administración (liña 4).

2. Para os efectos do disposto nesta orde, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica e do seu modo de financiamento, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas aos empresarios persoas físicas que exerzan actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas que exerzan unha actividade económica de forma regular.

3. Para os efectos desta orde, os conceptos de pequena e mediana empresa axustaranse á definición contida no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

a) Na categoría de peme, defínese mediana empresa como unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios individual non excede os 50 millóns de euros (50.000.000 euros) ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros (43.000.000 euros).

b) Na categoría das peme, defínese pequena empresa como unha empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros (10.000.000 euros).

c) Na categoría das peme, defínese microempresa como unha empresa que ocupa menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros (2.000.000 euros).

4. As persoas beneficiarias non poderán estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma e deberán estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

5. As persoas beneficiarias non poderán estar suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior, nin atoparse en situación de crise de acordo co artigo 1.4.c) e artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

6. As persoas beneficiarias destas axudas deberán relacionarse en todo caso por medios electrónicos no marco da xestión destas subvencións, mesmo aquelas que teñan a condición de empresarios persoas físicas, tendo en conta a súa cualificación técnica e profesional das ditas persoas beneficiarias.

Artigo 4. Actuacións e gastos subvencionables

1. Serán subvencionables cinco liñas de actuación:

Liña 1. Investimentos destinados a mellorar a calidade do ambiente atmosférico da zona afectada pola actividade mineira, en especial mediante a redución das emisións de po e ruído.

Liña 2. Investimentos destinados a mellorar as condicións laborais, en especial a redución da exposición ao po e ao ruído das persoas traballadoras nos seus postos de traballo nas explotacións mineiras.

Liña 3. Investimentos destinados a mellorar as condicións laborais, especificamente a redución da exposición ao po das persoas traballadoras nos seus postos de traballo nos centros de traballo de elaboración de rocha ornamental.

Liña 4. Investimentos destinados á adquisición de equipamentos de eficiencia enerxética nas empresas que se dediquen ao envasado das augas minerais naturais, así como para empresas de explotación de balnearios.

Liña 5. Investimentos destinados aos procesos de implantación e certificación das normas UNE 22480: 2019 «Sistema de xestión mineira sustentable. Requisistos» e UNE 22470: 2019 «Sistema de xestión mineiro-mineralúrxica-metalúrxica sustentable. Indicadores», as cales acreditan a implantación dun Sistema de xestión mineira sostible nas empresas do sector mineiro.

2. Na liña 1 só serán obxecto de subvención aquelas actuacións que directamente supoñan a consecución dun nivel máis elevado de protección ambiental por riba dos límites establecidos nas normas da Unión Europea sobre calidade do aire ambiente ou ben permitan ao beneficiario aumentar o nivel de protección ambiental derivado das súas actividades en ausencia de normas da Unión.

3. Na liña 2 só serán obxecto de subvención aquelas actuacións que directamente supoñan unha mellora, sempre por riba dos requisitos normativos aplicables, das condicións laborais especialmente as relativas á redución da exposición ao po e ao ruído dos traballadores nos seus postos de traballo.

4. Na liña 3 só serán obxecto de subvención aquelas actuacións que directamente supoñan unha mellora, sempre por riba dos requisitos normativos aplicables, das condicións laborais, especificamente as relativas á redución da exposición ao po, dos traballadores nos seus postos de traballo nos centros de traballo de elaboración de rocha ornamental.

5. Na liña 4 só serán obxecto de subvención aquelas actuacións que directamente supoñan unha mellora da eficiencia enerxética que impliquen un aforro enerxético mínimo dun 10 % respecto do consumo inicial e que alcancen unha ratio mínima de aforro enerxético/investimento subvencionable de 0,2 kW h/ €.

6. Na liña 5 serán obxecto de subvención aquelas actuacións necesarias para a implantación e certificación das normas UNE 22480 e UNE 22470 que acaden, como mínimo, a fase da auditoría interna previa á execución do plan de accións correctivas do sistema de xestión mineira sustentable.

7. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable.

Serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados comprendidos entre a data de presentación da solicitude e o 14 de novembro de 2022 (ambos incluídos).

8. Para as actuacións da liña 1 serán gastos subvencionables os custos de investimento adicionais necesarios para ir alén das normas da Unión Europea ou para incrementar o nivel de protección ambiental en ausencia de normas da Unión. Determinaranse da seguinte maneira:

a) Cando os custos do investimento na mellora da calidade do ambiente atmosférico poidan identificarse nos custos totais do investimento como investimento separado, estes custos relacionados coa protección do ambiente serán subvencionables.

b) En todos os demais casos, os custos do investimento na mellora da calidade do ambiente atmosférico determinaranse por referencia a un investimento similar, menos respectuoso co ambiente, que se podería realizar de forma crible sen a axuda; a diferenza entre os custos de ambos os investimentos determinará o custo relacionado coa protección ambiental e será o custo subvencionable.

Os custos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de protección ambiental non serán subvencionables.

9. Para as actuacións da liña 2 serán gastos subvencionables aqueles directamente relacionados co investimento destinado a mellorar as condicións laborais, especialmente a reducir a exposición ao po e ao ruído das persoas traballadoras nos seus postos de traballo nas explotacións mineiras.

10. Para as actuacións da liña 3 serán gastos subvencionables aqueles directamente relacionados co investimento destinado a mellorar as condicións laborais, especificamente a reducir a exposición ao po das persoas traballadores nos seus postos de traballo nos centros de traballo de elaboración de rocha ornamental.

11. Para as actuacións da liña 4 serán subvencionables os custos de investimentos adicionais necesarios para lograr un nivel máis elevado de eficiencia enerxética. Determinaranse da seguinte maneira:

a) Cando os custos do investimento en eficiencia enerxética poidan identificarse nos custos totais do investimento como investimento separado, estes custos relacionados coa eficiencia enerxética serán subvencionables.

b) En todos os demais casos, os custos do investimento en eficiencia enerxética determinaranse por referencia a un investimento similar, que implique menor eficiencia enerxética, que se podería realizar de forma crible sen a axuda; a diferenza entre os custos de ambos os investimentos determinará o custo relacionado coa eficiencia enerxética e será o custo subvencionable.

Os custos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética non serán subvencionables.

12. Para as actuacións da liña 5 serán gastos subvencionables os custos nos que incorra a persoa solicitante durante o proceso de implantación e certificación do sistema de xestión mineira sustentable, tales como a diagnose inicial, elaboración de manuais e procedementos, seguimento da implantación, formación do persoal da empresa, a auditoría interna que, en todo caso, será realizada por persoal distinto a quen implantou o dito sistema, o plan de accións correctivas, así como a auditoría externa do organismo acreditado por ENAC.

13. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficacia e economía, e no suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria na que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

14. En todo caso, só se considerarán subvencionables a maquinaria e os equipos de traballo novos.

Quedan excluídos destas axudas a adquisición de maquinaria mineira móbil, para as cales só se subvencionarán, de ser o caso, os investimentos en adaptacións necesarias para conseguir as melloras das condicións ambientais ou laborais que se pretenden acadar coa actuación proposta.

Artigo 5. Financiamento e intensidade das axudas

1. Destinarase do crédito total consignado para estas subvencións: 700.000,00 euros para as axudas da liña 1, 700.000,00 euros para as axudas da liña 2, 400.000,00 euros para as axudas da liña 3, 560.000,00 euros para as axudas da liña 4, e 40.000,00 euros para as axudas da liña 5.

Unha vez finalizado o prazo de presentación e atendidas todas as solicitudes presentadas para cada unha das liñas de axudas, o crédito sobrante destinarase a atender solicitudes que reúnan os requisitos da/das liña/s cuxo crédito se esgotou, en proporción ao número de solicitudes realizadas para cada unha delas.

2. A intensidade máxima da axuda para actuacións da liña 1, liña 2, liña 3 e liña 5 nesta convocatoria non excederá o 60 % do investimento total subvencionable no caso de pequenas empresas, o 50 % do investimento total subvencionable no caso de medianas empresas e o 40 % do investimento total subvencionable no caso de grandes empresas, cun máximo de subvención de 100.000,00 euros para a liña 1 e liña 2; 50.000,00 euros para a liña 3 e 3.000,00 euros para a liña 5.

3. A intensidade máxima da axuda para actuacións da liña 4 nesta convocatoria non excederá o 50 % do investimento total subvencionable no caso de pequenas empresas, o 40 % do investimento total subvencionable no caso de medianas empresas e o 30 % do investimento total subvencionable no caso de grandes empresas, cun máximo de subvención de 50.000,00 euros.

Artigo 6. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

A percepción destas axudas será compatible coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos, ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración pública ou ente público ou privado, nacional, internacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais. O importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, supere o custo total do investimento subvencionable.

A verificación de concorrencia de axudas para a mesma finalidade realizarase sobre os mesmos custos subvencionables, de forma que non se excedan as intensidades permitidas definidas neste artigo.

O solicitante deberá dar a coñecer mediante declaración responsable as axudas que obtivese para a actividade subvencionada, tanto ao presentar a solicitude de axudas como en calquera momento ulterior no que se produza esta circunstancia. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, coa xustificación da axuda.

Artigo 7. Procedemento de concesión

As axudas reguladas por estas bases tramitaranse conforme o procedemento de concorrencia non competitiva.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 8. Órganos competentes para a ordenación, instrución e resolución do procedemento de concesión

1. O órgano competente para efectuar a convocatoria e ditar a resolución de outorgamento das axudas a que se refire esta orde será o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, sen prexuízo das delegacións existentes nesta materia.

2. O órgano responsable da instrución e ordenación do procedemento de concesión e do seguimento das actuacións financiadas será a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

Artigo 9. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e no prazo que se indique na convocatoria.

2. Presentarase unha solicitude por centro de traballo e para unha única actuación ou proxecto concreto, cun máximo de tres solicitudes por empresa. Na solicitude indicarase a liña de actuación na que se encadra a actuación ou proxecto proposto.

3. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

A) Documentación administrativa.

A.1. Documentación acreditativa de que a empresa realiza:

– Actividades reguladas pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, para o cal presentará os estatutos da sociedade e modificación destes, debidamente legalizados, se é o caso, ou ben acta, escritura ou documento de constitución no que se recolla que o seu obxecto social abarca a actividade para a cal se solicita a subvención (liña 1, liña 2 e liña 5).

– Actividades de elaboración de rocha ornamental, para o cal presentará os estatutos da sociedade e modificación destes, debidamente legalizados, se é o caso, ou ben acta, escritura ou documento de constitución no que se recolla que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención; ou documento oficial no que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas (liña 3).

– Actividades reguladas pola Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, para o cal presentará os estatutos da sociedade e modificación destes, debidamente legalizados, se é o caso, ou ben acta, escritura ou documento de constitución no que se recolla que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención (liña 4).

A.2. Quen asine a solicitude en nome dunha persoa xurídica solicitante deberá acreditar a súa condición de representante legal da citada persoa xurídica, ou ben acreditar a representación na que actúa mediante poder suficiente que o habilite para realizar en nome da persoa representada todas as actuacións que se prevexan nestas bases reguladoras. Este mesmo poder deberá ser achegado por quen asine a solicitude en nome dunha persoa física solicitante.

B) Documentación técnica.

Memoria técnico-económica descritiva da actuación datada e asinada por técnico competente. A memoria adecuarase ao modelo que se inclúe como anexo III, e incluirá os puntos do seguinte índice:

1. Datos da entidade solicitante.

2. Datos do centro de traballo onde se realiza o investimento/actuación. A Administración resérvase a facultade de comprobar as autorizacións/concesións, rexistros e/ou comunicacións previas de carácter preceptivo necesarias para o desenvolvemento da actividade.

3. Diagnose da situación actual e identificación e xustificación da liña de actuación elixida.

4. Descrición técnica das medidas propostas.

5. Xustificación da mellora, se é o caso, das condicións ambientais ou laborais ou de eficiencia enerxética (liña 1, liña 2, liña 3 e liña 4).

6. Orzamento detallado.

7. Calendario de execución.

8. Cálculo da axuda solicitada segundo os gastos subvencionables.

9. Anexos:

– Fotografías do lugar onde se prevé realizar a actuación. No caso de substitución de equipos existentes, deberase achegar tamén fotografías dos mesmos.

– Se é o caso, ficha técnica do fabricante do equipo, no que se inclúa os seus datos de produtividade e consumo enerxético.

– Ofertas de provedores: 3 ofertas/orzamentos de distintos provedores cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, e unha oferta/orzamento dun provedor para os demais casos. No caso de que a elección entre as 3 ofertas non recaia na proposta máis vantaxosa, deberá xustificalo expresamente nunha memoria. Todo iso conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Un orzamento de referencia para as actuacións da liña 1 e da liña 4 e só para os supostos establecidos no artigo 4.8.b) e no artigo 4.11.b) destas bases reguladoras.

– Plano de situación onde se indique a localización da actuación que se vai realizar, esquemas ou bosquexo que permitan unha axeitada interpretación da actuación, etc.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consultas ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa solicitante, se é o caso.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración tributaria.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 13. Instrución do procedemento

1. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, a través da Subdirección Xeral de Recursos Minerais, comprobará os requisitos establecidos na orde para a admisión da solicitude, tanto o relativo á persoa beneficiaria como á actuación e gastos subvencionables, así como a documentación complementaria achegada xunto con ela e, se for o caso, requirirá o interesado para que emende a falta ou deficiencia na información facilitada ou xunte os documentos preceptivos no prazo de 10 días desde a recepción da notificación, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Non se admitirán modificacións á alza do investimento subvencionable sinalado na solicitude inicial (anexo II).

2. O órgano instrutor poderá solicitar os informes necesarios para unha mellor comprobación dos requisitos indicados no punto anterior.

3. Realizados os trámites anteriores, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais emitirá informe no que se concrete o resultado da comprobación da concorrencia dos requisitos establecidos na orde.

4. Os expedientes que non cumpran os requisitos exixidos contidos nestas bases ou na normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 14. Trámite de audiencia

1. Á vista do expediente e do informe do artigo anterior, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, en relación ás solicitudes admitidas a trámite, formulará a correspondente resolución provisional, debidamente motivada, que será notificada aos interesados para que no prazo de 10 días poidan formular as alegacións que consideren oportunas.

2. De conformidade co artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

3. Transcorrido o prazo de alegacións e unha vez examinadas as mesmas, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais formulará a correspondente proposta de resolución definitiva.

Artigo 15. Resolución

1. Unha vez formulada a proposta de resolución definitiva, ditarase polo vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación a correspondente resolución do procedemento, que deberá estar debidamente motivada.

2. Respecto das solicitudes para as que se acorde o outorgamento de subvención, na resolución ditada para o efecto farase constar o solicitante ou relación de solicitantes aos cales se lles concede a axuda, o importe do investimento subvencionable aprobado e a contía da axuda concedida.

3. Respecto das solicitudes restantes para as que se acorde a non concesión de axuda, ben desestimándoas ou ben por aceptar de cheo a súa desistencia, farase constar o motivo na resolución ditada para o efecto.

4. Así mesmo, informarase aos beneficiarios das subvencións da liña 2, liña 3 e liña 5, sobre o carácter de minimis da axuda, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

Artigo 16. Prazo de resolución e notificación

1. O prazo máximo para a resolución do procedemento e a súa notificación será de 5 meses contados desde o día seguinte á publicación da orde de axudas no Diario Oficial de Galicia, que se computará segundo o establecido no artigo 40 da Lei 39/2015. Se, transcorrido o devandito prazo, o órgano competente para resolver non notificase a dita resolución, os interesados estarán lexitimados para entender desestimada a súa solicitude.

2. A resolución de concesión notificarase ao solicitante conforme o disposto nos artigos 40 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo da devandita notificación, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de axudas concedidas, expresando o programa, concepto orzamentario, titular e finalidade da axuda.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

a) Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización das actuacións e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención, mediante a modalidade de conta xustificativa con entrega de informe de auditor.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas polo órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ás persoas beneficiarias en cada caso.

f) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos realizados ao abeiro desta orde.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración, e consistirán na inclusión da imaxe institucional da entidade concedente (Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación), e nas inscricións relativas ao financiamento público en carteis, placas, material impreso, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación, todo iso en función do tipo de actuación subvencionable.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Non superar as porcentaxes máximas de acumulación de axudas establecidas na normativa comunitaria europea.

k) Manter os investimentos subvencionados e conservar toda a documentación relacionada coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de cinco anos desde a súa concesión, en caso de bens inscritibles nun rexistro público e dous anos para o resto. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro dese prazo de cinco anos, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre e cando a actividade económica se manteña en Galicia durante este período mínimo.

l) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

m) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 19. Subcontratación

1. Permítese a subcontratación, total ou parcial, pola entidade beneficiaria das actuacións subvencionables, sempre que se axusten ás previsións dispostas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A entidade beneficiaria non poderá concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con empresas ou persoas vinculadas con ela ou cos seus órganos directivos e xestores, agás que concorran as circunstancias previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, as persoas beneficiarias deberán presentar electronicamente unha solicitude de pagamento mediante o modelo normalizado do anexo IV asinada polo responsable legal da entidade ou por persoa con poderes suficientes para iso consonte o indicado no artigo 9.3, punto A.2 destas bases reguladoras, e acompañada da documentación sinalada nos seguintes epígrafes. O prazo máximo para presentar a xustificación será o 16 de novembro de 2022 (inclusive).

a) Declaración responsable do representante legal da entidade ou dunha persoa con poderes suficientes para iso consonte o indicado no artigo 9.3, punto A.2 destas bases reguladoras (segundo modelo anexo V), do rendemento da conta xustificativa ante o órgano concedente e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención.

b) Memoria técnica xustificativa do cumprimento da actuación subvencionada e das condicións impostas na concesión da subvención e asinada polo responsable legal da entidade ou por persoa con poderes suficientes para iso consonte o indicado no artigo 9.3, punto A.2 destas bases reguladoras.

A memoria adecuarase ao modelo que se inclúe como anexo VI e incluirá os puntos do seguinte índice:

1. Descrición das actuacións realizadas.

2. Descrición dos traballos levados a cabo.

3. Melloras, se é o caso, ambientais ou laborais ou de eficiencia enerxética (liña 1, liña 2, liña 3 e liña 4).

4. Descrición dos resultados alcanzados na implantación do sistema de xestión mineira sustentable (só para a liña 5).

5. Anexos: fotografías, planos e outros.

c) Declaración responsable de técnico competente segundo modelo do anexo VII, co visto e prace do representante legal da entidade ou dunha persoa con poder suficiente para iso consonte o indicado no artigo 9.3, punto A.2 destas bases reguladoras, relativo a que o investimento realizado permitiu, no caso de proxectos da liña 1, ir alén das normas da Unión en materia de mellora da calidade do ambiente atmosférico ou ben permitiu aumentar o nivel de protección ambiental derivado das súas actividades en ausencia de normas da Unión, para o caso de proxectos da liña 2 e liña 3, permitiu mellorar, por enriba dos requisitos normativos, as condicións laborais dos traballadores nos seus postos de traballo, e para o caso de proxectos da liña 4, permitiu unha mellora da eficiencia enerxética que implica un aforro enerxético mínimo dun 10 % respecto do consumo inicial e que alcanzou unha ratio mínima de aforro enerxético/investimento subvencionable de 0,2 kW h/ €.

d) Informe resultante do proceso de auditoría interna previa á execución do plan de accións correctivas do sistema de xestión mineira sustentable e/ou a certificación ou informe de verificación emitido polo organismo acreditado por ENAC (só para a liña 5).

e) Memoria económica abreviada xustificativa do custo das actividades realizadas obxecto de axuda segundo o anexo VIII; que consistirá nunha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, así como as cantidades inicialmente orzamentadas e as desviacións producidas. Esta táboa virá asinada e selada polo responsable legal da entidade ou por persoa con poderes suficientes para iso consonte o indicado no artigo 9.3, punto A.2 destas bases reguladoras. A relación de gastos figurarán por orde cronolóxica.

f) Informe dun auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas.

A actuación profesional do auditor de contas someterase ao disposto nas normas de actuación aprobadas mediante a Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos auditores de contas na realización dos traballos de revisión de contas xustificativas de subvencións, no ámbito do sector público estatal, previstos no artigo 74 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado mediante o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

2. As persoas beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a persoa beneficiaria se opoña á consulta, ou ben, cando a normativa aplicable exixa o consentimento expreso para a comprobación de datos, non autorizase a súa consulta, deberá indicalo nos recadros correspondentes habilitados no formulario correspondente (anexo IV) e achegar os documentos.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación requirirá o beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste punto non eximirá o beneficiario das sancións que conforme a lei correspondan.

4. Os órganos competentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non sexan remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que renuncia á subvención e declararase a perda do dereito ao cobramento, segundo o procedemento establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

2. A comprobación material da efectiva realización do proxecto levaraa a cabo o persoal técnico designado para o efecto pola directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

Artigo 22. Comprobación de subvencións

1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración como polo beneficiario, consonte o artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Incumprimento, renuncia, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No caso de que a persoa beneficiaria desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos, e comunicará este feito co fin de proceder ao remate do expediente.

A renuncia á axuda, despois de transcorrido o prazo dun mes desde a notificación da resolución de concesión, poderá comportar penalización en convocatorias posteriores para as mesmas actuacións que foran obxecto de concesión de subvención conforme esta orde.

4. Á persoa beneficiaria das subvencións reguladas nestas bases seralle de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Control

1. A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, dos servizos da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 25. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Malia o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior; no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais e demais normativa de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file