Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 14 de febreiro de 2022 Páx. 10938

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 31 de xaneiro de 2022 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para realizar prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e da investigación (código de procedemento PR770M).

De acordo co previsto na disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así se lle autorice á correspondente fundación de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou órgano equivalente da Administración ao que a fundación estea adscrita. Así mesmo, conforme establece a citada disposición, a aprobación das bases reguladoras será exercida polos órganos da Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.

Ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, a Fundación Galicia Europa (en diante, FGE, ou a Fundación) é unha entidade sen ánimo de lucro e entidade instrumental do sector público autonómico. De acordo co establecido na citada norma, a Fundación estará adscrita e sometida á tutela funcional do órgano de dirección da Administración autonómica en que se encadren as competencias fundamentais de relacións coa Unión Europea e de acción exterior da Administración autonómica.

A FGE ten o mandato da Xunta de Galicia para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea (UE) seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado. Prestará apoio ás distintas consellerías e entidades do sector público autonómico, así como ás restantes administracións públicas, organismos e corporacións galegas, no exercicio da súa participación nos asuntos da Unión Europea, e colaborará na preparación de viaxes e visitas institucionais das autoridades de Galicia ás institucións e órganos da Unión Europea, así como das autoridades das citadas institucións e órganos a Galicia.

A FGE constitúese ao abeiro do artigo 34.1 da Constitución española e réxese pola Lei 12/2006, do 1 de decembro, sobre o réxime das fundacións de interese galego e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ten, entre outras funcións, a proxección exterior de Galicia e a execución da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais doutros órganos ou unidades, así como a coordinación e seguimento da xestión da Fundación Galicia Europa segundo o Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Con base no establecido no artigo 15.c) dos estatutos da Fundación Galicia Europa, elevados a público o 21 de decembro de 2018, en ausencia do Presidente da fundación, correspóndelle ao Vicepresidente asinar as convocatorias públicas de axudas, subvencións e bolsas formativas da Fundación. Ao abeiro do artigo 11 dos anteriormente citados estatutos da Fundación Galicia Europa, a Vicepresidencia do Padroado da Fundación Galicia Europa corresponde á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

A Axencia Galega de Innovación (en diante, Gain) é unha axencia pública autonómica encadrada nas entidades instrumentais do sector público autonómico. Os estatutos de Gain atribúenlle, entre outras funcións, as de ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do establecido no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A importancia da innovación e da investigación para o tecido empresarial de Galicia, a formación da mocidade neste ámbito, así como o coñecemento dos programas europeos de apoio a estas políticas, son elementos primordiais para un crecemento competitivo e sustentable da economía galega, o que require un esforzo continuado na formación dos recursos humanos para adaptar as novas demandas ás actuacións das persoas tituladas superiores universitarias que inician a súa actividade neste sector.

Por este motivo, a Axencia Galega de Innovación a través de transferencias de financiamento do seu orzamento de gastos financia un programa de bolsas, que se desenvolven fundamentalmente na oficina da FGE en Bruxelas, de formación en proxectos europeos no ámbito da innovación e a investigación, e no seguimento das políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación.

O obxectivo das bolsas é que as persoas bolseiras adquiran coñecementos prácticos sobre políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación, a identificación das convocatorias, e a participación nas reunións das redes de cooperación rexional nas que participa a Xunta de Galicia para promover a participación galega en iniciativas de I+D+i, nomeadamente ERRIN (European Regions Research and Innovation Network) e Vanguard Initiative.

En atención a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

DISPOÑO:

Primeiro. Autorización

Autorizar a Fundación Galicia Europa para poder conceder subvencións de bolsas de formación, dirixidas a persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación.

Segundo. Bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas de formación, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación.

Disposición adicional. Facultade de desenvolvemento

Autorízase o director da Fundación Galicia Europa para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento das bases.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2022

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
de bolsas de formación práctica para persoas tituladas universitarias en materia
de financiamento comunitario de proxectos europeos no ámbito da innovación
e a investigación (código de procedemento PR770M)

Artigo 1. Obxecto

Estas bases regulan as condicións polas que se rexerá a concesión de bolsas de formación para persoas cun título universitario, para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación (código de procedemento PR770M).

Artigo 2. Condicións xerais da bolsa

1. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

2. O obxectivo das bolsas é que as persoas bolseiras adquiran coñecementos prácticos sobre políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación, a identificación das convocatorias, e a participación nas reunións das redes de cooperación rexional nas que participa a Xunta de Galicia para promover a participación galega en iniciativas de I+D+i e, en última instancia, facilitar o seu acceso ao mercado laboral.

3. A concesión e goce da bolsa non suporá vinculación laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a FGE e Gain.

A estas bolsas non lles será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.

4. As bolsas serán indivisibles e incompatibles con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada. A persoa adxudicataria no momento de aceptación da bolsa, non poderá ser perceptora de salarios ou doutros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. A bolsa é incompatible coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

Artigo 3. Duración e lugar de realización

1. O programa formativo das bolsas terá unha duración máxima de doce (12) meses.

2. O lugar de desenvolvemento das bolsas será a oficina da FGE en Bruxelas, podendo realizar tamén breves períodos formativos nas dependencias de Gain en Santiago de Compostela ou onde se indique.

Artigo 4. Número, contía e financiamento das bolsas

1. O número de bolsas e os seus importes determinaranse en base ao importe anual reflectido no orzamento de gastos da Axencia Galega de Innovación como transferencia de financiamento á FGE para o programa de bolsas.

As convocatorias anuais da FGE quedarán condicionadas á existencia desta transferencia de financiamento e indicarán o número de bolsas, así como o seu importe total.

O importe total de cada bolsa incluirá as retribucións brutas e os custos da Seguridade Social, o pagamento dun seguro adicional de cobertura sanitaria en Bélxica, así como unha axuda de desprazamento que terá a consideración de pagamento anticipado de acordo co artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Este anticipo non exixe a constitución de garantías.

2. O financiamento das bolsas pola FGE establecerase nas correspondentes convocatorias anuais da FGE.

3. As bolsas aboaranse mensualmente pola parte proporcional da retribución bruta que corresponda tras descontar as retencións do IRPF e a cota obreira da Seguridade Social, sempre que non haxa algunha incidencia no seu desenvolvemento.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias para obter a bolsa

Poderán optar á obtención das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Ter a nacionalidade española ou ser nacional dun estado membro da Unión Europea.

2. Ser natural de Galicia, ser fillo/filla de galegos ou acreditar o nivel B2 nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e a residencia en Galicia polo menos desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria, mediante empadroamento.

3. Posuír o título universitario oficial de grao, licenciatura, enxeñaría ou equivalente ou o xustificante do pagamento das taxas que dan dereito á expedición do devandito título. Os estudos conducentes á obtención do título deberán terse rematado dentro dos seis (6) anos anteriores ao da publicación da convocatoria.

4. Posuír un nivel B2 ou superior en lingua inglesa.

5. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que se deriven do obxecto desta bolsa.

6. As persoas solicitantes non poden estar incursas nas prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

7. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da listaxe de suplentes e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.

Artigo 6. Presentación de solicitudes, prazo e declaracións responsables

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que se incluirá como anexo na correspondente resolución de convocatoria e que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Debido á formación académica exixida ás persoas beneficiarias desta bolsa, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente dos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria e méritos, de acordo cos anexos que acompañarán á correspondente resolución de convocatoria, será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nas bases reguladoras e na resolución de convocatoria, o órgano competente requirirá á persoa interesada para que a emende no prazo máximo improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Na solicitude, que figurará nun anexo da correspondente resolución de convocatoria, inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

b) Declaración responsable de non estar a persoa incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Declaración de non atoparse a persoa incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Declaración responsable de non percibir ningunha compensación económica doutras entidades polos conceptos acreditados ante a FGE.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Xunto coa solicitude a persoa interesada debe achegar a documentación complementaria que se indica a seguir:

a) Copia do pasaporte no caso de nacionais da Unión Europea residentes fóra de España e que non posúan NIE.

b) Copia do libro de familia ou documento equivalente para aqueles solicitantes que pretendan acreditar a filiación de proxenitores galegos.

c) Copia do documento que acredita o nivel B2 nalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, só para aquelas persoas candidatas que deben acreditar a súa residencia en Galicia polo menos desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria.

d) Xustificante do pagamento das taxas que dan dereito á expedición da titulación correspondente (no caso de non estar en posesión do título oficial universitario).

e) Copia da homologación ou validación do título pola Administración educativa española no caso de presentar un título académico estranxeiro.

f) Copia do documento que acredita o nivel B2 en lingua inglesa.

g) Currículo: preferentemente en formato Europass, no que se relacionen os estudos cursados e, de ser o caso, experiencia en proxectos de innovación e investigación.

h) Relación de méritos puntuables da persoa solicitante, que se recollerán nun anexo que figurará na correspondente resolución de convocatoria, xunto coa copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados relacionados no dito anexo.

– O expediente académico acreditarase mediante copia da certificación académica dos estudos realizados, na que consten as materias cursadas, as cualificacións obtidas e a nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional para estudos universitarios ou normativa que o modifique.

– Os cursos en materia de investigación ou innovación acreditaranse mediante o correspondente título ou certificado de participación nas entidades formativas. Non se terán en conta os cursos que non acrediten as horas de duración ou os inferiores a 20 horas lectivas nin os diplomas relativos a xornadas, seminarios, simposios e similares.

– A participación en proxectos de investigación e innovación acreditarase mediante certificación expedida pola entidade onde se realizou o proxecto. A duración pódese acreditar mediante copia do contrato de traballo ou certificado de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– O coñecemento do idioma galego acreditarase mediante o certificado do Celga 4, Celga 3 ou equivalente non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o órgano competente que corresponda.

O órgano instrutor poderá consultar os certificados Celga 4 e Celga 3 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou órgano equivalente que corresponda, de conformidade co disposto no artigo 9.

– O coñecemento de idiomas estranxeiros acreditarase mediante a presentación da copia do título oficial que acredite o nivel de linguas. Para participar no proceso selectivo debe acreditarse polo menos o nivel B2 en lingua inglesa. Non se valorarán os cursos e idiomas que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

Os méritos que non estean acreditados non se computarán e non procederá o requirimento ao que se refire o artigo 10.5. Así mesmo, non se terán en conta aqueles méritos obtidos con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

2. Os documentos presentados en lingua distinta ao español, galego, inglés, francés ou portugués deberán acompañarse dunha tradución xurada.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. Sen prexuízo dos puntos anteriores, poderá requirirse á persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos e aclaracións resulten procedentes para a tramitación do procedemento.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Títulos oficiais universitarios.

d) Datos de residencia con data de última variación padroal.

e) Certificado do Celga 4, Celga 3 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ou o órgano competente que corresponda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Instrución do procedemento e tramitación

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión corresponderalle ao director da Fundación Galicia Europa.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea, que de conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, realizará cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

3. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea aprobará a listaxe provisional das persoas candidatas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, que será publicada na páxina web da FGE.

4. As persoas candidatas excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderase implícita na listaxe definitiva das persoas candidatas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, que será publicada na páxina web da FGE e remitida á Comisión para que valore as solicitudes das persoas candidatas admitidas.

5. A Comisión de Valoración avaliará inicialmente os méritos acreditados documentalmente (primeira fase) das persoas candidatas admitidas e tras a avaliación, publicarase na páxina web da FGE a listaxe provisional das puntuacións obtidas polas persoas candidatas ordenadas de maior a menor.

Contra estas puntuacións poderán presentarse reclamacións no prazo de tres (3) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio. Non se terá en conta neste prazo de reclamacións a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

Logo de resolverse as reclamacións, publicarase na páxina web da FGE a listaxe definitiva coa puntuación obtida na primeira fase por cada unha das persoas candidatas. A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na puntuación obtida na listaxe definitiva.

6. Con base na listaxe anterior, a Comisión de Valoración convocará, mediante anuncio na páxina web da FGE, ás persoas candidatas para a realización das entrevistas persoais (segunda fase) indicando a data, a hora e o lugar de realización destas. A concorrencia é obrigatoria polo que as persoas que non se presenten serán excluídas do procedemento de selección. As persoas candidatas deben acreditar a súa identidade para a realización da entrevista.

7. Tras a valoración dos méritos (primeira fase) e da entrevista persoal (segunda fase), a Comisión de Valoración formulará un informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación total obtida por cada unha das persoas candidatas, que será remitida ao órgano instrutor.

8. Para o caso de empate na puntuación total obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior puntuación na primeira fase.

b) A maior puntuación na segunda fase.

c) A maior antigüidade na data de obtención do título.

d) A maior idade da persoa solicitante.

9. O órgano instrutor elevaralle o informe xunto coa proposta de adxudicación e a listaxe de suplentes ao órgano competente para resolver.

10. A resolución definitiva publicarase na páxina web da FGE, http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/ e notificaráselle á/ás persoa/s adxudicataria/s que, nun prazo de tres días hábiles, estarán obrigadas a comunicarlle á Fundación Galicia Europa a súa aceptación ou renuncia por escrito. Se transcorridos o prazo non se producise manifestación expresa, esta entenderase tacitamente aceptada. Se a persoa beneficiaria renunciase expresamente á bolsa, esta concederase á seguinte persoa con mellor puntuación da lista de suplentes.

11. No caso de que non se presenten solicitudes, de que ningunha das persoas candidatas acade unha puntuación mínima de 25 puntos (50 % da puntuación máxima) ou ningunha das persoas beneficiarias acepte a bolsa, a convocatoria será declarada deserta.

12. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión das bolsas será de cinco (5) meses, desde a data de publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

13. A resolución do director da FGE non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e no artigo 66.1 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sen prexuízo de que poida exercer calquera outro recurso que xulgue pertinente.

Transcorrido este prazo sen terse presentado o dito recurso, esta resolución adquirirá firmeza na vía administrativa.

Artigo 11. Comisión de Valoración

1. Dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación da correspondente resolución de convocatoria das bolsas, o director da FGE designará unha Comisión de Valoración. Esta comisión será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes, de acordo cos criterios de avaliación e selección de solicitudes sinalados no artigo 12 desta orde, así como de elevar ao órgano instrutor o informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación total obtida por cada unha das persoas candidatas.

O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia ou normativa que a modifique.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a directora da oficina da FGE en Bruxelas ou persoa en quen delegue.

b) Secretaría: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relación coa Unión Europea da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a persoa en quen delegue.

c) Vogais: ata un máximo de tres vogais que serán designados entre o persoal da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Gain e da FGE.

A composición da Comisión de Valoración farase pública na páxina web da FGE, http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/

3. A Comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario, que asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

Artigo 12. Avaliación e selección das solicitudes

A Comisión avaliará as solicitudes admitidas en dúas fases, de acordo cos seguintes criterios:

1. Primeira fase: valoración de méritos. Máximo 38 puntos.

Concepto

Puntuación

Puntuación máxima no punto

Titulación universitaria preferente (inferior a mestrado)

Estudos universitarios relacionados coas ramas de coñecemento de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñería e Arquitectura segundo se especifica no Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais: 5 puntos.

5

Expediente académico (da titulación anterior)

Nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 (de 0 a 10) ou normativa que o modifique: ata 10 puntos.

10

Mestrado

Mestrado universitario nas ramas de coñecemento de Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñería e Arquitectura: 5 puntos.

5

Cursos relacionados en materia de investigación ou innovación

– Cursos de duración igual ou superior a 20 horas e ata 74 horas: 0,25 puntos por curso.

– Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 0,50 puntos por curso.

5

Por participación en proxectos de investigación ou innovación

Prácticas ou traballo acreditados: 0,50 puntos por cada tres meses de prácticas ou traballo.

5

Lingua galega

– Celga 3 ou titulación equivalente: 1 punto.

– Celga 4 ou titulación equivalente ou superior: 2 puntos.

As puntuacións por niveis non son acumulativas.

2

Lingua inglesa

– Nivel C1: 3 puntos.

– Nivel C2: 4 puntos.

As puntuacións por niveis non son acumulativas.

Aplicaranse 4 puntos nesta epígrafe aos graos ou licenciaturas de Filoloxía ou Tradución e Interpretación das linguas referidas.

4

Outras linguas estranxeiras

– Nivel B2: 1 punto.

– Nivel C1: 2 puntos.

Valoraranse ata un máximo de dúas linguas.

As puntuacións por niveis dunha mesma lingua non son acumulativas.

Aplicaranse 2 puntos nesta epígrafe aos graos ou licenciaturas en Filoloxía ou Tradución e Interpretación das linguas referidas.

2

2. Segunda fase: entrevista persoal. Máximo 12 puntos.

A entrevista valorará o grado de coñecemento das persoas candidatas nos seguintes aspectos:

1. O coñecemento das institucións comunitarias e das políticas europeas que máis afectan a Galicia.

2. O coñecemento sobre a política científica e tecnolóxica da Unión Europea, do Estado e de Galicia.

3. O coñecemento sobre os programas europeos 21-27, especialmente o Horizon Europe.

4. A claridade na exposición dos contidos.

5. O grado de fluidez na lingua inglesa.

Os membros da Comisión poderán realizar preguntas en inglés.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas seleccionadas quedan obrigadas pola aceptación da bolsa a:

1. Aceptar en todos os seus termos esta resolución. A comprobación de datos non axustada á realidade, tanto na solicitude como na documentación achegada, poderá supoñer a denegación ou revogación da axuda.

2. Comezar o goce da bolsa dentro do prazo que se sinala en cada caso e desenvolver o seu labor sen que ningún outro compromiso anterior ou futuro o impida ou dificulte.

3. Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia e actuar segundo os principios de eficacia, integridade e confidencialidade.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia.

5. Todos os estudos, informes e demais documentos que xere a persoa bolseira durante o desenvolvemento da súa formación quedarán á disposición da FGE e de Gain, que serán titulares dos dereitos de explotación e demais relativos á propiedade intelectual dos estudos e informes.

Artigo 15. Compromisos da FGE

A FGE comprométese a:

1. Facer o pagamento das obrigas económicas derivadas da concesión desta bolsa.

2. Efectuar as retencións á conta correspondentes ao imposto sobre a renda das persoas físicas así como as cotas da Seguridade Social, de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no Réxime Xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación.

3. Asignar ao beneficiario unha persoa representante de Gain que colabore coa FGE que exerza a titoría e que será responsable da súa formación durante todo o período que duren as prácticas.

4. Proporcionar un plan de formación co obxectivo de que a persoa bolseira adquira experiencia e coñecementos prácticos.

5. Ao remate do período de formación a persoa que exerza a titoría expedirá un certificado sobre asistencia e aproveitamento da bolsa.

Artigo 16. Incidencias no desenvolvemento das bolsas

1. Se durante o desenvolvemento das prácticas se produce algunha vacante ou renuncia por parte das persoas beneficiarias, procederase á cobertura desta seguindo a orde establecida nas correspondentes listaxes de suplentes en función da puntuación obtida.

2. En calquera momento, a persoa responsable da oficina da FGE en Bruxelas poderá propoñerlle ao director da FGE cancelar a bolsa por falta de rendemento da persoa beneficiaria. Neste caso, o director da FGE poderá revogar a concesión da bolsa por incumprimento das obrigas contraídas pola persoa adxudicataria, logo do trámite de audiencia á persoa interesada.

3. A FGE poderá autorizar a interrupción temporal da bolsa por motivos de forza maior, logo da incorporación da persoa bolseira ao destino adxudicado.

4. A renuncia durante o goce da bolsa inhabilitará a persoa adxudicataria para os efectos de presentación nas seguintes convocatorias, agás nos casos de forza maior, que serán valorados pola FGE.

5. O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo con estas bases reguladoras dará lugar á revogación da axuda concedida e, de ser o caso, á reclamación das contías xa pagadas, de conformidade co disposto na lexislación vixente.

Tanto a alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa obxecto desta resolución, coma a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6. As funcións derivadas do reintegro e, de ser o caso, de imposición de sancións, así como as funcións de control e demais que supoñan o exercicio de potestades administrativas, serán exercidas pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Artigo 17. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Información básica sobre a protección de datos persoais

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude que se acompañará coa resolución de convocatoria, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (Regulamento xeral de protección de datos-RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 19. Remisión normativa

En todo o non recollido na presente orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións e no seu Regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade correspondente.