Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 15 de febreiro de 2022 Páx. 11194

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se acorda a inscrición do denominado Castelo da Rocha Forte no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

O Castelo da Rocha Forte situado no lugar da Rocha Vella na parroquia de Santa María de Conxo do termo municipal de Santiago de Compostela, é unha estrutura defensiva da tipoloxía de castelo, de orixe medieval. Hai noticias da súa existencia cara a mediados do século XIII, cunha época inicial de grande esplendor e funcións de relevancia no control territorial do suroeste da cidade. O lugar foi obxecto de loitas entre o poder municipal e o arcebispal e escenario de revoltas irmandiñas no século XV e sufriu destrucións e reconstrucións diversas.

A dimensión e a complexidade das estruturas do castelo, a perda do seu valor estratéxico e o seu abandono, así como a construción de diferentes infraestruturas posteriores, produciron a case total perda da súa presenza física ata as campañas de investigación e escavación arqueolóxica iniciadas en 2003.

A disposición adicional segunda da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, establece que se consideran de interese cultural e quedan sometidos ao réxime previsto nela os bens a que se contraen os decretos do 22 de abril de 1949; o 571/1963 e o 499/1973. O devandito Decreto do 22 de abril de 1949 ten por obxecto a protección dos castelos españois, calquera que for o seu estado, para impedir as actuacións que poderían provocar a súa perda.

En virtude do anterior, a Dirección Xeral de Belas Artes e Arquivos do Ministerio de Cultura, ditou a Resolución do 17 de outubro de 1994, na cal se acorda a inscrición no Rexistro Xeral de Bens de Interese do Patrimonio Histórico Español dos monumentos de arquitectura militar da Comunidade Autónoma de Galicia. Na relación de bens que acompaña tal resolución non se encontra recollido o Castelo da Rocha Forte.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) que na súa disposición adicional primeira establece: «Todos aqueles bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia que tivesen a condición de bens de interese cultural con anterioridade á entrada en vigor desta lei manterán a consideración de bens de interese cultural e quedarán sometidos ao mesmo réxime xurídico de protección aplicable a estes segundo esta lei».

No artigo 88.1.a) da LPCG, referido ao patrimonio arquitectónico, recolle os bens propios da arquitectura defensiva, entendendo por tal todas as estruturas construídas ao longo da historia para a defensa e o control do territorio de que forman parte, destacando singularmente os castelos e as torres defensivas, entre outros, e os restos de todos eles, con independencia do seu estado de conservación, de se se encontran soterrados ou descubertos ou de se se integran ou non noutro ben inmoble. Así mesmo, recolle que estas tipoloxías de inmobles construídas antes de 1849 teñen a consideración de bens de interese cultural.

O inmoble forma parte do catálogo de xacementos arqueolóxicos coa clave GA15078061, como asentamento fortificado de época medieval, e na actualidade forma parte do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia en virtude do artigo 30 e a disposición adicional primeira da LPCG, ao estar singularmente identificado polo seu valor cultural nos vixentes Plan xeral de ordenación municipal de Santiago de Compostela, Plan especial de protección do patrimonio construído de interese cultural no termo municipal de Santiago de Compostela, e no Plan especial de protección e acondicionamento do Parque arqueolóxico da Rocha.

O Castelo da Rocha Forte conta, por tanto, cunha identificación precisa e unha delimitación concreta das súas estruturas, responde á adscrición tipolóxica de castelo ou asentamento fortificado de época medieval e estrutura de defensa e control do territorio previa a 1849, e mantén, así mesmo, suficientes elementos e vestixios materiais para acreditalo.

En consecuencia, á vista da documentación achegada polo Concello de Santiago de Compostela e o informe técnico da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, a directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias establecidas no artigo 24 do Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se dispón a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade; e en virtude do mencionado no título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e en especial o disposto no seu artigo 23, Rexistro de Bens de Interese Cultural,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar a inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia do denominado Castelo da Rocha sito na parroquia de Santa María de Conxo no Concello de Santiago de Compostela (A Coruña), como ben inmoble, coa categoría de monumento.

Segundo. Comunicar esta resolución á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deportes para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Publicar a presente resolución no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento e notificalo ao Concello de Santiago de Compostela.

Disposición derradeira

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da notificación.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2022

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: Castelo da Rocha Forte.

2. Localización.

• Provincia: A Coruña.

• Concello: Santiago de Compostela.

• Parroquia: Santa María de Conxo.

• Lugar: A Rocha Vella.

• Coordenadas de localización (UTM ETRS89 fuso 29) X: 534.870 Y: 4.745.460.

3. Descrición.

A primeira mención documental coñecida da fortaleza «Rocha Fortem» aparece co arcebispo Juan Arias Suárez da familia Churruchao, no ano 1255 en relación coas súas Constitucións Capitulares. Nesta época o castelo acada un grande esplendor e actúa tanto como residencia arcebispal como no control militar e fiscal das entradas e saídas polo suroeste da cidade.

Con posterioridade, rexístrase a reconstrución realizada por Berenguel de Landoira despois das alteracións do século XIV, no primeiro enfrontamento entre o concello e o bispado, e no ano 1466 destrúese con ocasión da revolta irmandiña precedida no 1458 polo asalto ao castelo por parte da irmandade. Polo adiantado, a súa adscrición cronolóxica enmárcase entre os séculos XIII e XV.

O espazo principal do castelo ten unha planta cadrada, con catro torres circulares de cantaría nas esquinas, e unha superficie aproximada de 3.500 m2. A entrada ao oeste está reforzada con dous torreóns, e rodeando a muralla principal atópase a barbacá ou falsabraga, posiblemente construída no século XV. Este espazo principal conta con dúas murallas defensivas concéntricas e unha torre de homenaxe situada na súa posición central. Desta torre, con planta cuadrangular duns doce metros de lado, unicamente se conservan as pegadas das súas cimentacións escavadas sobre a rocha e os restos do lenzo noroeste.

A primeira muralla conta con dúas entradas. A principal está cara ao noroeste e trataríase dunha torre-porta de grandes dimensións, avanzada sobre un foso co fin de protexer unha ponte levadiza. Cara ao sur hai outra entrada, actualmente tapiada, dotada de escaleiras e onde tamén hai unha fonte. Ademais, esta primeira muralla presenta catro torres de planta circular nas súas esquinas e, cando menos, dúas de planta cuadrangular no tramo medio dos lenzos suroeste e sueste.

Cinguindo e ampliando este primeiro recinto aparece, rodeándoo a uns catro metros, unha segunda liña defensiva ou falsabraga que se adapta á planta da fortaleza ao longo do seu perímetro visible. Este segundo recinto podería estar construído nun momento avanzado da vida útil do castelo, quizais durante o século XV.

No interior do castelo foron localizados restos de diversas estancias (pavimentos, muros, nivelacións...), e mesmo restos de enterramentos. Destaca o achado de espazos soterrados como é unha escaleira monumental cara a unha poterna existente no lenzo suroeste relacionada co abastecemento de auga (fonte, acuíferos...) ou unhas escaleiras que baixan ata unha pequena sala abovedada nun espazo que parece corresponderse cunha seteira no reforzo oeste da barbacá. Os restos materiais recuperados son abundantes cerámicas (moitas de importación), moedas, restos arquitectónicos (capiteis, doelas, arquivoltas,...), metais (fibelas ou alfinetes)... que nos indican os diferentes usos do castelo como pazo arcebispal e nos falan do seu aspecto bélico; destaca tamén o achado de numerosos bolaños (proxectís pétreos) que nos informan do alcance do asedio e destrución sufrida polo castelo no século XV durante os ataques e asedios das guerras irmandiñas.

4. Estado de conservación e usos.

A realización de sucesivas campañas de investigación entre os anos 2003 e 2006, así como os diversos traballos de acondicionamento, escavación e consolidación, realizados no ano 2009 e continuados no ano 2013 promoveron o seu estudo e recuperación, e favoreceron a súa valoración e consideración.

Este labor continuouse coa aprobación, no ano 2015, do Plan especial de protección e acondicionamento do parque arqueolóxico da Rocha (PE-7R), ata a actualidade onde se desenvolven tarefas de limpeza e mantemento do xacemento, completadas coa realización das pertinentes obras contidas no Proxecto de execución de acondicionamento exterior do xacemento do Castelo da Rocha Forte no concello de Santiago de Compostela (A Coruña).

Así mesmo, no ano 2019 realízase unha prospección xeofísica, e nos anos 2020 e 2021 unha campaña de sondaxes e escavacións que permitiron identificar unha terceira liña de muralla con baluarte de acceso, fosos defensivos, así como outros restos relacionados co castelo na zona exterior, que amplían o coñecemento dos seus restos nunha extensión máis ampla e a súa monumentalidade.

Todas estas actuacións promoveron a mellora do estado deste ben e favoreceron o seu valor monumental para unha revalorización social, dado o bo estado de conservación das súas estruturas. A todo isto habería que unir o feito de que sexa un conxunto visitable, sinalizado e ben coñecido na comarca. Todos estes aspectos aludidos avalan o seu potencial como recurso científico, cultural e turístico de primeira magnitude.

5. Valoración cultural.

O Castelo da Rocha Forte presenta importantes valores culturais entre os cales destacan o arquitectónico, arqueolóxico, científico e histórico, e que polas súas dimensións, a complexidade das estruturas que conserva e vinculación a acontecementos históricos relevantes, especialmente entre os períodos do século XIII ao XV, representa un dos mellores exemplos de fortalezas defensivas e de control territorial de Galicia e confírelle unha categoría sobranceira no patrimonio cultural galego.

6. Réxime de protección.

6.1. Categoría:

• Natureza: ben inmoble.

• Categoría: monumento.

• Interese: arquitectónico, arqueolóxico, científico e histórico.

• Nivel de protección: integral.

6.2. Réxime de protección.

A inclusión no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia do Castelo da Rocha Forte determinará a aplicación inmediata do réxime de protección previsto nos títulos II e III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e complementariamente co establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español. Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación.

7. Delimitación e contorno de protección.

No plano de ordenación do Plan especial de protección e acondicionamento do parque arqueolóxico da Rocha Forte (PE-7R), do Concello de Santiago, figura en cor violeta a «Área de protección arqueolóxica do Castelo da Rocha Forte». A delimitación do ben de interese cultural (BIC) considérase axustada a esta área.

Se, como consecuencia da realización de escavacións arqueolóxicas, se determinar que a superficie do xacemento sobrepasa os límites descritos no Plan especial (PE-7R), deberase comunicar tal situación á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, co fin de proceder a revisar a delimitación do BIC.

Ademais, no citado Plan especial (PE-7R) establécense varias áreas e zonas no plano de ordenación que regulan o uso das parcelas, nas proximidades do castelo, así como as autorizacións administrativas precisas para certas actuacións, co fin de que as posibles alteracións do lugar non incidan na percepción e comprensión dos valores culturais dos bens no seu contexto ou poidan afectar a súa integridade, apreciación ou estudo. Por este motivo, estímase que non é preciso establecer un contorno de protección específico.