Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 15 de febreiro de 2022 Páx. 11252

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2022 pola que se convoca un curso de instrutor de tiro e técnico de armamento, dirixido a membros da policía local de Galicia.

Aprobado o programa anual de actividades para o ano 2022 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) polo Consello Reitor e de acordo co establecido no artigo 9.2.b) da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, convócase un curso de instrutor de tiro/técnico de armamento, de acordo coas bases e características seguintes:

1. Datos da actividade.

Denominación: instrutor de tiro e técnico de armamento.

Tipo: curso.

Edicións: 1.

Horas lectivas: 78.

Modalidade: 20 horas teóricas en liña, 40 horas prácticas na galería de tiro da Agasp e 18 horas lectivas impartindo docencia no plan de adestramento coa arma regulamentaria da Agasp baixo a supervisión do persoal instrutor da Agasp.

Obxectivos: controlar adecuadamente o estado, o uso e o mantemento das armas de dotación de cada cadro de persoal.

Establecer e desenvolver os programas de tiro de cada concello, segundo as necesidades do seu persoal.

Intervir na adquisición da munición para a realización das prácticas de tiro de cada concello.

Adquirir coñecementos sobre o manexo e funcionamento das armas orientados á instrución dos demais policías.

Contido:

a) En liña:

1. Normativa sobre armas. Regulamento de armas, concretamente armas prohibidas, clases de armas, licenzas e infraccións. Código penal, armas ilegais, principio de lexítima defensa. Lei de seguridade cidadá infraccións con armas de fogo.

2. Usos da arma de fogo, balística interna e externa. Diferentes calibres e balas, puntas de alta deformación semiblindadas e blindadas. Características.

3. Teoría das armas, semiautomáticas, de repetición e manuais, armas de avancarga e retrocarga. Especial referencia ás armas de caza.

4. Documentación e procedementos para a compra de armas e municións polos concellos.

5. Caixas de seguridade e medidas de seguridade mecánicas para armas.

6. Técnicas de comunicación non verbal e importancia da linguaxe xestual.

b) Parte presencial:

Datas:

En liña: do 22 de febreiro ao 22 de marzo de 2022.

Na galería da Agasp: os días 3, 9, 15, 21 e 28 de marzo de 2022. Horario das 10.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 20.00 horas.

Prácticas reais nos plans de adestramento con arma regulamentaria: abril e outubro do ano 2022.

Formación individual:

Seguridade no uso de armas de fogo, en solitario e en grupo.

Uso dos elementos de puntaría.

Uso de revólver e pistola.

Empuñamentos, unha man e dúas mans.

Fundas, arma e cargadores.

Tiro en seco.

Uso do disparador, dobre acción e simple acción.

Cadencias de disparo, distancias de tiro, precisión, media distancia, curta distancia. Cambios de cargador.

Pistola e revólver.

Fogo cunha man, coas dúas e man débil.

Solución de interrupcións.

Disparo en movemento, cara adiante e atrás, esquerda e dereita e oblicuos. Disparo en pé, xeonllo en terra e tombado. Disparo desde vehículo.

Disparo en binomio e en grupo de intervención.

Disparo tras parapeto e desde xanela.

Aproximación ao obxectivo, papel de cada integrante da patrulla. Función do axente que dá seguridade.

c) Formación como formador:

Instruirase o alumno en diferentes técnicas formativas relacionadas coa formación específica de tiro, incluíndo armas, municións, fundas e demais equipamento individual e de dotación en grupo.

Instruirase o alumno en técnicas de corrección de erros máis habituais durante o disparo.

Instruirase sobre técnicas de aprendizaxe para policías noveis, técnicas avanzadas, utilización da tensión e a competitividade, etc.

Parte de docencia en prácticas.

Nos plans de tiro que se realicen na Agasp durante o ano 2022, instruiranse os policías que participen do plan de tiro, baixo a supervisión dos instrutores da Agasp.

2. Destinatarios/as.

Persoal dos corpos da policía local de Galicia.

Abrirase un período de selección previo ao curso, con probas para seleccionar os alumnos máis adecuados.

Prazas ofertadas:

10 prazas: 8 para membros de policías de máis de 20 funcionarios, 2 para o resto.

3. Solicitudes de participación.

Os concellos interesados en que os/as seus funcionarios/as obteñan esta habilitación, deben solicitalo ao Servizo de formación en Seguridade Pública a través do correo electrónico: formacion.agasp@xunta.gal, expoñendo as súas necesidades formativas nesta materia xunto co persoal que designan para a realización do curso.

Con carácter previo ao inicio deste curso, realizarase unha proba de nivel, e a Agasp fará a selección definitiva do alumnado.

4. Desenvolvemento da actividade.

1. O Servizo de Formación da Agasp comunicaralles ás persoas admitidas á proba para a admisión ao curso o lugar, a data e a hora de realización.

2. O curso realizarase nas datas expostas con anterioridade e pode sufrir variacións que serán comunicadas coa antelación suficiente ao alumando.

3. O curso realizarase respectando en todo momento as indicacións das autoridades sanitarias. O uso das máscaras é obrigatorio, así como o mantemento da distancia de seguridade.

4. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións do curso, requírese a asistencia para obter á habilitación de instrutor/a de tiro ao 100 % de toda a acción formativa.

Durante a realización do curso levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto e poderán realizarse controis de asistencia extraordinarios.

5. O alumnado asistirá aos cursos co uniforme regulamentario. No caso de non facelo e non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá diploma nin certificado acreditativo ningún.

A Estrada, 8 de febreiro de 2022

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública