Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 16 de febreiro de 2022 Páx. 11390

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se modifica a Resolución do 7 de maio de 2008 pola que se regulan as substitucións entre funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Por medio da Resolución do 7 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza (DOG núm. 93, do 15 de maio), regulouse a provisión de forma temporal mediante substitucións dos postos de traballo reservados ao persoal funcionario integrante dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza, sistema previsto no artigo 74.1 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do dito persoal. A través da referida resolución reguláronse, así mesmo, as atribucións de funcións entre os membros do corpo de auxilio xudicial da mesma localidade, previstas no artigo 39.2 do citado regulamento.

No tempo transcorrido desde a entrada en vigor da antedita resolución, diversas circunstancias fixeron necesaria a súa modificación. A derradeira destas modificacións, realizada mediante a Resolución do 2 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Xustiza (DOG núm. 113, do 11 de xuño), introducía como requisitos das persoas solicitantes a exixencia dun tempo mínimo de desempeño de seis meses continuados no posto de traballo desde o cal se participa na convocatoria, ben sexa de carácter definitivo, ben provisional.

Esta circunstancia, que non discriminaba entre os motivos do cesamento nas anteditas substitucións, orixinou problemas operativos nas unidades xudiciais, sobre todo no caso das substitucións na mesma unidade.

En consecuencia, faise preciso modificar a Resolución do 7 de maio de 2008 co obxecto de limitar a exixencia deste requisito naqueles supostos en que o cesamento da persoa que realiza a substitución ten lugar por incorporación do/da titular ou remate da causa que a motivou.

Polo anteriormente exposto, e tras a consulta coas organizacións sindicais con representación na mesa sectorial da Administración de xustiza,

DISPOÑO:

Modifícase a Resolución do 7 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regulan as substitucións entre funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, nos seguintes termos:

Primeiro. O artigo cuarto queda redactado como segue:

«Cuarto. Requisitos dos solicitantes

1. Poderán solicitar as substitucións, con exención de funcións nos seus postos, os funcionarios de carreira dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza con destino en órganos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que estean en situación de activo, prestando efectivamente servizos en xulgados, tribunais, fiscalías ou outros órganos da Administración de xustiza, e leven un mínimo de seis meses continuados no posto de traballo desde o cal participan na convocatoria, ben sexa con carácter definitivo, ben provisional.

2. No caso das substitucións verticais, para ser nomeado substituto no corpo inmediatamente superior será preciso estar en situación de servizo activo nun posto de traballo dalgún dos centros de destino a que se refire o anterior parágrafo e estar en posesión da titulación académica exixida para acceder ao posto superior que é obxecto de substitución.

3. No caso de persoas que cesen nunha substitución por incorporación do/da titular ou remate da causa que a motivou, non será exixible que leven un mínimo de seis meses continuados no posto de traballo desde o cal participan na convocatoria».

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición ante o director xeral de Xustiza no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente no prazo de dous meses, ambos os dous prazos contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2022

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza