Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 16 de febreiro de 2022 Páx. 11393

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 15/2022, do 27 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de alarga e mellora do camiño público Arufe-Churío, no termo municipal de Irixoa (A Coruña).

O Concello de Irixoa (A Coruña), en sesión do día 13 de decembro de 2019, acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa do proxecto de alarga e mellora do camiño público Arufe-Churío, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

Con data do 5 de abril de 2021 tivo entrada no rexistro da Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia a solicitude do Concello de Irixoa e o expediente. Con data do 4 de maio, 3 de novembro e 22 de decembro de 2021, o Concello achegou a documentación complementaria á súa solicitude inicial. O expediente contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, consistente no alargamento e na mellora do camiño público Arufe-Churío, xa que é absolutamente necesaria para repoñer o seu estado de correcto e apropiado uso público aos actuais requirimentos, e lograr deste xeito a adecuada funcionalidade e mellora da seguridade viaria da que agora non dispón a devandita vía. Asemade, permitiría a intercomunicación para dar servizo aos dous núcleos e á propia área forestal, agora incomunicada, o que pode provocar importantes danos ás propiedades forestais, tales como os incendios.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de xaneiro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de alarga e mellora do camiño público Arufe-Churío, no termo municipal de Irixoa (A Coruña), polo cal se deben, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Ferrol, vinte e sete de xaneiro de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo