Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 16 de febreiro de 2022 Páx. 11395

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 25 de xaneiro de 2022 pola que se aproban as bases e a convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para actuacións por parte dos órganos de xestión das reservas da biosfera de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT724C).

Exposición de motivos

O programa Persoa e Biosfera (programa MaB) é un programa intergobernamental da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (en diante, UNESCO), creado co obxectivo de establecer unha base científica para mellorar a relación das persoas coa súa contorna.

Para a execución do seu traballo no terreo, o programa MaB centra as súas actuacións nas reservas da biosfera e fomenta o intercambio de coñecementos entre as reservas, a investigación e a monitorización, a educación, a formación e a toma de decisións participativa.

As reservas da biosfera son espazos singulares recoñecidos pola UNESCO como áreas de referencia onde exemplificar un novo modelo de relación entre o ser humano e a natureza, e compatibilizan a conservación da diversidade biolóxica e cultural co desenvolvemento económico e social a través da relación das persoas coa natureza. Estes espazos establécense sobre zonas ecoloxicamente representativas ou de valor único en ambientes terrestres, costeiros e mariños, nas cales a relación harmoniosa da poboación humana e a conservación do medio natural é esencial.

As reservas da biosfera son tamén lugares de experimentación e de estudo de modelos de desenvolvemento sustentable nos cales deben cumprirse tres funcións básicas:

1. Conservación da biodiversidade e dos ecosistemas que conteñen.

2. Desenvolvemento das poboacións locais.

3. Unha función loxística de apoio á investigación, á formación e á comunicación.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, no seu artigo 50 inclúe, dentro das áreas protexidas por instrumentos internacionais, as reservas da biosfera declaradas pola UNESCO. Esta lei establece que o seu réxime de protección será o establecido nos correspondentes convenios e acordos internacionais, sen prexuízo da vixencia de réximes de protección, ordenación e xestión específicos cuxo ámbito territorial coincida total ou parcialmente coas devanditas áreas, sempre que se adecúen ao previsto nos anteditos instrumentos internacionais.

De maneira máis específica, no capítulo I do título IV desta lei (artigos 68 a 69), regúlase a Rede Española de Reservas da Biosfera como un subconxunto definido e recoñecible da Rede Mundial de Reservas da Biosfera. No seu artigo 70 establécense as características que deben ter as reservas da biosfera para a súa integración e mantemento como tales. Esta rede constitúe un modelo de xestión integrada, participativa e sustentable do patrimonio e dos recursos naturais, cos obxectivos básicos de conxugar a preservación da biodiversidade biolóxica e dos ecosistemas.

No caso concreto da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, regula no capítulo VI do título II as áreas protexidas por instrumentos internacionais, entre as cales se atopan as reservas da biosfera. Así, no ámbito desta lei e mediante o Decreto 95/2017, do 21 de setembro, créase a Rede de Reservas da Biosfera de Galicia en prol de facilitar a consecución dos fins destas reservas por considerar que para o logro dos seus obxectivos é primordial o intercambio de experiencias e coñecementos.

Forman parte desta rede as sete reservas da biosfera que teñen o seu territorio na Comunidade Autónoma de Galicia:

1. Reserva da biosfera Terras do Miño (Lugo).

2. Reserva da biosfera Área de Allariz (Ourense).

3. Reserva da biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá (Lugo).

4. Reserva da biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (A Coruña).

5. Reserva da biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón (Lugo, compartindo territorio co Principado de Asturias).

6. Reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés (Ourense, transfronteiriza con Portugal).

7. Reserva da biosfera Ribeira Sacra, Serras de Oribio e O Courel (Lugo, compartindo territorio con Ourense).

Todas elas deben contar cun órgano de xestión responsable do desenvolvemento das estratexias, das liñas de acción e dos programas.

Doutra banda, a pandemia provocada pola COVID-19 supuxo unha crise económica, social e sanitaria sen precedentes. A magnitude do desafío exixiu unha resposta común a escala europea. Como resposta a medio prazo implantouse un fondo de recuperación para contribuír ao proceso de reconstrución das economías no mundo postCOVID-19, a partir de 2021.

No contexto do novo Fondo de Recuperación Next Generation EU aprobouse, o 7 de outubro de 2020, o marco xeral do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR, en diante), regulado polo Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública.

As prioridades do marco xeral do PRTR son acordes cos principios clave recollidos na Estratexia anual de crecemento sustentable 2021 da Comisión Europea e, en concreto, co apoio á transición ecolóxica mediante reformas e investimentos no ámbito da biodiversidade. A protección e a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas naturais promoven unha economía circular que crea postos de traballo de carácter local. O citado apoio realízase no marco dunha figura de protección de grande importancia e recoñecemento como instrumento para combater a crise ambiental como son as reservas da biosfera declaradas pola UNESCO.

O pasado 9 de xullo de 2021, en sesión da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, foi aprobado o acordo polo que se aproban os criterios de repartición e a distribución territorial de créditos relativos ao compoñente 4 de conservación e restauración de ecosistemas e a súa biodiversidade, entre outros, realizada de conformidade co disposto no artigo 86 da Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria. No marco deste acordo atópanse as subvencións ás comunidades autónomas para as reservas da biosfera españolas.

Con estas axudas preténdense impulsar accións demostrativas da sustentabilidade do desenvolvemento e foméntase o emprego verde e o emprendemento vencellado a novas actividades sustentables nas reservas da biosfera españolas. As actividades financiables que van desenvolver as persoas destinatarias últimas centraranse en desenvolver, demostrar, promover e presentar relacións harmoniosas do ser humano coa súa contorna, exemplificando unha nova maneira de relación das persoas coa natureza.

Neste contexto, estes obxectivos desenvolven as medidas expostas no compoñente 4 de conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade do PRTR.

As bases reguladoras para o financiamento de actuacións en reservas da biosfera con cargo ao PRTR sinalan que as comunidades autónomas deberán financiar tales actuacións a través da convocatoria de axudas baixo a modalidade de concorrencia competitiva, que se rexerán polo establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Tamén será de aplicación o réxime xeral das axudas e subvencións da nosa Comunidade Autónoma, establecido nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, modificada en última instancia pola Lei 13/2015, do 24 de decembro. A nivel regulamentario, a normativa principal está representada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007. Esta orde cumpre as exixencias da citada normativa.

O Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sinala, no seu artigo 11, que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural (DXPN, en diante) exercerá as competencias e as funcións atribuídas á consellería en materia de conservación, protección, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia e dos seus elementos etnográficos, e a súa preservación para as xeracións futuras, en particular, atribúeselle no parágrafo 1, letra f), a conservación específica dos espazos que compoñen a Rede Galega de Espazos Protexidos e a Rede Natura 2000 de Galicia e outras zonas de alto valor ambiental, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros xéneros.

A tramitación desta convocatoria cumpre co disposto no artigo 67.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, sobre simplificación administrativa e apoio á recuperación económica, relativo á tramitación anticipada de expedientes de gastos de fondos derivados do PRTR, e queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para os anos 2022 e 2023.

De acordo co anteriormente exposto, respectando os contidos da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia; da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

O obxecto desta orde é o de establecer as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento administrativo MT724C) da concesión de axudas de acordo co anexo IV de criterios obxectivos de distribución territorial e bases reguladoras para o financiamento de actuacións en reservas da biosfera con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Acordo do 9 de xullo de 2021, da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, polo que se aproban os criterios de repartición e a distribución territorial de créditos relativos ao compoñente 4 de conservación e restauración de ecosistemas e a súa biodiversidade.

A finalidade desta orde é promover a conservación e a xestión da biodiversidade e dos recursos naturais, o fomento do desenvolvemento sustentable e a mellora do patrimonio cultural nas reservas da biosfera de Galicia.

Estas axudas contribúen á consecución dos obxectivos do PRTR no marco do compoñente 4, investimento 2 e obxectivo 69.

Artigo 2. Entidades beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas os órganos xestores de reservas de biosfera de Galicia, independentemente da súa forma xurídica.

2. Non están incluídas no ámbito de aplicación destas axudas aquelas reservas da biosfera que son xestionadas directamente pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. É condición necesaria para a admisibilidade das actuacións que estas estean incluídas especificamente ou ben sexan coherentes co Plan de acción da reserva da biosfera. Ademais, as actuacións realizaranse en coherencia cos plans de desenvolvemento dos municipios, cando existan os devanditos plans ou, de ser o caso, coas estratexias de desenvolvemento local correspondentes.

4. Se a actuación se desenvolve no ámbito territorial dun espazo natural protexido, esta deberá ser acorde coa normativa establecida nos instrumentos de planificación aprobados pola Administración autonómica.

5. As entidades beneficiarias poderán realizar actuacións en propiedades de terceiros, para iso será obrigatorio achegar o anexo X de conformidade e dispoñibilidade dos terreos por parte da persoa titular ou titulares para realizaren as actuacións obxecto da solicitude.

6. As axudas estarán vencelladas aos obxectivos que se perseguen. Precisarase acreditar a consecución dos obxectivos asociados ás actuacións mediante a cuantificación de indicadores e medicións.

7. En ningún caso poderán ter a condición de entidades beneficiarias aquelas que incorran nalgunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 3. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Son obrigas das entidades beneficiarias as enumeradas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

2. As entidades beneficiarias deberán, á súa vez, cumprir coas seguintes obrigas:

a) Asumir as responsabilidades que poderían derivarse da realización do proxecto ou actividade.

b) Dispor dos permisos ou licenzas administrativas correspondentes no caso de que sexan necesarios para o desenvolvemento da actividade obxecto da axuda.

c) Ser a única responsable xurídica e financeira da execución do proxecto ou actividade obxecto da axuda.

d) Manter un sistema de contabilidade separado e específico en relación con estas subvencións, ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables que permita o seguimento dos gastos financiados a través destas subvencións, sen prexuízo das normas de contabilidade de obrigado cumprimento.

e) Cumprir coa normativa da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

f) Cumprir co principio de «non causar dano significativo» (principio Do no significant harm DNSH) e a etiquetaxe verde e dixital, de acordo co previsto no PRTR, aprobado por Decisión do Consello de Europa do 16 de xuño de 2021, e polo Regulamento (UE) 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, en todas as fases do deseño e execución dos proxectos e de maneira individual para cada actuación.

g) Incluír, sempre que iso sexa posible, criterios ambientais en todos os procedementos de contratación que puidese convocar a entidade beneficiaria en calquera fase de realización do proxecto obxecto de axuda.

h) Cumprir coa normativa en materia de igualdade e incluír, sempre que iso sexa posible, criterios para favorecer a igualdade de trato e de oportunidades en todos os procedementos de contratación que puidese convocar a entidade beneficiaria.

i) Cumprir coas obrigas específicas que estableza o PRTR e na súa normativa de aplicación, así como as impostas pola Unión Europea e, en especial, as entidades beneficiarias deberán:

1º. Recadar, para os efectos de auditoría e control do uso dos fondos, en formato electrónico que permita realizar procuras para unha base de datos única, as categorías harmonizadas dos datos contemplados no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro.

2º. Gardar a rastrexabilidade de cada un dos investimentos e actuacións realizados, así como a súa correspondente documentación acreditativa. Someteranse ás medidas de control e auditoría recollidas no Regulamento (UE) 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, e no Regulamento (UE) 2018/1046, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión.

3º. Conservar e custodiar os documentos nas condicións e prazos establecidos de conformidade co artigo 132 do Regulamento (UE) 2018/1046, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo.

4º. Asegurar a regularidade do gasto subxacente e a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de interese e o dobre financiamento co obxecto de protexer os intereses financeiros da Unión. Para tal efecto, establecerase un sistema eficaz e eficiente e recuperaranse os importes aboados baixo erro ou empregados de maneira incorrecta, no sentido do artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, e da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

5º. Responsabilizarse da fiabilidade e do seguimento da execución das actuacións subvencionadas, de maneira que poida coñecerse en todo momento o nivel de consecución de cada actuación e dos fitos e obxectivos que se estableceron ao respecto.

6º. Asumir calquera outra obriga comunitaria e nacional que resulte de aplicación por razón do financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia.

j) Cumprir calquera outra obriga que, no seu caso, puidese establecerse na resolución pola que se concede a axuda.

Artigo 4. Financiamento e distribución do crédito

1. Esta orde financiarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 08.03.541B.760.0 e 08.03.541B.781.1 do código de proxecto 202200039 do orzamento da DXPN, por un importe de 1.845.592,00 euros, coa seguinte distribución por aplicación orzamentaria e anualidades:

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2022

Anualidade 2023

Total

08.03.541B.760.0

207.285,60 €

829.142,40 €

1.036.428,00 €

08.03.541B.781.1

161.832,80 €

647.331,20 €

809.164,00 €

Totais

369.118,40 €

1.476.473,60 €

1.845.592,00 €

2. Financiarase integramente pola Unión Europea a través dos fondos asignados á Xunta de Galicia para o financiamento de actuacións en reservas da biosfera con cargo ao PRTR mediante o instrumento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, aprobado polo Regulamento (UE) 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, dentro do compoñente 4 de conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade, liña de investimento I2 Conservación da biodiversidade terrestre e mariña.

3. Esta dotación inicial poderá ser modificada e/ou incrementada con achegas adicionais sen nova convocatoria previa,tras a oportuna tramitación orzamentaria en proporción ao número de solicitudes e ás dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións e nas condicións previstas no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. A distribución de fondos establecida para cada anualidade na aplicación orzamentaria sinalada é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes de axuda, sen incrementar o crédito total.

Artigo 5. Réxime e principios de aplicación

1. As axudas previstas nesta orde outorgaranse de conformidade cos criterios de publicidade, concorrencia competitiva, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, atendendo a criterios de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e á eficiencia na asignación e o emprego dos recursos públicos, segundo o establecido no artigo 8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

3. Conforme o anterior e o artigo 6.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, esta orde publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) e, da mesma forma, tamén será publicada na páxina web oficial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (https://cmaot.xunta.gal/axudas-e-subvencions).

Artigo 6. Ámbito territorial

1. As axudas desta convocatoria aplicaranse a actuacións que se desenvolvan en zonas rurais (ZPP) ou intermedias (ZIP) situadas nas seguintes reservas da biosfera de Galicia:

a) Reserva da Biosfera de Terras do Miño.

b) Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

c) Reserva da Biosfera da Área de Allariz.

d) Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

2. Deben considerarse non admisibles as actuacións desenvolvidas en parroquias definidas como densamente poboadas (ZDP), recollidas no anexo VII.

Artigo 7. Actividades subvencionables

1. Poderán ser obxecto das axudas previstas nesta orde as seguintes actividades:

a) Conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais:

1º. Conservación de hábitats terrestres e especies, incluídos inventarios de fauna e flora.

2º. Restauración de ecosistemas degradados e investimentos na creación e mellora de pequenas infraestruturas encamiñadas a unha mellora ambiental para favorecer a conservación da biodiversidade.

3º. Campañas anuais de avaliación e seguimento do estado de conservación dos hábitats.

4º. Eliminación e control de especies exóticas invasoras.

5º. Adecuación de tendidos eléctricos para evitar impactos paisaxísticos e sobre a biodiversidade.

6º. Mellora da conectividade, fomento de infraestruturas verdes.

7º. Xestión sustentable de ecosistemas forestais, entendéndose como tales, aqueles integrados por bosques de especies autóctonas tanto naturais como seminaturais.

8º. Estudos de valoración e pagamento por servizos ecosistémicos.

9º. Fomento de iniciativas de conservación de polinizadores.

10º. Actuacións que desenvolvan de maneira práctica os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) relacionados coa conservación da biodiversidade da axenda 2030.

b) Actuacións de mellora da gobernanza en reservas da biosfera:

1º. Formación e capacitación dos habitantes e do persoal da reserva da biosfera en materia de conservación da biodiversidade.

2º. Impulsar acordos de custodia do territorio.

3º. Elaboración dos plans estratéxicos, estudos das deficiencias nas reservas da biosfera, revisión e zonificación, etc.

c) Fomento do desenvolvemento sustentable:

1º. Apoio ao asociacionismo local orientado a potenciar actividades que coincidan co obxectivo de conservación da biodiversidade das reservas da biosfera.

d) Apoio á sustentabilidade do turismo, mellora do patrimonio cultural e da paisaxe:

1º. Mellora da infraestrutura de uso público existente para o uso turístico.

2º. Sinalización de infraestrutura e puntos de interese ambiental conforme ao manual de imaxe aprobado polo Comité Español do Programa MaB.

3º. Conservación e posta en valor do patrimonio cultural material e inmaterial, incluídos inventarios, relacionado coa conservación e mellora da paisaxe e os recursos naturais.

4º. Proxectos de recuperación paisaxística.

2. Só se admitirá unha solicitude e proxecto por reserva.

3. Todas as solicitudes deberán incluír unha actuación das contempladas na epígrafe 1.a) deste artigo cun peso orzamentario que deberá ser de, polo menos, o 40 %.

4. En ningún caso serán subvencionables actuacións ou actividades en zona núcleo que non sexan respectuosas coas finalidades e obxectivos dos espazos naturais protexidos que formen parte da devandita zona da reserva ou que poidan pór en perigo os valores que xustifican a protección destes espazos respectando, en todo caso, as prescricións contidas na normativa de aplicación.

Artigo 8. Importe e intensidade das axudas

As axudas concederanse en forma de subvencións mediante concorrencia competitiva. Concederase o 100 % do custo subvencionable cun importe a solicitar cun mínimo de 350.000,00 € e un máximo de 625.000,00 €.

Artigo 9. Conceptos subvencionables

1. Consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de maneira indubidable, estean relacionados coa actividade obxecto da axuda, sexan necesarios para a súa execución, sexan contraídos durante o período de execución aprobado e se atopen efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación. Os gastos deberán estar suxeitos a prezos de mercado.

2. Os gastos deberán estar a nome da entidade beneficiaria.

3. Con carácter xeral, as actuacións para as que se solicita a axuda non poderán estar iniciadas antes de que, unha vez presentada a solicitude, se acredite por parte da DXPN, o non inicio das mesmas mediante a inspección de campo á que se refire o artigo 28.1.b) desta orde.

Non precisarán da acta de non inicio a que fai referencia a epígrafe anterior, aquelas accións que non teñan natureza de investimento, como inventarios, formación e capacitación, campañas anuais de avaliación e seguimento do estado de conservación dos hábitats, estudos de valoración e pagamento por servizos ecosistémicos, etc.

Nestes supostos, o non inicio das actuacións acreditarase mediante declaración responsable (anexo IX) de que as actuacións solicitadas non foron iniciadas antes da presentación da solicitude de axuda.

Non serán admisibles os gastos efectuados con anterioridade á data de emisión da acta de non inicio ou da presentación da declaración responsable recollidas neste artigo.

4. A axuda poderá aplicarse, segundo o recollido no punto 12 do anexo IV do Acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente do 9 de xullo de 2021, aos seguintes custos de persoal:

a) O 100 % do custo laboral do persoal contratado con exclusividade e especificamente para a realización das actividades obxectivo da axuda e así quede patente no seu contrato laboral.

b) O custo do resto do persoal da entidade beneficiaria será financiable en función da porcentaxe de dedicación ao proxecto, que nunca poderá ser superior ao 60 % do custo laboral.

c) En xeral, estes gastos xustificaranse mediante a presentación das nóminas, seguros sociais e os seus respectivos xustificantes de pagamento, así como unha certificación asinada pola persoa responsable legal indicando a porcentaxe de dedicación asumida por cada traballador/a con imputación ao proxecto, que acredite que estes non son gastos recorrentes da entidade. No caso de traballadores/as imputados ao 100 % ao proxecto, débese presentar tamén o seu contrato laboral.

d) Dentro desta partida de gasto poderanse imputar igualmente traballadores/as autónomos/as economicamente dependentes (TRADE). Igual que co resto do persoal, será financiable o 100 % do seu custo se a súa dedicación é exclusiva ao proxecto e así queda reflectido de forma explícita no seu contrato. No resto de casos, será financiable en función da porcentaxe de dedicación, que non será superior ao 60 %. Este tipo de gastos xustificaranse mediante a achega de contrato, factura xunto ao seu correspondente xustificante de pagamento, modelo 130 para os que se atopen en estimación directa, e o recibo de pagamento da cota de autónomos.

e) Os custos de persoal non poderán superar os custos máximos anuais por grupo de cotización que se establecen no seguinte cadro:

Grupo de cotización

Titulación/categoría profesional

Total anual (Salario bruto + Seguridade Social a cargo da empresa)

1

Persoal enxeñeiro/persoal licenciado/persoal de alta dirección

45.000 €

2

Persoal enxeñeiro técnico, peritos/as e persoal axudante titulado ou diplomado

39.375 €

3

Xefes/as administrativos/as e de taller (persoal técnico especialista)

31.500 €

4

Persoal axudante non titulado

25.875 €

5

Oficiais administrativos/as

25.875 €

6

Persoal subalterno

25.875 €

7

Persoal auxiliar administrativo

25.875 €

8

Oficiais de primeira e segunda

20.250 €

9

Resto de oficiais

20.250 €

10

Peóns/peoas

20.250 €

11

Persoal traballador menor de 18 anos

20.250 €

f) Non se considerarán subvencionables:

1º. Os gastos relacionados con aquel persoal que non estea dado de alta nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia.

2º. Os gastos de persoal que non teña relación contractual laboral coa entidade beneficiaria da subvención.

3º. Os conceptos incluídos na retribución bruta do traballador/a que non garden relación coa actividade subvencionada.

5. A axuda poderá aplicarse aos seguintes custos de viaxe e manutención:

a) Os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención do persoal involucrado nas actividades obxecto de axuda.

b) O importe máximo financiable aplicado aos gastos de desprazamento será o exceptuado de gravame segundo o Regulamento do I.R.P.F. (Orde EHA/3771/2005 do 2 de decembro, pola que se revisa a contía dos gastos de locomoción e das dietas no Imposto Sobre a Renda das Persoas Físicas ou normativa que a substitúa).

c) Salvo excepcións xustificadas, a elixibilidade do resto de gastos de manutención terá como límite máximo as contías establecidas para o grupo 2 polo Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón de servizo.

d) En todo caso, os desprazamentos deberán realizarse en clase turista e o aloxamento en categoría máxima de 3 estrelas.

e) Estes gastos serán financiables mediante a presentación do documento acreditativo do gasto, o seu correspondente documento de pagamento e a vinculación dos mesmos ao proxecto.

6. A axuda poderá aplicarse aos seguintes custos de asistencias externas:

a) Os servizos externos que, sendo necesarios para a execución do proxecto, a entidade beneficiaria non poida realizar por si mesma.

b) Aqueles servizos externos contratados cuxo obxecto coincide co obxecto da axuda ou que, podendo ser realizados pola entidade beneficiaria, se externalicen, consideraranse subcontratación e estarán suxeitos aos límites establecidos no artigo 10 destas bases reguladoras.

c) Serán financiables mediante a presentación da correspondente factura ou documento acreditativo do gasto e o seu respectivo xustificante de pagamento.

7. A axuda poderá aplicarse aos seguintes custos de material inventariable:

a) A amortización de instalacións e de material inventariable durante o período de execución do proxecto, mediante a correspondente factura ou documento acreditativo e o seu respectivo xustificante de pagamento, sempre que teñan relación directa coa execución das actividades, non exista outro financiamento para elas e a amortización correspondente estea debidamente contabilizada pola entidade no exercicio de execución da actuación.

b) Os arrendamentos de instalacións e de material inventariable serán financiables mediante a presentación do correspondente contrato e factura ou documento similar e o seu respectivo xustificante de pagamento.

c) Os softwares ou aplicacións informáticas desenvolvidas no marco do proxecto non poderán xerar ingresos económicos para a entidade.

d) No suposto de rehabilitación e mellora de bens inventariables, estes destinaranse ao fin concreto para o que se concedeu a axuda durante cinco anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público e tres anos para o resto de bens.

8. A axuda poderá aplicarse aos seguintes custos de material funxible:

a) Aqueles gastos de material funxible adquirido sempre que este estea directamente vencellado á actividade obxecto da axuda.

b) Así mesmo, terán consideración de funxible aqueles materiais adquiridos cuxo período de vida útil non supere o cronograma de execución aprobado para o proxecto e así quede xustificado pola entidade beneficiaria.

9. Non serán financiables gastos nos termos establecidos nos apartados 7 e 8 do artigo 31 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, fóra dos gastos derivados da garantía bancaria sempre que para a obtención do anticipo sexa obrigatoria a constitución de garantía bancaria.

10. O IVE non será subvencionable.

11. A adquisición de terreos ou edificios non será subvencionable; tampouco terán a consideración de custos indirectos imputables a estas axudas os gastos xerais de constitución, mantemento, funcionamento ou estrutura permanente ou habitual das entidades beneficiarias das actuacións.

Artigo 10. Subcontratación

1. Para os efectos do disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, permitirase a subcontratación de ata o 100 % da actividade obxecto da subvención.

2. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade obxecto da axuda, non acheguen valor engadido ao contido da mesma.

3. En cumprimento do artigo 27.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando a actividade concertada con terceiros exceda do 20 % do importe da subvención e o devandito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que se garanta a aplicación dos principios de publicidade e concorrencia.

b) Que o contrato se subscriba por escrito.

c) Que a súa celebración se autorice previamente pola DXPN. Neste sentido, en caso de resolución favorable da solicitude, entenderase autorizada desde a data de emisión da acta de non inicio ou da presentación da declaración responsable recollida no artigo 9.3.

4. Os/as subcontratistas quedarán obrigados/as/as só ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade obxecto da axuda fronte á DXPN.

5. As entidades beneficiarias serán responsables de que na execución da actividade obxecto da axuda subcontratada a terceiros, se respecten os límites establecidos en canto á natureza e contía dos gastos financiables.

6. En ningún caso poderá subcontratarse pola entidade beneficiaria a execución parcial das actividades obxecto da axuda con aquelas persoas ou entidades que se atopen nas circunstancias previstas no artigo 29.7 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 68.2 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

7. No referente á subcontratación con persoas ou entidades vencelladas prevista no artigo 29.7.d) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, será obrigatorio dispor da autorización expresa previa da DXPN.

Artigo 11. Indicadores

1. Conforme o artigo 7 da Lei 11/2020, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2021, ao artigo 37 do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, e ao anexo IV do Acordo da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente do 9 de xullo de 2021, polo que se aproban os criterios de repartición e a distribución territorial de créditos relativos ao compoñente 4 de conservación e restauración de ecosistemas e a súa biodiversidade do Mecanismo de recuperación, transformación e resiliencia para o exercicio orzamentario 2021, o financiamento dos proxectos estará vencellado ao cumprimento dos obxectivos previstos no PRTR e, para iso, a entidade beneficiaria terá que achegar a medición dos indicadores que se concretan neste artigo.

2. Conforme o indicado nas bases reguladoras do citado anexo IV do Acordo de Conferencia Sectorial, deben establecerse mecanismos que aseguren que as medidas que se van desenvolver polas entidades beneficiarias contribúen ao logro dos obxectivos e condicións previstas e que achegan a información que, no seu caso, fose necesaria para determinar o valor dos indicadores. O financiamento ás entidades beneficiarias estará vencellado ao logro dos obxectivos que se perseguen.

3. En particular, esta convocatoria deberá contribuír ao logro do indicador de cumprimento C4.I2 consistente en alcanzar polo menos 50.000 hectáreas cubertas por actuacións efectivas de conservación da biodiversidade para o mes de xuño de 2026.

4. No caso desta orde de axudas, asígnase un cociente máximo de investimento de 9.000 euros de axuda concedida por hectárea, en aras de garantir un valor mínimo de hectáreas por cada entidade beneficiaria. Este cociente é equivalente ao valor trasladado ao conxunto da Comunidade Autónoma conforme ao anexo IV do Acordo de Conferencia Sectorial e debe ser cumprido por todas as entidades beneficiarias a través da solicitude que realicen, debendo asegurarse de incluír as actuacións mínimas que permitan o seu cumprimento, ademais doutras posibles actuacións que non contribúan directamente ao indicador, se así o consideran.

5. As actuacións que contribúan ao cumprimento do indicador descrito verificaranse coa emisión do informe técnico recollido no artigo 29.2.c)1º.ii. Así, a entidade beneficiaria terá que achegar a medición detallada da superficie asociada a actuacións efectivas de conservación da biodiversidade que se alcanzou a través da subvención.

Artigo 12. Criterios de valoración

As axudas concederanse en base aos criterios de valoración que se indican a continuación, en réxime de concorrencia competitiva:

1. En función do tipo de actuacións que se van realizar: realización de actuacións de conservación de hábitats terrestres e especies (artigo 7.1.a.1º), restauración de ecosistemas degradados, de conservación da biodiversidade (artigo 7.1.a.2º), así como actuacións de eliminación e control de especies exóticas invasoras (artigo 7.1.a.4º), mellora da conectividade (artigo 7.1.a.6º), xestión sustentable de ecosistemas forestais (artigo 7.1.a.7º), fomento de iniciativas de conservación de polinizadores (artigo 7.1.a.9º) e/ou proxectos de recuperación paisaxística (artigo 7.1.d.4º) sempre que impliquen superficie de actuación efectiva de conservación da biodiversidade:

a) Menos de 5 ha: 5 puntos.

b) Entre 5 e 15 ha: 15 puntos.

c) Máis 15 e 25 ha: 25 puntos.

d) Máis de 25 ha: 50 puntos.

No caso de que o proxecto presentado inclúa varias actuacións que correspondan a máis dun grupo de actividades das mencionadas neste punto, a valoración realizarase sumando o total das superficies de actuación.

2. En función do cociente de hectáreas cubertas por actuacións efectivas de conservación da biodiversidade en relación á axuda solicitada (máximo 9.000,00 euros/ha):

a) Cociente entre 7.500,00 e 9.000,00 euros/ha cubertas por actuacións efectivas de conservación da biodiversidade: 5 puntos.

b) Cociente entre 5.000,00 e 7.499,99 euros/ha cubertas por actuacións efectivas de conservación da biodiversidade: 15 puntos.

c) Cociente inferior a 5.000,00 euros/ha cubertas por actuacións efectivas de conservación da biodiversidade: 25 puntos.

3. En función da localización xeográfica das hectáreas efectivas de conservación da biodiversidade en zonas da reserva definidas como tampón ou de transición:

a) Entre 0 % e 25 %: 5 puntos.

b) Máis de 25 % e 50 %: 15 puntos.

c) Máis do 50 %: 25 puntos.

4. Proxectos coordinados nas reservas da biosfera interautonómicas: 5 puntos.

5. Proxectos coordinados que se realicen en máis dunha reserva da biosfera: 5 puntos.

Artigo 13. Baremación e criterios de desempate

1. As axudas solicitadas baremaranse segundo os seguintes criterios xerais:

a) A puntuación máxima dunha operación será de 110 puntos.

b) O limiar mínimo para ser subvencionable será de 45 puntos.

c) A igualdade de puntos darase prioridade aos proxectos cunha maior superficie de actuación. Se continúa o empate, darase prioridade a aqueles proxectos cunha menor relación importe/ha e, de continuar, a aqueles proxectos que inclúan accións de formación, capacitación e planificación en reservas da biosfera transfronteirizas.

2. A dispoñibilidade orzamentaria asignada a esta convocatoria limitará o número de expedientes e proxectos que se vaian a aprobar. Neste sentido, procederase da seguinte maneira: ordenaranse os investimentos solicitados de acordo aos criterios de valoración indicados no artigo anterior e aprobaranse estes investimentos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible e, de ser o caso, aplicando a regra de desempate especificada anteriormente.

Artigo 14. Solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes (anexo I) será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG), e irán dirixidas aos servizos de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda correspondente. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día seguinte ao da publicación da orde no DOG. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle a súa emenda a través da súa presentación electrónica. Para tales efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fora realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 15. Documentación complementaria

As solicitudes de subvención realizaranse cumprimentando correctamente o modelo que figura no anexo I. Xunto coa solicitude, deberá presentarse copia da seguinte documentación:

1. Para toda entidade interesada:

a) Acreditación da representación que figure na solicitude por calquera medio válido en dereito de acordo co disposto no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Anteproxecto ou memoria técnica xustificativa do proxecto de actuacións asinada, de ser o caso, por persoal técnico competente que deberá conter, como mínimo, a descrición dos traballos ou actividades, indicación do espazo no que se vai traballar xustificando aquelas que, no seu caso, se vaian desenvolver en zonas núcleo, a superficie en hectáreas efectivas de conservación e os obxectivos ambientais aos que contribuirá a actuación, a relación valorada, o orzamento detallado conforme á tipoloxía de custos subvencionables co IVE desagregado, o calendario e o prazo aproximado de execución. Incorporarase aquela información necesaria que permita aplicar os criterios de valoración recollidos no artigo 12. Proporcionaranse, como mínimo, os datos indicados no anexo II.

c) Tres orzamentos de diferentes provedores, con carácter previo á contratación de cada compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou fornezan. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

1º. Os prezos das unidades de obra das actuacións subvencionables deben axustarse ao valor do mercado.

2º. Os orzamentos deberán incluír os mesmos elementos para ser comparables.

3º. En ningún caso poderá fraccionarse un contrato co obxecto de diminuír a súa contía e eludir o cumprimento dos requisitos de contratación e subcontratación establecidos nestas bases.

4º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos no orzamento.

5º. Non poderán proceder de empresas vencelladas entre elas nin coa solicitante, nos termos establecidos pola lexislación de contratos do sector público.

6º. Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa ofertante, o nome ou razón social da solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados.

7º. Non se considerarán admisibles os orzamentos presentados que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con ese orzamento.

8º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas características especiais non exista no mercado suficiente número de entidades que o ofrezan, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador/a, perito/a ou dun organismo público autorizado no cal se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

9º. Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados neste punto c).

d) Autorizacións ou licenzas correspondentes para levar a cabo a intervención ou documentación probatoria de ter realizado a súa solicitude.

e) Planos de localización e de detalle coa delimitación da superficie prevista de actuación.

f) Arquivo compatible SIX coa delimitación da superficie prevista de actuación.

g) Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (anexo XII), de acordo co recollido no artigo 8.1 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do PRTR.

h) Declaración responsable relativa ao compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que puidesen afectar o ámbito obxecto de xestión, incluído o cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH) (anexo XI), de acordo co recollido no artigo 8.1 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, en todas as fases de deseño ou execución das actuacións.

2. Débese presentar, ademais, a seguinte documentación complementaria:

a) O acordo do correspondente órgano de xestión no cal se dispón solicitar a subvención regulada nesta orde.

b) De ser o caso, a declaración responsable (anexo IX) recollida no artigo 9.3 desta orde na cal se acredite que as actuacións non foron iniciadas antes da presentación da solicitude de axuda.

c) No caso de que a entidade solicitante non sexa titular da propiedade onde se teñan previsto executar as actuacións, certificación da persoa titular ou titulares da súa dispoñibilidade (anexo X).

d) No caso de que as entidades beneficiarias desenvolvan actividades económicas, acreditarán a súa inscrición no Censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria, que debe reflectir a actividade económica efectivamente desenvolvida na data de solicitude da axuda, de acordo co recollido no artigo 8.1 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das entidades interesadas presentase a documentación complementaria de xeito presencial, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As entidades solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola entidade interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos, os cales serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.

8. De forma excepcional, se non se puideron obter os citados documentos, poderán solicitarse novamente á entidade solicitante.

Artigo 16. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade representante.

c) Certificado catastral de titularidade do inmoble ou parcela.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

3. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta de:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán realizarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Artigo 18. Propiedade intelectual

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá reproducir, almacenar e distribuír por calquera medio, electrónico, en soporte papel ou outros semellantes, a información obtida nos traballos subvencionados mediante esta orde de convocatoria de axudas, citando as fontes das persoas titulares dos dereitos de propiedade intelectual e respectando, en todo caso, as prescricións contidas na normativa de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 19. Órganos de instrución e resolución

1. O servizo de Patrimonio Natural das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, como órgano instrutor, comprobará que a operación cumpre coas obrigas establecidas pola normativa da Unión Europea, na lexislación nacional e na autonómica, entre elas as relativas ás axudas e demais normas e requisitos obrigatorios.

2. Se a solicitude non reunise os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano instrutor requirirá á entidade solicitante para que a emende no prazo de 10 días, nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, coa indicación de que, se así non o fixese, entenderase por desistida a súa solicitude, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo citado.

3. O órgano instrutor emitirá un informe proposta nun prazo máximo de 30 días naturais desde a data límite de presentación de solicitudes. O dito informe proposta irá acompañado dunha táboa co baremo de solicitudes proposto segundo os criterios recollidos no artigo 12 desta orde, e doutro informe complementario relativo a cada unha das solicitudes en que se indiquen as hectáreas previstas pola actuación, que non se supera o cociente máximo de investimento de 9.000 €/ha e, no caso de que a acción ou actividade se realice nun espazo natural protexido, se a dita actuación é respectuosa coas finalidades e obxectivos e non pon en perigo os valores de protección do devandito espazo, ademais de constituír un uso permitido ou autorizable nos instrumentos de planificación.

4. Os expedientes ordenaranse por unha comisión creada para tal fin. Esta comisión estará composta pola persoa titular da Subdirección Xeral de Espazos Naturais, que a presidirá, e polas persoas titulares da xefatura do Servizo de Conservación de Espazos Naturais e da xefatura da Sección de Espazos Naturais nos servizos centrais. Esta última actuará como secretaria. Auxiliará a Comisión de Avaliación unha persoa que forme parte do persoal técnico da DXPN designada para ese efecto pola persoa titular da devandita dirección xeral.

5. Procurarase que a composición da Comisión de Avaliación sexa equilibrada entre homes e mulleres.

6. Se algunha das persoas integrantes da Comisión non puidese participar nunha sesión por calquera causa, será substituída por unha persoa funcionaria da DXPN designada pola persoa titular desta.

7. A Comisión de Avaliación dará traslado das súas propostas de resolución á persoa titular da DXPN a quen corresponderá ditar a resolución do procedemento de acordo co disposto na disposición final primeira desta orde.

8. A proposta de resolución, conforme os criterios contidos no artigo 12 e as dispoñibilidades orzamentarias, fará mención das solicitantes para as cales se propón a concesión de subvención e da contía desta de modo individualizado, especificando a súa avaliación segundo a aplicación dos criterios seguidos para efectuala. As solicitudes para as cales se propoña a súa denegación relacionaranse con indicación da súa causa.

9. Conforme o establecido no artigo 6.4 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, as persoas que interveñan no proceso de selección das beneficiarias ou nos procesos de verificación do cumprimento das condicións manifestarán, de forma expresa, a ausencia ou non de conflito de intereses a través dunha Declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI), de acordo co modelo establecido na dita orde.

No caso de que concorra conflito de intereses, a persoa afectada concretará as solicitudes sobre as que recae este conflito e debe absterse de intervir na súa selección co fin de mitigar os riscos de materialización deste conflito.

Artigo 20. Resolución

1. O prazo máximo para resolver será de tres meses a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. Unha vez transcorrido o prazo para resolver sen que a entidade interesada reciba comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, conforme prevé o artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 21 e 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Na resolución que se dite especificaranse os gastos subvencionables, o importe da subvención concedida, os prazos de execución e as condicións xerais e particulares da subvención. Informaranse as entidades beneficiarias de que a medida se subvenciona de acordo cos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, no marco do compoñente 4 do PRTR de España. Serán informadas, igualmente, das súas responsabilidades de publicidade segundo o establecido no artigo 23 desta orde.

4. A resolución motivarase de conformidade co disposto nesta orde e na lexislación vixente en materia de subvencións. Constará da relación de solicitantes ás cales se lles concede a axuda, de maneira expresa e, de ser o caso, a desestimación do resto das solicitudes.

Artigo 21. Recursos

1. A resolución ditada porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, ou ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa conforme dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro; non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

2. O prazo para a interposición de recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o devandito prazo, unicamente poderá interporse recurso contencioso-administrativo sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, a entidade solicitante poderá interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do recurso será dun mes. Contra a resolución dun recurso de reposición non poderá interporse de novo o devandito recurso.

4. Poderase interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, se a resolución é expresa.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as entidades físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vencelladas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Publicidade

1. A relación de subvencións concedidas publicarase no Diario Oficial de Galicia con indicación de norma reguladora, entidade beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. A consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, a consecuencia delas, puidesen imporse nos correspondentes servizos públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3. b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. A entidade beneficiaria das axudas deberá cumprir coa exixencia de publicidade da axuda concedida, ao abeiro do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento.

5. As entidades beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de difusión marcadas e mencionar o apoio da Xunta de Galicia e do PRTR, ao estar financiada pola Comisión Europea a través do instrumento europeo de recuperación Next Generation EU, en toda a información, verbal ou escrita, emitida con ocasión da actividade obxecto de subvención, antes, durante e despois da súa finalización, de acordo co artigo 9 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

6. Deste xeito, a condición de que a execución da actividade o permita, deberá exhibirse un panel de tamaño A3 (297×420 mm), en lugar ben visible, preferentemente no acceso ao recinto nos casos das subvencións concedidas para investimentos materiais (anexo V), que fará referencia clara e inequívoca á axuda concedida con expresión dos datos identificativos desta orde, acompañados polo logotipo oficial da Xunta de Galicia, o logotipo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o logotipo do Xacobeo 2021-2022 e o emblema da UE cunha declaración de financiamento adecuado que diga «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», xunto ao logo do PRTR, dispoñible na ligazón https://planderecuperacion.gob.es/identidad-visual

Este panel deberá manterse durante todo o período recollido no artigo 9.7.d).

7. Cando a entidade beneficiaria dispoña dun sitio web para uso profesional, deberá incluír no mesmo unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada á operación, cos seus obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión.

Artigo 24. Notificación da resolución, aceptación e renuncia

1. As notificacións das resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal. Este sistema remitirá ás interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A entidade beneficiaria poderá presentar a renuncia á axuda concedida, ante a DXPN, mediante o anexo III.

7. No caso de haber renuncias, poderanse ditar novas resolucións en función das dispoñibilidades orzamentarias derivadas das devanditas renuncias, sempre que existan solicitantes que cumpran cos requisitos para beneficiarse das axudas e que a súa solicitude obtivese puntuación suficiente en aplicación dos criterios de valoración.

8. A Administración velará porque na notificación de concesión da axuda se informe ás entidades beneficiarias de que as medidas se subvencionan en virtude dos fondos relativos ao compoñente 4 de conservación e restauración de ecosistemas e a súa biodiversidade do Mecanismo de recuperación, transformación e resiliencia.

Artigo 25. Modificación da resolución

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e segundo o establecido na normativa que regula o seu desenvolvemento.

2. Durante a execución das actuacións non se admitirá ningunha modificación dos investimentos para os cales se concedeu a axuda que supoña o incremento do seu importe nin a inclusión de novos elementos ou gastos.

3. Sen necesidade de instar procedemento de modificación da resolución, a DXPN poderá aceptar variacións nas partidas de gasto aprobadas, coa condición de que as variacións non superen en conxunto o 15 % do orzamento, que non aumente o importe total do gasto aprobado e que non desvirtúen as características do proxecto e as condicións que foron tidas en conta para a resolución da concesión.

Artigo 26. Compatibilidade das axudas

1. A axuda concedida no marco desta orde poderase sumar á proporcionada con arranxo a outros programas e instrumentos da Unión Europea sempre que a dita axuda non cubra o mesmo custo e, en todo caso, de conformidade co disposto no Regulamento (UE Euratom) 2018/1046, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo, sobre as normas financeiras aplicables ao Orzamento Xeral da Unión (Regulamento Financeiro).

2. A suma de todas as axudas, ingresos ou recursos destinados ao mesmo fin, en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadas ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, superen o custo total da actividade obxecto da axuda.

3. Tanto na solicitude da axuda (anexo I) como na solicitude de anticipo (anexo VI) e de pagamento (anexo IV), a beneficiaria deberá indicar o detalle doutros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

Artigo 27. Anticipos e garantías

1. Poderase solicitar o abono dun único pagamento anticipado (anexo VI) de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei.

2. Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo a actuación subvencionada nos casos en que o gasto aínda non estea realizado. Este pagamento quedará suxeito ás seguintes condicións:

a) O importe do anticipo non poderá superar o da anualidade prevista para o exercicio orzamentario 2022.

b) A entidade beneficiaria deberá solicitalo por escrito ante a DXPN nun prazo de 15 días contados desde o día seguinte ao de notificación da resolución de concesión da axuda.

c) No caso de que se solicite este anticipo, as entidades beneficiarias quedan obrigadas a constituír unha garantía polo importe solicitado:

1º. No caso de que a entidade solicitante sexa unha Administración pública, xunto coa solicitude de anticipo (anexo VI) deberán presentar a garantía escrita asinada polo órgano competente polo 110 % do importe anticipado.

2º. Para o resto de entidades beneficiarias, xunto coa solicitude de anticipo (anexo VI) requirirase a presentación de:

i. Copia da constitución dunha garantía en calquera das modalidades aceptadas pola Caixa Xeral de Depósitos nos termos previstos no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que deberá estar a disposición da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia e cubrir o 110 % da cantidade que se vai abonar.

ii. Copia do resgardo do depósito da garantía na Caixa Xeral de Depósitos.

3º. En virtude do establecido na Orde do 23 de marzo de 2008, pola que se regulan os procedementos para a presentación de avais ante a Caixa Xeral de depósitos da Xunta de Galicia e para a súa devolución (DOG núm. 115, do 16 de xuño de 2008), as persoas ou entidades que precisen constituír unha garantía en documento de aval na Caixa Xeral de Depósitos poderán empregar o procedemento telemático que se regula na citada orde.

d) A garantía estará en vigor ata que a DXPN autorice a súa cancelación ou devolución nas condicións descritas no artigo 63 do Regulamento (UE) 1305/2013.

e) A contía do anticipo terase en conta á hora de facer liquidacións parciais.

f) No caso de que se acorde o reintegro polo órgano competente e, a instancias deste, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda executará as garantías constituídas ao seu favor.

g) As entidades beneficiarias dos anticipos deberán estar ao día no pagamento das obrigas coa Seguridade Social, a Consellería de Facenda e a Axencia Estatal da Administración Tributaria.

h) Así mesmo, e de acordo co establecido no artigo 61.3 do Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, as destinatarias destes anticipos tamén deberán estar ao corrente do pagamento das obrigas de reembolso de calquera outros anticipos concedidos anteriormente con cargo aos créditos especificamente consignados para a xestión de fondos europeos nos Orzamentos Xerais do Estado.

Artigo 28. Xustificación da subvención

A xustificación da subvención efectuarase en dúas anualidades:

1. Anualidade 2022:

a) No caso de non solicitar anticipo, a entidade beneficiaria deberá solicitar o pagamento da anualidade correspondente ao ano 2022 (anexo IV) unha vez executada e xustificada a actividade correspondente.

b) Para a anualidade de 2022 só se admitirán aqueles gastos efectivamente realizados e pagados entre a data de emisión da acta de non inicio recollida no artigo 9.3 ou, no seu caso, da presentación da declaración responsable recollida no mesmo artigo, e o 21 de outubro de 2022.

c) No caso das entidades beneficiarias que solicitasen o anticipo, todas as actuacións deberán estar executadas e pagas con data límite do 23 de decembro de 2022, e poderán presentar a xustificación do importe anticipado na data establecida para a anualidade 2023 xunto á xustificación final.

2. Anualidade 2023:

a) Unha vez executada e xustificada a actividade correspondente ao ano 2023 solicitarase o pagamento da segunda anualidade (anexo IV).

b) Só será subvencionable o gasto realizado que fose efectivamente pagado con data límite do 29 de setembro de 2023.

3. Estes prazos serán, en todo caso, improrrogables.

Artigo 29. Documentación xustificativa e pagamento

1. Unha vez efectuado o investimento, a entidade beneficiaria deberá comunicalo mediante o anexo IV ao Servizo de Patrimonio Natural da xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda correspondente.

2. Xunto coa solicitude de pagamento (anexo IV), a entidade beneficiaria deberá presentar, para os efectos de xustificación da actividade ou acción subvencionada:

a) Certificación do órgano de xestión conforme cada licitación realizada no marco destas axudas cumpre a normativa comunitaria e nacional en materia de contratación.

b) No caso de que a elección do orzamento non recaia na proposta económica máis vantaxosa, unha memoria na que se xustifique expresamente a dita elección.

c) Conta xustificativa conforme o artigo 48 e seguintes do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e o artigo 72 e seguintes do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

A conta xustificativa incluirá:

1º. Unha memoria técnica das actuacións, xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, coa descrición das actividades realizadas e dos resultados obtidos na que se describirá o proxecto executado, achegando:

i. Evidencia mediante material gráfico.

ii. Informe técnico, cando proceda, no que se recolla como as actuacións executadas contribúen ao cumprimento do indicador de superficie (ha) coa medición detallada da superficie de actuacións efectivas de conservación da biodiversidade que se alcanzou a través da axuda con respecto á superficie prevista inicialmente.

iii. Planos de localización e de detalle así como un arquivo compatible SIX coa delimitación da superficie de actuación finalmente executada.

iv. Xustificación da vinculación dos gastos á actividade subvencionada.

2º. Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

i. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, indicando:

• Data e número de factura ou outro documento de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil, contrato, nómina, etc.

• Importe da factura (IVE excluído) e porcentaxe de imputación á subvención.

• Actuación á que corresponde: descrición dos bens ou servizos proporcionados.

• Provedor: nome ou razón social e NIF.

• Forma de pagamento.

• Data de pagamento.

• No caso de que a subvención sexa concedida con arranxo a un orzamento, indicaranse as desviacións acaecidas.

A listaxe totalizarase para cada unha das actuacións recollidas na correspondente resolución de concesión e incluirá unha comparación deste total coa cantidade recollida, polo mesmo concepto, na resolución de concesión.

ii. Documentación xustificativa segundo o recollido no artigo 9 destas bases reguladoras, mediante a presentación de documentos acreditativos dos investimentos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

As facturas deberán conter información suficiente como para permitir relacionala co gasto xustificado.

A acreditación dos gastos tamén poderá efectuarse de forma electrónica, sempre que se cumpran os requisitos exixidos para a súa aceptación no ámbito da Administración tributaria.

Os xustificantes de gasto presentados deberán especificar a subvención para cuxa xustificación foron presentados e se o importe xustificado impútase total ou parcialmente a esta indicando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención. Isto poderase facer mediante o estampado de documentos orixinais ou ben mediante a inclusión no concepto do gasto da información relativa á subvención.

iii. Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios deberán incluír a indicación, no seu caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na epígrafe i deste artigo.

iv. Documentación xustificativa do pagamento conforme foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución, por algún dos seguintes medios:

• Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria no que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

• Informe de auditor de contas inscrito como exercinte no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de abonos ou devolucións posteriores que poidan supor unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

d) No caso de que a actuación non teña natureza de investimento como no caso da formación, capacitación, inventarios, campañas anuais de avaliación e seguimento do estado de conservación dos hábitats, estudos de valoración e pagamento por servizos ecosistémicos, etc., a solicitude de pagamento (anexo IV) tamén deberá acompañarse dunha memoria explicativa que conteña, como mínimo, os datos establecidos no anexo VIII. Todas as accións formativas, divulgativas e de sensibilización deberán estar libres de mensaxes que reproduzan estereotipos de xénero.

e) No momento da presentación da solicitude de pagamento final (anualidade 2023), no caso de non presentalas con anterioridade, deberán presentarse as diferentes licenzas e/ou autorizacións para a realización das actuacións subvencionadas exixibles polas diferentes administracións públicas competentes e entidades vencelladas ou dependentes delas ao abeiro da normativa sectorial que puidese resultar de aplicación.

3. A beneficiaria deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 15.3 para a presentación da documentación complementaria á solicitude.

4. No caso de execucións parciais da actividade, e coa condición de que non comprometan a finalidade da actividade obxecto da subvención, detraerase da axuda inicialmente concedida a parte proporcional da actividade non executada. Neste caso de execución parcial, a porcentaxe mínima de execución do proxecto non poderá ser inferior ao 70 % dos custos da actuación subvencionada. Por outra banda, se executada a actividade o custo xustificado da actividade ou investimento fose inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe.

5. Como se recolle no artigo 25.3, as entidades beneficiarias poderán contar cunha desviación do 15 % entre as partidas orzamentarias xustificadas. Desta forma, o menor gasto total nunha partida pode quedar compensado cun maior gasto noutra ata o límite máximo do 15 % e sempre que o seu importe o permita.

6. O órgano instrutor deberá certificar, despois da inspección in situ realizada no seu caso, que os investimentos se realizaron de acordo coa resolución aprobada, incluíndo o cumprimento do indicador de hectáreas ou a parte proporcional, no caso de que a actuación se realizase só parcialmente.

7. Se transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que esta se presente, requirirase á entidade beneficiaria para que, no prazo improrrogable de 10 días, sexa presentada. Se transcorrido este último prazo non se recibe documentación, procederase á liquidación do proxecto.

8. No momento da xustificación do investimento, as entidades beneficiarias deberán estar ao corrente do pagamento das obrigas coa Seguridade Social, a Consellería de Facenda e co pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria. No caso de que a beneficiaria se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá presentar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.

Artigo 30. Información e control

1. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. De tal forma, o órgano instrutor poderá solicitar inspeccións ou visitas nos distintos lugares onde se desenvolven as actividades para comprobar a súa adecuación á normativa vixente así como solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación considere necesaria para comprobar a correcta execución das actividades que foron obxecto das axudas.

2. A entidade beneficiaria comprométese a someterse ás actuacións de control que debe efectuar a entidade concesionaria, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. En todo caso, as subvencións reguladas nesta orde estarán sometidas ao seguimento, control e avaliación que se estableza para o PRTR, así como as obrigas específicas relativas á información e publicidade, control, verificación, seguimento, avaliación e demais obrigas impostas pola normativa interna e da Unión Europea que se establezan para o Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE e cuxa aplicación sexa de obrigado cumprimento

4. As entidades beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida, xa sexa a documentación complementaria que os órganos correspondentes da DXPN poidan exixir durante a tramitación do procedemento ou a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas.

5. Con todo, segundo o disposto no artigo 79 do Regulamento da Lei xeral de subvencións, as entidades beneficiarias estarán dispensadas da obriga de presentación de libros, rexistros e documentos de transcendencia contable ou mercantil ou calquera outra documentación xustificativa dos gastos realizados, sen prexuízo da obriga da beneficiaria de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das correspondentes actuacións de comprobación e control, segundo dispón o artigo 14.1.g) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, así como de calquera outra obriga derivada da normativa estatal ou da Unión Europea que así o exixa.

Neste sentido, é preceptiva a conservación dos documentos xustificativos e demais documentación concernente ao financiamento, en formato electrónico, durante un período de cinco anos a partir del pagamento ou, a falta deste pagamento, da operación, ou de tres anos cando o importe da subvención sexa inferior ou igual a 60.000 euros, nos termos previstos no artigo 22.2.f) do Regulamento (UE) 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, e do artigo 132 do Regulamento (UE Euratom) 2018/1046, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo (Regulamento financeiro).

Artigo 31. Revogación e reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, de ser o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como aos xuros de mora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Así mesmo, poderase producir a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda por incumprimento relativo ao principio Do no significant harm (DNSH), da etiquetaxe verde e dixital ou das súas condicións de cumprimento, relativo aos fitos e obxectivos do PRTR, así como de calquera outro aspecto da normativa vencellada ao PRTR.

4. En todos estes supostos, a consellería reclamará directamente a devolución das cantidades aboadas en concepto de axudas e os xuros de mora producidos en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para a entidade beneficiaria indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución, de acordo co artigo 7 do Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar.

5. Nos casos de anulación ou minoración por certificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderán ser adxudicadas a outras entidades beneficiarias de acordo coa relación de prioridades e a orde establecida.

6. Naqueles supostos en que o importe das subvencións recibidas pola entidade beneficiaria exceda os custos da actividade, procederase a solicitar a devolución da cantidade percibida que exceda o custo real da actividade cos xuros de mora correspondentes.

7. En todo caso, o procedemento de reintegro observará as prescricións contidas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 32. Infraccións e sancións

As entidades beneficiarias das axudas quedarán sometidas ao establecido en materia de reintegros, control financeiro e infraccións e sancións administrativas en materia de subvencións no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e ao previsto polas disposicións nacionais e comunitarias en relación ao Mecanismo de recuperación e resiliencia e pola normativa de desenvolvemento.

Artigo 33. Medidas antifraude

1. A detección de feitos que puideran ter sido constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria serán comunicados ao Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodocomunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017 do SNCA, do 6 de abril, sobre a forma en que poden proceder as persoas que teñan coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea. A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente, tal como se establece no Regulamento (UE) nº 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, e na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

2. Coa finalidade de darlles cumprimento ás obrigas que o artigo 22 do Regulamento (UE) 241/2021, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, impón a España en relación coa protección dos intereses financeiros da Unión como beneficiaria dos fondos do MRR, as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla, como entidades executoras, deberán dispor dun Plan de medidas antifraude que lles permita garantir e declarar que, no seu respectivo ámbito de actuación, os fondos correspondentes se utilizaron de conformidade coas normas aplicables, en particular no que se refire á prevención, detección e corrección da fraude; á corrupción e aos conflitos de intereses, segundo o estipulado no artigo 6 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro. Configúranse como actuacións obrigatorias para os órganos xestores a avaliación de risco de fraude, cubrir a Declaración de Ausencia de Conflito de Interese (DACI) e a dispoñibilidade dun procedemento para abordar conflitos de intereses. Así mesmo, o Plan de medidas antifraude deberá cumprir cos requirimentos mínimos establecidos no artigo 6.5 da Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, e o recollido no Plan xeral de prevención de riscos de xestión para a execución dos fondos Next Generation en Galicia, do 10 de decembro de 2021, do Consello da Xunta de Galicia.

Disposición adicional. Tramitación anticipada

Esta orde tramítase de acordo co disposto no artigo 67.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, sobre simplificación administrativa e apoio á recuperación económica, relativo á tramitación anticipada de expedientes de gastos de fondos derivados do PRTR, e queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para os anos 2022 e 2023.

No caso de que, atendidas as solicitudes presentadas nesta convocatoria, haxa un remanente de crédito, poderase reabrir o prazo, tantas veces como se considere oportuno, ata esgotar a consignación orzamentaria, por orde publicada no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da DXPN para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da DXPN as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da DXPN para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Cartel

missing image file

Nota: o logotipo da empresa executora pódese incluír pero non pode estar a carón do logo da Unión Europea.

Dimensións aproximadas do panel: A3 (altura 297 mm, largura 420 mm).

Ten que localizarse nun lugar visible durante todo o período de mantemento do investimento.

Publicidade en medios de comunicación ou soporte dixital:

1. No suposto de publicidade en medios de comunicación deberá incluírse o emblema oficial da Xunta de Galicia, o do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e o dos fondos Next Generation. Os logos do PRPR e dos fondos están dispoñibles na web https://planderecuperacion.gob.es/identidad-visual

missing image file

2. En páxinas web de uso profesional deberase incluír unha descrición da operación, cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada á operación, cos seus obxectivos e resultados, e destacar a axuda financeira da Unión Europea.

missing image file

ANEXO VII

Zonas densamente poboadas (ZDP)

Parroquia

Provincia

Código concello

Concello

O Temple (Santa María)

15

15017

15017 Cambre

A Coruña

15

15030

15030 Coruña, A

Oza (Santa María)

15

15030

15030 Coruña, A

San Cristovo das Viñas (San Cristovo)

15

15030

15030 Coruña, A

Visma (San Pedro)

15

15030

15030 Coruña, A

Almeiras (San Xián)

15

15031

15031 Culleredo

O Burgo (Santiago)

15

15031

15031 Culleredo

Rutis (Santa María)

15

15031

15031 Culleredo

Ferrol

15

15036

15036 Ferrol

Santa Cecilia de Trasancos (Santa Cecilia)

15

15036

15036 Ferrol

Narón

15

15054

15054 Narón

Perillo (Santa Locaia)

15

15058

15058 Oleiros

Santiago de Compostela

15

15078

15078 Santiago de Compostela

San Caetano (Santiago)

15

15078

15078 Santiago de Compostela

San Lázaro (Santiago)

15

15078

15078 Santiago de Compostela

Vista Alegre (San Xoán)

15

15078

15078 Santiago de Compostela

Lugo

27

27028

27028 Lugo

A Valenzá (San Bernabeu)

32

32008

32008 Barbadás

Ourense

32

32054

32054 Ourense

Montealegre (A Milagrosa)

32

32054

32054 Ourense

Vista Fermosa (San Xosé)

32

32054

32054 Ourense

Pontevedra

36

36038

36038 Pontevedra

Lérez (San Salvador)

36

36038

36038 Pontevedra

Mourente (Santa María)

36

36038

36038 Pontevedra

Salcedo (San Martiño)

36

36038

36038 Pontevedra

A Virxe do Camiño (Virxe do Camiño)

36

36038

36038 Pontevedra

Poio (San Salvador)

36

36041

36041 Poio

Vigo

36

36057

36057 Vigo

Alcabre (Santa Baia)

36

36057

36057 Vigo

Candeán (San Cristovo)

36

36057

36057 Vigo

Castrelos (Santa María)

36

36057

36057 Vigo

Santo André de Comesaña (Santo André)

36

36057

36057 Vigo

Freixeiro (San Tomé)

36

36057

36057 Vigo

Lavadores (Santa Cristina)

36

36057

36057 Vigo

Navia (San Paio)

36

36057

36057 Vigo

Sárdoma (San Pedro)

36

36057

36057 Vigo

Teis (San Salvador)

36

36057

36057 Vigo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file