Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 16 de febreiro de 2022 Páx. 11602

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

ANUNCIO do 1 de febreiro de 2022, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, polo que se dá publicidade da apertura do prazo de información pública no expediente sobre a sucesión intestada, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, de José Miguel Vila Seijo.

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Lugo, por auto ditado o 10 de outubro de 2012, declarou a Comunidade Autónoma de Galicia herdeira universal dos bens de José Miguel Vila Seijo (DNI 33994874T), veciño do concello de Viveiro, falecido o 4 de febreiro de 2009.

Dispón o artigo 269 da Lei 2/2006, de dereito civil de Galicia, que os bens herdados por este título pola Comunidade Autónoma de Galicia serán destinados a establecementos de asistencia social ou institucións culturais que se sitúen, preferentemente e por esta orde, no lugar da última residencia da persoa causante, no seu termo municipal, na súa comarca e en todo caso en territorio da Comunidade Autónoma galega.

Para os anteriores efectos, establécese no artigo 10 do Decreto 94/1999, do 25 de marzo, sobre réxime administrativo da sucesión intestada a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, trámite de información pública polo que se publicará un anuncio no Diario Oficial de Galicia para que os posibles beneficiarios dos bens da herdanza formulen alegacións.

Segundo o anterior, en exercicio das competencias atribuídas á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio nos artigos 4 da Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 4 e 7 do Decreto 11/2021, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública,

ANUNCIO:

A apertura de trámite de información pública por prazo dun mes, para que os posibles beneficiarios dos bens procedentes da sucesión intestada de José Miguel Vila Seijo, falecido o 4.2.2009, presenten as alegacións que consideren pertinentes perante a Consellería de Facenda e Administración Pública, dirixidas á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, Subdirección Xeral do Patrimonio, código expediente ABA/2012/0016, Edificio Administrativo San Caetano, bloque número 3, 15781 Santiago de Compostela.

Contra este acto non se poderá interpoñer recurso, conforme o establecido no artigo 112 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as alegacións de oposición a este trámite sexan consideradas na resolución pola que se aprobe a conta xeral de liquidación e distribución do caudal hereditario da herdanza, contra a que se poderá presentar en tempo e forma o correspondente recurso.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2022

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio da Consellería
de Facenda e Administración Pública