Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 22 de febreiro de 2022 Páx. 12654

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 19/2022, do 10 de febreiro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción denominado Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria (MSV) no contorno de treitos de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-504, puntos quilométricos (pp.qq.) 1+300 a 3+000, de clave PO/18/115.06, no concello de Sanxenxo (Pontevedra).

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 22 de marzo de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 57 o Anuncio do 14 de marzo de 2019 polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do proxecto de construción denominado Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria (MSV) no contorno de treitos de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-504, puntos quilométricos (pp.qq.) 1+300 a 3+000, de clave PO/18/115.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras a análise dos informes, das alegacións e dos certificados presentados, o 24 de xaneiro de 2022 aprobouse o expediente de información pública e o proxecto de construción denominado Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria (MSV) no contorno de treitos de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-504, puntos quilométricos (pp.qq.) 1+300 a 3+000, de clave PO/18/115.06.

O obxecto da actuación consiste na definición técnica e construtiva de diversas actuacións para mellorar a seguridade viaria en varios treitos con interseccións da estrada autonómica PO-504, no concello de Sanxenxo (Pontevedra). As actuacións que se van realizar son as seguintes: reconfiguración do trazado das interseccións, mellora da seguridade dos pasos de peóns e das paradas de bus existentes. As actuacións compleméntanse coa pavimentación de todos os treitos e a adecuación da sinalización aos cambios proxectados.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de febreiro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción denominado Plan de seguridade viaria de Galicia 2016-2020: mellora da seguridade viaria (MSV) no contorno de treitos de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-504, puntos quilométricos (pp.qq.) 1+300 a 3+000, de clave PO/18/115.06.

Santiago de Compostela, dez de febreiro de dous mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade