Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 22 de febreiro de 2022 Páx. 12650

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 18/2022, do 10 de febreiro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción denominado Mellora na rede de saneamento de Marín na contorna do río Lameira, no termo municipal de Marín, Pontevedra (EF.21001).

A entidade pública Augas de Galicia, creada pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e regulada polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o seu estatuto, é unha entidade pública empresarial do sector público autonómico de Galicia, adscrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, e constitúe o medio, xunto co resto dos órganos que integran a Administración hidráulica de Galicia, a través do cal a Comunidade Autónoma de Galicia exerce as súas competencias en materia de augas e obras hidráulicas.

Entre estas competencias atópanse, con carácter xeral, e de acordo co establecido na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, a ordenación administrativa e a planificación das obras hidráulicas non declaradas de interese xeral (artigo 4.1.a) e, de xeito concreto, no ámbito do saneamento e a depuración, correspóndelle a ordenación dos servizos de saneamento en alta (artigo 11.5.a) e a elaboración dos criterios de coordinación das actuacións das entidades locais (artigo 11.5.b) e 26.2.d), entre outras. En calquera caso, as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia exerceranse sempre de conformidade co principio de garantía e eficacia dos servizos públicos de saneamento e depuración (artigo 3.1.f).

A actuación da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades locais no ámbito do saneamento e depuración de augas residuais ten por finalidade contribuír á execución do bo estado ecolóxico das augas e dos ecosistemas asociados mediante o cumprimento dos obxectivos establecidos na lexislación aplicable, fomentando a reutilización das augas depuradas cando isto sexa viable.

Con carácter xeral, a cooperación económica, técnica e administrativa entre a Administración autonómica e as entidades locais regúlase nos artigos 194 e 195 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Con carácter particular, para a consecución dos fins e obxectivos establecidos en materia de saneamento, a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, establece un mandato de colaboración entre as entidades locais, que teñen competencias na materia, e a Comunidade Autónoma de Galicia. A natureza da colaboración pode ser técnica e/ou financeira e articularse a través de diversos mecanismos como son a participación de Augas de Galicia na construción e explotación de obras que sexan competencia das entidades locais galegas (artigo 11.3.d), e a regulación e ou outorgamento de auxilios económicos ás entidades locais en materias da súa competencia (artigo 26.3).

Nestes casos, a aprobación definitiva do proxecto, anteproxecto ou documento similar de obras hidráulicas declaradas de interese da Comunidade Autónoma levará implícita a declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación dos bens e adquisición de dereitos, a fins de expropiación forzosa e ocupación temporal, co disposto na lexislación correspondente, segundo o disposto nos artigos 29 e 32.1 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia. Esta declaración referirase tamén aos bens e dereitos que poidan incluírse na implantación do documento técnico correspondente e ás modificacións de obras complementarias que, se for o caso, poidan aprobarse posteriormente.

Pola súa parte, a referida lei de augas de Galicia establece que o réxime xurídico regulado no artigo 29 desta lei con relación á declaración e efectos xurídicos da declaración, respectivamente, das obras hidráulicas de interese xeral no ámbito do abastecemento, saneamento e depuración de augas residuais, así como no da conservación e mellora do dominio público hidráulico, é de aplicación ao resto de obras hidráulicas segundo a definición de obra hidráulica que se contén no artigo 2 desa lei.

Atendidas as anteriores consideracións, no presente caso, o concello de Marín conta na actualidade cunha rede de saneamento no contorno do río Lameira con limitada capacidade que provoca que entren en carga gran parte dos colectores da zona baixa do caso urbano e frecuentes alivios de augas residuais ao ambiente.

Por este motivo, o 24 de marzo de 2021 a entidade pública empresarial Augas de Galicia e o Concello de Marín asinaron un convenio de colaboración para a execución da obra de mellora da rede de saneamento de Marín no contorno do río Lameira, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

O convenio ten por obxecto establecer as condicións básicas para a colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Marín que permitan acometer e incorporar ao patrimonio público municipal as obras consistentes na mellora da rede de saneamento de Marín no contorno do río Lameira, Marín (Pontevedra) (OH.336.1151.PC), a súa posta en servizo, a súa explotación e a súa conservación e mantemento, tendo en conta os beneficios que derivan tanto para os habitantes da zona como para o medio natural.

Asemade, tamén se dispoñía no referido convenio que o Concello de Marín podería solicitar de Augas de Galicia o inicio do procedemento expropiatorio a favor do dito concello, en calidade de beneficiario, solicitude que foi realizada polo mesmo o 2 de marzo de 2021.

Neste marco, o 8 de xullo de 2021 o Concello de Marín aprobou inicialmente o proxecto de obras e o anexo de expropiacións, que contén a relación de titulares, bens e dereitos afectados polas obras. O proxecto foi sometido a información pública, mediante anuncios publicados no Boletín Oficial del Estado, no da provincia de Pontevedra, no Diario de Pontevedra e no taboleiro de anuncios do Concello. O 11 de novembro de 2021 o Concello de Marín estima parcialmente a única alegación recibida e adopta o acordo de conformidade co proxecto.

O 14 de decembro de 2021 a dirección de Augas de Galicia aprobou tecnicamente o proxecto construtivo das obras, de clave OH.336.151.PC.

Coa actuación denominada Mellora da rede de saneamento de Marín no contorno do río Lameira, Marín, Pontevedra (OH.336.1151.PC) preténdese solucionar a carencia de infraestruturas e o mal funcionamento do saneamento no río Lameira, xa que co sistema actual non é posible a xestión do sistema en tempo de chuvias no marco da lexislación vixente e, ademais, non é posible controlar as importantes infiltracións da auga do río no sistema referido.

Así pois, a utilidade pública da actuación e a declaración de urxencia na ocupación dos bens e dereitos afectados teñen pleno soporte ao estar a actuación incluída na definición de obra hidráulica no ámbito do saneamento que regula a Lei de augas de Galicia.

E, polo exposto, tamén se considera debidamente xustificada a urxente ocupación dos terreos, bens e dereitos precisos para a execución das obras, como así resulta acreditado no expediente, esencialmente pola necesidade inaprazable de dar unha solución coa máxima premura e eficiencia aos problemas do sistema de saneamento actual.

Os bens e dereitos en que se concreta a declaración de urxente ocupación, tanto de pleno dominio como de ocupación temporal ou de calquera outra imposición sobre eles que for necesaria, figuran individualizados coa súa correspondente valoración no expediente.

A competencia para a declaración de urxente ocupación tena atribuída o Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto no artigo 2 do Decreto 24/1987, do 29 de xaneiro, sobre asunción de competencias en materia de obras hidráulicas.

Por canto antecede, e en aplicación do artigo 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e concordantes do seu regulamento, aprobado por Decreto do 26 de abril de 1957, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de febreiro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído para os efectos de expropiación forzosa necesarios para a execución da obra denominada Mellora da rede de saneamento de Marín no contorno do río Lameira, Marín, Pontevedra, no termo municipal de Marín, Pontevedra (expediente EF.21001).

Artigo 2

Declarar como beneficiario no procedemento de expropiación forzosa o concello de Marín, cos dereitos e obrigas derivados da normativa na materia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de febrero de dos mil vinte e dous

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade