Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 22 de febreiro de 2022 Páx. 12877

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2022 relativa á declaración de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos nos procedementos administrativos.

A instrución da Xerencia 13/2021, do 17 de decembro, sobre calendario laboral, vacacións e días de libre disposición para o ano 2022 do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo, establece na base 7, punto 1: «Na procura de avanzar no compromiso da Universidade de Vigo e do seu persoal coa sustentabilidade e o cambio climático, con base nos obxectivos de optimización dos recursos que permita un aforro enerxético e económico, procederase ao peche de todos os centros, dependencias e instalacións da Universidade de Vigo nos seguintes períodos do ano 2022:

a) Entre o 11 e o 13 de abril, ambos os dous incluídos (…).

b) Entre o 4 e o 19 de agosto, ambos os dous incluídos (…)».

O punto 2 da antedita base prevé: «Nestes períodos, a Xerencia poderá acordar cos órganos de representación do PAS outro horario de apertura, a alteración dos períodos ou a continuidade dalgúns servizos e actividades».

Co obxecto de facilitar o cumprimento dos prazos establecidos nos correspondentes procedementos administrativos, de conformidade co disposto nos artigos 30 e 31 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), e os prazos de calquera outro procedemento de xestión interna dos servizos administrativos da universidade, tendo en conta que aqueles prazos establecidos por normas autonómicas, estatais ou da Unión Europea non poden ser modificados, alterados e/ou interrompidos por esta universidade. Tendo en consideración as necesidades organizativas e o cumprimento dos compromisos asumidos pola Universidade de Vigo no relativo aos prazos estipulados na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, na tramitación de expedientes de contratación.

Esta reitoría, en uso das competencias que lle confire a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e os estatutos da Universidade de Vigo aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro (DOG do 22 de febreiro),

RESOLVE:

Primeiro. Declarar inhábiles para os efectos do cómputo dos prazos correspondentes a procedementos incoados cuxa resolución corresponda á Universidade de Vigo, tanto para a presentación de solicitudes como para a realización de trámites ou a súa resolución e notificación do acto de que se trate, os seguintes períodos:

1. Do 11 ao 13 de abril de 2022, ambos incluídos.

2. Do 4 ao 19 de agosto de 2022, ambos incluídos.

Segundo. Durante este período, a tramitación administrativa que deba realizarse en prazos regulados en procedementos que se xestionen internamente nesta universidade quedará interrompida no seu cómputo, tanto para os efectos de solicitudes entre órganos como de tramitación, resolución e notificación entre estes, o dito cómputo reiniciarase ao finalizar este, sen que isto poida vulnerar os dereitos dos interesados.

Terceiro. A devandita interrupción de prazos non atinxe os determinados como prazos de iniciación ou resolución de procedementos en normas con rango de lei ou de regulamento de ámbito estatal ou autonómico.

Cuarto. Dado que as oficinas de asistencia en materia de Rexistro da Universidade de Vigo permanecerán pechadas os días citados, os documentos que os interesados dirixan á Universidade de Vigo nese período poderán presentarse por medio da sede electrónica da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal/ ) ou as restantes formas previstas no artigo 16.4 da LPACAP.

Quinto. Declarar hábiles unicamente para os efectos de presentación de ofertas nos expedientes de contratación que estean en fase de licitación os períodos indicados no punto primeiro, do 11 ao 13 de abril e do 4 ao 19 de agosto de 2022.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 11 de febreiro de 2022

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo